luns, 11 de maio de 2009

Fragas da Capelada: Selvas da Macaronesia


Recollendo as choivas caídas entre os Altos de Coucepenido, do Campo da Armada e da Cruz de Aceiro van nacendo os Regos do Forte, das Lamas e de Quiza, (este fai o deslinde entre os Concellos de Cedeira e de Ortigueira), para regaren os tarreos asurados dos lugares de Viduido e da Capelada, e xuntárense nunha escondida escorrentía que baixa cara a Ría de Ortigueira para darlle de beber ao Río Seixo, con quen emboca xusto enfrente do desmedrado oco escuro da canteira de dunita: que xa ameaza con comerse a Serra toda, que se agranda ano a ano, que non respeta nada na súa defamada logronería, subsidaria dunha industria metalúrxica moi lonxana.


Arrexuntados ambos  os tres corren daquela co nome de Río do Forte, (ao mellor por nacer aquel nas abas do Penido do Medio, ao pé dos restos, aínda visibles, das muradas e croas do castro que alí houbo).

Ao pouco de se xuntaren esquecen o descorrer maino que ata alí os levou e encetan unha brincadeira salvaxe e bruante descendendo adoecidos, (a todo filispín se escribira en inglés-carollés), dende as outuras da Capelada ate  ás campas chás de Landoy e Feás.


Todo el é un fervorón de augas brancas, escumantes, ruxidoras, de fervenzas sobre fervenzas, que can, a brincos sen número, polo medio dunha selva antiga, mesta, escura, de acivros, de carballos, de esvedros, inzada de extraños felgos primitivos, recendente a humidade vella, balorecida....




...na que sobrevive un mundo botánico antiguísimo de valor simplemente incalculable: relictos da flora tropical da Era Terciaria, lembranzas de cando toda a Galizia de hoxe era uhna selva tépeda.



Woodwardia radicans, Culcita macrocarpa, Davallia canariensis, Driopteris guanchica, Stenogramma pozoi, Hymenophillum wilsonni, son nomes míticos da pteridoflora, que acó, nesta esgrevia escorrentía do Río do Forte acadan todos eles o seu límite norte de distribución. 
Todas elas, valiosísimas especies de distribución escasa a nivel mundial, protexidas por lei e reliquias relictas dun pasado climático impensado e descoñecido, a memoria biolóxica viva da máis anterga patria galega: o trópico Macaronésico.


Hymenophilum wilsonni, ten as únicas poboaciós ibéricas coñecidas neste noso bravo río capelado, Culcita macrocarpa posúe exemplares espectaculares e fermosísimos, e por veces é tan abondosa que pecha a selva e non te deixa andar, Stenogranma pozoi é un dos últimos taxons descuberto para a flora felgosa galega, Woodwardia radicans, (acolá unha vulgaridade abondosísima), posúe nestas fragas as mellores poboaciós coñecidas, Davallia canariensis e Dryopteris guanchica aparecen por moitas das cortizas das vellas árbores, entremedias dos liques vellos, longos e veludos, e dos suaviños molidos de brion.




Estas esgrevias ribeiras non só posúen relictos e rarezas de valor incalculable (tamén en valor monetario poidera dicir), se non que outros moitos felgos protexidos e valiosos, aínda que ao mellor non en perigo de extinción (tal Blecnhum spicant ou Osmunda regalis), aparecen abondosos e vizosos, puxantes e fortes, tecelando o fondo da fraga selvosa. Por algo será que a Serra da Capelada posúa o maior número de especies de felgos de toda Galizia.




E ao seu lado danse especies de fanerógamas raras raras, que nestes apartados mundos perdidos da capelada macaronésica, déixanse ver sen medo. Allium victorialis, un fermoso allo bravo que conta con poucas citas na Galizia, ten nas beiras do río poboacións importantes e ben asentadas, Polygonatum odoratum, o Selo de Salomón famoso, medra con confianza nesta selva aledando a vista do naturalista coa súa curiosa e linda maneira de dar as flores, e a canda eles, un raro Petasites de quen dubido a especie, ou os máis comúns xacintos monteses, Hyacinthoides non-scripta, as delicadas Saxífragas, as fermosas Primulas ou as elegantes Aquilegias adubían a toneira coa alegría primeira dos recendos das súas flores. Unha deliciosa ledicia: a selva macaronésica. Un mundo perdido e ignorado. Vivo de milagre.

A canle da escorrentía, díxose, deslinda ao Concello de Ortigueira do de Cedeira, ata chegar a embocadura co Seixo, onde testa tamén o Concello de Cariño. Velaí as tribus pixís, vilanchas e descalzas irmandadas na responsabilidade de gardar, protexer e amellorar un coreño curruncho da súa patria no que se gardan algunhas das máis valiosas, escasas e fráxiles reliquias botánicas ibéricas. Ao mellor non hai un espazo natural en toda a Península Ibérica onde en tan poucos ferrados se atopen axuntados tantos tesouros botánicos en perigo de extinción. Apóñoio.

Arestora deberían ser os tempos chegados, nos que os concellos de Cariño, Ortigueira e Cedeira, superando xenerosa e intelixentemente as rivalidades tribais e políticas, principiasen unha acción conxunta e coordinada na percura da figura legal pertinente que asegure a protección e a mellora destes habitats capelados, únicos, sobranceiros, extraordinarios, asombrosos, incribles, valiosísimos ...e...esmorrentes. A destrución case total da fraga ribeirán do Río Casón, e a canda ela a súa poboación de culcitas que fora estudada polo grande naturalista ferrolán Soñora, deberíanos servir de lección para non tropezar dúas veces co mesmo pelouro.

¿Que tal pensar na creación do Parque Natural das Selvas Macaronésicas, coas concas do Casón e do Seixo? O grande legado botánico que temos estaría asegurado e as posibilidades turísticas de futuro confirmadas.
¿ Quen se apunta ?

Agradecido, miñas e meus.


Despós de data: Os meus agradecementos máis sentidos para a ANPA "O Picapeixe" do Colexio de Cedeira por ter agasallado "Ao noroeste do Noroeste" co premio ao mellor bló socioeducativo. Unha sorpresa agradabilísima. Unha honra e un estimulo. Mil veces mil, gracias. De todo corazón.

En débeda tamén coa amiga Elisa, bióloga da Fundación Ortegalia, que me mandou a foto que cancela esta entrada, na que un humano insignificante ilustra a xigantesca vizosía dunha Culcita Macrocarpa do Rego do Forte.


2 comentarios:

  1. Amigo Rafael:
    ¡¡Noraboa polo premio!!, telo moi moi merecido.

    A min fíxome moita ilusión cando o recibín o ano pasado, prometín que serviría para darlle pulo ao blog, cousa que por circunstancias familiares coñecidas por moitos non puiden cumprir, ao contrario, está máis abandonado que nunca. Espero retomalo con forza.

    O que dis ti nesta entrada aproveitei para decirllo o ano pasado nunha ocasión que estaban os tres alcaldes xuntos: hai que crear unha figura, non tanto de protección (aínda que sexa ese o fin último) como de xestión conxunta, porque a Capelada é unha unidade natural, e os meus antepasados xa andaban por alí antes de que se inventaran os concellos.
    O problema é articular esa figura, costa traballo e diñeiro, e naide parece decidido a poñerlle "el cascabel al gato".
    O dito: noraboa e un saúdo.

    ResponderEliminar
  2. Boas Tojeiro...agradecido...a protección da Capelada e a xestión sostible dos seus recursos só pode ofrecernos ventaxes de futuro...a permanencia na desfeita permanente( non outra cousa se está a facer, que desfacer)é uhna tolería que dilapida uhna fortuna natural dun valor económico incalculable. Os exemplos serían infinitos.
    Efectivamnete no é facil articular a figura legal de protección, pero ao día de hoxe é absolutamnete necesaria. Políticos profesionais( quero dicir que cobran, non que sexan profesionalmente eficaces)temos dabondo para poñelos a traballar e que ofrezan uhna alternativa viable e ecolóxicamnete coherente. Pero desgraciadamente a democracia só é partidocracia e o marxe de decisión dos cidadáns e prácticamente nulo: elexir a dictadores cuatrianuales e pouco máis.

    Se non se xenera un estado de opinión o suficientemente poderoso, por razonable, para obrigarlles a tomar conciencia da necesidade de xestión sostible e amelloramento do impresionante legado natural que herdamos, témome que pouco han facer ata que sintan que por aí vánselle escuando os votos.

    Pero vaia...haberá que empezar a dar ideas e a esixir resultados. Non se pode permitir que a fabulosa riqueza natural ( riqueza en valor económico, ou é que somos nós os únicos humanos que non sabemos do valor económico, presente e futuro, do turismo ecolóxico?) da bisbarra desapareza tumbada, pisada ou sepultada.

    En fin gracias polos teus comentarios e a ver se máis xente se anima a dar ideas e debatir o tema. Compre que nos escoiten.

    A mandar.

    ResponderEliminar