Verdade é que una imaxe vale máis ca cen palabras. Verdade tamén é, que hai palabras que suxiren máis de mil imaxes.
ALTRI. Velaí cinco letras que nos remexen na conciencia un serial de lembranzas visuais. De memorias pontevedresas, de recordos de contaminacións e evocacións pasadas de tufos ao lonxe durante toda unha vida, a nosa vida.
ALTRI. Unha película de horror que, incapaces de despertar do pesadelo de Lourizán, vén agora a atormentarnos o futuro, que en soños imaxinamos limpo, emporcallando as nosas ilusións coa psicosis dun esbandalle de naturaleza nas terras de Ulloa de dimensións cataclísmicas alentado en directo co habitual cinismo propagandístico dos altavoces do negocio eucalitero. Os portavoces de sempre. Os púlpitos do sacerdocio do becerro do euro.
ALTRI. A monstrosa demostración, xa na hora innecesaria por mil veces repetida, de sermos un territorio vendido ao mellor postor, sexa alemán, francés, español, luso ou galego. Tanto ten quen ten tanto. Todos están no allo. Todos. A hidra das cen cabezas das élites monopolistas europeas. Unión Europea? Xa imos entendendo de quen vés sendo.
ALTRI. Unha palabra extraña, asignificante, que desvela as purrucias putrefactas deste rexime político caducado, financiado por Alemania dende a primeira hora, adorado por corruptos e corruptores a quen chaman falsamente democracia. Democracia? Poder do pobo? Poder do demo, será. Se lle chamaras Furnocracia, aínda, aínda. Democracia falsaria, o truco burocrático-ideolóxico das élites trileiras para enganar e controlar ás xentes como nunca antes se fixera. Panfleto contra la democracia realmente existente. Gustavo Bueno.
Democracia, cracia do demo. Do escuro, oculto, traidor, asexante e conspirador satanás do carto podre que todo o apodrece. Democracia, risa me das. Gargalladas nervosas de medo pánico e sorrisos de Sardón.
Non hei recurrir ao inacabable rosario de argumentos científicos naturalistas, evidentes e indiscutibles, que fornecen de pensamentos claros e xusticieiros a posición de cordura e intelixencia de tantas xentes que dende a Ulloa estenden a súa lucidez natural enfróntándose a esta desaforada monstruosidade, esta traición política (pagada con euros europeos de todos), que se esconde tras do anagrama ocultista das cinco letras de ALTRI e que nace enviciada polo beneficio avaricioso duns poucos e á miseria do deixaxear de moitos.
Non ten moito interés repetir o que tantos e tan ben denuncian. Xa se sabe, cantas máis razóns naturalistas e científicas teñas, menos corte che van dar, menos audiencia che van conceder.
Non hai tanto que os servos dos amos, que a si mesmo se alcuman de partidos democráticos, provocaron, ou se o preferides convocaron, á cidadanía a unha outra xornada electoral; a festa da democracia chámanlle sen roibor, por ver de decidir cal deles, ou cales deles, ocupaban o Pazo de San Caetano, ese que forraron de moquetas para que nelas se amortiguen as pisadas destructoras dos insensibles e pesados pés de chumbo do poder, dende hai tanto enferrados en zapatóns herdados.
Unha outra aburrida, carísima e inútil xornada electoral democrática. E cantas van? Servidor é un abstencionista crítico militante, que aborrecería que a súa honra, fama e bon nome, se o tivese, se vese lixugado por ser cómplice, partícipe, actor ou validador desta ritual prolongación do mando e ordeno borbónico-franquista, esta, cuarentona xa, noite de corrutelas a quen o réxime realmente existente chama democracia sen que na súa cara dura se lle mova un músculo de verdade.
Pois ben: na última campaña electoral ningún deses partidos políticos, servos dos amos, das elites, puxo derriba da mesa o debate do tema de ALTRI. Asombroso? Asegún. Os amigos que teño, os conocidos que conozo e a xente de paso que trato, (case todos adictos á furnocracia), facíanse cruces, fanse cruces, cando lles aseguraba completamente en serio que non habería de ir perder unhas horas dunha mañá de domingo en depositar o meu voto nunha furna para comprobar que a lei da gravidade segue activa. Pero Rafael! É un momento crucial! (Espántense que todas as xornadas electorais coincidan sempre con momentos cruciais) Como non vas ir votar?! Ir votar é importantísismo! Malpocados.
Mira, pódesme dicir, díxenlle daquela a un amigo que sei que agora me está lendo, porqué na campaña ningún partido político está poñendo o tema de ALTRI na palestra? Porqué non se está debatindo en campaña? Cómo queres que vaia votar sen saber o que pensa cada quen do tema máis importante que ten a nación pendente sobre o seu futuro? Porqué non se debateu? Porqué non quixeron debatilo?
Porque ben sei que me estás lendo, pero ben sei que agora como antes non tes resposta.
Nin Ana, nin Xosé Ramón, nin Afonso, nin Marta, nin outros que houbo, abriron a boca para dicir esta é miña opinión sobre o tema de ALTRI.
Todos mudiños. Silandeiros. Clamorosamente calados. Hai non moito máis dun mes que nos deron a entender, por nos confundir, por nos engadar propiamente, con que non existía ALTRI ou peor, que ALTRI era un tema insignificante indigno de ser debatido.
Porqué?
Tanta coincidencia no silenzo foi casualidade... ou pacto de comenencias?
Algo cheira mal nas escaleiras de acceso as molidas moquetas de San Caetano.
Fede que imbra.
Pero, daquela Rafael, nunca máis has de volver votar?
Si home, perde coidado, non teñas medo que non hai fallo, eu hei de ir votar cando fagamos... un referéndum por ALTRI.
Democracia?
Imos ver se é verdade.
!!!!! REFERÉMDUM POR ALTRI !!!!!
Porqué non?
Pódesme dicir porqué NON?
Miña ben querida e pouca xente, eu por hoxe xa calo, seguir a ser bós que guapas xa sodes.
Pero ALTRI non ven de altruismo e a empresa eucaliptífera portuguesa vai facer aquí un investimento da hostia, ademais do que leva pagado a medios e políticos, por facernos un favor aos galegos...?
ResponderEliminarVaia polas ánimas meu amigo! E eu que na miña iñorancia paranoica e mal pensada dera en crer que viña de Altrolito, o benefactor monstro que come alcolitos. Moito me queda por aprender. Apertiñas e a cuidarse. A ver se me deixo caer un día destes polo Condado.
ResponderEliminar