XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.
Amosando publicacións coa etiqueta Endemismos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Endemismos. Amosar todas as publicacións

domingo, 24 de marzo de 2013

Omphalodes gallaecica, a embiguiña

Non me importará que me chamen chumbo. Insistirei en lembrar a "importancia excepcional" (en catalogación do Ministerio do Medio Ambiente) que prá conservación da biodiversidade ten a flora vascular das costás que van dende Cabo Prior ate Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluída, ás que modernamente se deu en chamar Costa Artabra, que non abrangue totalmente, nen moito menos, o territorio histórico da treba dos ártabros.
Non me importará  me chamedes chumbo. Insistirei en lembrar algunhas das especies botánicas, que tanto por endémicas da nosa bisbarra ou raras e escasas noutrures, canto polo difícil equilibrio de sobrevivencia no que hoxendía resisten, forneceron o argumentario científico pra avaliar á Costa Artabra coa adxectivación de "excepcional": de entre toda a flora galega a primeira e de todo o ámbito peninsular español a quinta mellor puntuada.

Linaria aguillonensis, sulfatada sen piedade e sen cultura, por orde municipal nos muros do Castelo da Concepción, Crepis novoana, de presenza única a nivel mundial na Ría de Cedeira, os exemplares da que, existentes entre as pedras dos muros do Castelo, sufriron o mesmo tratamento biocida, Antirrhinum m. linkianum, fermosura sen par dos areeiros ártabros, Centaurea borjae, endemismo capelado de afortunada presencia mediática, Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa, Hymenophillum wilsonnii e tunbrigense, e Woodwardia radicans, entre algún ca outra felga macaronésica máis, exemplifican, entre outros taxons, o valioso tesouro botánico do que Omphalodes littoralis sp. gallaecica, a especie que hoxe comentaremos non é a menos valiosa das súas alfaias.


Omphalodes gallaecica, permitídeme chamarlle embiguiña por derivare seu nome de ciencia do antigo grego, omphalos/embigo), é taxon  presente exclusivamente na provincia da Coruña. As súas mellores poboaciós atópanse nalgús areeiros ártabros do Concello de Ferrol, (Ponzos, Santa Comba, San Xurxo, Esmelle..) de onde desapareceron algunhas colonias; en certas zonas moi areentas da súa costá (Lobadiz);  nalgún ca outro punto da Costa da Morte  e Baldaio; en focos concretos de modarrós ben conservados da Península do Barbanza; e citáronse en Reinante (Lugo) e O Vao (Ogrove), e de que eu saiba, en ningures mais. Ben que se ten buscado por Corrubedo!


A embiguiña, é pranta da familia Boraginaceae, de discreta e humilde presenza e así, deitada entre nas areas dos marouzós, media tapada polas outras herbas, pasa desapercibida do mundo. Mesmo a lixeireza de cores da súa flor, branquiña con deslaimadas tonalidades azuis, non axuda a facer notar a súa presenza. Non reparan nela, por iso, os moitos visitantes habituais das praias: turistas, surfeiros, perrumanos, bicicleteiros...  pra todos parecera non existir. Ten un parente prósimo que en troques é  moi coñecido e abondoso, Omphalodes nítida, que aparece por todas as ribeiras dos ríos da bisbarra lucindo o seu puntual azul anil en cada primaveira. Velaí baixo a herba do sollo, esa curmá da embiguiña.

Omphalodes gallaecica, a embiguiña digo, é pranta anual, glauca, de follas espatuladas e lanceoladas, que anda a florear nesta hora entre marzo e abril,  pra rematar a finais de maio a súa vida vexetativa. As novas plántulas xerminarán  entre novembro e decembro, no seu hábitat preferencial: os marouzós grises, sendo capaz de colonizar rapidamente espazos alterados.

Irmá da embiguiña ártabra é a embiguiña francesa Omphalodes littoralis sp. littoralis, que se diferencia da nosa por ter un maior tamaño, ofrecer un porte máis poderoso e sobor de todo por ter a corola un intenso azul escuro e poder presumir dun maior tamaño. A discreción galega, ese matiz de distinción e elegancia.



Habitante dos marouzós fósiles e ben consolidados, pode atoparse tamén en zonas de cantil ribeirás aos que da en chegar unha boa cantidade de area. Polos modarrós andan en comunidade a canda a ela e entre outras Silene littorea, Viola kitabeiliana, Erodium cicutarium, Cerastium diffussum...e polos cantís areentos  poden andar perto dela Cloclearia dánica, Scilla merinoi, Thymus longicaulis ou, como se ve na foto de baixo Rumex bucephalophorus, a labaciña vermella da area.


Os seus talos adoitan andaren tumbados, estendéndose pola superficie do areeiro, sendo raro poder dar con algún que se manteña dereito. A flor aguanta moi poucos días, disque non máis de catro ou cinco, aparecendo de camiño o peculiar froito da embiguiña, unha clusa con azas dentadas.

Van ser estes dentes espiñentos das núculas os que permitan unha dispersión das sementes, e xa que logo a colonización de novas zonas de xerminación, gracias a se poder enganchar con eles aos pelos dos animais que pasasen ao seu pé: coellos ou raposos, por exemplo. Dise por iso que  teñen unha diseminación zoócora e tense comprobado de sere este o sistema de dispersión principal.
Falta lle fará dar con novos territorios de enraizamento. Considerada legalmente coa categoría de "en perigo de extinción" debido  a escasísima superficie total  na que aparece: non máis de 10 Ha pra a totalidade das poboacións galegas que é o mesmo que dicir que do mundo. Sumemos a este perigo que a embiguiña se desenvolve en traxectos turísticos frecuentadísimos e desprotexidos, en territorios nos que Tragsa-Costas adoitan facer obras de acondicionamento sen maior miramento e de vez en cando poideran sepultar algunha poboación: non é blogue-ficción, tal fixeron xa non hai tanto na Praia de Esmelle. 
Sabémolo todos e eles tamén.
Vai embora por acó rematando esta entrada. Ogallá fose do voso gosto e vos animase a dar un paseo coidadoso, respetuoso e atento, sei que non ha  ser doutra maneira, polos nosos "excepcionais" areeiros ártabros. 

Se xa sabedes por onde alumbran, pra manter un ano máis a amistade do recoñecemento, se ate o de agora non tivérades a fortuna de coñecela, pra ver de botar unha conversa de olladas,  que irá preñada con toda a emoción das primeiras veces. 

Agora empeza a florear, non  deixedes pasar a ocasión. Imaxino poucas cousas mellores pra pasar unha tarde de folgarío primaveral, que xogar o entretemento natural de ver de dar con esta pequerrecha, delicada e fermosa pinga de salseiro mariño callado en flor.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:
a) Documento en PDF do Ministerio "Áreas importantes para la flora amenazada española". Imprescindible.
b) "Las plantas endémicas y subendémicas de Galicia". Un estudio de F.J.Silva-Pando do ano 2008, publicado no BIGA Nº3. Entrar.


VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

Pildoriñas por Vilarrube.






¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

sábado, 27 de outubro de 2012

Azedeiras da Capelada


No mes de xuño do ano que se vai indo, Toñito do Barqueiro (Cousas do Norte) e servidor, déramos en ir polos cantís da Capelada por ver de ollar o estado das colonias de Iris latifolia, ou Flor de San Xoan, esa fermosa liliácea propia da outa montaña que posúe na  nosa serra poboaciós estables a menos de 200 m. de outitude. (Lembrade)



A Costa Ártabra está considera polo Ministerio de Medio Ambiente (Lembrar),  coma unha bisbarra de "importancia excepcional" pra a conservación da biodiversidade. A abundancia de endemismos e o seu precario estado de conservación, obrigaron ao Ministerio a considerar á Costa Ártabra e á Serra da Capelada, que a conforma e lle confire  personalidade, coma a 1ª zona de Galicia e a 5ª do Estado "de importancia excepcional" en orde a urxente protección e conservación dos seus requintados valores botánicos. Un tesouro de alfaias ártabras, díxose.


A particularidade botánica da nosa serra e os seus extraordinarios cantís, non só se fornece da riqueza en endemismos, se non, secomasí, da existencia dun bó número de especies propias da outa montaña que por unha serie de casualidades, condiciós e circunstancias (climatoloxía, relictos, xeoloxía, orografía...) teñen acubillo nos ouzais capelados e aínda por veces son de presencia única, ou case, en toda Galicia. Repasemos algunhas: Campanula rotundifolia, Gentiana vernaVeratrum albumFritillaria pyrenaica ou  o Iris latifolia que Toñito e un servidor andábamos a recoñecer, son meridianos exemplos da flora de outa montaña que ten un vivir de seu na Serra da Capelada.


Direi xa que a colonia de lirio azul que queríamos controlar, sen dúbida a mellor de todo o cantil, presentaba unha situación tranquilizadora con numerosos pés perfectamente sanos e conformados, ben que nunha moi pequena superficie relativa, con todos os riscos que tal escaseza de territorio poida representar cara a súa supervivencia. 

Así ledos e acougados polo que respectaba a situación do iris, poidemos subir o cantil entre conversas gratas e proveitosas, que non excluían a observación e fotografía dalgunha ca outra especie, ou cousiña xeitosa, que o cantil, na hora rebentando de vida, nos ofrecía. Sirvan os dous seguintes santos de botón de mostra.


O que arriba vai é o documento dun Lathyrus clymenum. Fermosa e pouco frecuente leguminosa que xa tivo acubillo neste bló e que parece ter unha poboación firme neste mesmo cantil. Vén abaixo a maimiña enxoita dalgún saltón, podedes chamarlle besbello, a paternidade de quen non sabería eu precisar. Maimiña, por se interesara, é un fermoso termo natural galego que define aquelas membranas moi finas e delicadas que se atopan na natureza. Velaí vai a maimiña deste saltón. Delicada delicadeza.


Nesas andábamos cando o ollo escrutador e certeiro de Toñito faime reparar nunha planta que medra entre o pedregullo esborrallado do ribazón... Pero esa planta que hai aí... non é... empeza a preguntar cando a miña ollada, que seguira á súa dende a primeira sílaba, da en falar... Un Rumex gallaecicus case berro... Estás seguro? inquíreme... Seguro non. Pro apoñería que sí... debín de dicir... se agora lle poideramos botar un ollo a Guía de Xosé Ramón!...laieime por puro vicio cultural. 

Daquela, Toñito fai algo extraordinario.


Desalbarda o fardel dos ombros, (cantil arriba, cantil abaixo cargado  co pesado obxectivo de 500mm, varias garrafiñas de auga conxelada, petiscos...) e do seu adentro, dalgún misterioso oco imposible, con arte de birlibirloque, fai aparecer diante dos meus ollos bobos... a Guía das Plantas de Galicia de Xosé Ramón García!!...  berrei.

Creédemo: pensei que a canda a min viña un naturalista prestidixitador,  habelenciado en ampliar a ilusión das  marabillas do cantil. 


A biblia manual do herbeiro naturalista galego actúal, a familiar  "Guía de Xosé Ramón", coa que tantos desfrutamos e aprendemos tanto, confirmou que a carón, entrallado nun mundo de croios, acompañado, entre outros, de trebos, Anthyllis vulneraria, estralotes, Digitalis purpurea, algún toxo, Ulex europaea e os tres soles marelos das flores dun posible Sonchus oleraceus, estaba un exemplar de Rumex scutatus spp. gallaecicus, taxon que fora descrito por primeira vez no ano 1989 por Lago Canzobre na revista "Anales  del Jardín Botánico" e que restrinxe a súa área de distribución mundial exclusivamente aos Cantís da Capelada, entre Cariño e Cedeira. Un elo natural entre pixís e discalzos. Un arruallo capelado. Outro máis.


"Planta perenne, glabra, con raiceira leñosa, glauca, moi ramificada xa na base... follas algo crasas... na mesma planta aparecen flores masculinas e femininas e hermafroditas... florece en abril-setembro en pedregais e chans removidos... parece moi semellante ao Rumex scutatus máis habitual en Europa, polo que é posible que só se trate dunha introdución reciente... considerada "vulnerable" en el Atlas y Libro Rojo de la Flora vascular Amenazada de España"... íamos lendo na Guía de Xosé Ramón.



Degoiraba realmente por poder botar un ollo consciente á azedeira da Capelada. Agora, de vello,  aprendín que tras dese aire de falsa berza azul que tantas veces ollara polo cantil, agachábase unha interesante especie única. Un endemismo  capelado que, pra máis, servía como especie directriz da asociación vexetal Loto glareosi-Rumicetum gallaecici, "una comunidad especializada que habita en las gleras de los promontorios de esta sierra" precisaban Oubiña, Soñora e Ortiz en 1996 cando na revista Botánica Complutensis -abaixo vai o achego- deron a coñecer  a existencia -entre as escorrentadas de croios e a cascarruaxe do cantil- dunha nova asociación  botánica que ten como véctor guía ao Rumex gallaecicus.

E por riba  fallábame no cartafol  de endemismos  capelados. Como non ía estar ledo! 



Observámola entre voces  gratificadas e gastamos unhas olladas en ver de dar polos arredores coa presencia dalgún ca outro pé. Varios exemplares, non sabería lembrar cantos, foron aparecendo nun pequeno radio de dez ou doce metros. A ecoloxía era a que se precisaba pra sere colonizada: cascarruaxe de pedras "de unos 20cm y bajo ellas con frecuencia está presente un horizonte orgánico-mineral de espesor variable, pero siempre existe contacto lítico próximo, lo que ocasiona un déficit hídrico y de nutrientes importante" (Oubiña, Soñora e Ortiz). E máis ou menos iso era o que tiñamos diante. 

Velaí van tres olladas doutros tantos pés  de  Rumex gallaecicus:




Pertencente á familia das polygonaceae, o xénero Rumex  comprende á nosa azedeira e a un grupo amplo de especies botánicas. Discútese, e algúns autores xa o asumiron, se poidera ser prudente gallalo nos catro subxéneros recoñecidos Acetosella, Acetosa, Rumex e Bucephalophora e facer de cada un deles un novo xénero. Plantas polo xeral ruíns e inzadoras,  corren en galego, asegún a zona e a especie, cos nomes ben coñecidos de aceda, acedeira ou labaza; e outros non tan famosos: ceda, aceda real, herba salgada, lampaza, herba alabarza(D.de D.) Levaran o nome que levaran, nunca se me deu a coñecer paisano que falara ben delas. 

Sendo caso que nos picaran as estrugas,  cóllanse decamiño unhas follas de labaza; as que,  estruchadas e refregadas contra da pel ate conquerir que un verdallento zume de seiva remolle á zona, provocarán un rápido efecto balsámico que adormecerá notablemente a picazón e fará nacer un sorriso de alivo. 

Nin daquela os paisanos falaremos ben da labaza: aproveitamos pra maldizer a quen nos picou.


Aceda, é tamén voz usada por Galicia adiante, en Ancares non hai tanto,  pra chamar ao xénero Oxalys, que de cativos triscábamos pra apreciar a súa frescura aceda na lingoa  e chamábamos herbas da fame. En Piornedo os avós aconsellan aos netos que se teñen sede no monte petisquen nas follas das oxalys, das acedas digo, pra que o acedo da folla lles refresque a boca. Acedeira aparece en moitos dicionarios pra denominar a bó número de especies deste mesmo xénero. Azedeira é a grafía que escolleron M. Serrano Pérez e R. Carbajal Villaverde pra denominar  no "Libro Rojo de la Flora vascular de España" ao raro Rumex gallaecicus. E azedeira foi o termo que elexín pra este artigo, por respeto aos padriños que a cristianaron, por ser grafía que me agrada e  por que esa voz  non deixa de vir arrastrada por un rumor que leva á matria: a Cedeira.


Mentres se discute cientificamente a validez taxonómica desta sub-especie, e por tanto a comenencia ou non de invertir esforzos na súa conservación, deberíamos artellar, in dubita pro reoun sistema de protección legal e efectiva que garantice a súa pervivencia, que non debe de ser outro ca unha xestión e regulación, con criterios naturalistas e conservacionistas, de toda a Serra da Capelada no seu conxunto e,  dun xeito prioritario, inexcusable e inmediato, de toda a línea de cantís e  dos cimais que os coroan. 

Se tal fixésemos, non só aseguraríamos a azedeira, senón que a fecunda sementeira da enxebrísima biodiversidade  da Serra Da Capelada, arca das alfaias ártabras, coas sementes do seu tesouro ben gardadas en terra virxe, acreditaría futuras anadas de culturas farturentas pra poder seguir gozando da bravura da costá destemida, deste xardín de ventos e flores no que canta o merlo azul e onde a corza brinca entre cons de anfibolita e penedías de calcedonia, pedras vellas, coñecedoras, escraquenadas, sobre  as que levantamos todos, día a día, o soño da Historia do noso mundo:  en condomiña entre os que pasaron, os que estamos e os que virán. 

A  parroquia de vivos e a parroquia de mortos.

Historia  natural galega ao noroeste do Noroeste.

Vaia polas ánimas.



Isto parece que se vén acabando. Quédanse moitas cousas por comentar e escribir: a facilidade do xénero para hibridare, os perigos concretos que asexan á azedeira, o debate mononuclear sobre a conveniencia  ou non de declarala  sub-especie propia... e tantos outros. Xa dixemos que Rumex é un xénero amplo e complexo. Quen quixer ampliar coñecementos ten máis abaixo os achegos. Por hoxe abonda. Non convén abusar da benevolencia de ninguén. Da dos meus estimados leitores tampouco.

Así é que, agradecéndovos de mil amores a oportunidade que me concededes de facervos chegar ao adentro dos vosos sentidos estes arumes da luz do cantil, estes murmurios da xente do ouzal, voume, polo de hoxe,  despedindo. 

Moita saúde e sorte, miñas e meus.

A mandare.


























Achegos:
a) A Ficha correspondente ao "Atlas y Libro Rojo de la Flora Vascular Amenazada de España" editada polo Ministerio de Medio Ambiente. O pouco se é bó, vale moito. Un imprescindible. Entrade.
b) Un pequeno artigo, pro moi substancioso, de  María Inmaculada Romero Buján "La Flora vascular amenazada de Galicia. Catalogación y protección de las especies" Premer.
c) Completo estudo do xénero Rumex en Flora Ibérica, cos debuxos científicos precisos e fermosos. De categoría. Para entrar.
d) "Loto glareosi-Rumicetum gallaecici, una nueva asociación de los acantilados de Cabo Ortegal y A Capelada (Galicia, NO de la Península Ibérica)" por Juan Rodríguez-Oubiña, Xabier Soñora & Santiago Ortíz. Para saber.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

Flor de San Xoán e azedeira da Capelada

domingo, 30 de maio de 2010

Centaurea borjae....¡¡¡ na Punta Chirlateira !!!

Camiñamos estoutro día, sábado 29 de maio que pasou, as abas dondas e espiñentas da Punta Chirlateira, sen levar outro aquel que desfrutar dunha tardiña de lecer e esquezo, gozando das vistas da entrada da Ría de Cedeira, das escraquenadas costás ártabras que baixan a sur e dos gallos tesos que defenden o Paso do Boi.






Máis por humor ca por rigor, íamos levando conta do número de especies floreadas que íamos atopando no noso acomodado e pouco apurado paseniño. Ata 76 flores diferentes iluminaron e aledaron o serán, entre elas esta particular Lithodora postrata, con 8 pétalos branco rosados e lixeiramente azulinos, que de seu deberian ser cinco, fermosa e fortemente azuis.

Abondosos eran os Leucanthemun plurifolum, a margarida salvaxe, un endemismo das costás galegas dende Fisterra ás Asturias e que no paradiso ártabro amósase acochando fermosamente os cantís da beiramar.

As fermosas cabeciñas da inflorescencia do Allium sphaerocephalum, o allo da area, soerguíanse de entre as pedras das penedías da beiramar...

...alí onde tamén locían os moitos Sedum anglicum, avermellando a griseira toneira de anfibolita.
E por alí botamos conta da Euphorbia.flavicoma un outro endemismo das ribeiras cantábricas, de Ortegal ao Pirineo.
E desfrutamos, canto nen se conta, das moi abondosas, elegantes e delicadas orquídeas lixugadas, Dacthilorryza maculata, que aduviaban o monte soerguéndose firmes por entre as herbas e as encoiradas espiñas do toxo.


E aínda tivemos a sorte de dar cun par de exemplares de Serapias cordigera, outra orquídea, con moi poucos lugares de enraizamento na bisbarra (eu só coñecía unha colonia nas Somozas).





Pero se calquera destas especies aledaría o serán do afeccionado ao monte e daría por se mesma groria cumprida a calquera paseo naturalista, a presencia sorprendente de algo máis de 30 exemplares de Centaurea borjae medrando polo medio e as beiras dos camiños fixo brincar de gozo e espranza a este humano.

Sorprendente escribín, pois Centaurea borjae, endemismo mítico incluído no catálogo de especies en perigo de extinción, só contaba con poboaciós coñecidas na Serra da Capelada, en moi poucos núcleos ben localizados, e no Cabo Prior nunha colonia de poucos exemplares.

Esta nova colonia medra para máis entre as regañas das rochas de anfibolitas, como pode verse na foto, o que representa asimesmo unha novidade (as outras medran entre serpentiniñas ou graíños), e máis sorprendentemente aínda no medio das rodeiras, cando non na rodeira mesma, dos camiños da Chirlateira, frecuentemente recorrida por coches campeiros.
Sempre pensei que entre a Capelada e Cabo Prior había espazo suficiente para existiren outras colonias de Centaurea borjae, que só era cousa de facer unha rebusca amoda e coidadosa, pero ata o día de hoxe non poidera dar con elas. Así é que estes exemplares imprevistos, que máis ben deron eles comigo, viñeron a confirmar unhas vellas sospeitas. De seguro ha de haber outros máis.
Estas centaureas chirlateiras, presentan un aspecto vizoso e forte, con flores grandes e fermosas, e a súa presenza nos camiños e nas rodeiras, dá en pensar nunha colonia reciente, e ao mellor fálanos dunha tendencia á expansión da especie, mesmo velas medrar nas regañas novas das anfibolitas escachadas parecería querer confirmar esta sospeita.


Sexa como sexa estas novas centaureas veñen representar un raio de espranza para unha especie emblemática do noroeste do Noroeste, vendo así como aparecen máis espazos de habitación e como algúns dos seus perigos clásicos, o gando caprino asilvestrado, está ao parecer cada día máis controlado.


Fai falla que un dos outros perigos recoñecidos, a tendencia dos gobernos locais a levantar miradores turísticos en áreas de extraordinario valor ecolóxico, tome concencia do valor de futuro que estas especies endémicas e únicas posúen e se esixan unha revisión biolóxica coidadosa de cada unha das áreas onde queiran facer miradores, paseos ou calquera outro artello turístico que tan satisfeitos os deixa e tanto maltrato provocan cando se fan sen saber onde se poñen os pés.


E polo de hoxe nada máis, así vai quedando a cousa.


Apertiñas para todas e todos e os meus agradecementos por andar por aí fóra.


A mandare.


E acolá quedan estes achegos, o primeiro é o clásico artigo de Valdés-Bermejo e Rivas Goday do ano 1978 dando noticia nos Anales do Instituto Botánico Cabanilles da descrición da nova especie.