XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 6 de novembro de 2009

Do loberno (e as súas paisaxes)

Defendendo dos ventos de vendabal ao circo xeolóxico que conforma o territorio de San Andrés de Teixido, soérguese duro, teso e milenario o misterioso Penedo Escuro. Misterioso por gardar máis dun arcano explicativo da primeira historia, ao mellor tamén relixiosa, das terras do noroeste do Noroeste.

Ao seu redor os restos e afloramentos arqueolóxicos amósanse claramente esperando pola mao arqueolóxica caritativa que os resucite do seu pasado durmido e os desperte no entendemento dos humanos presentes: círculos líticos, (tal vez trazos dalgún antiquísimo curro de pedra, que nos deixaría entender mellor que somos quen fumos), restos de mámoas, a presencia abondosísima de pedra miuda moi espaleada, a aparición de restos cerámicos moi deteriorados abondan na impresión de Don Federico Maciñeira quen ao pé do Penedo Escuro advertira a presencia de restos de construccións de carácter laberíntico.


E para máis, no alto da espiña, mirando ao puro Norde, sempre en sombras, asoma o ollo preto e pecho do Furado do Loberno.

O Furado do Loberno tirou sempre da miña curiosidade. Entrei nel, engaiolado polo seu nome callado de medos soterrados, a idade hoxe lonxana dos dezasete anos. Rubira en dereito dende San Andrés por un monte de toxos outos, de longos candos, que se deixaba andar azosamente por baixo das súas espiñas, sempre encoiradas e feras. Buscaba nel as imposibles pisadas dun fillo do lobo, o loberno, que eu pensaba sería o nome enxebre do castelán lobezno. Non voltei entrar nel ata hai uns días.


Levoume de novo ás peadas fraguías do Penedo Escuro, agora con idade ben triplicada, a revelación, nun texto do Padre Sarmiento do verdadeiro siñificado, e xa que logo da catalogación, da especie que se agochaba tras o enxebrísimo nome de loberno. Quería ver cos meus ollos se o Furado do Loberno, poidera servir de cubil a un loberno. E sí, sí, ben que serve.

Isto é o que dí o sabio Sarmiento do animal que chamaban daquela loberno: "Hacia San Andrés de Teixido, Juvia, etc., es un animal pernicioso que hace más daño que el lobo, pues sólo chupa la sangre del ganado, y así hace mucho destrozo. ¿Si acaso el lobo cerval? Es el mismo" (Martín Sarmiento (1746-1755c): Catálogo de voces y frases de la lengua gallega, ed. de J. L. Pensado Tomé (U. de Salamanca en 1973)) .


¿O loberno é un lobo cerval? ¿ E que é un lobo cerval?

O propio Padre Sarmiento nos responde, escoitádeo: "No es animal muy frecuente, ni tampoco muy raro en Galicia y allí tiene cinco nombres vulgares, v.g. lobo cerval, lobezno, lubicán, lobo rabaz y tigre . Este último es falso, pues no hay tigres en Europa, pero se llama tigre porque tiene la piel manchada y muy hermosa y apreciable. Los 4 nombres primeros, aunque comienzan con lobo, sólo aluden a su voracidad, no a que sea el animal del género lobo, pues sólo lo es del género gato. Es como gata, pero tan grande como un perro perdiguero. Combinando todo es el verdadero animal lince y, por consiguiente, la onza verdadera (Carta 159 1760, junio, 6)" e aínda, ao rexeitar a determinación popular de tigre: "Sobre la fiera de la raya de Portugal tengo escritos seis pliegos, dando individual noticia de otra semejante que un pastor mató junto a San Pedro de Montes y cuya uña me remitieron. Es el que algunos llaman tontamente en Galicia tigre . Sus 4 nombres gallegos son lobo cerval, lobo rabaz, lubián y lobezno . (Carta 104 1760, agosto, 13.)" (Martín Sarmiento (1732-1770): Epistolario do P. Sarmiento, ed. de Xosé Filgueira Valverde e Mª Xesús Fortes Alén, Consello da Cultura Galega, Santiago,1995).


¡¡ O loberno é o lince !! Berráronme as neuronas en castrapo, ¡¡ O lince !! Daquela houbo linces, digo lobernos, cando menos ata o século XVIII dun xeito " ni muy frecuente, ni muy raro" como definiu Sarmiento, en galego espiritual. Aínda que o sabio padre use lobezno, noutras partes da súa obra escribe loberno e este debeu ser o nome que, ao noroeste do Noroeste, se lle daba ao lynx sp.

Rafael Usero, rigoroso investigador histórico, mestre deste mestre, ven de ter a bondade, uhna outra, de me comunicar que xa no Informe Vallina, do ano 1799, descuberto por el na Biblioteca Nacional de Madrid se cita a presencia do loberno na serra da Capelada, coma uhna outra especie ben diferenciada do lobo.

Ocupáronse asimesmo do loberno, ou lobo cerval, ou lobo rabaz os autores dos dicionaros do século XIX. Juan Cuveiro Piñol (1876), describe así a voz loberno: "Lince, animal cuadrúpedo, de dos ó mas piés de alto, color bermejo oscuro con manchas negras, cola corta, orejas largas y erguidas; trepa sobre los árboles: lo que se dice de su vista y orines no merece el menor crédito. Lynx." Interesantísima descripción, a salientar ese color bermejo oscuro que da en pensar máis nun loberno boreal ( Lynx lynx) ca nun hispánico ( Lynx pardina); mágoa non explicase algo máis o que se dicía da ollada e dos ouriños. Ao mellor así confirmábamos a pervivencia das antigas crenzas clásicas, Plinio dixit, asegún as que "...os ouriños do loberno cristalízanse e enxoitan formando pedras preciosas que nomean carbunclos e brilan coa cor do lume, e chámanlles lincurios, vendo o qué, moitos autores din que o ámbar fórmase deste xeito" Marcial Valladares Núñez (1884), pola súa parte, ofrece uhna longa descripción da que entresacamos estas liñas: "...mamífero poco frecuente en Galicia; pero mas temible aun que el Gato montés, pues ataca, no solo á los grandes mamíferos, sino tambien á los cervatillos, corzos, liebres, conejos y toda especie de aves; trepa con grande agilidad á los árboles, apodérase de las ardillas, de los nidos etc. y suele permanecer agazapado en las ramas gruesas, espiando la oportunidad de que pase algun animal, para traidoramente caer sobre él. Varias son las propiedades milagreras que antiguamente se le atribuian, contándose como una de ellas la de que veía á traves de las paredes mas espesas, de donde nació el dicho de 'vista de Lince'. Su piel, aunque de poco precio, es usada en manguitería". Valiosa descripción na que a presencia, mítica e milagreira do loberno queda establecida. Agora sabemos cal é o poder da súa ollada: non ver moito e lonxe, como se dí, senon traspasar as penas dos penedos, que semella habelencia máis meritoria. E tamén nos enseña que a fins do XIX era xa " poco frecuente".
No Eladio Rodriguez, redactado nas primeiras décadas do século XX, podemos ler: "Lobo cerval, lince vulgar, que en algunas localidades se llama también LOBERNO, lobo rabaz, lobo serval y tigre. El nombre de lobo cerval viénele de ser su grito parecido al de los ciervos. Tiene cerca de un metro de longitud, orejas terminadas por un pincel de pelos largos y color rojizo con pequeñas manchas en todo el cuerpo. Hay quienes creen que este animal fascina con su mirada, que ve a través de las paredes, que penetra en los cementerios para desenterrar los cadáveres y otra porción de patrañas. Es indócil, fiero y sanguinario, pero lejos de atacar directamente al hombre rehuye encontrarse con él. Los labradores le hacen una guerra incesante porque destroza todo género de caza; pero en Galicia es bastante raro, y algunos ejemplares hállanse en los sitios montañosos poblados por bosques. En el siglo XV era más común en el país, y su piel se estimaba mucho". Enterámonos aquí, (coma tantas outras veces na obra do mestre D. Eladio), de dous datos etnográficos do maior interese, que " fascina con su mirada" ( ¿ podemos entender que hinotiza? ) e a crenza en que desenterra cadavres. Sen dúbida o loberno debeu de ser un animal atoado de lendas e contos, un ser mítico e temible que ocupou boa parte das preocupacións dos campesiños galegos. A descripción de " pelo rojizo" abunda na sospeita de ser o loberno boreal o propio das terras cantábricas, definilo como " bastante raro" achegabaio xa a súa prósima extinción en terras galegas, que se tería dado pouco despóis.

Algúns datos que circulan pola rede asegún os qué os lobernos seguirían a existir, nos Ancares e Courel ata os anos 80 do século XX, parécenme máis eufóricos e entusiastas, que realistas.



Queda ao meu parecer claramente establecido que o lynx sp. tivo presencia histórica nas terras galegas ata non hai moito; que corría polos nomes de tigre, lobo cerval, lobo rabaz, lubicán e loberno: que este último era o apelativo co que se lle coñecía ao noroeste do Noroeste (comprobado en Sarmiento, na documentación manexada por Rafael Usero e na toponimia da bisbarra) e que era un ser misterioso e temible, xenerador de lendas e supersticións, do que se contaban uhna "porción de patrañas" e ao que antigamente se lle atribuían variadas "propiedades milagreras". Todo un mundo de lendas etnográficas que se extinguíu a canda a desaparición do gran felino histórico galego, a féra das fragas, a béstia dos ouzais, o temible loberno.

Non pode esta páxina recuperar a presencia do loberno nas terras do noroeste do Noroeste do País Galego, pro quere evitar que á súa desaparición física se lle engada a extinción da súa memoria e se apaguen, entre as xeadas do esquezo, os resoes da súa voz profunda e mítica.


Se a vós vos sorprendera tanto coma a min me amilagrou, o saber que ao pé da nosa casa camiñou silandeira e asexante a silueta roiba e fascinante do loberno, (que ao mellor era o boreal), cecáis así empezedes, coma eu encetei xa, a non volver a dicir en galego lince e no seu canto aprender a entoar a beleza enxebrísima da palabra loberno, na que ecoan sons misteriosos da lingua carretados no lombo dunha féra que, polos seus poderes, semellaría ter saído dun averno.

Os que de cotío andedes a pasear por este bló sabedes ben que ao tempo que á divulgación, ao coñecemento ou á defensa das especies naturais do noroeste do Noroeste, servidor, ten a teima diaria de axudar, dentro das súas poucas posibilidades, ao coñecemento, á divulgación e á pervivencia das voces naturais propias da riquísima bioloxía do noroeste do Noroeste: un outro exercicio de ecoloxismo cultural.


Ogallá esta entrada, non outra cousa ca un borrón de zooloxía histórica, prendese o voso interés e chamara da vosa atención.
Ao mellor así o extinto loberno deixaría de ser tamén o esquecido loberno.
Agradecido.
Despós de data: Sei que se comprende que non poda amosar imaxes dos lobernos do noroeste do Noroeste. Para ilustrar este comentario dei en poñer uns santos das paisaxes polas que algún día andou. O interior do Furado do Loberno podería estar mellor fotografado ( as outras paisaxes tamén) así podería apreciarse que á esquerda dos derrubos que pechan a primeira estancia hai un paso o suficientemente ancho para acceder a un outro espazo, máis ancho, alto, enxoito e quentiño: uhna gateira perfecta, que sen ir dentro dela, eu non pasei, non se pode dicir máis dela.

18 comentarios:

  1. Interesantísima, emocionante e evocadora mensaxe. Suxerentes santos que invitan a visitar o lugar. Vou facer coma ti e incorporar o nome de Loberno ó meu diccionario.
    Parabens por este estimulante blogue.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Impresionante traballo de documentación, e de exploración, porque o furado ese...Para rematar so nos faltaba atopar algún resto do bicho como se o Furado do Loberno fose a nosa Atapuerca da Capelada, pero tería que estar ben enterrado, porque teñen razón os nosos vellos cando din que a niebla da Capelada se mete ata os osos, porque en poucos invernos é capaz de corroer calquera resto que estea ao aire.
    Polo que a min respecta podes considerar a misión cumplida, pois nunca me fixara na palabra "loberno", e so reparei nela na entrada anterior adicada ás plantas carnivoras.
    Un saúdo, e a seguir así.

    ResponderEliminar
  3. Graciñas meus...alédame que esta entradiña sexa do voso interés... e en vista de que os temas de zooloxía histórica parecen interesar prometo que, se todo vai ben, non ha de ser a derradeira...
    Apertiñas e a mandare.

    ResponderEliminar
  4. Pois estoulle dando voltas ao tema, e o termo de loberno non me soa de nada, pero creo que algunha vez sí que teño oído mencionar algo dun "gato cerval", non sei, quizais oínllo falar a algun vello e quedou metido na miña cabeza.

    ResponderEliminar
  5. Ola Tojeiro... eu realmente xamáis escoitei nen loberno nen gato cerval, nen lobo cerval nen cousa parecida...xa había moitos anos que desapareceran e non quedaba nada nen na memoria...ao mellor nalgún conto ou sucedido vello extraordinario que se viñese contando podería quedar o rastro dos apelativos...gato cerval soa moi exacto, en troques loberno parece ter un aire maléfico e mítico, case literario...ao mellor poidoselle chamar das dúas maneiras, asegún a ocasión de uso.

    ResponderEliminar
  6. O gato cerval ou serval é un felino do N de África, "Leptailurus serval". Pódese atopar información referente a él no Google. Canto ó "Linx pardinus", tamén é coñecido en Portugal cos nomes de "cerval", "gato cerval" e, atención: """lobo-cerval""". Polo que parece o nome do lobo é usado a nivel popular mais co significado de "fera" que como referente ó xénero Lupus, tanto en Portugal en referencia ó lince ibérico como no seu tempo debeu acontecer en Galicia co boreal ou loberno, según a conxetura de Rafael.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  7. Pido disculpas polo erro do meu anterior comentario. Onde puxen "xénero Lupus", tiña que ter posto "especie Canis lupus".
    Saúdos

    ResponderEliminar
  8. Boas Caleliño.
    Loberno queda incorporado ao meu vocabulario.
    Xa cando falaches del no artigo das prantas carnívoras non sei porque pensei nun lince e mira ti por donde...
    Interesantísimo.Dende logo esa Capelada encerra moitos misterios.
    Un saúdo meu ben querido mestre.

    ResponderEliminar
  9. Ola Lolly...alédome que ti tamén che gustara o artigo...entre todos iremos pouco a pouco coñecendo máis e mellor a nosa terra que será tanto coma irmos coñecéndonos a nós mesmos...certamente a Capelada, coma Galizia toda, garda aínda o misterio de si mesma...niso andamos en tentar desvelalo...apertiñas

    ResponderEliminar
  10. O primeiro os meus parabéns polo traballo de documentación e sobre o terreo. Paréceme un tema moi interesante xa que vén a completar outras investigacións sobre a presenza de Lynx lynx no norte da península. Hai un artigo moi ilustrativo do profesor Carlos Nores que se pode ler en http://www.candlebooknews.com/es/index.php?seccion=articulos&id_noticia=25.

    Respecto á posibilidade de recuperación da especie, hoxe sería bastante difícil sobre todo pola perda de hábitats nesta zona e porque probablemente o clima xa non sexa como o de aqueles tempos. Pero noutras zonas (Pirineos) sería perfectamente factible, o que pasa é que non creo que ningunha autoridade estivera interesada, dada a competencia que ten con L. pardina, o noso lince ibérico, que cada vez está máis ameazado (este verán morreron 3 ex. atropelados).
    Se ben a posibilidade de que estiveran aínda por Ancares ou o Courel nos anos 80 do pasado século parece unha tolemia, si que me parece probable que fora a última área de distribución en Galicia por ser a máis despoboada históricamente (o lince escapa do home como da peste).

    ResponderEliminar
  11. Moitas gracias polo comentario e o link...entre todos haberemos de ir informándonos das realidades naturalistas da nosa Comunidade...os temas de zooloxía histórica parecenme moi informativos, ofrécennos uhna perspectiva temporal da evolución da vida das especies e moitas aparece uhna realidade impensada e coa que non contábamos... a min tamén me parece moi esaxerado pensar que o loberno se mantivo nas serras orientais ata os anos 80, mesmo para a grande área natural Xurés-Gêres seméllame eufórico...Moitas gracias por seguir este bló con tanto interés e cariño...a mandar

    ResponderEliminar
  12. Xúntome á lista de parabéns e de agradecemento polas sempre interesantes informacións que sobre a nosa común terra, inda para quen sexamos ao teu dicir "de fóra de portas", atopamos no teu blogue.
    Non é menos importante o labor de divulgación e posta en valor do galego (cada vez somos máis as persoas que, castelanizadas na súa infancia, vimos de aprender máis que o galego o "xuntés", segundo tamén as túas verbas) achegando palabras e expresións que non se recollen nin sequera na literatura actual (...tantas veces soa a castelán traducido...).
    "Grazas" a ti e en ti a todas as persoas que realizades ese labor silandeiro e bastante escuro pero fundamental para sostérmonos como quen somos.

    ResponderEliminar
  13. Graciñas na ialma...emocionado e con poucas verbas na punta dos dedos para agradecer as túas palabras, forasteiro, ou forasteira, anónimo...non tomedes o de fora de portas coma un exercicio de exclusión...no hai máis portas que o Universo que a todos nos comprende e acolle...nada en contra dunha norma común ...moito contra o consumo pailaroco da normativa, se tenta prohibir as expresións propias de cada bisbarra e afogar a fala tradicional cunha nova supoerestructura cultural que acomplexe aos falantes tradicionais, aos mesmos que trouxeron a lingua nas súas costas perante moitos séculos escuros e se atoparon sempre alcumados de inorantes por non falar senon galego...e agora fanos sentir de novo inorantes por non saber falar correctamente o xuntés...sí certamente na literatura galega actual hai moitos que escriben en castelán e un empregado lle lo verte ao xuntés oficial para acabar gañando premios de todas os cores: épicos, líricos e dramáticos: Tráxico.
    A mandare.

    ResponderEliminar
  14. Tíñas razón, Rafa, é unha historia fascinante. Espero visitar o teu blo mais ó miudo.
    Bieito

    ResponderEliminar
  15. Ola Bieito...Xa cho dicía eu que te ía engaiolar o asunto do loberno...non pode haber xente deveras da terra, coma es tí, que non se sinta amilagrado, coma eu tamén me sentin, ao saber que o loberno andou a beira dos nosos parentes dalgún tempo...benvido ao bló... non perdas as mañas...apertas.

    ResponderEliminar
  16. Voume unir, algo tarde iso sí, aos parabéns por este post, achego un link interesante no que se recopilan informacións recentes desta e doutras especies extintas no macizo Galaico-Leonés durante o último século www.astorga.com/articulo/fauna.htm
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  17. ola rafiñaaaa¡¡¡¡¡ o blog ese que tes non esta do todo mal .... pero hai que poñeer mais fotoos.... asi que pensa niso .... ajajajajaajajajaj que es coña esta ben sigue asi... jeje luis

    ResponderEliminar
  18. MOi boas Luis...moitas gracias polo comentario e por andar ollando este bló...me parece que tes que aprender a poñer maiúsculas co teclado, co lápiz non o fas mal.
    Saúdos.

    ResponderEliminar