XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Fóra de Portas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Fóra de Portas. Amosar todas as publicacións

venres, 25 de decembro de 2015

A Peneda, miña...


Ogallá regresaramos de cada pouco á Serra da Peneda. 

As súas paisaxes esquecidas do mundo  metéronse  na nosa alma, e xa pra sempre, ben o sabes,  naquel escuro serán  no que, perdidos nunha neboeira callada e mesta, atravesamos a fronteira da Meixoeira por unha estrada  ruín, mal alcatranada e peor revirada, e sen sabermos moi ben por onde andabamos, principiamos a adentrármonos, coa noite caéndosenos encima, por unha paisaxe salvaxe, descoñecida, impensada, de carnoedos espidos e casteletes de graíño feitos de infindos pelouros regañados, un caos de croios, un petoural destemido habitado polas sombras pantasmais dos cerquiños que parecían revivir co vento que os abaneaba.



Terra vella, fornecida de carballas forradas de urcilas verdegrises; entrallada de confurcos súpetos, enfiañados entre si polo arrolar brincadeiro dos regos, farturentos en augas rosmadoras; unha terra de aldeiñas pequenas, de tellados de tella, por onde, na tardiña aquela, esvaraba o badalar dos chocallos das ovellas, que chegaba de algún ningures perdido naquel neboeiro apretado do que xurdiu, sei que te lembras, a imaxe antiga dunha pastora velliña que se protexía do frío e do orballo cunha  elegante e inmemorial capa negra  serrana, e, pra defender do lobo ás ovellas e ás tres cachenas ben feitiñas que a canda ela aboiaban na néboa, armábase cun longo varal de abelaira e facíase escudar de dous cans grandes, pretos,  seriosos e  de ollada fera: os cans pastores de Castro Laboreiro. 



Dende o escuro serán aquel en que sen querer descubrimos a Peneda, a fascinación pola paisaxe e as xentes serranas, sábelo ben, enchoupou a nosa sensibilidade engaiolandoia pra sempre nos fíos de graíño e néboa cos que na memoria se sostén a lembranza daquela tardiña fosca e borrallenta na que se nos revelou, mollada pola mera, difuminada pola noitiña, a fermosura salvaxe dunha paisaxe revellida, apreciada no confuso da luz daquel serán de brétemas cinzentas dun dia calquera dun abril de vai xa anos.

Ogallá regresáramos de cada pouco á Serra da Peneda.



A revivir  o inverno ou o inferno; a visitar brandas, inverneiras, e sitios ficsos; a burlarse das fronteiras camiñando escanchados cun pé en Galicia e o outro en Portugal; a subir cotos ou camiñar chairas; a tomar cabuxiño serrao e bacallau á broa ou mercar en Castro o escuro e saboroso pan de centeo, noces e pasas, que alí dicen uvas; a escoitar a raia branca do Río Laboreiro no seu pasar pola magnificencia dos Riveiros ou abraiar coa perfeción glaciar dos vales de Lamas de Mouro; a percurar nos rinchos dos cabalos garranos a nostalxia das bestas enxebres capeladas; a rebuscar pontes, almiñas, zoomorfos, lendas, cantos, tradiciós, historias, contos e sucedidos; a voarmos a canda a ollada pola serra toda dende as outuras de Tide ou a traspasar os aires ardentes dos piñeirais vafarentos do Soajo  fatigando a paciencia por lograr desvelar o segredo do voo dunha bolboreta; a tratar coa pantasma de Quim das Congostras na imponencia mineral da poderosa Pedra de Anamâo ou a parolar coas xentes, longo e repousado, nas soleiras das casas ou nas varandas das tabernas mentres gostamos a dozura fresca e lonxana do viño loureiro e, de paso, aprendemos a entoar  o galego á maneira portuguesa. 

Ogallá regresaramos de cada pouco á Serra da Peneda. 



A esquecernos doutra volta dos mil montoutos da escraquenada xeografía de graíño da serra e espantar ás nosas almas co sorprendente planalto de Castro Laboreiro, de pandas doces e suavísimas onde a vista pasea ceibe entre o azul e o verde e chega lonxe sen fatigas. Unha patria preñada de bris e cores, por onde os nosos corpos van andando sen dor, amodo, mansiño, pra descubrir en cada volta, unha fermosa terra de espazos amplos e abertos no que a uz florea, a carqueixa froita, a tartaraña reina e os cornos das cachenas, en competencia cos da lúa, fan deligas ás nubes e ás estrelas. 

Ogallá regresaramos de cada pouco a Serra da Peneda.



A reollar dende un campo de flores portuguesas a cor de mármore azul das montañas galegas, que aló no fondal norte do espazo, esvaíndose na brétema, fundindo á terra  co ceo, acougan pola nosa ollada pra irmandar nela a fulxencia da paisaxe  cos arumes a terra ben estercada que  recenden da nosa historia  en mancomún:  fundida coas pedras de todas as croas de todos os castros. Gallaecia, esa matria da que non sabemos. Galaica. A vella nación que persiste entre os derrubos da Historia escachada en pedazos polo norde de Portugal, na Zamora xabresa, no Bierzo, igoalmente por León e nas Asturias e claro está pola Galicia. 

A Nación Galaica, algo máis ca Nación Galega. Algo máis.  Un além.

Ogallá regresaramos de cada pouco á Serra da Peneda, nela, nunca nos sentimos, nos sentiremos, en terra allea. 

Matria Galaica.

Sei que ti, polo menos, sábelo.



Apertiñas miña xente, que as escuras horas natalicias da bisagra dos tempos se vos iluminen coa lucidez  dun non consumismo radical, que vos protexa, a vós e ao planeta, das insidias desvergonzadas do destructivo comercio capitalistoide. 

Saúde e sorte, a maos cheas.

A mandare.




Notas marxinais:
Brandas, inverneiras e sitios ficsos, son as tres modalidades de ocupación das aldeias nas terras raianas da Peneda. Hoxe xa practicamente en total desaparición,  houbo un tempo no que as familias posuían dúas vivendas en dúas aldeias diferentes. Unha nas inverneiras, onde pasaban o inverno e outra nas brandas, onde pasaban o vrao. Chegao o tempo da mudanza, facenda e persoas trasladábanse dunha aldea a outra, por esixencia do clima, os cultivos e os pastos. Os sitios ficsos, serían aqueles onde a poboación non migraba coas estaciós, Castro Laboreiro, por exemplo.  Brandas deriva, non de vrao como imaxinei a primeira vez que o escoitei, se non do mesmo termo branda ca en portugués sinala os pasteiros de montaña, en terreos azosos aos que, ao chegar o vrao, se leva o gado a pacer. Velaí, como, por metonimia, se denomina as aldeas co mesmo nome ca os campos.

As imaxes que anteceden e as que a continuación irán, están extraídas, tan nostalxicamente coma o texto, do profundo da memoria dos arquivos de vai xa algúns anos. Van, por unha vez, sen retoques nen axustes. Ben sei que se nota. Escusas, prego.


 
 

 




 

 
 
 

 


















sábado, 12 de xaneiro de 2013

Barlia robertiana, a raíña do modarrón.



Gosto de ir por  Aguiño e Corrubedo. Do seu evocador recendo, tan prósimo pra un cedeirés, a percebe e xebra mariña. Das súas dornas encarnadas durmindo ao sol. Das súas costás baixas e amplas, escumantes e roncadoiras. Do paseo polo Carreiro. Da esculca polos seus modarrós. De perderme entre reais mundos fantásticos pola Punta de Couso, ese espazo de formaciós graíñas extraordinarias que nunca debeu esbandallarse co asentamento de tanto horror fabril: e aínda falla a depuradora de Ribeira, que aí vén.



Fronte  a Praia do Vilar deixo írense ás horas sentado nas pedras  ollando Corrubedo; escoitando o rumor da marea e o rosmar da xunqueira; respirando salseiros azuis de mar e de ceo; índose o meu  maxín lonxe coas gueivotas que mo levan mar adiante, alén da miseria dos días roubados. Alí sen agardar a nada nen a ninguén, eu acougo, mentres ti resolves misterios calizos nas curvaduras das cunchas. Nada espero: sei que acó todo chega. 

As espantosas marabillas que amilagran, tamén.







No mes de xaneiro de 2010, Xermán García Romai e Antonio Parada, dous amigos fotógrafos e naturalistas, regresan dunha xornada coma tantas outras adicada a retratar as aves da marea polo Parque Natural de Corrubedo. Pouco antes de chegar ao coche, unha penca de cor entre as herbas desverdecidas do modarrón chama a súa atención. 

Así o relata o propio Xermán no seu bló Natureza dixital: "Foi como unha fugaz e lene visión dunha espiga de flores rosadas, asociada no ollar inconsciente do naturalista, ó común satirión corpudo (Dactylorhiza elata), pero na que tamén, o propio inconsciente detectou un erro e fíxose unha pregunta: “un satirión corpudo florido en xaneiro?”






 Achéganse a onde estaba o alumbre floral e ven o talo en flor dunha orquídea de gran tamaño. Que orquídea é esta?, inquírese Xermán gromando xa nel a sospeita de estare diante dunha especie extraodinaria: esa mouta basal de follas anchas e amplas, ese outo e groso talo floral, esa floración densa... unha Barlia robertiana ?
 Só será no repouso do fogar, coa pantalla do ordenador a todo encher e as consultas pertinentes de Flora Ibérica cando Xermán confirmará estar diante dunha Barlia robertiana, a  grande orquídea da invernía. Imaxino a súa emoción.




 Comunica á sociedade científica galega o seu descubrimento e Elvira Sahuquillo (Guía das orquídeas de Corrubedo, Guía das orquídeas de Galicia) e Íñigo Pulgar (coautor das Guías de Plantas do Parque Natural de Corrubedo) confirman o seu achádego, asegurando sere a primeira cita validada da Barlia robertiana pra Galicia. Primeira e ate o momento única. Seica o Padre Merino a citara xa no vilar de Noceda (O Caurel) co nome de Orchis longebracteata, pro ao se perder o correspondente prego botánico a cita do eminente P. Merino hoxendía non se pode confirmar.


 Xermán e Antonio, convenientemente asesorados, han publicar o seu extraordinairo achádego no volume 19 da Nova Acta Científica Compostelana do ano 2011. O seu descubrimento adquirirá así o valor de permanencia indiscutible e confirmará o grande labor de rebusca de biodiversidade que unha recén forneada xeración de seriosos afeccionados ao naturalismo anda a desenvolver polos cimbros, fragas, areeiros e campeiras do pais, aligada ás autoridades científicas académicas e ás celeridades comunicativas da internete, conformando unha nova paisaxe de intercambio de información e  coñecementos do Medio Natural Galego que abren á espranza cancelas antes choídas.



 Hai que salientar que non só é a primeira cita da orquídea xeganta na Galicia, senón que pra máis, non hai colonia: é un exemplar único. Unha gloria dos moderrós do Barbanza. Os máis prósimos no mesmo hábitat areoso, cítanse en Asturias na Praia de Xago e na Beira Litoral en Portugal. Outras citas dos arredores danse nas outitudes de Trás-os-Montes e nas Asturias, case que sempre en terreos de calías, razón esta que explicaría as posibilidades dos areeiros galegos, co seu aporte de cunchas, pra criaren outros exemplares de Barlia robertiana: esta aparición do especimen de Aguiño, xustifica as espranzas de poder dar con outros  en calquera das grandes areas galegas. Ollo as flores de xaneiro nos marouzós.



 Xermán G. Romai editará con data de 2 de decembro de 2011 no seu recomendable bló Natureza Dixital (o achego vai abaixo) o relato do descubremento e posterior confirmación da existencia na Galicia da primeira cita de Barlia robertiana.
 Servidor, lector habitual do bló de Xermán leu con ledicia, e o seu aquel de envexa, o coñecedor relato e aproveitou tres oportunidades continuadas que tivo entre os meses de xaneiro e febreiro do ano 2012 de achegarse por Corrubedo pra intentar apreciar a rara beleza da grande orquídea de xaneiro. Pesia a ter bastante ben delimitado a zona por onde podería alumbrar non fomos quen de dar con ela. Imposible: Barlia robertiana, ao mellor polo extraordinario gasto que lle supón tan poderosa floración, en tarreos tan coreños, adoita asomarse con regularidade bianual.  E non tocaba no  inverno do 2012.


Tocaba no xaneiro do 2013. A xenerosidade de Xermán e Antonio e as precisas confabulaciós telúricas que urden a casualidade dos encontros nas bisagras do ano, concedéronnos o pracer de regalar o ollo coa maxencia contida do primeiro florear do varal da Barlia robertiana, a única, grande e ceive, raiña das saraibas de xaneiro. 



Acubillada ao abeiro das longas e mestas herbas do areeiro pouco  chamaba pola nosa ollada: non era máis ca un gromo poderoso e verdecido, case que sen cor algunha, non sendo unha ilusión malvarrosa por algures. Así e todo xa eisalaba poderío.



Sete días despois volveríamos a mirala. Protexida pola calma anticiclónica, levantaba xa o varal con confianza, e deixaba encender a cor dalgunhas flores, prometéndonos unha outa e fermosa piñoca floreada  sobranceando a súa prestanza por riba das verdegrises campeiras do areeiro na invernía. Raíña nun reino de friaxes.







Unha ledicia das horas. Cambiáramos unha estanza na luz certa das sequeiras zamoranas polas molladuras probables dunha costá galega en alerta laranxa, só crendo na posibilidade do milagre de tropezarmos coa  festividade floral dunha poderosa orquídea  invernal aledando a paisaxe de areas, graíños e ouricelas, co aturuxo lanzal do seu ergueito varal de flores. Tíñamoslle fe os milagres do Barbanza. Espranza polo coñecemento do Parque Natural de Corrubedo. Xermán e Antonio dispuxeron a xenerosidade caritativa. E a Barlia robertiana, señora das areas xeadas, a súa presenza espantosa.

 Non botamos de menos as sequeiras zamoranas.



Fica no intre esta entrada. Aos habituais agradecementos inescusables pra con vós, miñas e meus, que gosto de expresar a cotío, permitídeme que deixe acó confesado un obrigamento especial pra Xermán e Antonio, cos que quedo en débeda permanente e aos que nunca poderei agasallar suficientemente por tan cumprida xenerosidade coma tiveron connosco ao nos endereitar ao mesmo pé da Barlia robertiana, e permitirnos encher a artesa das lembranzas, por fin, con recordos imborrables desa misteriosa orquídea invernal do modarrón,  raíña entre areas e  saraibas, que mellora o mundo que coñecíamos.

Apertiñas, totus meus.

A mandare.

Fe de verbas: Teño as miñas dúbidas sobre a correcta escrita de modarrón. Verdade é que na páxina do facebook "Leyendas de Aguiño" do amigo Antonio Parada, escríbese modarrón pro a min paréceme ter sentido por Aguiño chamarlles "moderrós" aos areeiros consolidados con cabedelos outos e recubertos de herbas ou brións e que practicamente non evolucionan. Teño as miñas dúbidas, xa digo. Paréceme posible que esa (e) se pechase de máis e dese lugar a modarrón. Velaí porqué neste mesmo artigo escribise moderrón e modarrón, concepto que por certo é mi prósimo aos morouzos orteganos e aos marouzós cedeireses, verba que tamén se emprega no artigo coma sinónimo da totalidade do areeiro e que en Cedeira utilizamos xeralmente en plural: os marouzós. Imos ver se alguén de Aguiño, Corrubedo, Olveira, Carreira, Vilar, da Graña, ou doutrures, me libera de dúbidas. Anticipo agradecementos.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

A Grande Dama da Area



Achegos:
a) A paxina de Xermán García Romai, Natureza Dixital, onde relata o achédego da Barlia robertiana. Entrar.
b) Fotofestival, todas as imaxes de Google. Premer.
c) Asturnatura, de primeira mao sobre as barlias asturiáns, esas veciñas. Acó.
d) Wikipedia, un inevitable.Entrar.
e) Flora Ibérica, un clásico coas fermosas ilustraciós clásicas.Ler.