XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 17 de maio de 2023

UNNHA DESFEITA MOI BEN FEITA








































Sen palabras

    Non aturuxarei o voso entendemento ofrecendo unha explicación comprensible desta desfeita tan ben feita. Deberán ofrecela os artífices, seguramente un enxeñeiro e algún político ao alimón, de tan asombrosa intervención. Sei claro que se comenta -que o comentan promotores e defensores desta desfeita tan ben feita- que era moi necesario este labor pra librar aos marouzós, ao sistema dunar, da recurrente invasión de piñeiros con que se ve inzada cada vinte anos, aproximadamente, por cousa da sementeira que voa dende o histórico e vello piñeiral. 

    Lembro perfectamente e teño rexistro gráficos  da anterior entresaca acontecida durante o mandato de  Antonio Campos. Aproveitárase daquela unha máis ampla intervención no areeiro que incluiu a erradicación do depósito das varreduras municipais acumuladas no entorno da lagoa de San Martiño; a rexeneración deste última criando un curioso espazo artificial de lecer natural; a construcción do paseo peonil que dende a vila chega aos morouzós, pasando polo Cabalar e finalmente a plantación dun amplísimo número de árbores caducifolias que se naquela altura eran chantós hoxe conforman un moi cumprido e valiosos fraguío. Quen dubida de que o premio Carlomagno con que se premiara a Ortigueira tiña alicerces nos que argumentarse?

    Non coñezo nengún naturalista que non defenda como ben oportuna a erradicación de especies alóctonas e inzadoras en calquer  habitat natural. Tampouco coñezo ningún naturalista, e teño falado con ben deles, que entenda  axeitada a técnica e método seguidos nesta desfeita tan ben feita dos morouzos da plaia de Ortigueira. Non coñezo ninguna Escola de Montes onde se explique que pra defender o sistema dunar o camiño que hai que seguir é o da seu esbandalle.  Descoñezo en que Escola de Montes  estudou quen deseñou esta desfeita tan ben feita.

    Dende logo servidor non avala que pra defender o morouzón da invasión recurrente de piñeiros o mellor camiño que hai sexa eliminar completamente o fermoso piñeiral da plaia: por máis que saibamos que en morrendo  o can acábase a rabia. 

    Aceptando como é razoable dende a prespectiva da defensa da vexetación autóctona do morouzón que librar ao areeiro dos piñeiros é un labor necesario, a intelixencia menos aguda pregúntase de inmediato: porqué esperades vinte anos pra facer ese traballo?????? Porqué se espera a que ás árbores estean ben medradas, os toros sexan rollas e os páxaros aniñen nelas???? Porqué facer esta intervención entre abril e maio cando a vexetación que se quere defender está florida e procreando???? 

    De maneira moi parecida esa mesma intelixencia que non entende nada debe preguntar, porqué non ides entresacando cada ano os piñeiros que brotan sementados polo vento dende o vello piñeiral????  Aínda non  sendo moi dilixente, non chegaría un só operario que en poucos días e a pé e sen maquinaria destrozadora, limpara os piñeiros que saisen cada ano?????

    Claro está esa mesma intelixencia simple pero desconfiada segue a preguntarse, non será que queredes obter un beneficio económico por diante dun beneficio ecolóxico???? que queredes ter unha plantación clandestina recurrente de piñeiros nun habitat natural???? 

    E ben se entende que sendo esa cabeciña de pouco andar non sabe tampouco cantos cartos sacaron das rollas, nen onde se invirten eses  cartos, nen quen a vendeu, nen a quen, nen cando, nen como, nen de que  maneira: se en subasta pública ou en contubernio privado.

    Esta pobre cabeciña dende hai moitos anos só sabe que non sabe nada e se aspira a saber algo, algunha vez, será por exemplo os nomes dos axentes causantes de tan prodixiosa desfeita: empresa. enxeñeiros e políticos.

     Non por nada, só porque prometo estar eternamente  admirado, rendido de asombro ante tan cínicos e sublimes artistas da desfeita. que me deixan  sen palabras.

    A mandare.
 




PAZ  E  PALABRAS