XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 18 de setembro de 2011

Rebezos nos Ancares



Andamos días atrás os fermosos camiños de Ancares pra pasare o día  facendo o roteiro que  dende o albergue do Clube de Montaña vai ate o alto dos Tres Bispos e  dando a volta polas Campas de Brego e Deva, descende o fondo fondal da canle do Rego da Vara pra logo, e aos poucos, entre sombras e fontes, ir rubindo entre reviravoltas cobregantes ate tornar a ampla pista de inicio.



Non buscábamos nada especial, se non tan só, na altura do ano, o milagre  serodio dunha doce xanciana floreada, unha Gentiana lutea var.aurantiaca, e se os deuses das penedías querían ter con nós un detalle, que nós agradeceríamos enchendo os aires de loubanzas ás súas mercedes, aínda poderían deixarnos ver, máis que fose aló ao lonxe, algún ca outro rebezo, deses que dende hai anos tornaron a colonizar, mor das repoboaciós, os esgrevios cotos que a primeiros do século pasado viron desaparecer a vella raza dos rebezos cantábricos. E se non se daban, sempre nos encherían os ollos, ate rebordar de beleza, as extraordinarias vistas do máis cumprido mato galego: as fragas dos montes da estrema oriental luguesa. Ferventes de verdor: ferverdescentes. Cousa linda.


Marabillas das mañanciñas do agosto en flor revoaban ao noso pasar, dacó pra aló, entretendo e amodando o  camiño, que ía lonxe, pro levaba encomenda pra todo a xornada, e sendo o Día da Patrona e coa luz limpa do sol nos cumes, todo eran folganzas e repousos, e alonxadas de nós quedaban as présas dos trafegos  amargos dos días de labor. Gozámola co zafrán de ouro e melocotón da Lycaena virgaurea, a meniña dourada.

E abofé que o camiño que outros farían en poucos minutos nós eramos capaces de facelo en horas. Parados na contemplación dun besbello, tentando retratar unha volainiña lixeira ou divagando atrevidamente se tal ou cual silueta de ave era ou non  unha aiga rei. O meu compañeiro de andaina, non direi quen, ollaba con certeza a aiga rei e regalábame os ouvidos con requintadas explicaciós de non sei que ángulo de incidencia das ás co corpo que a facían característica e inconfundible. Eu non o dubidaba, pro a silueta escura andaba moi  aló ao lonxe, polo outo azul das divindades ornitolóxicas e a min cadrábame máis na raseira de ollo disfrutar cunha Dipsacus fullonum, unha dipsacácea á que todos chamamos carcancha ou cardencha  e que cada día se fai máis rara de ver, pois tórana pra aduviar floreiros. Humanidades.



Polas abondosas morrenas glaciais, memoria mineral do xeo doutras Eras, daban en andar soleándose algunhas ca outras lagartas. Non moitas. Requentadas ao sol do mediodía do agosto, co depósito enerxético a reverquer e con abondosa bichería alada e miúda que papar, non era fácil dar coa ocasión de lles sacar un retrato para mirar de saber quen era quen. A do santo de baixo  amítaseme a unha femia noviña de Lacerta monticola, pro que vou saber eu.


E quen andaba tamén chuchando, seguramente elementos salinos e minerais, polas faces griseiras  das pedras da morrena, era esta estrugueira ou ortigueira, Aglais urticae, unha pamboreta tamén cada día máis rara de ver, cando en tempos foi das máis comúns e abondosas. Sen dúbida os herbicidas, eses velenos atroces, usados e vendidos con total liberdade e falla de control, cando non utilizados a caneiro aberto polas autoridades, son os responsables da diminución do seu número ao querer erradicar a súa pranta nutricia: a estruga ou ortiga. (Na percura dun rexistro gráfico decente da ortigueira houben de levar unha boa zoupallada entre as inequilibradas pedras onde revoaba. As divindades das cimeiras gardaron do meu equilibrio. Oro pro elas).


Este bombilideo, (pra nos entender: unha mosca que amita a un abellón) deu en considerar o cosmopolita niqui do meu amigo experto en aigas coma o mellor lugar de apousamento, e alí quedou quedo, deixándome facerlle unha boa xeira de fotos que se non sairon mellor enfocadas, sería tanto por cousa da miña torpeza canto polo terror tremoroso do meu amigo, a quen enganei coa broma perversa de tere no lombo un estraño exemplar de velenoso himenóptero que ameazaba con facer rebentar dun aguilloazo o seu teso espiñazo,  no tan recheo de colesterol coma o meu.



O xénero Eringium comprende na Galizia a algo máis de media ducia de especies das que seguramente a máis coñecida delas, cando menos pra nós, pescos da beiramar, é o Eringium maritimun, o cardo azuliño das plaias. Xa non é tan sabido que estes eringium non  pertencen en realidade á familia dos cardos, dise dipsacaceas, se non  á das umbelíferas. Xa que logo, son parentes do pirixel, do fiuncho, das anxélicas ou da cicuta. Aínda que efectivamente non o parezan. Por Ancares anda, en non escaso número, o Eringium duraiei, un endemismo destas montañas que sería raro non o fotografar co seu himenóptero de garda. E como nos pasou a nós, cantas veces  o retratamos, havos de pasar a vós. De certo.




Dificilmente o noso paso podería ser apurado con tanto que tiñamos pra mirar. A fermosura inédita dun enorme acibreiral, gris e azul entre a luz e a sombra, engaiolado pra sempre na memoria, retivo o noso andar e deixou a nosa ollada entretida en fornecer a conversa de argumentos gozosos, mentres o tempo ía esvarando amodo, e o corpo, quedo, ergueito,  esquecido, era un escravo dos ollos que non o deixaban camiñar mentres eles, paseniño e  mainiño, folgaban demodo polas abas dos montes fervedescentes.

De pura casualidade fomos chegando ao alto, sen querer case, pasiño a pasiño, de bolboreta en pamboreta, de volainiña en pampurriña, de conversa en faladuría, de riso en sorriso; gozando dos amores das erebias, das linduras dunha Lycaena tithurus, da diminuta fraxilidade poética da Coenonimpha arcana, ou das campas rebentando -se non centos, si  miles-  de pés de  abrótegas e xancianas, todos eles como era de esperar na hora, secos, froitados, sementados. Pro ningún estalando en  flor. Na altura do ano era o que compría.



 Acreditarei que as sagradas divindades das cimeiras andaban ese día a camiñar a canda a nós. Certo que nas bravas pedras acantiladas de baixo Os Penedois, andaba entre pacendo, folgando e mamando unha manda non pequena de rebezos que entre crías e adultos eran algo máis dunha ducia. A simple vista non eran nada, nen tan siquera unha penca de cor avermellada entre as rochas grisas, pro cos prismas e a cámara podíanse  vislumbrar e disfrutar. Sentados na cabeza dos Tres Bispos, deixamos correr o tempo, disfrutando dos rebezos, diminutos ao lonxe, e da paisaxe grandiosa, que metía no ollo media Galizia e medio León. Ponferrada e Lugo, nun chiscar de pálpebras. As divindades da serra andaban con nós. Baixábamos xa, embebecidos de beleza aínda, cando sen eu querer nen agardar, un berro naceu na miña gorxa: ¡¡Xancianas en flor!!



Verdade é que non era senón unha soa, e que o plural sobraba pro a ledicia da sorpresa, traspasoume coma o alustre do lóstrego cruza os ceos e moveu no meu corpo unha maretada de agradabilísimas endorfinas: o impensado e inesperado, si grato, emborracha de euforia incontenible, e, ao igoal ca unha  droga, crea unha viaxe volandeira estratosférica. O meu amigo experto en aigas tivo a caridade de me volver a poñer os pés na terra: ¡Volve en ti!¡Non berres tanto que a vas  murchar de medo! Tiña razón. No monte que fale o vento. E a beleza silandeira da flor. Silenzo, fala a xanciana:


Voz de laranxa en sazón, ouro que nace da seiba,  estalo de cor e paixón...  a flor da xanciana, entre o verdor novo das urces e as follas reviradas e rechumidas da carqueixa e un  recendo ao que é enxebre e verdadeiro: A beleza é verdade e a verdade é beleza. Só isto saberás deste mundo e só isto necesitarás saber. Un galano das divindades do monte. Oro pro elas.


Pouco máis lle podería  pedir   ao día. Aos poucos unha outra manda de rebezos deixouse ver, agora non tan lonxe e máis numerosa e agrupada, nas campas do alto Val do Río Burbia, xa en terras de León. Pesia a non andaren perto de nós, agachámonos tras dunhas uces para velos mellor, que sempre, aínda de moi lonxe, se amosaron desconfiados e atentos.  Poidemos comprobar que pacían as follas crasas da mouta basal da xanciana. Enchoupados de ledicia, cando os rebezos se foron movendo e marchando, fómola indo tamén nós, pasiño a pasiño, que o camiño que restaba era moito. Unha Atrhoolopha pennigeraria, penso que era ela, veunos a despedir dos cumes dos Tres Bispos. Xente cunha educación.


Había aínda por diante un camiño de volta longo e malazoso, que se metía ás veces por pasos do gado  baixo as uces e os piornos,  empedregullado, malo de pisar, un camiño que dende o cume dos Tres Bispos nos levou ao fondo do Rego da Vara, acompasando ás augas no seu arrolar, entre  calladas sombras  de acibros e vizosías de castiñeiros mozarrós.  Unha camiñada que me fixo súar, que me deixou sen hidratos e sen folgos, que me levou e me trouxo ao seu antollo, que nas maniotas do día que veu me descubriu músculos descoñecidos, pro que nunca, nunca, deixou de regalarnos unhas paisaxes abraiantes e unhas xentes singulares.
Pra volver. Cantas veces se poida. Sempre en Ancares.



Remata no punto esta andaina coa espranza de que a súa lectura non vos faga súar o que a min me fixo caxir o andala e o escribila; e  se  certo é, non falou moito de rebezos, verdade é que cando menos vai toda ela rebozada en rebezos.
Se aínda andades aí, moitas obrigas me quedan con vós pola vosa compaña e paciencia. De certo que si.
Apertiñas miñas e meus.
A mandare.


VideosMínimosdoNoroeste TV


Xancianas floreando en agosto

11 comentarios:

  1. Parabéns pola saída Rafael! A Xenciana lutea é una espina clavada.. ;)
    Un saúdo dende o sur do Noroeste!

    ResponderEliminar
  2. Moi agradecido Rubén...tamén era unha débeda para min, pois non tiven oportunidade de subir na época de floración, xuño-xullo,Se poido volverei pra vela florear a ducias ou centos. Haina.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  3. Non estaría mal facer unha quedada de blogueiros do noroeste para bichear en zonas do interior pouco coñecidas.

    ResponderEliminar
  4. Non só non estaría mal...é unha boa idea, máis só sexa pra nos coñecer...a Serra do Cando pode que non sexa un mal sitio...e amáis así ese bló andaría algo. En serio o Cando paréceme unha serra pouco andada, eu dende logo xamáis a pisei, iso que a teño na axenda dende hai tempo. O Invernadeiro, ou outra parte do Macizo Central ourensá, por enorme, tamén podería dar sorpresas.
    Haberá que ir perfilando datas...pra a bichería miúda xa lle vai pasando o tempo.
    UNha aperta.

    ResponderEliminar
  5. Pois aos que vos animedes a vir á Serra do cando benvidos sodes, tendes compañía e aloxamento.
    O blog non se pon en marcha por falla de tempo...foi quizás moi ambicioso ;)
    Eu pensaba en espacios do interior de Ourense e Lugo pouco transitados, como os que mecionas ou incluso a Fonsagrada, negreira de Muñiz, Valdeorras, etc.

    ResponderEliminar
  6. Non subin antes o comentario por andar fora de onda...xa falaremos do Cando, que me leva a vida coñecelo...dende logo as estremas orientais galegas son do máis interesante, pro o mellor poderíamos armar unha Círculo de Roteiros entre blogueiros...eu podería ensinar algúns currunchos da Capelada, os cantís por exemplo, ti a Serra do Cando, outros o Suido, A Fonsagrada, A Faladoira....etc e a parte de coñecernos iríamos tendo unha visión de primeira mao do estado real dos espazos naturais e sempre disporíamos dunha guía local que de seguro nos levaría endereito...Cómo o vedes? Poderíase facer?
    Saúdos.

    SAúdos

    ResponderEliminar
  7. Vaia ideaza!! Supoño que Antonio (cousas do norte) se animará e Xabi prieto e a ver se alguén máis se pronuncia! Por min perfecto!

    ResponderEliminar
  8. Pois imos ver se vai callando...Ogallá. A ver se algún máis se apunta.
    Agora levo presa...
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  9. Primeiro de nada felicitarte pola entrada Rafael, pásame como a Ruben e esta xenciana teñoa pendente, dende logo e unha pasada.
    Por outro lado, ese circulo de roteiros paréceme das mellores ideas que oín en tempo, seguro que alguén se apunta, dende logo con este señor contade. un saúdo.
    (Toñito)

    ResponderEliminar
  10. Pois logo xa somos tres...en canto teñamos outros tres, (no monte as moitedumes non sei eu), xa poderíamos empezar a armalo. A ver se chega a idea os do Suído ou A Fonsagrada e mesmo Ourense, eu particularmente teñolle moitas gañas a Serra de San Mamede ou as morrenas glaciais do arredor do Encoro do Cenza, que coñezo de lonxe, de tocalas, pro non andalas.
    Imos vendo como vai todo.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  11. Que os interesados no encontro blogueiro me envien un correo a rubenportas(a)hotmail.com e me poño en contacto con algúns máis.
    Unha aperta!

    ResponderEliminar