XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 8 de decembro de 2023

Alvaro F. Polo a natureza pura, espida e nú.


Os ceareiros deste espazo dixital saben mellor ca ninguén que Ao noroeste do Noroeste (aparte as puntuais novidades de orde informativo naturalista que cada día rarean máis) vaise alicerzando con un recurrente número de artigos que apuntan na súa intención a un universo de temas diversos e diferenciados que ben poderían encadrarse niso que dei en chamar  cultura naturalista. Quer dicirse contidos que non sendo en senso estricto de orde  descriptivo -citas, novidades, listados de especies, etc- buscan indagar e reflexionar sobre asuntos que, sendo de raigame natural, non son atendidos nos blogues ao uso.  que  non se enloran coa posibilidade de afundirse nun rolón intelectual cultureta e libresco. Non digo nada.



Este servidor de vostedes, miña ben querida e pouca xente, non se espanta coa posibilidade de ver fuxir o número de olladas, de sentir diminuir as lecturas, ou desaparecer as visitas a este espazo que estando aberto a todos  é consciente de estar pechado a moitos.  Digo que non sendo elitista si recoñece que só o visita unha élite. Minoritaria, vella, galega e persistente: a miña ben querida e pouca xente. Coñecédela ben, seino. 


Así é que non me tremaron os dedos, non sendo de ledicia, ao escribir sobre etnoloxía e o meu admirado Fernando Alonso Romero en O rei das aves;  de toponimia e o mestre Álvaro Porto Dapena en FrouSeira ou FrouXeira ?; de poesía e o grande Antón Cortizas Nos páramos da lúa; contra o turismo e a estupidez política en Raposos; de lusos ilusos e o lingüista  portugués Fernando Venancio en Pinchocarneiros e entre tantos e tantos outros máis que podería arrimar -Menos mascotasMovemento vitalista das terras do mundo - non debo esquecer todos aqueles cantos lle adiquei o meu ademirado Padre Sarmiento ate podermos sinalar o seu natalicio coma Día do Naturalismo Galego; sirva de exemplo  Frei Martiño, o noso padriño


Hoxe este discorrer que andas a ler síntese ledo coma paxariño con miñoca no bico ao poder estar presentando  unha exposición virtual da obra pictórica do xenio sen par de Alvaro Fernández Polo, ortegano da cerna, mestre de naturalistas, paxareiro de saber superior,  fotógrafo de ollar preciso e elegante e tamén... gaiteiro.  Álvaro, o meu admirado e ben querido Álvaro, pra aledarnos as noites deste decembro escuro, tivo a bondade connatural de regalarlle aos nosos ollos,  a arte espida e nú das cores das súas fragas, silveiras, morouzóns ou ribeiras. Artista cabal, amplo en sentires, tenro en quereres, profundo en saberes,  ao igoal que as caixas dos misterios de fondo - os venenos, os perfumes- agacha o mellor de si, da súa alma, na máis  profunda e pequerrecha macro das arcas que aínda lle quedan por abrirnos. Dela, el ten a chave. 


Ao nororeste do Noroeste sentímonos ben honrados e moi agradecidos por poder presentar, en primicia universal, esta exposición permanente de boa parte da obra gráfica, a pincel e cor, de Álvaro F. Polo. Marabilla de marabillas, orgullo de Ortigueira, chufa do Ortegal, ouro da Galicia, bálsamo de maladías. Gracias por ser, amigo.


Admiro de vello a obra de Alvaro F. Polo. As primeiras mostras do seu talento artístico, do seu grande talento artístico, encheron o meu ollo ao contemplar un preciso e ben fermoso debuxo a tinta negra na portada dunha daquelas revistas que a xeneración progresista,  coa que partillei ideais e ilusións, encheron as vilas de  Galicia dunha prensa viva, inxenua e amateur. O primeiro que mirei daquela ben feita portada era a firma do autor, na que eu intuía un observador atento da elegante Valentina de Milo Manara e un olláparo feliz da  revista ilustrada TOTEM, dos que eu mesmo era un rendido ceareiro... canto me teñen consolado no cuártel-prisión de Ceuta!! Xa me gustaría a min saber debuxar como debuxaba aquel Álvaro F. Polo que firmaba o debuxo. Pensei.


Moitos anos máis tarde, por ter ofrecido unha conferencia ou algo así na vila do Condado agasalláronme cun libro moi cumprido, intitulado Ortigueira, que con textos ben coñecedores de Anxo Rosende, estaba enriquecido cunhas magníficas fotografías, das naturezas, vistas e arquitecturas de Ortigueira e o seu alfoz. Santos que eran obra, outra vez, de un tal Álvaro F. Polo. Xa me gustaría a min saber fotografar como fotografaba aquel Álvaro F. Polo. E aínda por riba fotografaba no difícil, caro e complicado formato analóxico; aquel que a fotografía, artesana e artística, esixe.


Andando o tempo poiden ir partillando horas de observación paxareira na punta do muelle de Ortigueira, en Cariño, no muiño de mareas ou na Herbeira con él, o tal Álvaro F. Polo, e co seu cuñado Euloxio e cos Calidris e poiden abraiarme coa sabiduría precisa,  exacta e enciclopédica de Álvaro. Capaz de distinguir ao instante -e a distancia que fora- calquera novidade ou rareza ignota que aparecera entre os centos de augaires que repousan ou se manteñen no limo da ría. Coñecemento que Álvaro ofrecía de como de quen, como o que non quere a cousa,  cun dicir pausado e preciso, fardado dunha humilde elegancia connatural na que apampaba, e apampa, a miña infinita iñorancia paxareira. Xa me gustaría a min, pensei mil veces, chegar a saber algún día  o que hoxe discerne Álvaro F. Polo cunha soa ollada. 


O tempo, que si sempre é cruel e disolvente a veces disimulaio, foime regalando cos anos o callo da amizade con Álvaro e así é que, non hai tantos anos, ao saberemos Carmen e eu que Álvaro estreaba exposición nas paredes do Concello de Ortigueira encamiñámonos encantados da vida a asistir á súa inauguración, firmes e seguros de que haberíamos de pasar unhas horas gratificantes contemplando os seus debuxos; á plumilla en branco e negro, imaxinaba eu.



Confeso que non ía preparado pra ver o que vin: unha obra pictórica superior, a dun mestre da forma e da cor, das texturas e das calidades, que fundándose nunha evidente querencia polo hiperrealismo elevábase dos rigores formalistas do estilo pra, entre recendos de humus, ascender a espazos líricos de poéticas propias que se esvaían, aposándose invisibles, entre as herbas dos recoñecibles carreiros  do noroeste do Noroeste. As pedras, os liques, as ondas do mar, os carrizais, os currunchos garimosos, os cómaros do monte, as pequenas xeografías do ouzal, da xunqueira, das alentías, das pedreiras, elas e cada unha de todas as súas herbas e pedriñas, eran os verdadeiros protagonistas da súa arte que sempre dan cobillo a algunha ca outra xente de pluma e froixel, retratada por pinceis que move unha mao a quen conduce a sabiduría anatómica precisa do ollo dun fotógrafo e amoroso naturalista. Mi madriña, pensei, teño a fortuna de ter un amigo que é xa pura historia artística da nación. Da arrotreba e da outra. E ningunha delas sabe del. Malpocadas. Mi madriña, pensei, quen me dera saber pintar como pinta Álvaro F. Polo.


Se a treidora memoria non me falla naquela exposición percibín doutra volta, que había unha outra profunda querencia estética que me unía con Álvaro: sen necesidade de dicirmos nada, sen palabras innecesarias, sen faláremolo nunca, debíamos concordar en que a beleza,  a fermosura natural espida de adxectivos, núa de adubíos, esa que te deixa pampo, mudo e teso, que te fai sentir incapacitado pra nada que non sexa a súa contemplación sensitiva e silandeira, acobíllase sempre nas formas femeninas espidas, nús, limpas de pecado, deitadas ceibes durmintes ao sol dunha area ou soñando universos de acibeche e lapislázuli entre chuvieiras de estrelas primixenias.


Eu pensaraio pra min mil veces: só unha noite estrelada ou unha campeira callada de margaridas se aproxima algo á beleza natural das formas femeninas liberadas de adobíos. E naquela exposición pública, tamén libremente púbica, Álvaro F. Polo proclamaba coa mesma suave discreción coa que se deixa ir indo pola vida -sen estridentes provocacións innecesarias e enfáticas- o seu amar á beleza natural humana en femenino. Espida e nú. A orixe do mundo, dixera Coubert; de todos os mundos, podería dicirse das mulleres de  Álvaro.


Non teño palabras pra poder agradecer a Álvaro tantas mercedes coas que me ten agasallado. A seu conversa de sorriso sinceiro, a súa diáfana intelixencia, os seus consellos de fotografía, o seu saber paxareiro ou seu bon humor sen amarguras, son froitos da amizade que saboreo amodo, sen présas, como aquel raro chocolate da infancia que  non quixera que se acabara nunca no meu padal. Hoxe se coubera quedo aínda máis en débeda polo agasallo, a este meu e noso blogue, do dereito a exposición pública e permanente da súa obra pictórica que sen dúbida de ningún tipo fai ascender Ao noroeste do Noroeste á unha dimensión cultural e artística inusual, inesperada e extraordinaria que de seguro ha ser contemplada por vós, miña pouca e ben querida xente, con aquela  suave e lenta delectación coa que se saborea por primeira vez un pracer descoñecido.







Sinto latexar a vibración de sorpresa dos ceareiros e ceareiras do noroeste do Noroeste os que coñecendo e admirando de vello o labor naturalista e fotográfico de Álvaro F. Polo, descoñecesen ou só coñecesen por badaladas lonxanas o seu labor pictórico. Dos olos hanlles choutar coscurescencias con brillos do arco da vella.  Facédeme caso: ir elevando lentamente, lenemente, este discorrer cara os ceos. Ide pouco a pouco desfrutando da aparición da beleza sen mácula da arte natural de amor á vida de Álvaro F. Polo. Das cores minerais, das pedras escraquenadas, da pel dos liques nas rochas, dos árbores fardados de brión, dos couselos en flor e de tanto máis... dun mundo espido e nú de artificios. Fermosura do vivir salvaxe. Abofé. 

Gozade sen pensar deste pracer grato e livián de meditación intrascendental. 

Unha porta á contemplación natural que nos regala de corazón o mestre Álvaro F. Polo.

Velaí vén:












































Agora que chegastes comigo ao remate deste discorrer de hoxe, miña ben querida e pouca xente, de certo que estaredes habelenciados pra concordar en que a Natureza da nosa bisbarra ten a rara fortuna privilexiada de ter sido elevada, inmortalizada, aos sobrados da Arte Univeral polo talento, sensibilidade e labor dun artista natural extraordinario, de humildade franciscana, capacitado pra se presentar en calquer espazo expositivo de calquer lugar do universo que quixera presumir de ter amosado nas súas salas á obra pictórica de Álvaro F. Polo. Sexa o Gugenheim, o Prado, o  Moma, a Tate, o Hermitage ou... o Centro Galego da Arte Contemporánea. 

Quen lles dera a todos eles!!!

Mentres se poñen  á porta pra solicitarlle a Álvaro ese seu favor  e gracia, este espazo bital no que estás a ler, criado entre neboeiros capelados, encantado de ser de donde é de estar donde está, síntese ben honrado e agradecido co galano de Álvaro: a exposición universal permanente da súa obra pictórica. 

Presenza que xustifica, e doutra volta dá sentido e contido, a existencia deste argalleiro curruncho natural de palabras, cultura, arte, pedras, flores,  ouricelas, paxarada e bichería que dende hai anos e sen saírse dos carreiros do monte, discorre co título de Ao noroeste do Noroeste

Esa matria e patria nosa, miña ben querida e pouca xente.

Sede bos que guapas xa sodes.

A mandare.




PAZ   E   PALABRAS


(Despós de Data: imos ver como se comportan os papanatismos moralistas, o de Google entre eles. Advertencias hai de que a liberdade púbica provoca arrepíos de pel de galiña en bandos completamente alonxados, en principio, do espectro social. Como eu non son a Sra. Marta Ortega, nen Álvaro é Helmut Newton, nen Ao noroeste do Noroeste a Fundación MOP, nen Cedeira é a Coruña, todo pode ser. Mesmo que non sexa nada. A mandare e por se acaso...pensa sempre por ti mesmo).



SUPLEMENTO DOMINICAL 
a martes 12 de decembro


Meu bon amigo Cheda de Ortigueira, galego enteiro, gaiteiro afinado, home de palabra elegante e precisa, de decires xustos e acomodados, escríbeme pra lembrarme que non me lembrei, nin dixen palabra, do extraordinario labor cartelista de Álvaro F. Polo e do seu vencello de aceiro co Festival Celta de Ortigueira, esa patria de liberdades verdadeiras.









Festa estival á que Álvaro lle regalou os sete carteis que anteceden, (mostra varia das súas amplas capacidades expresivas, se á mancha se ao detalle), e asemesmo un outro oitavo, cartaz de cartaces, todo un exercicio de metalinguaxe no que firma esta a súa obra de 2009 no programa do 1998 que se atopa na suposta parede de fondo e do que el mesmo fora deseñador.



Sei que agora non se vai creer, pero Mari Cruz Sabio pode confirmar que é verdade: sempre quixen ter feito un cartel do festival como os de 
Álvaro F. Polo,
 mestre.


Non te vaias, non me pesas
fica pousada nos dedos
son as túas ás lixeiras
son lurdas as miñas penas.







14 comentarios:

  1. Vaia maravilla, abraiante, ainda estou coa boca aberta vendo a fermosura, finura e mestría que sae da man de Don Álvaro ... si, si, Don con letras ben grandes.
    Grazas Rafael, por achegarnos esta xoia, e pra Don Álvaro toda a miña admiración e respeto pra sempre.
    Apertas !!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Certo: unha marabilla. Álvaro é un patrimonio dun valor extraordinario. Este blogue síntese xustificado de sobra con poder partillar e facer cultura arrotreba, (da treba dos arros) e amosar que chega tan lonxe coma ollada cando mira ás máis lonxanas estrelas. Non perda as mañas. Agradecido.

      Eliminar
  2. Fantástico coma sempre! Un pracer lerte

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas!! A mandare!!! Non deixes de andar dando unha volta polo noroeste do Noroeste.

      Eliminar
  3. Respostas
    1. Moi agradecido meu señor: non perda as mañas e véñase dar unha volta de cando en vez polo noroeste do Noroeste: xa vai vendo que lonxe das megaurbes tamén existe vida. Co mellor dos sorrisos.

      Eliminar
  4. Xan Rodríguez Silvar9 de decembro de 2023, 07:09

    Álvaro leva desvelando discretamente toda a súa vida un repertorio de sensibilidade e técnica materializada primeiro en marcos de Kodachrome, logo nas súas pinturas para apreciar con ollos abertos e mente núa, e un trato humano de calidade cimeira, que nunca poderemos agradecer dabondo.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa Xan! Que grande exposición acollería o Museo da Natureza da SGHN en Canido coa obra de Álvaro!! Ese museo e calquera outro, pero no meu sentir os espazos do museo da SGHN eran ao que tal pra poder gozar co labor de Álvaro. Pero...ao mellor haise que conformar con botarlles un ollo, unha ollada esvaída e empobrecedora, neste discorrer de Ao noroeste do Noroeste, blogue que está ben orgulloso de ser vieiro de presentación do seu labor pictórico. A mandare. Non perdas as mañas.

      Eliminar
  5. Con moita gañas de voltar ás fantásticas terras de Ortegal!!! E agora mais, si cabe.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Veña sen medo!! Xardín aberto a todos, pechado a moitos. Unha aperta.

      Eliminar
  6. Preciosa reportaxe de Álvaro, encima tan calado, como si nunca fiera nada. Tamén faltan as portadas dos mes libros. Moitasgrazas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Agradecido quedo eu por tanto!!. E seguro que quedan máis cousas. En principio o discorrer había de ser pra presentar a súa laboura pictórica naturalista, pero recibindo as imaxes dos carteis por gracia dun amigo...sentín a oportunidade de facer un suplemento. Pero nada me impide facer outro: só o non ter as imaxes. Saúdos cordiais. A mandare.

      Eliminar
  7. Pena de non ver esa obra ao natural. Parece bárbara.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. O groso dela estivo colgada nas paredes do Concello non hai tanto tempo. Eu achegueime dende Cedeira. Dende logo unha retrospectiva ampla da obra de Álvaro, que inclúa pintura, ilustración, debuxo, fotografía etc, sería o mellor proxecto cultural que Ortigueira podería empezar a pensar. Nada, pero nada do que hai creado en Ortigueira en Arte no último século ten o mérito ou a potencia creativa pra poder transportar o nome da vila polo mundo adiante sen necesidade de sair de portas: acó hai temas propios de Ortigueira elevados a categoría universal: non teño dúbidas. Cousa diferente vai ser que haiba a capacidade, a sensibilidade, e a xenerosidade de querer. Aí xa non digo nada. As vilas son como son: un niño de xuizos previos: de prexuizos. A mandare.

      Eliminar