XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 25 de xullo de 2010

Relato de vrao


No ano 1989, e no número 11 da revista local Olláparo, publicamos o relato de Xosé Manoel Cortizo Barja, xeógrafo e camiñante, titulado "Baixada ao Cadro. A aventura é posible en Cedeira". Xa choveu. Abusando da amistade e da súa liberal xenerosidade tiven o atrevimento de pedirlle permiso para unha nova edición, agora nas páxinas non impresas deste bló. Non sendo moitos, ao mellor é o único, os relatos literarios de viaxes que tomen ao noroeste do Noroeste, e as súas xentes, coma protagonistas activos, pensei que a súa reedición podería prender o interés dos lectores deste bló. Saberase. Pediume el a min que lle concedese a oportunidade dunha revisión do texto e a introducción das oportunas rectificaciós. Faltaría máis. Feitas elas e concedida a autorización teño o gosto de aforrarvos inmediatamente o sufrimento da lectura da miña ortopédica prosa e deixarvos abandoados no pracer da lectura escrita do bó e xeneroso do Xosé Manoel a quen agradezo infindo a súa xenerosa disposición . Que aproveite, miñas e meus.

❁❁❁❁❁❁

BAIXADA AO CADRO

Esta reportaxe debe ser lida como unha chamada á sensibilidade natural das persoas para que abandoando as rutinas ordinarias de apoiarse na barra dun bar, de esvacoarse nun sofá diante da televisión, de escachar mil nocellos neses xogos ou de practicar calquera outra adicción que os posúa, recuperen o saber antergo e eterno que ofrece o contacto íntimo coa Natureza.
(O autor)


I


Hai moito tempo que pensara en baixar ao pé dos cantís da Herbeira. Era unha débeda pendente comigo mesmo. Coñezo estas terras dende hai moitos anos. Recordo á primeira ves que mirei o Atlántico dende estes altos. Era o vrao do ano 1971. Lembro que aínda non fixeran a carretera e para chegarse á garita non había se non un cortalumes, que, roído polas augas, por non ter non tiña nen terra. Non esquezín xamáis a fonda impresión de fermosura que produciran en min estes abismos.

Un día de neboeiro do mes de outubro de 1988 puiden facer unha outra visita a estas terras e pensei: “Quizaves non teñas ocasión mellor de baixar á beiramar”. Eu tiña sentido que os percebelleiros tiraban por un camiño estreito e quixen atopalo por min mesmo.

Subín á Herbeira en coche e deixeino aparcado ao pé da carretera. O día era moi gris e pola banda de Cerdido, preto. O vento de vendabal gabeaba dende o mar polos riscos e levantaba, como nunha cheminea, ao neboeiro por riba da vixía, causando unha infrecuente clareeira que iluminaba o día. Raiolas do sol travesaban a neboeiriña e facían resplandecer o día cun arco da vella que aboiaba no chumbo do mar e chantaba seu outro lado na Punta do Cadro.


Unha parella de madrileños atopábase no mirador, amilagrándose, calados, da curiosa rareza climática. Principiamos a conversa. Tamén eles eran afeccionados a percorrer rutas a pé e coñecían, tamén, case toda a costa peninsular. Estivemos dacordo en que non había en toda ela costás e paisaxes máis bravíos nen máis rotundamente fermosos ca estes de Ortegal. Contáronme que tamén eles fixeran o camiño de Camariñas ata Laxe pola beiramar e que xa noutra ocasión tentaran baixar á ribeira dende o alto da Garita. ¡Certamente tiñamos afeccións comúns¡


Despedímonos. Colleron a súa Suzuki de montaña e tiraron para Cariño. Ían camiño das Asturias, pero en Ferrol non deixaran de desviarse para voltar a ollar estes abismos. Eu ía tentar chegarme á marea.
Camiñei coma cincocentos metros polo alto do cantil na percura do lugar no que me parecese máis levadeira á baixada. Levaba un bastón de camiñata, moi azoso para roteiros chaos e que queria probar en terreos peados, un macuto co xantar é unha cámara de fotos. Máis ou menos a altura da mámoa que no mesmo bordo do cantil se atopa, empezei a baixar. Con precaución e amodiño. Pouco á pouco voume sentindo máis seguro. O barolo axúdame e as uces e máis as herbas van facendo unha escadeira natural. A costa, maila a súa enorme pendente, lévase ben. Diríxome a un pequeño piñeiral que está uns douscentos metros máis abaixo. Ao chegar a el algunhas moscas ladras péganseme á roupa e enguedéllanseme nos cabelos. Doume un repouso e líbrome dos insectos. Acubíllome nunhas penas para me folgar e facer unhas fotos. A paisaxe mereceio.


Denantes tornar a camiñar estudo o terreo. A partires de eiquí os toxos fanse a vegetación dominante e hai que mirar por onde a toxeira se deixa andar. A pendente é menor, pero os toxos fan dar moitas voltas. De repente, sen que antes o vise, o terreo córtase a pico de canteiro e non me deixa seguir. Tiro cara á dereita, buscando a canle dunha escorrentía que vai enxoita. O acceso faise difícil e perigoso. Ao abeiro das penas medran felgos e as herbas son longas, máis o resto da terra está gañado por unha toxeira vella que me vence en outura e mestura e finalmente faime renunciar o meu intento. Por alí dende logo non baixaba ningún percebelleiro.

Sentinme defraudado. Baixar por calquera outra parte non me parecía ao alcance das miñas condiciós, máis ben escasas, de alpinista. Tomei a decisión de intentalo de novo, pero esta vez acompañado, se era posible, por un percebelleiro. Era sábado e eran as cinco da tarde. O luns á mañá, sen falta, tiña que estar en Santiago. Sabiao, tiña poucas posibilidades de conseguilo, pero intenteino e … ¡ tiven sorte!


Os bós amigos de Cedeira, nun bar pequeño e agarimoso, con recendos de fumes prohibidos, presentáronme o que sería o meu guía: e un home como de 38 anos, pequeno, enxoito, con fondos regos de vida gravados na cara, barbuxa que as veces quere ser roiba, cabelos longos e enmelenados en rizos e unha ollada profunda e escrutadora. Ten maos fortes e nuosas e un aspecto xeral de maratoniana resistencia física. Viste botas campeiras e chaqueta vaquera con flecos. Parece un persoaxe original e extravagante. Gústame. O día seguinte contarame cousas da súa vida: a afeizón que ten a escribir, a súa profunda crenza en Deus, os seus tempos de navegante en barcos piratas por mares, tabernas e liortas exóticas, os seus degoiros de ser explorador nas Montañas Rocosas, a súa esperanza na arrivada dun Mundo Feliz ou a súa consciencia de sere un "Rey de Reyes".



O nome faille honor ao home: Richini Richinoff.

Foi unha coincidencia: a el víñalle ben ir aos percebes canto antes, pois andaba escaso de cartos, e no Cadro pensaba facer unha boa marea pois sabía que non estaría moi andado.

“Efectivamente -díxome- hai un camiño para baixar, e mañá mismiño se queres iremos por el”. Algúns dos que se atopaban no bar decían que era un camiño que poñia os pelos de punta, outros decían que non era para tanto, que se baixaba ben e que os había moito peores. “Bueno, oh, baixan hasta as mulleres, e ti non serás menos que unha muller ¿non?, preguntábame Richinoff poñendo ollos de aguia para poder profundar na miña ialma. "Non teñas medo, oh, - díxome con caridad- baixase ben”.

Eu, que padezo de vértigo, sintín un baleiro no bandullo.


II

O domingo alborexeu gris e gris ficou todo o día, co nubeiro alto, nun día maino de suroeste. Un bó día para camiñar, pensei.

Animado coa proximidade dunha experiencia na que intuía emoción e aventura, preparei o petate con comida para dous: queixo fresco, uvas, bananas, pan de leña e conservas en lata. Metino todo no macuto, collín a cámara de fotos e mailo bastón e puxen toda a miña impedimenta na trasteira do coche.

Fun recoller ao Richinoff no sitio e na hora que conviñéramos e pasamos pola súa casa para pillar as ferramentas: tres cachas cortas e outra longa rematada nun salabardo.

Xa de camiño para a Herbeira paramos na taberna de Roque, lugar das Pontigas, parroquia de Régoa, para mercar algo de bebida. Richinoff merca zumes de melocotón e albaricoque, refrescos e unha caixiña de rubio de batea. El convidaba as bebidas e non deixou que eu pagara nada.


Enfíamos directamente ao monte. Nos poucos quince quilómetros que hai ata a Garita, doume de conta que o meu compañeiro e eu temos cousas en común: dime que hai tempo que está a escribir un libro que non sabe se poderá publicar, descubrindo, coma unha dor oculta, o exercicio, ao parecer agachado, da literatura. Eu coñecía esa timidez vergoñenta perfectamente, así como compartía, (ainda que en menor escala según fun descubrindo), a súa afección a fumar resina de cannabis.

Richinoff resultou ser un conversador infatigable e nunca souben se admirar máis a tenacidade de aceiro do seu corpo ou a do seu espíritu que non renunciou a conversación nen nos intres máis duros da subida, cando todo o osíxeno sabe á pouco. Comunica as súas impresiós, (sempre personais e orixinais, sobor de Deus ou o do Demo, dos homes ou das mulleres, da sociedade ou del mesmo, sobor de todo ou sobor de nada) con tanto desenleio, gracia ou soltura coma solemnidade, misterio ou tenebrosidade, mor dunha voz de actor grave e profunda que acada matices insospeitados. Richinoff resulta ser unha persona complexa, difícil e interesante, unha extraña alquimia de aillamento e cosmopolitismo, de modernidade e enxebrismo: cecáis un fractal da alma galega, se esta existe.


Cando chegamos ao alto da Herbeira establecérase xa unha corrente de simpatía e respeto mutuo que comenzaba a gromar en amistade.

Mandoume aparcar o coche máis abaixo de onde o deixara eu o día de ontes, cabo dun pequeño curro onde naquela mañá de domingo albéitar e paisanos traballaban duramente co bravo gado do monte.

Richinoff viñera toda a viaxe coa baranda do salabardo ao lombo, atravesada en diagonal toda ao longo do meu pequeño utilitario e sobresaíndo pola ventaíña de babor a rede e maila cacha. Saleu daquel loro coma unha anguía e, pé en terra venteou o tempo dicindo: “Non fai mal tempo, nen frío nen calor. Ao que tal. Mundo Feliz, coma debe de ser”.


Cargamos os nosos aparellos e encetamos o camiño. Richinoff mete as súas cousas na rede do salabardo e cargando no ombreiro o pau compón o equilibrio coas solas das súas campeiras. Detalle aquel que si naquel intre só me pareceu curioso, logo, baixando, pareceume que deixaba en moi mal lugar a profesionais da montaña perfectamente arranxados. Eu levaba, cruzadas no peito as correas do macuto e da cámara e construía o equilibrio co meu bastón de camiñata. Tres pés, sempre mellor ca dous, pensaba.


Atravesamos a estrada e saudamos aos homes que traballaban coas vacas e os bois. Fago unhas fotos. O meu guía vai diante ensinándome o camiño. Colle pola parte baixa do desmonte e deixando o curro á esquerda chega a un carreiro mouro, estreito e lixeiro. Decamiño o mar faise compañeiro inseparable da viaxe, mentras a terra baixa con presa os seus seiscentos e pico de metros ata el. O carreiriño vai baixando amodo, cortando a caída do peirao entre fendechas de arxila azul. É un paseo fermosísimo. Os cantís xa se deixan ver e a terra toda está chea dos tonos quentiños do outono. Un fato de cabuxas espalea as súas cores, cal punteado de artista divino, polos ribazos, aló embaixo, no fondal, case ao pé da escuma mariña.


O camiño sobe ao lombo da espiña para pasar a outra vertente e alí desaparece: centos de metros de campeira verde e empinadísima están diante de nós. Por aquí non hai vieiro. Cada un escolle donde poñer os pés. O bastón axúdame a vencer a lei da gravidade. A costa vaise levando ben. Asegún imos descendendo o ar faise menos húmido e o chan máis chao. Estamos no Campo das Vacas, dime Richinoff. Unhas febles raiolas chegan a nós. Entre a parolada, e a mesma baixada, vou descubrindo as salvaxes condicións de traballo destes percebelleiros. Sen poder xamáis aforrar para unha lanchiña que os leve por mar, arríscanse a baixar polos guieiros máis perigosos da costá máis dura para, ao chegar abaixo, loitar coas augas poñendo un ollo na arrota e outro no percebe. Este é un oficio que deixa moito morto e pouco carto. Sen seguridade social, con non moitos días de traballo ao ano, con un precio ridículo para o seu producto, (bares e restoráns levan a ganancia) os percebelleiros terreiros forman un dos grupos e sectores máis marxinais e desatendidos do marisqueo galego. Algúns malviven exclusivamente deste producto; outros, (parados, xente nova, campesiños…) aproveitan o día que o mar e bó para facer algúns cartos. Ninguén se fai rico e cada ano alguén traxicamente perde a vida. Pola súa propia comenencia, (non lles ten conta subir polos camiños cargando cascaballo) só collen percebe medrado. Non practican o arrasamento vandálico das pedras. Representan na fin do século a supervivencia do xeito máis primitivo, natural, e xa que logo enxebre, da arte de mariscar. Sen pretensións e sen dúbidas.




III

Richinoff vaime abrindo o camiño, os ollos e o coñecemento a un mundo novo. Penso que tiven sorte e que atopei o guía perfecto para mergullarme na xeografía do Ortegal.

Estamos xa a algo máis da metade da baixada. Ata aquí o camiño non presentou problemas. Á esquerda fican os magníficos e asombrosos cantís da Herbeira, abanqueiro de verdor e negrura caendo na fervedura mariña, que posuen metro a metro o título de máis outa costá do sur europeo. Á dereita os cantís do Limo, non tan outos pero máis verticais e pretos, territorio do poder do mundo mineral onde nen as despreocupadas cabuxas se atreven a andar. Este é o reino do lique – santo e seña de pureza ecolóxica- que estoupa en toda a gama – albos, grises, azuis, verdes, marelos, dourados e roxos – conxugando un acorde visual perfecto. E no centro deste mundo: nós os dous, na panda do cabo, a facer camiño cara á espiña da Serra dos Gatos, recovecado mundo de serpentina.


Richinoff quere ensinarme algo. Adiántase uns metros e achégase a beira do cantil. Deita o corpo no chan e amodiño, amodiño, vota a cabeza cara fora. Faime señas de que o imite. Deitome eu tamén e asomo a testa: un precipicio de douscentos e pico de metros leva a miña ollada ata o baleiro. O vento zoa de frente. Sinto as sensacións do páxaro mesturarse coas humanas: o dominio da física, ansias de votarse a voar por riba do mundo, o engado do abismo que parece chamarnos, o vértigo, o mareo. Tocados da mesma corda Richinoff e eu, ao tempo, chimpámonos para atrás, percurando na herba e na terra a seguridade do que é firme. Sacudimos a cabeza e ollándonos, rímonos das nosas comúns impresións intuídas sen palabras. Dime que este é o sitio onde se repousa ao facer o camiño de volta. Chámalle a Fiestra do Vento.

Denantes seguir baixando, disfrutamos outra volta da atracción do abismo, da fermosura do medo e o perigo.


Impresionado aínda vou detrás do meu compañeiro que está xa a andar. Empezamos a parte realmente perigosa do camiño, que por aquí non é máis ca unha estreitiña sendeirada case vertical. Hai que ir con moito coidado. Un mal paso pode ser mortal. Para min vaise volvendo imposible seguir ao Richinoff que de ves en cando párase para esperarme e esplicarme como debo de baixar.

“Pisa nesa pedra, que é firme” ou “Coidado con esas outras que esborrallan” vaime dicindo con misericordia mentras olla con caridade para a miña faciana onde a precaución, a súor do medo e o vértigo van xuntas.

Agora o macuto, a cámara e o bastón son exactamente unha impedimenta. Empezo a chamarme a min mesmo “turista”. Ando baixando xa, máis que cos pés, coas maos e co cú. Richinoff, dereito sempre sobre as solas de coiro das súas campeiras, o salabardo e as cachas ao lombo, vai dando leria sen parar.


A vía de baixada a Punta do Cadro vai case dacabalo da arista entre o precipicio e a montaña, e as veces achégase tanto que a separación é cousa de centímetros. Eu, cando o camiño se achega de máis ao profundo, collo un pouco por terra adentro, arrastrándome, máis que sexa machucando toxos co pelexo e maila que o sinta a cueira do meu pantalón.

Asegún se baixa, o camiño semella unha escadeira caricola feita de pedregullo, pisadas e cagadicas de cabuxa, escaqueándose de tres en tres pasos ata levarnos a unha estreitura: a babor paredes escuras de dunita esbarante, a estribor unha caída vertical de trinta metros sobor dos enormes pelouros recubertos de liques, e entremedias, un paso coreño rompido a dous niveis. Hai que asentar os pés e dominar ao vértigo, pisar con seguridade e en firme, esquecer o pedregullo que esbara baixo das botas e tirar para adiante coma un toureador ao toque do clarín. Que sexa o que deus queira.

Logo deste mal paso o camiño hase de ir facendo máis azoso e, aínda que sempre hai que andar precavidos, xa se leva ben. Os sentidos ate agora atentos e nervosos, afloxan, relaxan e convidan a un folgo.


Repousamos a carón dunha pena grandísima. Calados, alentamos e disfrutamos da vista. Volvo a asombrarme da xeografía que me acobilla no seu seo: a máis fermosa e espectacular paisaxe das costás ibéricas. Kilómetros e kilómetros de cantís enxebres e esgrevios, dende Candieira e Tarroiba ata Punta do Limo e os Aguillóns de Cabo Ortegal, e entre eles os Farallós das Cortes e a inmensa aba vizosa da Herbeira e a Punta do Cadro, zoupanse no Atlántico nun espectáculo xeolóxico único: o misterioso complexo tectónico do Cabo Ortegal, as terras máis antergas do planeta Terra.
Síntome no embigo do mundo mineral, no ollo procreador de Panxea, no berce do alento natural.


As serpentinas, saídas das entrañas do mundo, ofrécensenos coa beleza sorprendente criada pola erosión diferencial, a mesma que non poidendo roer á durísima ecloxita confire á Capelada o seu aspecto característico. Gneiss, anfiboles, granates, demantoides, dunitas, olivinos, cromitas, ópalos, calcedonias...e tantos, tantos outros e raros minerais conforman un atlas xeolóxico a ceo aberto sen igoal no mundo enteiro.
Sosteñen para máis unha vexetación prodixiosa, riquísima en endemismos, a pronunciación dos que semella un poema ecolóxico murmurado en esperanto latino: Festuca brigantina, Linaria aguillonensis, Rumex gallaecicus, Crepis novoana ou Centaurea borjae conviven cun mundo de felgos extraordinariamente valioso dos que a menor chufa que lles podemos dar e a de seren relictos da botánica tropical que circundaba as terras perimediterráneas na era Terciaria. En concordancia, a presencia dun mundo animal de seu, extraordinario e moi mal coñecido no que respecta aos artrópodos é unha realidade a estudar e protexer. Sirva de gromo a presencia anual confirmada nos altos da Herbeira, do rarísimo merlo de peito branco, Turdus torquatus, que repousa non lonxe da garita na súa migración anual entre Africa, onde inverna, a Escocia, onde cría.


E no medio destas ribeiras: San Andrés de Teixido, fin do camiño espiritual do occidente pagano, habitando un circo de defluxión que garda, desgraciadamente inzada de eucalitos, os restos dunha fraga das que só viven xa na memoria.


Historia e xeografía sen par, cátedra de xeoloxía na flor da terra, botánicas únicas e faunas extraordinarias e todo elo nunha mesma convivencia ecolóxica conforman un dos conxuntos naturais máis importantes da Galizia.

Non sei en que sinestra oficina política concederan as proteccións e vantaxes que se derivan do nomeamento de Parque Natural ou similar, nen sei que kafkianas xestións habería que facer para acadar tal título, pero si sei que estas costás do Ortegal, as máis outas, as máis bravas, as máis puras merécenno con todas as honras.





IV

Sentados ao abeiro dunha enorme pena, por unha vez calados, alentados polos fumes da resina, deixamos vagar as ideas nestes e noutros pensamentos, mentres abaixo agárdannos a beiramar e os percebes. Non tardaremos en volver a camiñar.

Un pouco máis alá chegamos a mirar o verdadeiro Cadro: unha xigantesca e negrísima pedra, un enorme cristal de dunita con forma case perfecta de prisma cúbico que parece aboiar sobor das augas do mar repousando sobre dunhas penas achairadas e acastañadas, ofrecendo unha desacougante sensación de solidez e ingravidez. Por si soa esta Pedra do Cadro, verdadeira kaaba do Ortegal, merecería por rara, perfecta e fermosa os riscos da baixada ata estes mundos arredados.


Desaparece o carreiro. Camiñamos por unha pedreira de pelouros máis outos ca nós. Sigo, case persigo, ao Richinoff que vai bulindo polo pedregal, aguilloado quizaves polo lene batexar do mar. Este está xa prósimo, séntese, úlese, escoitase. Uns mariñeiros de Cedeira andan a pescar na motora. Estamos na parte baixa do cantil. Camiñamos entre os derrubamentos dos riscos. Gabeamos arriba e abaixo das penas. Á esquerda medran tres ducias de piñeiros. Richinoff arroutado de repente por delirios de magnate turístico soña con poñer alí un camping e subir e baixar os turistas en funicular. ¡Que non o escoite un concelleiro de turismo!


Estamos a chegar á beiramar. Richinoff lévame, por entre as pedras negras, enormes e espidas nas que o salseiro non deixou medrar aos liques, ata o seu cómaro preferido: un recuncho amplo, abrigado, de pedras lisas, luidas, doadas para se deitar nelas ou apoiar os lombos cansos. No centro do seu paraiso amósame o que el chama “ a piscina”: unha poza grande e fonda de auga mariña limpísima que se anova coa marea. Unha colonia de ourizos vive nela en veraneo perpetuo. Richinoff cóntame que dunha volta pasou máis dunha semá vivindo aquí abaixo nunha tenda de campaña, e súa aínda ao recordar cando houbo de volver cargado coa tenda, os artellos e aparellos e co saquete dos percebes ao lombo, levaba máis de trinta kilos dime, e a toda presa, que no alto agardabaio o taxista, según conviñeran, chamándoio con bocinazos desafalazados. Fazaña dun xerpa do cantil capelado.


Imos pousando o lastre no chan. Richinoff está ledo. A marea está no momento xusto e o mar é moi bó. “Podre”, chamaralle, querendo dicir “máis que morto”, continuando expresivamente “Hoxe hai percebe ata donde cagan as gueivotas”.

Vaise fardando coas súas roupas de labor, pobrísimas e vellísimas: zapatillas de esparto desfiañadas, chaqueta de auga rabuñada polas penas, un bañador de algún tempo, e un pantalón de pana aínda resistente, todo amarrado con sabencia mariñeira por cordas de nailon revellidas.

Lía outro pitillo e anímame a mariscar. Ensíname como teño que facelo e pregúntame se quero acompañalo a onde vai el. Vou tras del e rapidamente me decato que na captura hai máis perigo que na baixada. Descender ata onde andan os percebes por paredes molladas, enxebradas e verticais era demasiado arriscado, camiñar por entre as pedras entre o ir e vir das mansas alentías que así e todo sempre se rebrincan, é só cousa de expertos. Lembro a memoria tráxica anual dos percebelleiros de ocasión e por un elemental sentido da prudencia decido non ir tras do Richinoff e adicarme a percorrer a beiramar o meu antollo, observándoio todo, aprendendo, sentindo, deixándome arrolar pola vivencia inmediata.

Marabíllame a grande cantidade de percebe que hai, aínda que sexa pequeño e admiro ao Richinoff que rebusca polas regañas máis escondidas e entre as piñocas, o mellor percebe, o máis recocho, “os abuelitos” como lles chama cariñosamente, e tamén, cobizosamente, “dez pesos”.



Na baixamar, como está agora, o cascaballo queda en seco e a maioría das pedras están cheas del, amosando na superficie as sinais das cachadas dos percebelleiros. Fago fotos e camiño entre as penas por acó e por aló. O mar bate mansamente, acompasando seu ronco son. Tres araos, que por aquí chaman aros, ao sentirme chegar saen voando sobre da tona da auga. Gabeo dunha pena a outra e séntome, desprendido das miserias do mundo a ollar o mar, chumbizo e marmuriante. Unha motora pequena pasa rentes de min e os mariñeiros mándanme un saúdo. Ao lonxe, sobre os Gallos da Candieira, chove.

Non poido resistir a tentación. Con unha das cachas que o Richinoff trouxera de máis, arrinco unha bolsiña de percebes da parte máis mansa da ribeira, dos que hai “onde cagan as gueivotas” e pénsoos levar, se todo vai ben, para Santiago e presentalos na cea, coma trofeo de safari, diante dos ollos, atónitos, da miña muller e da miña filla.

Richinoff non traballa máis alá dunha hora. Xa ten dabondo e amáis o mar xa ven subindo. Chega asubiando e gozoso. Fixo unha boa marea. Vinte mil pesetas, máis ou menos, calcula el. Mundo Feliz. Limpa os percebes da crácara e méteos no salabardo que se redondea e abomba ao sopesalos no aire. Cantando, vaise secando e mudando de roupa. Sentámonos, abrimos os refrescos, brindamos por nós e encetamos o xantar. Temos famiña e imos dando conta das viandas. Trocámonos relatos e experiencias de terras alleas e extranxeiras. Richinoff fora navegante e posúe unha memoria fotográfica e un relato oral chareteiro e argalleiro que fai que o ouvinte se sinta levado ao cerne dos contos.

Acabamos de xantar e fumamos outro charuto. A dixestión adormece o músculo. O ar está quedo e húmido. No alto do cantil as nubes cobren os cumios. Na orela marmuría o mar a súa cantiga. Un sentimento de equilibrio e ordeamento cosmolóxico acomódame por dentro. É un intre perfecto.Todo podería rematar agora.



(Restará aínda o camiño de volta: dúas horas e media de suor e vértigo, de natureza bravía e de aventura, de dificultade e de superación, ata chegaremos o alto, onde os sentimentos de vitoria persoal e cansancio infinito mesturaranse en min nunha pracenteira e dionisíaca sensación cos bimbios da cal urden nos ceos o cesto da felicidade. Ficará para sempre en min a lembranza vívida dunha lección de xeografía e antropoloxía inesquencible e manterei para sempre xamáis unha débeda impagable con Richini Richinoff, "Rey de Reyes").






Nota marxinal: Hei de agradecer a Richini a súa inmediata colaboración para se deixar retratar sen medo co gallo de poder ilustrar axeitadamente este relato. Desgraciadamente o tempo pasa e xa non somos quen fumos. As barbas rubias que mirara hai vintetantos anos Cortizo Barja son agora neve das horas de plata, pro a ollada de aguia, a mirada misteriosa, o aire de cómico e a seriedade do percebelleiro curtido van para sempre gravados entre os "fondos regos de vida". Mil gracias mil, Ricardo.

martes, 6 de xullo de 2010

Os Farallós da enseada das Cortes

A fermosa enseada das Cortes. Todo un exemplo da utilización histórica da xeografía polos seres humanos. Un enorme cortello, nalgún tempo todo el amuradado, para servir de refuxio e control do gado. Arestora os restos das muradas son malos de ver. Comeunos o tempo, o toxo e o esquecemento. A nosa Historia que se perde. Nós que non nos atopamos.
E na parte de vendabal da doce abra, Os Farallós. A esgrevia costá escraquenada, a memoria do descantil feita linguaxe de illós, cons e gabeiras. Un territorio perdido e malamente entrevisto ao lonxe. Un mundo solitario, apartado das desfeitas humanas. Que sexa por moitos anos.

Achegueime neste xullo de novo a el, logo de moitos anos de non ir ulir ao seu pé os recendos evocadores do mar bravío, da xebra, do barbouzón, da crácara percebelleira e da escuma callada e mesta. Os marelos halymiums, a carpaza marela, ese ouro do ouzal, saúdame, pisoteado, ao eu subir dende Chímparra, buscando o carreiro do alto que me endereite aos abismos.
Fálanme ledos en rosa os protexidísimos e valiosos gradiolos, Gladiolus iliricus, outra chufa desta terra, que asoman cantaruxando unha colorida tonada de vrao por entre as herbas uceiras. Son as horas ardentes e lediciosas da mañá. Xa o sol vai alto e soérguese o meu ánimo ao presentir o retorno a unha patria amada: a enxebre abra das Cortes.

Algún gamberro andou a pintarraxear os piñeiros do alto, disque para embocar a sendeiristas ao fondo do cantil. Que sinsentido. Os habituais dos peiraos, non botamos conta destas pintadas crípticas. E o descoñecedor vese perdido, perigosamente, no medio da peada toxeira aos poucos pasos dados. Estes cantís deben estar á parte da invasión sendeirista (a última provocación humana), e tomando exemplo dos Parques Naturais, (O Xurés, Corrubedo, viaxen e vexan señores mandarines), mantelos ao marxe de toda profanación de humanos. Que gostan do andar en mandas máis ca os ñus do Serengueti.

Alá abaixo miro o peirao que me espera. Estou no alto e rebúlenme os pés. Vexo os fondos areeiros: mándanme a promesa dunha pequena plaíña segreda que coñezo ben. Outra patria. Quixera baixar á brincos e verme xa na Plaia das Bolas, rubindo e baixando os duros pelouros que me levarán ate o pé da "mina dos romanos": o obxectivo final do percorrido.

Pero terei a intelixente prudencia de baixar amodo, desfrutando de cada paso, de cada pedra, de cada curruncho, onde poden aparecer os Iris latifolia, que sí que aledan a baixada, e se amosan nun número apreciable...

...como as fermosas Lobelia urens, que, de tan abondosas, fan pradas por min antes nunca vistas ...
...e os Alium ericetorum alumbrando as sombras do adentro do abaixo das pedras, todas elas peridotitas serpentinizadas...

Tres ou catro bestas andan a pacer tranquilas as salgadas herbas do cantil. Van a canda elas os poldros. Axócanse por iso. Alá ao fondo os farallós vense máis de perto. Xa estamos chegando ao fondo. ¿Onde vai a raza dos pequenos, bravos e duros cabalos capelados? Outra autoctonía perdida. Outra parte de nós suicidada.
Xa chego a Plaia das Bolas. O mar máis que morto, podre. Non se remexe nen a máis diminuta arrotiña. Incrible nesta costá. E a marea está baixa, dándome tempo de chegar á "mina" e pasear por iso todo o peirao dos farallós das Cortes.Catro pasos coidadosos máis e chegarei abaixo. Repóusase e cóllense folgos. Amáñase un pequeno encoro nas augas mananciais que xurden entre as pedras para ter unha fonte fresca e pura ao retornare, e séguese a andar.

A calor apreta. Os enormes pelouros son un problema continuo que hai que saber interpretar. Afortunadamente son un territorio familiar e coñecido e sei ben por onde se deixan andar.

Os arrumbos das xebras e dos golfos forman plaias recendentes, evocadoras que hai que pasar con tento e moito ollo: esvárase doadamente e métese decamiño o pé ata o fondo. Os varolos axudan a manterse dereito.

Chego a plaíña das Gaivotas sen maiores problemas. Desalbardareime, refrescareime cun longo grolo de auga e lixeiro de equipaxe, que quedará á sombra das penas, sen máis compaña que a cámara e un sombreiro de palla, encamíñome ao peirao dos farallós co obxectivo de chegar, e fotografar, a "mina dos romanos"
Vai quedando por detrás a Plaíña e vaise chegando de fronte a costá dos farallós...

...que paso a paso amosan a súa faciana salvaxe e pedreira....
... coma xurdida dun soño mineral antergo posuído de lembranzas xeolóxicas presentidas.Asómbrame, unha outra volta, a fabulosa paisaxe que me acobilla e diminúe, me emociona e me fai tremer. Calado, amilagrado e quedo, só sei mirar e sentir...







Traspasarei o requente bosque das agullas de pedra dos farallós das Cortes, suando de emoción e ledicia, de gozo estético e privilexio natural, da ausencia de cultura humana e da presencia da sabiduría salvaxe, primixenia e inmaculada, ate chegare ao final do percorrido: a "mina romana"

En realidade un arco xeolóxico de dimensiós considerables que ilustra os procesos de formación da Costá dos Farallós e que non me deixa seguir camiñando: aquí aínda non hai peirao; o cantil mesmo, de paredes lisas e outas chega ate a mesma marea.E este era en verdade o obxectivo desta visita: fotografar este monumento xeolóxico, moi pouco coñecido, e dalo ao coñecemento público dende este o voso bló, coma unha outra proba da riqueza natural, única e asombrosa, da nosa bisbarra: o noroeste do Noroeste ibérico.

Restará aínda para min o camiño de volta, recoñecer de novo a esgrevia marea dos farallós...

...repasar o camiño de volta, requencido por un sol cenital e cementador que rebrinca nas resecas e ardentes pedras requeimadas do peirao e báteme na faciana...... e me fai sospirar polas doces ledicias frescas, sombrizas e folgarizas, da plaiña das Gaivotas que me espera e se me achega, a cada paso lento e calmo que dan meus pes, cansos e satisfeitos...


Nela repousarei durante horas, entrando espido na mansa marea do día para me refrescar e esquecer as ardorosas suores do camiño; deitándome nas negras e ferventes lousas da dunita; repoñendo forzas co xantar do día que deixara na nevera da sombra fresca, escura e húmida do zumegante cantil; e deixando en fin que debalen as horas sen pretensiós...
... ate que a subida do mar me mandara coller de novo rumbo e ir facendo o camiño de volta, que é outro......tamén cheo de espranzas e promesas, a de volver a vernos, pedras, a de volver a vernos.



Quedará por último aganchar de novo o cantil, agora pasiño a pasiño, pois, qui va piano, va lontano... botando un ollo de despedida a todo...


... e se aínda andades a ler estas letras, coas que esta longa viaxe pedreira vai rematando, levade con vós o meu agradecemento por non me facer sentir só, pois abofé que se baixei eses abismos foi percurando a sabiduría agachada nos versos de Frei Luis" Que descansada vida/ la del que huye del mundanal ruído/ y sigue la escondida senda por donde han ido/ los pocos sabios que en el mundo han sido" e xúrovos que alá embaixo non me atopei con ningún. Non quedaran, se coñece.
A mandare, totus meus.