XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Días de diario. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Días de diario. Amosar todas as publicacións

sábado, 14 de novembro de 2015

Sen ir máis lonxe.



Unha das vantaxes con que se galana o vivir pegado aos tarreos e aos agros, é a posibilidade de aprender naturalismo  dando un pequeno paseo polos arredores da casa, cando non na mesma cociña, saíndo á eira ou ollando polas fiestras da casa, desde onde, sen mover un pé,  podo acadar as lonxanas estrelas. Sen ir máis lonxe.


No teu rueiro non esperas que apareza esa visión extraordinaria dunha especie rarísima, e nen tan siquera che fai falla. Saes pola porta da casa sabedor de que, entre sebes e silveiras, ha de aparecer esa observación pracenteira, grata, humilde, mais  provocadora do balsámico pracer  que sempre acompaña o suceso de  aprender cousa algunha, ver o nunca visto ou levar codificado na gaiola dixital un alustre salvaxe da vida natural.



Gloria de glorias: se o día vén enxoito, sae un  mesmo en zapatillas ou sandalitas. Ao cabo, de tan próximo, sintes o monte como algo doméstico, unha estancia máis da casa. Non te impedimentas mais que coa cámara, a galla de equilibrio, unha pucha pra cabeza e unha batería de reposto: por se as moscas aparecesen. Sobran albardas, estorban motores, escúsanse malos fumes.


O aprendiz de naturalista vai  camiñando amodo, coma o que non quere a cousa, movendo máis os ollos ca os pés, ollando e remirando, deixándose impresionar polo perfil  dunha flor, a xeometría dun gromo, a luz dun élitro, unha lagarta, unha pedra... ou por calquera outra das habituais e familiares xentes  do Camiño da Ribeira (unha patrimonial corredoira dalgún tempo que un goberno de progreso convertíu en pista alcatranada), no que entretén o pasar das horas cazando instantes de luz silvana. Asosegado, sen suar colesterol, a cen olladas por paso. Deixándose levar polo carreiro.  Prendendo vida. Aprendendo.



Vai indo sen présas. Sabedor, díxose noutra, que na Galicia cada sebe é un edén e cada ribazo un xardín, o aprendiz de naturalista non se apura por aprender as lecciós. Han chegar sempre. Foi el mesmo quen afirmou que nun metro cadrado de natureza en flor hai máis beleza ca en toda a Historia da Arte. Daquela, malo será.





Agora remira esta planta mil veces vista, agora repasa esa flor, agora bota un ollo ás malvas, tan bicheiras, que, na hora, ferven en tons cinabrio co acumulo dos seus hóspedes favoritos, os Oxycarenus lavaterae, a chinche das malvas lavateras. 


Mais non son os únicos. Agachada das olladas depredadoras pola eficaz coloración críptica, outra chinche, unha Palomena prasina, parece feliz enredada na súa malva. Teu enredo, dar con ela.



Por alí anda tamén, aquietado, quen sabe se pola forza da súa cor encarnada que chama polo ollo inimigo, un inmóbil Pyrrhocoris apterus, outra chinche, que se deixa mirar indiferente polo vidro escuro do fondo da cámara. Destemida.




Algo máis adiante, ou ao mellor era máis atrás, unha micro bolboreta, unha Tebenna micalis diría, disfruta da luz de xofre fervido da corola dunha Pulicaria odora, súa planta hóspede e nutricia. Sol de olor.




Un grupiño de himenópteros, grandiños, bonitos, peludos, grosos... están adoptando unha extraña posición: non sabe se de descanso ou de predisposición á hixiene. Non sabe quen  son. Agarrados polas mandíbulas ás quebradizas pólas dunha herba seca, compoñen no aire unha miragre de forza e equilibrio. Apareceu o saber descoñecido. Aleluia. Toma todos os testemuños que pode. Quere aprender. Un feliz aprendiz. 




A un outro sírfido,  un  Eristalis tenaxarrequécelle o traballo na luz da tarde repasando con agación a moitedume de floricas diminutas dunha umbela, parécelle un  Daucus carota, a cenoura brava, co eficaz e incansable aparato chuchador. Ollade.




Estoutro diminuto himenóptero (parécelle  un Argidae, e apoñería por Arge pagana), anda a presumir de ovipositor, tan longo el, tan feliz ela perforando a tona pra deixar incrustados os ovos que serán vermiños que roerán a planta. 



Pode que amais queira retratar unha bolboreta, que se lle vai; o voar asexante dunha rapina; o pasar das choias, que sempre lle falan; ou tente apañar por entre o neblumo dalgún borrallo, un paxariño, digamos un cardeal, sen a fortuna ou o saber suficientes pra que a foto sirva pra ver...vede se non. 



E ao mellor sen darse de conta, o aprendiz de naturalista, logo dun tempo prudencial, empeza a camiñar cara á casa, satisfeito, paseado, a gusto. Sabe que doutra volta o Camiño da Ribeira, que tantas veces subeu de neno, mesmo co caldeiro e o hisopo pro enterro da súa bisavoa a Tía Anita, volveu a revelarlle saberes escondidos, milagres impensados, pequenas xoias visuais: fillas vivas da silveira, que a el tanto lle prestan. Agora ao baixar pola congostra, tranquiliño, retoma os pasos deixados e repasa  a malva e os seus oxycarenus escuros, nos que sinte que habita o pálpito do noxo ao sangue callado.




Unha última ollada lenta e irse indo aos moi pouquiños. Velaí nesa polica unha mosquita. Anda de limpeza xeral. Zafarrancho de azas e peludaxe. Humm... parece unha taquinidae... e ésta parece moi linda... unha desas moscas douradas e coloridas que o ollo do mundo non ve... a ver se se deixa... voume chegar un chisquiño pra vela mellor... humm... ben linda!... si señora... ben linda!



A mosquiña, certo que un Taquinidae e como lle confirmarán posteriormente unha Ectophasia crassipennis, anda a recompoñer a figura e a corporeidade someténdose a un completo repasar de alas, ollos, antenas, pelos, cabeza, tórax, abdome... absorta na toilette, apartada do mundo, ausente de todo o que non sexa compoñerse. 

Veña, as últimas fotos e pra casa que non sin hora iremos xa.

O aprendiz de naturalista, asenta a galla, acomoda a cámara, observa á ectophasia, estudia a luz, achega o vidro e vai cliqueando tranquilo, daguerre a daguerre,  sen ansias, temores ou présas. 

A ver que se deixan facer a luz e as formas. A ver... a ver...




Absortos cada quen no seu labor, déixanse  un ao outro borear tranquilos... clic... clic... clic.. clic...  



Un repasiño a detrás dos ollos... clic... outro, patiña con patiña, que queden sen lixo... clic... clic...a ver, ben limpiño polas xogas das azas...clic...que non quede nen limento...clic...clic...clic...



Así, encantados de coñecerse, os dous inocentes seres poderían seguir eternamente encontrados, se non fose por un caritativo abellón, groso coma unha noz, que pasou voando e fungando ao pé da pequena mosquiña provocándolle un prudente pánico defensivo inmediato, de resultas do que a ectophasia, axocada, largou ciscando a fume de carozo e o aprendiz de naturalista puido finalmente irse indo recoller á súa casa, sosegado, logo de gozar e disfrutar, paseniño, dun  descansado paseo  caseiro no que encheu a arca das lembranzas coas luces quedas que nas tardes de xullo dan vida e forma  ao mundo. 

Ao mundo, que sempre empeza na porta da casa dun.

Sen ir máis lonxe.



Apertiñas miñas e meus, se os vosos pasos vos obrigan a andar á redonda do mundo, camiñade sen medo e sen présa sentindo o sol no peito: andando. andando, andando, haberedes de voltar ao pé da casa, onde naceu o camiño.

Sen perda posible.

A mandare.


Notas marxinais:

Todos os santos desta entrada, menos as imaxes  perivilanchas, foron realizadas no mesmo día, o 7 de xullo deste ano 2015, entre as cinco e as sete da tarde, nun discreto paseo polo Camiño da Ribeira, esa miña cátedra recurrente de Naturalismo á que asisto dende que teño uso de razón, e aínda antes.

Daguerre a daguerre, é unha chiscadela afectuosa ao Señor do Uzal da Ruda, de quen aprendín esa preciosa sinonimia de fotografía: daguerre. Dentro dela vai, xa o saben, unha homenaxe sentida a Louis Daguerre, creador do diaporama, o daguerrotipo e alcumado  pai orixinario da fotografía. Velaí.

O feliz aprendiz fixo  os deberes e aproximou unha solución de identificación dos himenópteros pendulados: Familia Megachilidae. Xénero:Anthidium. Especie: Septemspinosum; anticipando as gracias polas oportunas correcciós.

Co permiso de todos vostedes, miñas e meus, quixera adicarlle esta entrada a un querido amigo, pertencente a modernísima tribu urbanita dos fotonaturos, para que as dúbidas que ten, que se bridge, que se réflex, non o torturen máis. Non te me marees.

(Escusas avergoñadas por non ser eu quen de axuntar, como era debido, as cores do arco).



PAZ   E   PALABRAS

domingo, 4 de setembro de 2011

Salpicón de natureza.

Fin das vacaciós: os meus pesares pra todos, miñas e meus. Este bló torna aos aires pra rematar coa  repousada tranquilidade de todos vosoutros e seguir  mareando neuronas voluntarias ao compás da súa descabalada  e ortopédica prosa e as non menos mal afinadas imaxes que a acompañan.

Pra encetar esta nova tempada, permítaseme servir un salpicón variado de petiscos de naturezas bravas, propias e moi comúns do noroeste do Noroeste, que irán aduvadas con algunha ca outra esencia de sabores alleos: ben que galegos sempre. De poder ser, enxebreza.

Encetemos a farrada...

Óllanos dende o santo de riba un macho da lagartixa galega, Podarcis bocagei, que non sei eu se non será a máis abondosa das nosas lagartas. Andaba soleándose, e saleándose, polos ribazos da Punta do Sarridal, ou das Baterías, nunha doce tarde calma e maina do remate de xuño. Mal vrao levaron con tanto babuzallo bretemoso que veu.
Velaí unha imaxe efectista da fronda fértil  dunha dentabrú, Osmunda regalis. Dentabrú ou dentabrún é voz que, pesia á súa rotunda e antiga  sonoridade, non ten callado na linguaxe moderna naturalista, sendo moitos máis  os autores que prefiren a tradución directa castelá: felgo real. Non hai caso. Sarmiento e o P. Sobreira xa a recolleron no século XVIII, está amplamente comentada na obra do profesor Pensado, e Marcial Valladares  defínea perfectamente no seu dicionario (1884); e daí debeu de entrar en todos os posteriores: no Filgueira, Carré, Ibañez, Eladio, Constantino... De felgo real, xa que logo, nada. Dentabrú ou dentabrún, pois,  e de non gostar, escollan: dentabrón, dentagrón, dente de agrón, dentabruño, dentebrú, dentesil, dentiquil, dentragón, todos recollidos no Constantino García, e aínda  fentabrón, dentallón, dentegil, lentegil en Sobreira e Sarmiento e ventasil e diente abrum polas Asturias gallaicas. O profesor Pensado, dixit.
Libellula quadrimaculata, a do santo é unha femia dunha das máis rotundas e fermosas libeliñas, que aínda que voa por estas terras do noroeste, faise máis rara ca na Chá, onde esta foi rexistrada nos arredores de Cospeito, nas campas chairas cultivadas  nas que o franquismo convertiu o monte de man común, repoboándoio con xentes de terra allea. Os máis vellos aínda o lembran, con tristura na voz e carraxe na ollada.
Campeiro de orquídeas en flor. Centos de Dactyllorhiza elata alumbraban coa ledicia dunha festa de chafarís xubilosos unha alonxada campa, nunha perdida pista, dalgún lugar esquecido na máis estrema oriental das terras de Castro de Rei. Na foto non me cabían todas. Entraron as que couberon. O paisano que me inquiríu que facía, aínda non crerá na hora que aquelas corrientes floricas de cada día, fosen orquídeas. Na súa ollada rebrincaba uhna luz divertidamente incrédula, que ao mellor aínda non se apagou hoxe, que só se amansaba por unha educada e  caritativa conmiseración hacia a miña persoa, propia da vella fidalguía campesiña.

Velaí, a riba vai, unha das máis raras euphorbias que se poidan ver por estas terras: a Euphorbia dulcis, que tivemos a sorte de mirar e disfrutar polas fragas do Belelle, arrimada como estaba ás paredes do caz da auga, nalgún punto do seu percorrido. Como o paseo do Belelle é un dos máis visitados da bisbarra, de seguro será doado que lle botedes un ollo ou xa llo teñades botado.

Como todo o mundo sabe que de paxarada, do resto tamén, levo varias asinaturas pendentes este paxariño que eu supoñoio un noviño de Phylloscopus collybita ao mellor é de calquera outra especie próxima. (Efectivamente o mestre paxareiro de Cariño, Ricardo Hevia, nun amable comentario que moito agradezo e que podedes ler abaixo, venme de endereitar adecuadamente: é un Hipolais polyglotta). O que sei é que por Moeche corren co nome de mariquiñas.

Ao meu parecer un macho de Colpa sexmaculata dun tamaño considerable. Parece ser corriente dentro do xénero colpa da familia dos escolidae a variación notable de dimensións dos machos. Este dende logo é o máis grande que mirei na miña vida. Gostan dos areeiros da bisbarra, onde é relativamente fácil mirar a esta especie. As femias, máis grosas, máis negras e escuras de corpo, e coas máculas máis grandes son unha cucada dina de ver. As flores do Eringium maritimun, o cardo pas plaias, son das súas favoritas. O da imaxe monta sobre Cakile maritima, e andaba por Vilarrube.

Esta besta é do Forgoselo, e non sendo un servidor moi amigo de meter neste bló animais humanizados dei en arrimar esta imaxe pola sorpresa de mirar eses extraordinarios bigotes que lucía. Non sei se será moi habitual.


Pesia a que neste bló os liques non acadaron nunca moito espazo, servidor, que iñora todo sobre eles, é un rendido admirador da súa particular e rara beleza. O noroeste do Noroeste pasa por ser unha das zonas de maior diversidade de especies liquénicas. Algún día haberá que facer unha entrada para falar deles e dos fermosos nomes galegos que teñen. Arriba quedan dúas fotos: a dunha carriza do Forgoselo e a dunha ouricela, con pretensiós de inspiración petroglífica, das paredes da Igrexa Matriz de Viana do Bolo.
O Mar da Mina, no Concello de As Pontes merece unha entrada particularizada polo que supón e suporá para a ecoloxía, o clima, a biodiversidade, a economía na bisbarra e os medos catastrofistas. Se hai saúde e sorte e o ánimo nos acompaña deberá de facerse; de momento andamos a rexistrar en fotos o portentoso lago. Tempo haberá, se todo vai ben.


Emberiza citrinella, a escribidora de limón, é un dos meus paxariños favoritos dende o mediodía aquel nas Somozas en que reflectindo o seu froixel marelo a luz cenital, unhas raiolas de sol puro e limpo encheron a miña ollada dunha ledicia cítrica, aceda e refrescante. Para sempre xa do Equipo Citrinella. Estes dous exemplares son dos montes de Ourol, esa patria.


As cegoñas son dende hai moito xente galega. Aniñan en moi bó número pola Chá, onde son moi queridas e non son malas de ver. Este ano mesmamente ollamos a un grupo de sete revoando polas campas do oriente do concello de Vilalba.



Aí quedan estas tres imaxes de gueivotas pilladas nas Illas Cíes, ese vergoñento  Parque Nacional, inzado de boscos de eucalitos, selvas de acacias, pradeiras de arcotheca, ribazos de crocosmia e inxentes masas de homínidos, portadoras de neveiras portátiles, música a todo trapo e berros a tutiplé, que trasmudan o Parque Nacional das Illas Atlánticas nunha Romería Trasnacional do Turismo de Masas Horteras.
Foto das flores de Cichorium intibus que a moitos non lles dirá nada se non digo que son da chicoria, as raíceiras de quen moídas e en infusión non poden sustituir ao café, pese a quen lle pese. Pro a beleza das flores é incuestionable. Na nosa bisbarra vénse menos, pro a finais de agosto e a primeiros de setembro poden verse florear por terreos degradados e ruderais.

Unha imaxe da fervenza do Belelle. Sen dúbida un dos espazos naturais máis fotografados de Ferrolterra. Naturalmente a súa beleza e a do entorno merécenno. Cercada polo mundo eucaliteiro, a Fraga de ribeira do Río Belelle sobrevive heroicamente á cobiza humana e á estulticia fenósica.




E van riba catro volainiñas. No alto unha Polygonia C-album, a follaseca na miña fala, mirádelle a C alba que xustifica o nome e os moitos recovecos do corte das ás  (por iso poli-gonia), por baixo dela unha Oclodes venatus, unha choruma, pequena, fermosa e moi común. Máis abaixo unha limoeira, un macho de Gonepteryx rhamni,  chucha a unha Centaurea nigra, unha flor de cada día e sobor destas liñas unha Lasionmata maera macho, a paxarela dos penedos, repousaba nas primeiras horas do día en calquera pena da Capelada. Todas elas son pampurriñas do máis común. Alfaias do aire diario.

 
Tan común coma  elas non é esta fermosísima meniña, unha Lycaena virgaurea, que por estas terras do noroeste do Noroeste non mirei nunca, pro que aledou as nosas mañás limpas nos Ancares, co seu revoar de ouro fresco de flor en flor. Un galano das horas en Piornedo.






 
 Catro paxaradas de Morouzos: un pombo, un pimpín, un picanzo e un noviño de chaschás. De todos eles o que máis me prestou mirar foi a crianza do chasco. Non me cadrara nunca de botarlle un ollo. e nesta ocasión para máis fíxenlle tres ou catro rexistros, dos que non teño queixa.  




Non moitas veces se pode mirar por estes lares ao froito, ou á flor, da Clematis vitalba, unha fermosísima pranta gabeadora, que polo que eu poiden ver só aparece nun curruncho do ribazo do sistema dunar de Vilarrube, mirando a norte, apoiandose no silveirón e nun eucalito, para poder así medrar destemida da lei da gravidade. A imaxe é o froito: porta  uns longos e rechamantes pelos espiñentos. Esta feita no mes de agosto, non lonxe das Pontes de Gatín, unha outra porta aos Ancares.  

O paso do outono xa está acó e estes días pódese xa fotografar todo tipo de paxaros e aves baixando dos criadeiros do Norde as máis quentes terras do Sur. A de arriba paréceme un Ficedula hypoleuca, e está fotografado nos cumes de Herbeira, hai poucos días.

Bando de choias que anda arestora polos cumes de Herbeira. Poiden fotografar máis de trinta. Habitualmente ao remate do vrao xúntanse en bandos numerosos de adultos e xuvenís. Hai anos poidera contar un grupo de máis de cuarenta. Xente cunha grande vida social estas Pyrrhocorax pyrrhocorax, un arrruallo da bisbarra. (Hai por aí unha páxina que dubida da existencia das choias na Galizia).

Unha imaxe, para ir rematando, do Lupinus angustifolius, á que chaman fababrava e tamén, ao mellor, esta é a carnecría da que nos fala Sarmiento. O caso é que esta leguminosa, que se plantou coma forraxeira nalgún tempo, aparece hoxe acó e aló en terreos abandoados ou as beiras do camiño. O seu porte, elegancia e tamaño fan que non pase sen ser percibida.

Dúas imaxes, unha con becho, un verme de clasificación improbable, dunha Myosotis sp. Unha diminuta e fermosísima flor das beiras dos ríos e lugares húmidos, que  en castelán anda polo laiante e modesto nome de nomeolvides. 

E agradecendo que non esquecerades a este o voso bló perante as longas vacaciós de escribidor que se tomou este o voso seguro servidor, voume despedindo de vós, miñas e meus, deixándovos dúas imaxes paisaxísticas da bisbarra: a lagoíña de San Martiño en Morouzos e unha vista de solpor dende San Antón do Corveiro, ese clásico da paisaxe galega.


Apertiñas, totus meus.
A mandare.


 VIDEOSMINIMOSDONOROESTE


 Corzos pacendo en Piñeiro
(E esta unha peliculiña do curso pasado que lla debía ao meu querido amigo Miguel, a quen se lle adica, que tantos traballos, trafegos e suores lle fago pasar para levarme e traerme, sen poñer nunca peor cara que a do sorriso tenro e a gargallada franca. Moito obrigado, meu).