XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 19 de agosto de 2009

Un ciño no Lago de Lanzós


Entérome, leendo o bló Extremebirding, que anda un ciño de fuciño marelo, Cygnus cygnus, polas canabeiras e carrizais da lagoa areeira da plaia da Frouseira, o fermoso e malpocado Lago de Lanzós, que na hora está cheo e inmenso, ao que tal para servir de repousadoiro e folgarío ás xentes de auga e aire.

Tal, imaxno eu, debeu pensar este fermoso exemplar adulto de Cygnus cygnus, que dende hai días, da en folgar polas xunqueiras e carrizas do Lago, manténdose das raíces das herbas do fondo, as que chega sen problema co seu longo e flexible pescozo.


Gabeei, amodo e silandeiro xa que é especie escorrentadiza, ao alto dun vello salgueiro da beira de vendabal. Agocheime como poiden entre as pólas e as follas dos loureiros de enfrente, e entremedias de tanta ramallada, poiden disfrutar a gusto, sen molestar nen ser notado, do pequeno almorzo do ciño.
No alto da árbore espreitando atento oa ciño, sentin que a miña ollada era de marta.
O ciño erguía á cabeza do fondo da auga, relambía as últimas herbas que lle penduraban do peteiro, e asexaba durante uns segundos os arredores tornando a ollada de lado a lado. Confiado en que non había novidade, volvía a mergullar a cabeza para pacer gorontoso as sabedoras e tenras herbas moles do fondo.
Sendo sempre especie rara por estas terras,( aniñan na tundra nórdica e en Islandia, e invernan nas costás do Mar do Norde e do Mar Negro), no noroeste do Noroeste, ao igoal que en toda a Costá Cantábrica, son especie de aparición puntual e permanente. No mes de marzo do 2008 outro Cygnus cygnus pasara xa uns días no Lago de Lanzós. Miradeo neste achego, de Travelling birds http://travellingbirds.blogspot.com/2008/03/se-acaba-el-invierno.html ¿ Será o mesmo ?


Xa Don José Pardo no ano 1948, no "Catálogo de lagos de España" e na ficha correspondente ao Lago de Lanzós deixa constancia da presencia dos ciños na lagoa con estas palabras que transcribo: "...viéndose anualmente el cisne, habiendo sido cazado alguno en dicha localidad por los deportistas que frecuentan tan excelente cazadero".


Afortunadamente hoxendía ese deporte é un delito grave. Na hora, en que sentimos esmorecer a vida salvaxe, e a súa contemplación serena é cada día máis un galano milagroso dos días, imos pouco á pouco aprendendo a estimar os dereitos á vida e á sobrevivencia como especie, das diferentes xentes terrenais.

A lenda do canto do ciño según a que, cando este vai morrer entona unha derradeira, outa e fermosísima cantarela, debe de ter á orixe neste Cygnus cygnus que na tundra deixa ouvir o seu canto, en realidade laiante e longo, dende moi lonxe, e mesmo segue a cantar, lastimeiro, atrapado nos xeos ou esmorrendo esfameado.
Non me gustaría sentilo sobre a limpa louza azul da flor da auga do Lago de Lanzós.
Non ha pasar.
Ata outra mellorada, miñas e meus.
Agradecido.





mércores, 5 de agosto de 2009

Ensalada natural á galega

Desculpas con todos vós pola tardanza en anovar este bló. Graciñas a Tojeiro, e mil perdós, por deixalo de garda na garita de porta sen darlle un relévo.
Teño andado moito monte nestas datas e teño feito un lote de fotos documentais. Habería temas e contidos para varias entradas especializadas. Pero son menos, dígase o que se diga, os días que as longanizas e habereime de conformar con ofrecervos esta ensalada variada que petiscará un pouco por acó e outro pouco por aló.
Aí vai, e que aproveite.

Gentiana pneumonanthe, veleiquí á xenciana de outono, propia de setembro e outubro, fotografada a 30 de xullo,( bó dato fenolóxico), anunciando un tempo de outono que se fixo presente durante todo o mes de xullo. As xencianas merecen por si un artigo completo, por fermosas e valiosas. Farase. Gentiana verna, a xenciana de primavera, ten as súas únicas poboacións galegas (fora de Ancares), na nosa serra Capelada.



Tripocopris pyrenaeus, var. coruscans, a xoia da braña da que xa fixemos entrada particularizada, deixouseme ver abondosamente polas campas da Capelada e a Faladoira. Poiden observar de novo os seus vóos e aterraxes ao pé das palastradas para achegarse ata elas e enfuciñarse famentos nas profundas, húmidas e cheirentas beiras da bosta.

Thalera fimbrialis, xeométrido de cor verde non moi doada de ver polo seus vóos curtos e a súa querencia a agocharse, perfectamente camuflada, na parte dabaixo das follas. Dase como común e non o dubido, pero para min era a primeira vez que fotografaba a uhna das fermosas bolboretas verdes. Encantado me quedei.
Frangula alnus, o sanguiño ( pau do que asegún se canta, fanse os santos e os seus primos: zocos e tabaqueiros), anda xa froitando e madurecendo. Este ano, cunha colleita abondosa en todas partes. Daquí a unhas semás os froitos estarán negros xa e ben madurecidos.


Bufo calamita, ou sapíño corriqueiro. Abondoso no Monte do Forgoselo onde é fácil de ver, pero xa non tanto de fotografar xa que sempre fai honra do nome que leva e non para de correr, gabeando arriba e abaixo das herbas e pedras ata que atopa un curruncho azoso no que gardarse.



Gallinula chloropus, a moi coñecida e abondosa galiñola, que se daba mesmo ata no hai tanto na Xunqueira do Condomiñas, anda a criar xa na rexenerada lagoa de San Martiño do areal de Morouzos, onde antes estaban as barreduras de todo o Concello de Ortigueira. Un exemplo de recuperación para quen queira entendelo. Europa por exemplo, que premiou a nosa bisbarra, vía Concello de Ortigueira por este labor.


Lucanus cervus, femia, a moi coñecida e rechamada vacaloura, que me deu que pensar se non estaría diante dun Dorcus parallepipedus xa que non son nada fáciles de diferenciar, pero finalmente decántome por Lucanus. Claro que se alguén me mostra que é Dorcus, non deixarei de agradecerllo.



Iberolacerta montícola, macho novo, curioseando á saída da covecha, o obxetivo da miña cámara. Un outro endemismo ibérico presente na nosa bisbarra. Uhna chufa. Outra.



Pinguicula vulgaris, espero: xa que sen poder ver a flor non son quen de diferenciala de grandiflora. Pinguícula e xénero de plantas carnívoras, (vaia insectívoras), raras. difíciles de ver e moi escasas. Esta colonia está atopada nos altos da Serra Faladoira, no Concello de Mañón e para min é un dos grandes achádegos destes días, que, a espera de dar coas utricularias, completa o meu álbum das plantas carnívoras da bisbarra. Agardo poder dar uhna entrada especializada sobre elas.

Hiparchia alcione, a moura do monte, é realmente común e abondosa en todos os cumes e ouzais do noroeste do Noroeste. Raro é poder vela coas alas abertas. Servidor, por exemplo, na vida, xa que sempre se pousa pechada, mimetizándose daquela perfectamente cos liques das penas e pedras nas que gosta pousarse.



Polygonum amphibium, moi común en case todas as augas apozadas dunha certa profundidade e permanencia. Especie moi fotoxénica que da moi ben en imaxe. O da foto da lagoa de San Martiño.


Oclhodes venatus, un hespèrido extraordinariamente común e confiado que sempre se deixa chegar moito ao ollo da cámara. Un vello amigo, ou amiga, do que teño ducias de fotos. Este ano fixenlle ésta e xa non lle quero máis.



Ranunculus sp, macro do froito dun ranunculus, a herba de ouro, do que non son quen de determiñar a especie, pero que serve para demostrar como en calquer anaco de natureza reside o xermolo da perfección formal e da beleza imanente. Mesmo, como o caso, nos máis vulgares e correntes.




Un mordelidae, tal vez Variimorda villosa, familia de coleópteros de difícil determinación pois non se atopan facilmente estudios sobre esta familia. Son polo demáis moi pequerrechos e malos de fotografar. Esta especie atópase de seu sempre sobre umbelíferas.



Polyommatus icarus, uhna das meniñas das abondosas e fermosas pousada tranquilamente na face dun Daucus carota, mentras asexa a sabana de longas herbas do areeiro de Vilarrube. Sempre uhna delicia dar con ela, o que soe suceder todos os días da tempada de voo.


Do himenóptero non teño nen idea de quen poda ser, tal vez un escéfido, a umbela é de Daucus carota, agromando. O areeiro, o de Frouseira. E a foto miña, e aínda non ten queixa, paréceme.


Rana perezi, rá común ou rá verde, a rá máis abondosa de todas, e que veu aumentada as súas poboacións ao mesmo ritmo que aumentaba a superficie de auga encorada. Que non foi pouca. Nas fotos, un macho inflando os seus sacos roncadores e outra, vertical na auga, sacando fora tan só ollos e fuciño: saber nadar e gardar a roupa.



Mesembrina meridiana, díptero de gran tamaño, familia Muscidae, e de lindos e elegantes cores, común pero pouco abondoso.

Esta messembrina, en troques non son quen de determiñala. De feito na rebusca das páxinas especializadas en dípteros non atopei nengunha que respondese as características do exemplar da foto: a cabeza peluda en branco cremoso deberíame permitir poder recoñecela. Agradécense suxerencias e adiántanse gracias. (Por suxerencia de Miguel Fernández que poderedes ler nos comentarios, apoñería que este díptero non é do xénero mesembrina, senon tachina e aínda coincidiría con Miguel na especie: Tachina grossa).




Folla de Drosera intermedia, planta insectívora, na que se aprecian algúns bichiños capturados nos seus pelos pegañentos e visgosos. O nome galego destas fermosas plantas e orballiñas sen duda polo aspecto permanentemente húmido das gotas de visgo pegañento da punta dos pelos.



Narthecium ossifragum, uhna fermosísima e pouco coñecida liliácea, que se da abondosamente na comarca: nos terreos de ouzal lamacentos e permanentemente húmidos. No monte do Forgoselo ten poboacións numerosas e calladas formando macicos plenos. Arestora xa andan murchadas.





Sorbus auccuparia, o famosísimo e fermosísimo capudre ou cancereixo, árbore case mítica polo moita literatura xenerada. Propio das montañas do Courel e dos Ancares; na nosa bisbarra de que eu saiba só conta con dez ou doce exemplares no Concello das Pontes, nas ribeiras altas do Río Mera. Uhna colonia extraordinaria que debería de ser protexida inmediatamente. Da a froita de seu en outono, pero este ano xa vedes, todo verán é outono.



Coenonymphula arcana, uhna nova especie para o meu album de satiridos fotografada nos altos da Faladoira, entre Grañas do Sor e O Monte Caxado, o punto máis alto da provincia da Coruña e célebre observatorio do monstroso calvario eólico.

Lycaena alciphron, chuchando uces nos altos da Faladoira. Parece un bó ano para esta especie: xa me tiña atopado con ela no areal da Frouseira, o día do solsticio.
¡ E hai que ver que ben cuarteou o sol e que mal tempo trouxo !. Para fiarse do cuarteo e non do meteosat.


Melanargia lachessis, a bolboreta de alivio, parece ter un ano magnífico. Nos cumes e cimeiras dos montes voa este a no en bó número e aleda a vista co seu voar incesante de flor a flor. Que dure.


Caprimulgus europaeus, a tradicionalmente desavogosa avenoiteira, que canta ao caer á noite e por iso a xente deu en pensar que levaba as almas dos mortos para o Alén. Vive e aniña no chan, onde permanece queda ata que logo a pisas, daquela sae voando e faise a ferida, movendo as ás torpemente e levándote tras dela lonxe do niño quie deixou en terra. Era a primeira vez que a miraba no areal da Frouseira, non lonxe xa da Punta de Meirás. A foto non vale un peso, mágoa.



Epipactis palustris, fermosísima orquídea que ten as súas únicas poboacións galegas ao noroeste do Noroeste. No Sistema dunar de A Frouseira, ten colonias escasas en grupos moi concentrados de aproximadamente coarenta individuos. Sen dúbida nengunha uhna das grandes presencias botánicas da bisbarra. Un placer para a vista do afeccionado naturalista dar con elas, por fermosas e símbólicas.


Spiranthes aestivalis, outra valiosa orquídea da nosa bisbarra con poboacións moi escasa e dispersas. Afortunadamente este ano poidemos comprobar que a súa presencia no areal da Frouseira está máis espaleada e con individuos soltos do que servidor supoñía en principio. Uhna alegría dar este ano con numerosos pés dela ao longo do sistema dunar.


Carpocoris purpureipennis, heteróptero común pero moi pouco abondoso, que poiden fotografar por fin este verán na nosa bisbarra, no marouzós da Frouseira. Extraordinariamente coloreado, e un dos escudos máis vistosos que se poden rexistrar. Aí queda, disfrutádeo.




Anas strepera, criando no Lago de Lanzós, uhna das poucas áreas de cría desta especie na Península Ibérica. Estes días o Lago vai cheo de auga e os parruliños por fin poden vir pacer a beira das augas as herbiñas moles do fondo que tanto estiman. ¿ Cando deixaran en paz ás augas do lago ? ¿ Cando os rectores do Medio Ambiente, se é que existen, leeran os traballos de Don Jenaro Dalda, ecólogo, que profetizou exactamente, (¡ no ano 1968!) o desastre actual do Lago de Lanzós?


Prunella grandiflora, pouco común especie do xénero prunella, que nos altos herbosos da bisbarra deixase ver. Fácil de diferenciar da máis común P. vulgaris polo seu grande tamaño.

Merendera montana, liliácea asemesmo outonal e setembriña que este verán-outono que padecemos xa anda a ilustrar de cores as toneiras verdes e herbosas dos altos. A foto na Herbeira. Leva o nome de merendeira por marcar o tempo final das merendas no monte.



Erica mackaiana, var. alba, extraordinaria planta endémica da nosa bisbarra, de seu habitualmente rosada pero que de vez en cando, moi de vez en cando, regala pés brancos.
Con ela quero rematar o remexido dos condimentos desta ensaladiña natural á galega, que só leva productos ecolóxicos e enxebres do noroeste do Noroeste e con ausencia total, garantida, de conservantes e colorantes artificias.
Disculpándome de novo pola tardanza en anovar as entradas e agardando que esta ensalada non levara ingredientes de máis, remato neste punto a elaboración da mesma, agradecéndovos que aínda sigades por aí fora e desexando que vos dé moi bó proveito.
A mandare, totus meus.