sábado, 18 de xuño de 2011

Fóra de Portas: Horruras e dozuras na terra dos Orras.

Horrura: estremecemento da ialma causado por algo terrible e espantoso.
Orras: patronímico descendente da antiga treba prerromana dos gigurros ou egurros.
Terra dos Orras: Valdeorras.

Rebolos e enciñas en flor, pola contorna da Serra da Enciña da Lastra
Hai semanas xa que nos endereitamos ás calías da estrema oriental da Galizia, para ver de desfrutar dos recendos mediterráns a enciñaesteba e  cornabude, Pistacia terebinthus, que eisalan na caloriña da primeira primaveira as terras tributarias do Sil, farturentas que foron en ouro e óleo. E ao paso coñecer algunhas xentes naturais que nestas terras, hoxe calladas de uveiras de godello, outro ouro, teñen couto privativo.
Pistacia terebinthus: cornabude, escornacabras, cornicabra, cornalleira, terebinto.

Gozámola, abofé. As antigas terras dos Orras e as súas xentes foron con nós xenerosas e amigas. A franca conversa inmediata dos de Ourense, unha certa luz asurada e ese orixinal mundo calizo e quente que posibilita, inimaxinadamente na Galizia, a existencia de boscos de enciñeiras, foron para nós unha doce náñara das horas.

Enciñeiras en flor entre as sombras da tarde

Un mundo de novidades, ofrecidas a cada volta do camiño, tivéronnos na groria, entretidos, desfrutando ao natural durante todo o tempo que, non tanto como quixéramos, poidemos vivir nas vizosas e recendentes terras do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra e os seus arredores: Rubiás, Monte Furado, Val do Río Cabreira, Val do Río Selmo... que callados de valores paisaxísticos e naturalistas de primeirísimo orde non se declaran Parque Natural pola úneca razón, desconfío, de telos reservados para seren declarados Parque Eólico. Ao tempo, e ao vento, déixanse estas verbas.

Val de Oulego, Montes de Rubiás, esvedros, enciñas, rebolos, uceiras...

Nalgunha recurva da pista que vai montada sobre do Río Cabreira e chega ao Río Sil.
Ribeiras do Río Selmo

Amilagramos coa fermosura brava, esgrevia e arruallada dos calíos Penedos de Oulego, patria de aguias…

Penedos de Oulego, ollados ao contrasol dende a  parte berciana, indo cara San Tirso e Castro Petre

… sentímonos cativiños con zapatos novos ao ver, de súpeto, impensadamente, coma un galano dos días de ceo claro, as xeixaradas meixengras (vigarrados abellarucos, se preferides) adubiar de cor e exotismo as pólas requeimadas dunha arborica…




… e adormeceunos a ollada na contemplación, por vez primeira, da Aceras antropophorum, ou orquídea do home aforcado, que levábamos a ilusión de poder ver…


… e tamén outras máis: Orchis mascula, Orchis italica, Ophrys sphegodes, pois esta é terra capital de orquídeas bravas…




Tivemos o privilexio de ollar ao Muscari comossum e o seu parente liliáceo a Muscari neglectum, difíciles, se non imposibles ambas as dúas ao noroeste do Noroeste…



… e por todas partes azuis chafarís de lirios aledaban as beiras dos camiños, confirmando que na Galizia, coma noutra se dixo, cada sebe un xardín, cada ribazo un edén.


A terra toda, acó e aló, rebentando nun fervorón de cor e ledicia…


…onde a bolboreta chuchameles, galo no Ogrove, Iphiclides podalirius en latines, revoaba e zugaba de flor en flor por cada cómaro, campío ou rebordela: unha fermosura cotián: nestas terras a máis común de todas as pampurriñas.

… As estepas ou estebas (Cistus ladanifer), tantas ou máis ca estrelas nunha noite de agosto, iluminaban as abas e abafaban os aires co seu espeso e aceitoso recendo, que a uns gosta e a outros anoxa…


… e aparecían, nas beiras e rebordelas das pistas, frecuentes pés de héboro ou pranta dos chaveirosHelleborus foetidus, esa xoia,  esa pezoña…
… e nas outas e frías cimeiras do porto que nos metía nas terras leonesas da Cabreira,  e aínda  gardaba á neve,  a Serra do Eixo e a Pena Trevinca entraban no ollo,  e as estreliñas da brañaGagea nevadensis, aledaban as coreñas herbas do chan na fría mañá…


…na que vimos voar  varias gatafornelas, Circus pygargus, por riba do ouzal purpurado…


…e unha pequena e linda bolboretiña, un xeométrido, Eurrantis plummistarias, arelaba por  acordar da noite xeada.

Voando sobor da face da terra pasou ao noso rente, deixándonos na ollada un trazo de trigo, un raio de pruma e froixel ¿Quen era aquel lóstrego, que se pousou ao lonxe nunha levantada da teupa?... era a  pica dos pradosAnthus pratensis, a quen nunca nós miráramos.


Subíramos alá para ulir, non de moi lonxe, os aires fríos de Trevinca, fardada aínda na fin do abril coa albura da neve, e para chegar ás cimeiras houbera que vencer á carretera -empinada, revirada, trafegada - que leva por todas as descoidadas canteiras de lousa,  de desbroce en desmonte, de desfeita en desastre, de entulleira en escoiral, entre recurvas e precipicios, sobre regos entupidos e ríos fenecidos, dende o mesmo cruce en Carballeda de Orras ata a pedanía de La Balsa, xa en terras politicamente leonesas, pro aínda hoxe de fala e cultura galegas.



Oíramos falar da destrución paisaxística do negocio da lousa. Pro crédemo que non íamos preparados, nen polas imaxinaciós máis febrís e delirantes dos pesadelos, para ver e entender o que vimos.

Non teño palabras, nen sintaxes suficientes. Non sei explicarme a tolemia desafalazada, antinatural e egoísta que contemplamos. A denuncia da adoración do Becerro de Ouro que xa advertira Moisés o xudeu, non me satisfai. Algo máis, unha horrura suicida e implacable, debe de andar a remexer as confíns máis alonxadas e escuras da moderna ialma humana. Un afán destrutor e ruín, unha ansia de roer as entrañas da Mai. Unha venganza tola contra o que nos cría, nos mantén e ben nos quere. Unha ferinte maladía da razón. Unha horrura.

Déixovos, para verdes se estou coa razón perdida, cun fato de imaxes do que na Terra dos Orras se desfai. Tirade vós mesmos as explicaciós que eu non teño e xa que logo non poido dar. Ogallá o cheguedes a comprender; mercede da intelixencia que a min non quixo darme o ceo.
Velaí van.
Entendédeme: coa espranza de que non as desfrutedes.

















Pena Trevinca ameazada, nen máis nen menos.

E por hoxe non hai máis que dicir, nen ver. Mirade, se queredes agrearvos aínda un pouco máis o día, o pequeno videomínimo, que completa, e seguro explica mellor, o siñificado de horrura.

Ate outra mellorada, miñas e meus. Mil gracias mil por todo. Déixovos cunha imaxe de espranza: a dunhas humildes margaridas   medrando vitoriosas entre o entullo ermo. Unha desas entulladas que, por lei, terían que teren alfombrado cun cobertor de terra vexetal.


Apertiñas.

A mandare.


VideosMínimosdoNoroeste

video

Coméndose a Terra a trabadas

Nota marxinal: Naturalmente, esta entrada non pretende ser exhaustiva, nen das desfeitas, nen das riquezas naturais das comarcas orientais galegas. Pretende ser tan só exemplar. Quedan no disco duro, e na memoria persoal, centos de imaxes. Só de aves rapinas poidemos ver un bó fato delas. A mellor, unha aguia real non lonxe de Castro Petre. Pro facerlles un rexistro dino e cousa moi diferente. Mágoa de non lles botar un ollo as Petrocoptis grandiflora, ese endemismo da Enciña da Lastra, chufa do Parque Natural. De seguro poderíamos presumir agora de ter unha amistade con elas. Adiada queda a conversa pra mellor ocasión.


SÁIBASE: EU TAMÉN AOS MEUS 56 ANOS SON UN INDIGNADO QUE  QUERE UNHAS CORTES CONSTITUINTES QUE ELABOREN UNHA NOVA CONSTITUCIÓN QUE NOS ACHEGUE A UNHA DEMOCRACIA VERDADEIRA E REMATE CON ESTE RÉXIME POLÍTICO CORRUPTO DE DESPOTISMO CUATRIANUAL. ¡CANTÉ!