Séntome a falar dos nomes tradicionais das aves e dos páxaros co Bucio, nacido hai setenta e sete anos no rueiro da Area. O Bucio, foi mariñeiro case que toda a súa vida e hoxendía, retirado, segue a ser medalla de ouro diaria na pesca do calamar da ría e Mestre Maior en equilibrios co peón.
O Bucio, ao mellor por ter sido, de cativo e mozo, cazador e observador de paxaros e aves, (suministradoras das raciós de proteína animal da que tan necesitado se andou nalgún tempo, ave que vuela a la cazuela), zumega sere un fiel amador dos paxariños: mesmo cando se gaba de ter sido quen de levar no peto o tirabalas sempre armado cun croio no coiro, pra largar o tiro nun visto e non visto. Posuidor dun pulso mítico, postsinto que acertaría as máis das veces.
Acomodado nun azoso sofá, O Bucio vai pasando lentamente as follas da guía Complete Bird de Rob Hume, de formato grande e boas fotos, que escrita completamente en inglés é a que adoito utilizar na percura de étimos: por evitar que a lectura, en galego ou castelá dos nomes das aves e os páxaros interfira na memoria dos meus informantes.
Acomodado nun azoso sofá, O Bucio vai pasando lentamente as follas da guía Complete Bird de Rob Hume, de formato grande e boas fotos, que escrita completamente en inglés é a que adoito utilizar na percura de étimos: por evitar que a lectura, en galego ou castelá dos nomes das aves e os páxaros interfira na memoria dos meus informantes.
O Bucio, un museo de etnografía andando, posúe unha prodixiosa memoria histórica sen maíusculas na que caiben contos, sucedidos, chistes, lendas, ocurrencias, saberes ou vivencias que el transmite cunha voz apaixonada, rica en matices, sen expresar nunca présa, gozando das lembranzas que lle veñen á cabeza, engaiolado coas imaxes da guía, e sen que o paso lento das follas do libro lle lembren o paso lixeiro do tempo, que, tal un paxariño fuxidizo, pasa escorrentado e non volve, acordando tan só polo píar do bico do neto, que reclama a hora de iren tomarlle algo ao "Alitas".
Non disfrutei todo o tempo que sería mester dos coñecementos do Bucio. Tempo haberá se diolo quer. Se atopei unha morea de palabras, étimos ou historias que non coñecía, no pouco tempo, ou iso me pareceu a min, que pasamos falando, podo imaxinar o libro de memorias que se escribiría cunha semaniña enteira.
Iso si sería muiñada.
Mil gracias mil.
Os étimos vanse conformando en son, pouco a pouco, na voz do Bucio.
Zarcetos: recoñece con este termo aos pequenos podiceps. decindo "...eran uns parrulos pequeneiros que de cada pouco se metían ao fondo" Di que hai moito que non ve ningún. Non recoñece e di que nunca mirou por estas terras aos cristatus: comprensible por non haber por acó masas de auga doce.
Pardelas: non ten dúbida ao denominar aos procellaridae.
Mascatos: Ao igual que en case que todas as localidades costeiras galegas o Morus bassanus, corre tamén en Cedeira por este nome de uso completamente vivo.
Chíscalas: étimo propio cedeirés pra designar aos phalacrocorax, que O Bucio pronuncia coa indiferencia das cousas que son sabidas de todos. Di que nun tempo aniñaron polas penas de fóra da ría pero que xa non o fan. Lembramos o berro infantil cedeirés de "Chíscala morena ao fondo" fórmula máxica coa que pensábamos que facíamos amargullalas ao pronunciala. E ao mellor si: de puro pánico a berrallona greada infantil.
Garza: recoñece ao instante á Ardea cinerea, decindo que sempre se deixaron ver, aínda que nunca houbo moitas. Sinala que nos últimos anos, de vez en cando, vése unha garza pequena e branca que antes non se ollaba. Refírese, claro, a Egretta garzetta.
Parrulos: denomina xenericamente a todas as anátidas sen precisar diferencias nominais entre as diversas especies. "Todas son parrulos". Iso sí, especialmente Anas platyrrhynchos. Non lembra seren chamadas lavancos, por máis ca en Cedeira, O Lavanco, q.e.p.d., fora persoaxe célebre nalgún tempo.
Falcón: apela con este termo a todas as aves de presa sen facer distincións inmediatas, pero asegurando que pola banda de San Andrés de Teixido chamábanlles rapiñas. Describe o costume de asexar dende o alto dun poste ou unha árbore, o que parece estarnos falando do Buteo buteo, por outrures buxato.
Ghavilán e cernícalo, son nomes que na conversa lle xurden sen pensalos, e con seguridade, polas descripciós que me fai deles, anda a referirse a Accipiter nissus e Falco tinnunculus respectivamente.
Perdiz: recoñece ao instante a Alectoris rufa e fala da súa abundancia nalgún tempo, mor da extensión das restrebas de centeo e trigo que había daquela.
Pantallás: chama así aos Coturnix coturnix, gabándose ao igual que das perdices, do extraordinario sabor da súa carne, en contraste coas de hoxendía "...que son todas de granxa e pienso".
Galiñola: chama así as Gallinula chloropus, recoñecéndoias de inmediato e falando de que xa se ven moitas menos ca antes. Certo tamén que a extensión da zona de xunqueira e carrizal do río Condomiñas quedou reducida a unha mínima expresión testimonial.
Píldoras: étimo cedeirés pra apelar a todas as limícolas pequeneiras e de peteiro curto. O Bucio repite este termo con convicción e agarimo, nada máis ollar aos primieros charadrius. Xa se escribiu neste blo esta vella e misteriosa cantiga cedeiresa: Miña mai ten píldoras/ ten píldoras, ten píldoras/ e meu pai compráballas/ compráballas a dous reais. Con frecuencia este termo empregámolo con todo cariño en diminutivo: pildoriñas. O Bucio conta que hai días mirou unha andando pola beira do río, e describe con detalle os xeitos e maneiras do Actitis hypoleucos, tal este que vén a seguir fotografado nas beiras do lago da Mina, nas Pontes. Baixo del outras dúas: un alexandrinus de Vilarrube e un hiaticula de Cariño.
Chorlitos: chama con seguridade aos pluvialis, demorándose con atención na observación da súa chamativa plumaxe nupcial de vrao que non é moi frecuente poder mirar por estas terras, pois ou aparecen polos pasos ou déixanse ver na invernía cando están fardados coas cores ecrisadas.
Pitos da neve: apelativo corrente cedeirés pra chamar as Vanellus vanellus, confirmando con el que, por acó, só aparecen anunciando inminentes frieiras e felepadas.
Mazaricos: usa este étimo pra chamar a todas as limícolas de peteiro longo, sexan tringa, limosa, numenius ou haematopus.
Becada e becacina: chama así respectivamente a Scolopax rusticola e a Gallinago gallinago. Como se comentou neste mesmo bló ( Arceúcha nos marmulos; ollar) ambas as dúas son voces espurias que viñeron a suplantar as propias do galego, arcea e arceúcha, transportadas aquelas por boca de cazadores dende o franco provenzal bec .
Papamerdas: así recoñece aos stercorarius, cun étimo ben coñecido e estendido pola costá galega.
Ghaviotas: chama así a todo tipo de láridos sen diferenciar entre unhos e outros. Iso si, asevera que "As ghaviotas ao naceren son escuras, despóis vanse volvendo máis claras e cando son vellas volven a ser escuras". Curiosa opinión esta que contradí todo o que sabemos de certo do froixel das gaivotas en idade adulta.
Papoias: nome aplicado aos Ch. ridibundus e melanocephalus, pero moi especialmente aos primeiros por seren os habituais da ría de Cedeira.
Gherruchos: "Estes son os gherruchos" sinala ledo ao observar aos sterna e comenta o seu vóo áxil, as súas picadas pra pescar, o moito que se aproximaban ao malecó e o dificilísimo que era acertarlles co tirabalas. Pola miña parte acredito que, canda cativo, téñolles tirado un pilón de pedras á mao sen atinar xamáis en ningún. Dicir que na miña infancia, quince anos despóis da do Bucio, pervertírase xa o étimo e chamabamoslles serruchos. Dicir tamén que gherruchos e asimesmo a maneira de chamarlles na veciña localidade de Cariño.
Aros: nome que lle dá a Uria aalge e que sigue vivo na memoria dos maiores, por máis que na nosa costá xa non aniñe nen unha soa parella. Tempos foron en que os cantís da Capelada contaron coas mellores colonias do norte ibérico.
Caroza: aplícallo a Alca torda, decindo que "Destas vense moi poucas e sempre no medio do inverno".
Pombos: coa indiferencia coa que se pronuncian as cousas moi sabidas por todo o mundo chámalle así as Columba paludus.
Rulas: recoñece con este nome á Streptopelia decaocto, da que di que chegou hai uns anos e conta que xa se fai moi raro de ver a rula do pais, Streptopelia turtur, que cada vez escasea máis.
Cuco: recoñece ao Cuculus canorus e laiase doutra volta do moito que rareou tamén esta especie, confesando que hai moito tempo que non escoita cucar ao cuco.
Curuxa: chámallo, como non, á Tyto alba.
Cirrios: recoñece de inmediato ao xénero Apus e entusiásmase contando que "non baixan nunca a terra non sendo pra comer os ovos dos gorriós". Extraordinaria crenza esta que non sei eu se terá algunha base científica, ou ben nos está a amosar o trazo dalgunha antiga lenda ou relato que desta maneira se conservaría na memoria colectiva.
Martín pescador: non dubida nen un momento en recoñecer ao Alcedo athis e amosa a súa admiración por tan lindas cores e por tanta habilidade pescantina como demostra de cotío este fermoso e rechamante paxariño.
Calandra: recoñece con este étimo a Alauda arvensis e describe fielemente o seu canto territorial prolongado e o seu deixarse caer en vertical dende as outuras ata a tona da terra. Alauda arvensis, hoxendía por Galicia adiante adoita chamarse laverca, étimo que se aceptou como recurrente pra as publicaciós científicas e naturalistas.
Compre no punto lembrar o que de tal étimo deixa escrito o mestre Eladio Rodriguez, no seu Dicionario Enciclopédico: "El vulgo comprende bajo el nombre de laberca (sic) las diferentes especies del género alondra, o sean la calandra o verdadera alondra, la cotovía o cogujada y la alondra de los campos o laberca." Velaí por onde este étimo cedeirés que nos aporta O Bucio vén avalado polo valioso testimonio do mestre Eladio Rodriguez.
Sarmiento, no tocante a este termo escribe:" Al pajarito que en griego llaman corydalos, en céltico alauda, en latín galerita ( y de ahí en castellano gullería) en andaluz alondra de alauda, y de la misma voz lódola por toda Galicia; y en el vulgar castellano cugujada, del latín cucullata aludiendo al penacho que tiene en la cabeza, digo que en Pontevedra se llama laberca" Impagable testimonio de Frei Martín, dándonos a coñecer que no século XVIII por Galicia adiante Alauda arvensis, corría co elegante nome de lódola. Por certo, voz presente hoxendía nos dicionarios da lingua italiana e documentada na lexicografía rumana xa en 1729. Sempre en Sarmiento.
Golondrina: chama así a Hirundo rustica e comenta os numerosos niños que construían baixo os balcós das casas da Cedeira dalgún tempo. Lembramos que era un paxariño protexido e respetado, e contábase con respeto que tiña a gorxa encarnada por manchala da sangue de Cristo cando, caritativa, fóralle quitar co peteiro as espiñas da coroa que se lle chantaban na frente.
Andoriña: "Tamén había a andoriña...que é esta que está dacó" di, sinalando a Delichon urbicum. "Que baixaba ao río a coller area pra facer o niño"
Laverca: como non podía ser doutra maneira nun cedeirés da cerna, chama así a Motacilla alba que por outrures chaman lavandeira.
Laverca dos canos: étimo reservado pra Motacilla cinerea en clara alusion a súa querencia polos regos de auga corrente, as beiras dos ríos ou orelas húmidas de encoros ou lagoas.
Carrizo: nome tradicional por estas terras do Troglodytes troglodytes que naturalmente O Bucio sinala como cousa sabida por todos.
Richinó: así é como lle chama ao lindo Erithacus rubecola, a quen na miña infancia sempre escoitei chamarlle paporroibo. Richinó tamén llo escoitei, e está nalgún comentario deste blo, a Xabier Vergara. Richino, palabra agora grave, recolleuna Constantino García en Cariño e deixounos esta definición: " Pajaro semejante al carrizo; es amarillo por el vientre y castaño por la parte superior" Dicir que por As Somozas, e téñoa xa publicada, richinó, úsase pra chamarlle a peza pequena e miúda do xogo da billarda, que sae volandeira e fungando polos aires ao ser golpeada pola peza longa: o palán. E asimesmo lembrar que Richini, é alcume que en Cedeira leva con elegancia un amigo querido, míudo, pequeno, enxoito, fibroso e rebuliceiro quen é o protagonista do relato Baixada ao cadro, que se publicou neste bló como un outro discorrer calquera . (Lembrar) Velaí unha voz gardada, ao noroeste do Noroeste, ao parecer en exclusiva, e que leva incrustada no seu seo semántico o significado dos valores de lixeireza, miúdez, revoar, rebulir...etc.
Cincenta: recoñece ao instante ao Phoenicurus ochruros e chámalle tal cal sempre lle chamamos por estas xeografías arredadas.
Chaschás: Chama asi ao Saxicola torquatus e describe o seu costume de pousar no alto dun mato e asexar dende ali ao mundo e aos insectos que pasen.
Tordos: "Sí estes son os tordos...de toda á vida" di ao aparecer o Turdus philomelos. "Si...todos estes son tordos" continúa ao apareceren as outras especies do xénero turdus.
Merlo e merla: naturalmente pra Turdus merula, si macho, si femia.
Papuxa: chama así a Sylvia atricapilla, a mais recoñecida e abondosa do xénero por estes montes. A papuxa é páxaro do que sempre nos lembramos ao baixar da xira da Patrona e en parándonos no Cristo de Rebordelo, onde antigamente, nas vellas muradas medievais, atopábase a Porta de Rebordelo todos empezamos a cantar aquilo de : "A lebre aniña no monte/ a papuxa na silveira/ a muller de moitos homes/ aniña onde ela queira".
Paxarela: "Había outro que lle chamábamos a paxarela...e era algún destes". O Bucio dubida observando atento as páxinas dos phylloscopus e hippolais "...algún destes era a a paxarela...pero así en foto...non se pode dicir". Aí quedan o étimo e a dúbida.
Tuí: Regálanselle os ollos ao observar aos regulus, e sáelle da alma: "Os tuís! Estes son os tuís" E a cabeza xa non lle para: "Estes son os paxariños máis pequenos de todos. Non sei eu se aínda máis có carrizo...e a pesar diso foi nombrado o Rei das Aves... por listo e pillo...pois as aves e os páxaros dixeron que sería seu rei aquel de todos eles que poidera voar máis alto, que pra iso son páxaros, e a aguia foi a que chegou máis alto ca ningunha outra e cando se quixo chamar ao reinado, saiu de debaixo das súas alas o tuí, que ata alí subira folgado escondido entre as plumas da aguia e remontando por riba da cabeza da rapiña, berrou : O rei son eu!! O rei son eu! E así foi como o tuí se fixo o rei de todas as aves e os páxaros". Dígolle que eu coñezo ese conto das fábulas de Esopo en base a comentarios de don Fernando Alonso Romero, que o compara con algunhas tradicións irlandesas, bretonas e galaecicas con orixe nun pasado moi remoto, por ende incerto. Mírame un aquel entre incrédulo e socarrón e dime: "Pois eu seino por meu abuelo...que trouxo o conto de Uruguay" Velaí como a tradición voa océanos atlánticos da cabalo do lene froixel dun tuí.
Monxas: Étimo local de uso vivo pra denominar aos Parus major, que O Bucio confirma tranquilamente.
Hambriento: "Había tamén un paxariño que chamábamos hambriento...pequeno...moi bonito" "Este é !" E sinala, segurísimo, cun punto de entusiasmo, a páxina que recolle as fotos e imaxes do Cyanistes caeruleus. (Non sendo polo arrequecemento laboral, propio dun defamado, que amosa o ferreiriño azul cando quere extraer das canas dos xuncos aos pequenos vermes que andan invernando no seu interior -e que sabe descubrir con habelencia de sabio versado- eu non me dou explicado este nome; moito menos a pronuncia en castelá callado).
Aghachadoiro: xa me falara del ao pouco de encetarmos a falar, pero volveu á recoñecer ao Certhia brachydactyla ao velo no libro e amilágrase de novo do seu carácter tímido e escorrentadizo, pro moito máis da súa habilidade pra aghachar polas cortizas das árbores. Haberá que explicar que por Cedeira usamos aghachar no canto do verbo aganchar (escadar, ascender, subir) de máis amplo uso por Galicia adiante. Célebre era a anécdota de Rufino o xardiñeiro, q.e.p.d., que estando nas trincheiras da Guerra Incivil do 36 escoitaba berrar o seu sarxento: "Agáchate Rufino que tiran los rojos! E eu miraba pra el e decíalle: A onde quere que aghache que acó non hai pinos mi sargento?"
Oropéndolo: tal cual en masculino claro é como lle chama ao Oriolus oriolus, admirando a súa beleza e comentando que na súa infancia todos os anos facían dous ou tres niños nos grandes ulmeiros que enlucían a estrada á Ortigueira na baixada da Chousa cara o rueiro da Area. Tempus fuxit.
Pega rebordá: Garrulus glandarius. Naturalmente coñécea ben e fala do seu grido destemplado e avisador, así como da beleza do seu plumaxe.
Pega carrachenta: Pica pica. Ao igual que o anterior ambos son étimos vivos e de uso corrente na fala cedeiresa que o Bucio deixa caer como o que non quere a cousa.
Ghrella: chama así as Pyrrhocorax pyrrhocorax "...a estas do pico roxo chamabamoslles ghrellas" " Non hai tanto vin unha parella por encima da cetárea de Fifo" . Interesante este ghrella que eu nunca escoitara por Cedeira, que supoño proveña dunha antiga voz gralla, gheada en ghralla e a seguir ghrella.
Corvo: apela de igual modo a Corvus corax e a Corvus corone. Iso sí di que antes había máis corvos grandes, e que hoxe só se ven dos pequenos. Conta que os grandes se cazaron nalgún tempo pra seren comidos e disque tiñan moi bo sabor. Esquecida gastronomía capelada da que xa tivera novas por boca dalgún outro amigo que tamén tiña escoitado de seu pai, asimesmo cazador, do bó sabor dos mesmos. (Ao mellor doutra volta vénse confirmar que a fame é o mellor adubo dos xantares).
Torninos: Nome pra recoñecer ao xénero sturnus, de orixe evidente, que teño escoitado igualmente por outrures, o val de Moeche, por exemplo, onde tamén, seguro que con moita coña, lle chaman tornillos.
Gorriós: denomina así, co desleixo que damos as aburridas cousas de a diario a todas as especies do xénero Passer.
Chillón: "Había un, que non se vía sempre, e que se poñía no alto das canas pra avisar aos demáis e decíamos que era o macho" "Chamábamoslle o chillón" Pasa a folla e aparece diante dos seus ollos as imaxes do Passer montanus e afirma rotundo: "Este era o chillón. Este era."
Xílgaro: "Nos chamabamoslle así a este." E o dedo pousase encima da imaxe do Fringilla coelebs, a que case todo o mundo chama pimpím, castelá pinzón.
Pardillo: chama así, como é natural nestes lares, ao Carduelis cannabina, lindo paxariño cantor que en casos chega a adquirir unha plumaxe nupcial certamente rechamante.
Ghilghero: nome que lle daban ao Carduelis carduelis, o jilguero castelá, que por Galicia adiante revoa con tantos fermosos nomes: xílgaro, pintasilgo, picacardio, pintasilvas, sigueiro, xilgueiro... e aínda outros.
Verderolo: coma en tantos outros sitios tamén polo rueiro da Area dábanlle este nome ao Carduelis chloris.
Xirí: apelativo do Serinus serinus que asimesmo é de ampla extensión pola xeografía galega e de uso completamente cotiá por Cedeira adiante.
Escribá: chama así, con dúbidas pola foto, ao Emberiza cia. Comenta iso si, os debuxos característicos na cáscara dos ovos desta especie " ...coma se foran debuxados a mao".
Trighá: "Había outro paxariño ao que chamábamos trighá, que era amarilliño polo peito e no inverno gardábase nas cabanas e alpendres pra aproveitar os graos que poidera apañar neles". O Bucio pasa as follas amodo e di: "Este parécese ao trighá...si...si...este é o trighá" O trighá viña sendo o Emberiza citrinella. Comenta que polo veciño lugar de Mosende, dentro da mesma parroquia, non lonxe do rueiro da Area, ao trighá chamábanlle escribá. O que nos leva a reflexionar sobre a enorme variedade de étimos da lingua galega que lle confiriu ao noso idioma unha riqueza léxica natural de moi difícil equivalente en calquera outra lingua europea.
Máis alá dos estrictos nomes de aves e páxaros, O Bucio deixa caer dous termos referidos ao mundo ornitolóxico que debo referir:
Noviños: chama sempre así aos inmaduros de calquera especie.
Asañar: acción de abandoar o niño por parte dos proxenitores de ser o caso que lles movan os ovos, sexa observado moi de perto ou alguén toque aos noviños.
Por veces na percura de étimos e coñecementos faise tan reveladora a presencia canto a ausencia. Sorpréndeme por exemplo, que non coñecese aos Phyrrula phyrrula, o que na miña opinión pode indicar que hai setenta anos esta especie era rarísima ou simplemente inexistente por estas terras. Do cardeal, paporroibo real ou páxaro de San Pedro, que todos estes tres nomes teño escoitado pra os pyrrhula, teño que dicir que os primeiros que, consciente detal, ollei na miña vida, foron unha parella que observei nunhos castiñeiros dos Candales haberá cousa de trinta anos. Poidera que a escasez de arborado ha isetenta anos, a ocontrario ca hoxe, non permitise unha ampla presencia desta especie. o que é seguro é que de existiren, O Bucio habería de coñecelos.
Tamén me sorprendeu non recoñecere aos míos, étimo local de silvestristas e afeccionados en xeral, pra designar ao Spinus spinus, cecais máis explicable por ser de presencia puntual nos pasos e non ser O Bucio afeccionado a engaiolar paxariños.
Vaiase quedando o conto por hoxe no punto. Permitídeme expresarvos o meu agradecemento pola vosa incomprensible fidelidade a este bló e asemesmo desexarlle ao Bucio mil de mil mercedes pola súa xenerosa disposición e por regalarme o seu tempo de lecer pra eu saber dos nomes e das cousas dalgún tempo, polas que teño tanta querencia. Obrigado.
Apertiñas, miñas e meus, ata outra mellorada.
A mandare.
Nota non tan marxinal: O Bucio, ten un nome oficial de seu con dous apelidos e un número de carnet de identidade, pero ben avisado estou de non revelalo: "Polo nome e apelidos só me chaman os de Facenda ou a Garda Civil". Saibase.
Achegos:
1) A voz laverca no DdD: entrar.
2) A voz calandra no DdD:ir.
3) Co chanta la tscharlonda? Mínimo e moi sustancioso PDF en rumano, sobre alaudas, calandras, lódolas e tscharlondas, que todo é o mesmo. Avante.
PAZ E PALABRAS
MUI BOAS
ResponderEliminarMUI BOAS
ResponderEliminarImpresionantes as fotos, santos que dis ti. Envexa insana. Tal parece que viñeran a pousar cando os chamas.
ResponderEliminarUnha aperta, maestro.