XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 3 de maio de 2009

¡ Por fin !



¡Fritillarias pyrenaicas, por fin!. A tulipa brava do monte volveu a darse. Había anos que non atopaba con elas. E non por que non as buscara. Pero son poucas e quérense lonxe. E se non se anda polo ouzal nos quince días do ano en que alumbran, botádelle uhna area de sal...e ata o ano que ven.
Este domingo día 3 de maio, con fe firme, espranza xusta e nula caridade por min, boteime, capa de auga ao lombo, na percura das escondidas fritillarias polos ouzais do Monte de Limo nunha mañá neboenta e ventosa, fría, desavogosa e griseira. Andandoio dende a banda de Cariño, que lestea, ata os abismos do Renegado e a Longa Vertua, que bican por vendabal. Rastreando aquelas zonas onde se me deixaran ver noutros tempos. O mesmo que fixera inúnilmente os últimos cinco anos ao chegar a primaveira. Pero este ano con premio. Merecido, din en pensar. Media ducia delas enchéronme os ollos aledando uhna mañá que si ata o daquela era refriada e tristeirona, empezoume a parecer tan só chumbiziña.




Fritillaria pyrenaica (para moitos autores Fritillaria nervosa), é herba da familia das liláceas, a que pertencen as moi coñecidas abrótegas, xilbardeiras, crocus, allos do monte... e tantas outras. Planta de non máis de 40 cm de outura, de follas alongadas e alternas. Da uhna soa flor, campaeira, de ata 3 cm, dunha cor púrpura escura, que pode irse aclarando e mesmo presentar zonas verdellas. O interior presenta cores escaqueadas en cadros, marelos e encarnazados, lembrando un taboeiro de xadrez. Daí lle vén o nome latino fritillaria, axedrezada, e o seu nome en castelán: Tablero de damas.



Considerada un endemismo do norte ibérico, extende as súas poboacións, sempre en campeiras de montaña e recheos de penedías, ata os 1500m, dende os Pirineus, nas súas dúas vertentes, ata as costás galegas. En Galizia considérase planta rara e moi mal estudiada (coma case todo por outra banda), citándose nas Illas Sisargas, no Monte do Pindo, nas Serras Occidentais e, como non, na Capelada. Aparecendo acolá en terreos, de rochas ultrabásicas de peridotita serpentinizada o que, na miña opinión, confírelles un interés botánico especial.


Nesta serra, este descalzo que escribe, tenas atopado exclusivamente en territorio pixí. (Nota para os de fora de portas: ao noroeste do Noroeste, aos de Cariño chamámoslles pixís , aos de Ortigueira vilanchos, aos de Ferrol carollos e aos de Cedeira descalzos; maiormente, pero non sempre, cun garimoso ton humorístico). A primeira ves déronseme polas abas do Limo que arrolan cara Cariño, non lonxe dos curros da Fornela, a segunda perto da Fonte da Moura, achegados xa o peadísimo peirao das Figueiras; outras aparecéronseme no lombo do Alto do Limo encarando xa a chaira -que non é tal, que é bacía- e uhnas poucas polas penedías escraquenadas do Renegado e a Longa Vertua. Como se ve, ben espaleadas andan por todo o Limo.
Pero todas estas visiós, polo tempo transcurrido xa avisiós, eran da Era Antidixital e non gardaba rexistro delas. Así é que dar de novo coas fermosas e raras fritillarias foi uhna teima frustrante nas cinco últimas primaveiras. Ata que nesa mañá de primeiros de maio, que coma sempre entrou refriado, meus ollos alumearon por entre un neboeiro mesto, ventado, e á abrigueira das fendechas dos penedos de serpentina, media ducia exacta de escuros corazós púrpuras, encopetados no alto dun fráxil talo verdazul.
¡Eureka, eureka! ¡ Fritillarias! ¡Por fin !... pareceume sentir berrar con alivio á alma.
Uhna ansia menos.


Moitas mercedes (a quen aínda se caia polos bits deste bló).

Este é un achego onde poderedes ampliar a información sobre as axedrezadas tulipas bravas.

5 comentarios:

  1. Pois xa seo algo máis que cando me levantei pola mañá. Gracias por compartir estas cousas.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Vale Rafa, o artigo moi ben e as fotos, pero a ver cando empezas a usar un estilo menos plúmbeo.
    Unha aperta do teu amigo Miguel.

    ResponderEliminar
  3. Uhna ledicia os vosos comentarios...
    ...para non ser tan plúmbeo( ao mellor quixeches dicir chumbento)quizaves haiba que escribir coñazo...
    Apertiñas, totus meus.

    ResponderEliminar
  4. Hola Rafael, gustoume moito o blog e a saída de hoxe tamén. Se non che importa imos a poñer unha ligazón ó teu blog no da SGHN de Sada (www.sghnasmarinhas.blogspot.com)

    Natalia

    ResponderEliminar
  5. Graciñas Natalia...uhna honra que poñades a ligazón...mágoa de neboeiro...

    ResponderEliminar