Dende hai moitos anos, dende a primeira ves que as mirei, que xa non acordo, tíñanme engaiolado uhnas pequerrechiñas arañas encarnadas que vía medrar entre os toxos no medio dunha espesa arañeira que semellaba un neboeiro mesto e aínda un orballo callado. Parécenme ácaros, díxome hai anos Moncho Seage, arácnidos, sí, pero arañas non: carrachas.
Carrachas... pero... quen eran?... cal era á especie? ... son chuchasangues? ... son chuchasavias?...están moi extendidos? ...son raros?...porqué eses niños tan densos?... porqué sempre no toxo? ...todo eran iñorancias... só sabía que se daban por todas partes donde houbera toxos.
Engadado polas súas costumes e obsesionado por ter certa información sobre estes extraños arácnidos sociais, arquitectos de delicadas e complicadísimas estructuras sedosas, subin a Insectarium Virtual uhna manchea de arquivos coa espranza de poderen ser determiñados polos expertos entomólogos que a xestionan e a visitan. Alí ficaron: sen cristianar. Ninguén soubo poñerlles nome...ata que estudiou as fotos Ferrán García, experto en Acarina e dictaminou sen dúbidas: Tetranychus lintearius. A carracha dos toxos, díxenme eu, xa está bautizada.
Engadado polas súas costumes e obsesionado por ter certa información sobre estes extraños arácnidos sociais, arquitectos de delicadas e complicadísimas estructuras sedosas, subin a Insectarium Virtual uhna manchea de arquivos coa espranza de poderen ser determiñados polos expertos entomólogos que a xestionan e a visitan. Alí ficaron: sen cristianar. Ninguén soubo poñerlles nome...ata que estudiou as fotos Ferrán García, experto en Acarina e dictaminou sen dúbidas: Tetranychus lintearius. A carracha dos toxos, díxenme eu, xa está bautizada.
Tetranychus lintearius é xente que depende de Ulex sp., o toxo, a súa planta nutricia, o seu fogar, a súa vida. É específico del, non pode, ou non sabe, vivir en ningunha outra herba. Alí entre as duras espiñas encoiradas, pon ovos e faise larva, ninfa e adulto. As colonias (parecen estar formadas maioritariamente por femias ), fanse recoñecibles a distancia pola abundante seda que producen, que chega a ser espectacular no caso de grandes infestaciós con colonias de centomiles ou de millós de individuos. Daquela o toxo amarelea, sofre clorose, murcha e acaba morrendo. As carrachas soben a punta das polas a miles para seren espaleadas polo vento e iren colonizar toxos frescos.
O noso enxebre toxo, orixinario do centro e oeste de Europa foi levado por agricultores europeos mundo adiante, con tal éxito de acomodación que hoxendía ten ocupado territorios extensos en Hawaii, Australia, Nova Zelanda, Oregón ou Chile, onde é considerado, con toda razón, uhna perigosa planta invasiva que amenaza os seus ecosistemas. Contra del téñense ensaiado e adoptado estratexias diversas - de queima e roza basicamente-, sen o éxito buscado: o toxo continuaba a se expandir.
Ata que chegados os anos noventa as novas estratexias de control de plantas invasoras propuxeron a táctica do control biolóxico: buscaríanse axentes vivos específicos capaces de eliminar ou debilitar o ritmo expansivo do toxo. Os elexidos foron: uhna volvoreta Agonopterix ulicitella, un gurgullo Exapion ulicis, un tisanóptero Sericothrips staphylinus e uhna carracha Tetranychus lintearius, a tecedora do algodón sedoso das toxeiras do noroeste do Noroeste. http://www.invasive.org/browse/hostthumb.cfm?sub=4340&start=1 ( por si queredes botarlles uhna ollada)
O primeiro país en ensaiar este método de control da expansión das ulex foi Nova Zelanda conseguindo frear o ritmo de difusión. Seguirona Oregón, Hawai e Australia e Chile. As primeiras mostras de carrachas que foron levadas as antípodas proviñan de Inglaterra. As chilenas de poboacións xa establecidas nas Illas Hawai e de toxeiras portuguesas. Velaí aos biólogos do outro lado do mundo, solicitando información sobre colonias de Tetranychus e facendo costosos viaxes científicos para levarse, en embalaxes coidadísimos nas que mesmo cooperou o Centro de Mabegondo, un par de centos de carrachas comedoras de toxo.
Descoñezo as razós que moveron aos chilenos a recoller mostras en Portugal e levalas despóis ata Mabegondo, cando ao lado deste tiñan suficientes. Non pode ser que as poboacións ártabras e capeladas de tetranychus foran descoñecidas da ciencia. Non o creo. Aínda que a referencia que se da no estudio que os profesores F. Ferragut e M.C. Santonja, da Universidade Politécnica de Valencia, dé... ¡tan só 12 citas en 157 anos! para toda España (e por iso considerana "especie ocasional y extraordinariamente rara"), poda de algún modo avalar tan increíble sospeita.
Tetranychus, dada a importancia internacional que acadou o seu rol de axente herbicida biolóxico, deveu en ser un dos arácnidos máis estudiado e multiplicado artificialmente. Ao día de hoxe poboacións de vellas carrachas europeas infestan as invasoras toxeiras de terra exótica. Vede por donde uhna común carracha capelada, sí, oh, desas hai cantas queiras, pero "ocasional y extremadamente rara" noutras terras, está a acadar a nivel internacional un papel fundamental nas máis novedosas técnicas de control de vexetaciós invasivas.
Velaí o Tetranychus lintearius, a diminuta carracha tecedora dos toxos, reconvertido en axente internacional especializado na loita biolóxica contra as plantas invasoras. Todo un héroe.
Cousas veredes.
Graciñas. ( ... qué graciosas as graciñas... as grazas, que desgracia).
Este é un achego sobor da introducción en Chile de Tetrahychus; é un artigo da revista Agro Sur. (Por si vos picou a carracha da curiosidade)http://mingaonline.uach.cl/scielo.php?script=sci_arttext&pid=S0304-88022004000100008&lng=es&nrm=iso&tlng=es
Ningún comentario:
Publicar un comentario