O espectacular Carpobrotus accinaciformis, uña do gato para os amigos, é unha das máis perigosas plantas invasoras que nas últimas décadas ten inzado as costás e os sistemas dunares do noso pais.
Cun crecimento anual espectacular mor das longuísimas raiceiras superficies que cría, e en casos amparado pola permisiva iñorancia que se agacha tras a atractiva floración que posúe, anda a sepultar, debido ao seu crecemento cespitoso que non deixa medrar nada, á riquísima flora autóctona que poseemos: sobranceiramente na Costa Ártabra, considerada polo Ministerio de Medio Ambiente de "importancia excepcional" para a conservación da biodiversidade
A Asociación de Nais e Pais " O Picapeixe", do Colexio Publico " Nicolás del Río", consciente da gravidade do problema ven de iniciar, ao abeiro de Voz Natura, unha campaña de erradicación, da uña do gato nos areeiros da Ría de Cedeira, baixo o lema " Adeus carpobrotus, adeus"
O xoves día 26 e as sete do serán principiaron os actos da campaña cunha charla, coloquial e distendida pero agardo que non exenta de rigor, a cargo dun servidor de todos vostedes sobre a importancia da flora autóctona ártabra e a perigosidade que para a súa sobrevivencia supón a progresiva extensión da invasiva e esmagante uña do gato.
O obxectivo era animar e motivar a comunidade educativa cara a participación en tan loable como interesante iniciativa: social, educativa e ecoloxicamente falando. O sábado día 28 estaba prevista a primeira xornada de traballo e conviña tamén unha posta en común dos últimos detalles.
Un numeroso grupo de nais e pais, e algunha avoa, a canda os seus fillos e fillas apareceron as 11 da mañá nos arredores da desembocadura de O Regueiro: destemidos do tempo frío e amenazante en augas (que ao final e afortunadamente non apareceron), para encetar os traballos de erradicación do perigoso carpobrotus.
Provistos de guantes, bolsas, carretillas, e da anuencia do permiso entusiasta de Costas (encantada con este tipo de iniciativas cidadáns, que fan ecoloxía sen presumir de ecoloxistas), principiamos con ledicia e moito humor os labores de arrincamento. "Es en Cedeira donde reina la alegría", asegura, e ten razón, un vello himno local.
Con exquisito coidado de non desfacer o marouzón, a duna digo, e con todas as forzas das que dispoñíamos fomos aprendendo a entender ao carpobrotus e a non deixar nengunha raiceira, dentro do posible, sen arrincar. O seu poder de rexeneración e tal que unha pequena raíz que quedase volvería a inzar o areeiro. Andaremos vixiantes.
Houbo tempo tamén para, no recreo, tomar un cafeiño ou chocolatiño, coas súas galletas e lambadas que foi moi agradecido, tanto por nenos coma por maiores, que o día estaba frío e non era cousa de andarlle dando vantaxes á gripe.
Coas forzas anovadas e os corpos quentes, poidemos enfrentarnos de novo as tarefas de limpeza da plaia: non só librala do carpobrotus senon que tamén de plásticos mil. E aínda que se as raíces son novas, e por iso aínda non profundaron moito, son moi fáciles de levantar, alí onde están de vello a cousa cambia, e non se deixan arrincar así como así. Aprendemos a andar andando.
Pero nen a profundidade, nen a extensión, nen o andaren entralladas unhas coas outras poideron co entusiasmo de todos nós, que pasiño á pasiño fomos facendo o camiño e deixando á duna, ao marouzón digo, ceibe da presencia esmagante do invasivo carpobrotus, a quen chamarlle carpobrutus sería más exacto.
Queda aínda traballo dabondo para todos nós e para cantos se queiran apuntar en xornadas vindeiras. A foula que cría non se cree se non se ve: en moi poucos metros cadrados xúntase moi facilmente un chimpín dela. Polo de agora ao redor do Regueiro do areal da Plaia da Madalena queda ceibe de carpobrotus. O prósimo 19 de decembro, sábado, libraremos nunha outra zona. Estades todos convidados.
Rematamos a xornada, sen xornal pero cunha profunda satisfacción social, educativa, solidaria e ecolóxica, parados para á foto diante do mundo de foula da que liberamos ao noso querido areal e pronunciando, non o clásico ¡ Patata! senon o máis noso : ¡ Adeus, carpobrotus, adeus!
Parabéns e noraboas a todos os participantes.
Así da gusto sentirse un humano.
Apertiñas.
Despós de data: As miñas máis sentidas gracias a ANPA " O Picapeixe" por me nomear coordinador de tan fermosa coma didáctica iniciativa. (En realidade quen coordina todo, e tira do carro, é Diego, e un non fai outra cousa que botar unha mao no que pode, que non é moito).
De sempre un soubo que non hai mellor predicador que Frei Exemplo e así de pouco valerían as entusiastas denuncias do caos natural se chegado o caso me tapase e, asubiando, fose deixando xear.
Agradecido pois pola oportunidade de ser quen me gustaría ser: arrincador de carpobrotus.