Reventan de zafrán, xofre e brancor as veigas do noroeste do Noreste iluminadas por un salferido de soles puntuais que abrollan no alto dun chafarís verdegante: son os amarelles, os afrouxóns, as calzas do cuco, os trombós. Son os fermosos narcisos do ano, que renacen pra dicirnos que xa está xenando a primaveira.
Febreiro, o tolo que pasa sen tránsito da calor a friaxe, vén sempre cheo da doce fermosura dos narcisos salvaxes alumeando de cores lucidos as campas invernadas, que aínda están alindadas de árbores espidas e grisallentas nas que enceta a se apreciar a seiva nova do ano mudando as cores das puntas das súas pólas. Salgueiros e ameneiros, ermos de follas, andan na hora presumindo de flores.
Mirade a seguir tres imaxes dun posible Narcissus asturiensis, (digo posible pois cos amarelles e os seus cruzamentos hai que andar amodo), fotografado días atrás. Pro o seu hábito e descrición é coincidente: baixo de porte, engrosamento inicial da corola tubular... (agradécense opiniós). O feito de sere unha herba de outa montaña e ao noroeste do Noroeste apareceren, tamén eles, na cota cero, non pode ser motivo de descalificación. Era xa o último en florear da pequena colonia que vou mirar todos os anos.
Efectivamente, os amarelles, Narcissus pseudonarcissus, son os que van iluminando as primeiras fotos desta entrada. Outos, ergueitos e presumidos, son cada día máis escasos. Afortunadamente aínda, pro xa só en contados currunchos que non desvelarei, pódense apreciar e desfrutar con toda a vizosía salvaxe, transportando a imaxinación á paradisíaca Galizia ca un día foi. De nós depende que volva a ser. Niso andamos: e cada día somos máis.
O monte loce, no febreiro, o primeiro florear cumprido do ano. As cangrorias,Vinca pervinca, as pequenas margaridas beloritas, Bellis perennis, as violas, as herbasdona, Fumaria officinalis, os cáncaros, Primula vulgaris, as primeiras anémones ou herbas do vento, Anemone nemorossa, as pulmonarias e a canda a elas as forasteiras mimentas e os petasites dan en amosar as primeiras cores da calor do ano. Pro de todas elas as verdadeiras raiñas do febreiro son para o meu gusto os narcisos.
Xénero de moi difícil clasificación por canto, disque, anda aínda especiándose, e polos moitos e doados cruzamentos que se poden dar entre eles. Máis aínda se se pensa que de sempre foi flor estimada polos floristas e afeccionados a xardineiría, que deron en ila buscar ás campeiras para transterrala aos xardíns e buscar por selección novas variedades, que vendidas logo ao público, poden, como así fan, escapar de novo ao salvaxe e mesmo, entrecruzarse.
Na nosa bisbarra, das cinco especies que se citan só falta Narcissus ciclamineus, endemismo da Gallaecia do Sur. As outras catro aparecen sen moito problema, sendo Narcissus asturiensis a máis dificil de atopar. Narcissus bulbocodium, a calza do cuco, anda arestora salferindo de cor marela os outos ouzais do monte e Narcissus triandus aparece de preferencia nos ribazos e rebordelas dos camiños moitas veces coa súa clásica floración triple e sempre de cor branca: os exemplares van acó retratados, solitarios, semellan pola súa longa corola tubular, ciclamineus albinos.
Mirade a seguir tres imaxes dun posible Narcissus asturiensis, (digo posible pois cos amarelles e os seus cruzamentos hai que andar amodo), fotografado días atrás. Pro o seu hábito e descrición é coincidente: baixo de porte, engrosamento inicial da corola tubular... (agradécense opiniós). O feito de sere unha herba de outa montaña e ao noroeste do Noroeste apareceren, tamén eles, na cota cero, non pode ser motivo de descalificación. Era xa o último en florear da pequena colonia que vou mirar todos os anos.
E van agora dúas imaxes da calza do cuco, Narcissus bulbocodium, fotografada non lonxe da Herbeira, pro poidera ser en calquera monte, afortunadamente son moi abondosos, seguramente o que máis da nosa bisbarra. E o intre do ano de lles ir botar un ollo. Aproveitade. (Aínda que as calzas, unha acó outra aló, aparezan durante todo o vrao)
Efectivamente, os amarelles, Narcissus pseudonarcissus, son os que van iluminando as primeiras fotos desta entrada. Outos, ergueitos e presumidos, son cada día máis escasos. Afortunadamente aínda, pro xa só en contados currunchos que non desvelarei, pódense apreciar e desfrutar con toda a vizosía salvaxe, transportando a imaxinación á paradisíaca Galizia ca un día foi. De nós depende que volva a ser. Niso andamos: e cada día somos máis.
Moi agradecido pola paciencia e a amistade.
A mandare.
Un achego a descrición e fotos de narcisus asturiensis, acó.
O Catálogo de Flora de Galicia de María Inmaculada Romero Buján acolá
Nota marxinal: efectivamente todas as fotos desta entrada están tiradas nestes días pasados de febreiro. .
VideosMínimosdoNoroeste
Voando sobre campos de amarelles.
Ola, Rafael, que ben que estouparon a centos os amarelles! Dado que o meu caderno tirou o seu nome desta fermosa flor salvaxe, vou enlazar esta entrada para que se saiba que o noso páis é fonte inesgotable de nacementos prodixiosos. Tamén vou necesitar unha foto destas tan sabias para ilustrar un pequeno autorretrato literario que estou redactando.
ResponderEliminarDescoñecía estes outros nomes do narciso, vounos apuntar todos, non debe perderse ningún.
Quero aproveitar para saudarte e animarte unha vez máis, a ti e a todas as peroas que contribuídes cada día a facer deste un Planeta fermoso.
MOi boas, Orola...moitas mercedes polo lazo que vas crear. Fotos teño máis, e ao mellor mellores. Están a túa disposición, se gostases. No Dicionario de dicionarios da lingua galega, a disposición pública na rede, e de onde eu adoito tirar a miña investigación, (das xentes, da terra e da miña memoria tamén naturalmente)e resulta unha fonte impagable e extraordinaria a disposición de todos os que traballamos coa lingua galega, (a máis natural, sen dúbida), pro necesitada dunha profunda limpeza e traballo de desbroce e recuperación das floridas verbas esquecidas.
ResponderEliminarUNha aperta.
Moitas jrasias. Acabo de atopar o seu blog e quedo ben agradecida pois as imaxes me levan a miña niñes na aldea . Eu nacin en Dodro e cando ibamos ó rio a lavar ou a braña habían de esas frores.
ResponderEliminarUnha aperta.
Ghraciñas a vostede por andar a dar unha volta polo noroeste do Noroeste. Os amarelles ao compás de tantas desfeitas andan tamén, malpocados, de capa caída coma as beiras dos ríos. Dodro...cantas lembrenzas dos cinco anos que vivín na Barbanza e me fixeron barbanciño para sempre. Unha aperta. Non perda vostede os bos costumes: veña a visitarnos de cando en vez. Ghracias.
Eliminar