...que conformamos o comando de resistencia pacífica do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, de frente e por dereito, sen taparse, dando o peito e coa verdade por diante, comunicamos
Nada máis antiecolóxico.
Nada tan devastador.
Nada máis contaminante.
Nada tan envenenador.
Nada máis aniquilador.
Nada máis destrutivo da viva diversidade.
Nada tan asolador, arrasador e afogante.
Nada máis horroroso, insensible, egoista e mortífero.
Nada tan empobrecedor, triturador e humillante,
Nada máis mortífero, fatal, funesto e letal.
Nada tan absurdo, insensato, irracional e disparatado.
Nada máis triste, doloroso, agre e amargo.
Nada tan necio, sandio e estúpido
Nada máis aflictivo, luctuoso e amargo.
Nada tan nocivo, hostil, perverso e asasino.
Nada máis odioso, repulsivo e execrable.
Nada tan noxento
como as guerras que armades os humanos.
Dende o intre non tan lonxano en que os humanos vos apoderástedes do mundo é afirmástedes que era o voso mundo, coa soberbia abominable dun ser superior, coa cobiza dun ser mísero, non deixástedes, non deixades, non deixaredes, de matarvos, asasinarvos, arrasarvos e destruir a todo e a todos, a todas e a todo. Ás infancias inocentes, aos anciáns desvalidados, aos enfermos impedidos, aos prados das flores, os ríos das troitas, os montes das bestas, os fraguíos do loberno, as campeiras das lavercas, as árboredas dos rechouchíos, os prados das grileiras, a terra das miñocas, e a todas as vidas dos vivos .
E facédelo sen caridade nin vergoña, coa desfachatez dos macarras ensoberbecidos.
Sen pena do sufrir que provocades, burla burlando, decides que sodes cimeira da creación, especie insuperable.
Homo sapiens vos chamástedes.
Xa hai que ter callo.
Sapiens... se aínda dixérades ignorens.
É unha araña quen fala, unha chinche quen denuncia, un saltarete quen laia, unha orquídea quen lamenta, un cempés quen non cree, unha herba quen se asusta, un paxariño quen proclama, un verme quen toma a voz e a palabra pra dicir que non ten a culpa un ruso, que non ten a culpa un ianqui, que non foi cousa de nazis, nin cousa de comunistas, nin desvarío anarquista nin tolemia de beato muhaidin, nin é desfase nin cabreo dun pelanas. Son as fronteiras do mundo, os macro nacionalismos rampantes, os micro nacionalismos minguantes, as tres relixións do Libro, as ansias imperiais, as que combaten entre si, as que guerrean para si, as que se destrozan entre si e esbandallan todo, cegados e guiados pola ambición de poder e os degoiros de mandar e poder, de poder asoballar ao outro coma o outro me asoballaría a min.
É unha miñoca quen toma a voz e fala, dende o adentro da terra na que vive, dende o profundo do humus que a todos nos sostén: non hai máis patria que a terra que nos fornece nin outra nación máis verdadeira que a Vital da que vivimos. Son eu a miñoca soterrada quen afirma, sen ter dúbida algunha, que...
....mentres existan fronteiras onde se comprimen os vellos estados nacionais, mentres existan imperios expansivos, mentres o capitalismo financiero especulativo domine aos gobernos do mundo, mentres esa ONU vosa das miserias vosas sexa unha tapadeira miserable dun club privado de dominadores de vontades e riquezas, mentres vosoutros e vosoutras non decidades ser unha soa é única nación universal, regulada por unha Constitución Única e mentres as tres relixións do Libro segan a practicar a violencia como norma, lei e razón de existencia, mentres non nos convirtamos nunha única nación de vidas compartindo unha soa patria universal e vivamos unha relixiosidade de paz e amor en concordia, as guerras, as miserables guerras da vosa miserable historia de guerras, esas, as guerras vosas non acabarán nunca. Ao contrario, en razón do incesante aumento do poder destructor das vosas armas, cada día, cada hora, estará máis proxima a ameaza dunha Apocalipse Antrópica.
Dun xeito materialista inevitable.
Son eu, a miñoca dos tarreos, quen na hora presente ten a honra de ser a portavocía do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, eu, a miñoca que vive á rastreira, quen esixe da proclamada intelixencia racional humana que se rinda a evidencia sensible da ineludible necesidade de constituirnos de inmediato nunha única nación mundial de seres vivos.
Por unha Constitución Universal de Vida.
Polo sentidiño natural.
Somos nosoutras as percebellas que arriba estamos e as que abaixo vimos as que agora collemos alento e falamos. Diloir as fronteiras, aceptar unha única lei universal, un goberno mundial é a única esperanza posible pra construir un mundo en paz e a beneficio de todos. Non hai outro camiño. Non lle chamedes Utopía. Chámadelle Esperanza. A serio: é a vosa última oportunidade. De seguir así, humanas bacterias naturófagas a destrucción da vosa historia aproxímase. Nosoutras seguiremos. Os insectos resistiremos á vosa violencia como resisitimos cataclismos telúricos na nosa historia que se conta en eras. Vosoutros, soberbios engreídos, recén chegados á Historia de Gaia, desapareceredes entre os laios de horror dos lamentos necios. A vosa violencia, a vosa sandia iñorancia, a vosa falta de sabiduría levaravos a desaparición: seguir así, bacterias naturófagas, non facer caso: xa vos falta menos.
As trompas do apocalipse están afinando o seu ronco oubeo de exterminio.
Tocan de finado.
Nosa ben querida e pouca xente:
Nos tempos que corren, nos que a intelixencia sensible mandouse mudar de universo e as negras nubes da iñorancia brutal sombrean a este mundo coa friaxe da súa alma escura, os seres diminutos que conformamos o comando de resistencia pacífica do Movimento Vitalista das Terras do Mundo, habitantes que somos dun pequeno curruncho ao noroeste do Noroeste da Galicia, recoñecendo de lonxe que eisalades o doce perfume do bálsamo das almas en paz, agradecemos que viñerades connosco ate acó e pregamos aos milagres dos días que vos aleden as horas con farturas de paz e saúde.
Amar e ser amados.
Graciñas.
A seguir sendo bos que guapas xa sodes.
PAZ E PALABRAS
Bonito texto, Rafael. E cruda realidade.
ResponderEliminarAgradecido...unha gota de auga no me dio dun lume de xofre e xenreira...pero auga, polo menos unha gota...que empece o gran chovasco que tanta falta fai!! Apertiñas
ResponderEliminar