XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

venres, 30 de decembro de 2011

Lago de Valdoviño


A lagoa litoral da Praia da Frouseira, o que chamamos Lago de Valdoviño e antigamente de Lanzós, está arestora na boca de todos e no foco de todas as olladas.


A decisión destemida e arriscada das autoridades medioambientais de deixar a Natureza ao seu libre discurrir natural, vén de xenerar un auténtico alporizamento mediático, o cabreo de moitos veciños, prexudicados ou non, e o asentimento silencioso das asociaciós econaturalistas, que miran con moi bon ollo esta decisión novedosa, pro misteriosamente, ou ao mellor non, calan.


Todo o vecindario sabe, e estes días coméntase ao pé da ribeira, que ao lago empezóuselle a abrir unha canle de desecación alá polos anos 40 do século pasado, cando, cos anos da fame, as necesidades de cultivo da pataca eran imperiosas pra moitos veciños da parroquia de Lago, que sachón en mao abrían con esforzo e  suor un fondo suco pra baleirar as augas do lago e aumentar así as terras de cultivo.


Esta práctica antinatural, veuse facendo dende aquela de xeito anual ao chegar o tempo da primaveira, cando as augas do lago achegarían o seu nivel máximo e impedirían o logro das sementeiras das terras de cultivo das leiras da banda de Lago. Non estraña que non existindo máis memoria ca a das lembranzas, todos  dean en dicir que "ao lago abreuselle toda a vida de dios".



Claro está que aqueles tristes anos coarenta do franquismo exultante eran tempos onde existían as pantasmas horrorosas da pobreza e da fame,  e aínda non tiñamos noticia das monstrosidades da especulación urbanística  inmobiliaria e do desastre ecolóxico que se nos viría encima.


Pro non só o Lago de Valdoviño foi víctima da política franquista de desecación de zonas húmidas; ao contrario foi case un dano colateral dunha práctica de enxoitamento que se levou por diante, no que a Galizia se refire, e como xoias emblemáticas, a Lama de Goá ou Lagoa de Valverde, hoxe de Cospeito, e a fabulosa, por extensa e farturenta en vida salvaxe, Lagoa de Antela, nas benqueridas terras da Limia, que aínda reollamos este vrao. Era unha política que se miraba moderna e de progreso e era aceptada de mi bo grao pola inmensa maioría dos cidadáns: a fame e a falla de sanidade eran prioritarias.



"Estudio fitoecológico de la Laguna de Valdoviño"  de Don Jenaro Dalda, cadeirádego que sería de Ecoloxía na Universidade de Santiago, (¡¡¡publicado no ano 1968!!!) informa meridianamente, e con categoría científica sobre as consecuencias desastrosas que, xa daquela, tiña pra a vida da fauna e flora da lagoa a apertura anual desta canle de desfogamento.


Don Jenaro, sabio ecólogo que non ideoloxizado ecoloxista, amosa no seu estudo como a forza inusual de saída das augas por mor da fonda canle ten arrastrado a vexetación da superficie das augas levando á desaparición de especies vexetais e, ao seu compás, outras tantas, ou diminuidas gravemente en número, especies animais.


De non abandoarse esta práctica, profetizaba no ano 1968, como así se cumpríu logo, unha colmatación acelerada dos fondos de limo e vexetación da lagoa, mor do  avance da duna pra dentro do territorio das augas   ao sere  a area seca máis facilmente desplazada e arrastrada  polos ventos nortes dominantes na estación da seca.



Esta práctica anual de apertura dunha canle de desecación veuse dende aquela practicando ininterrompidamente cunhas consecuencias que dende un punto de vista ecolóxico e social son de todos coñecidas: alteración grave da estructura dos solos, diminución en superficie e profundidade do territorio das augas, desaparición de especies vexetais e animais e consentimento e autorización, cando non estímulo por parte das autoridades, da presión urbanística sobor das lindes do Lago.


Así sempre e, pesia a ser declarado no ano 1993 Zona Húmida de Importancia Internacional, incluída na declaración RAMSAR,  ser declarada zona ZEPA, entrar dentro das directrices HABITAT da Comunidade Europea e formar parte da Rede Natura 2000. Só foi ate  este ano 2011 cando as autoridades medioambientais decidiron, por fin,  aplicar a lei tamén no Lago de Valdoviño e non autorizaron, por primeira vez en cerca de 70 anos, a apertura artificial da canle de desaugue.



As previsibles consecuencias desta medida fixéronse presentes ao conquerir as augas do encoro o seu nivel natural por primeira vez en moitos anos e delimitar así exactamente o territorio de dominio público das augas. Ninguén vivo mirara nunca as augas do Lago na súa exacta dimensión e tamaño. O dominio público era descoñecido por todos. 


Tamén polas autoridades municipais e urbanísticas que se empeñaran, contra o sentido común e a pesar das advertencias das organizaciós naturalistas, en urbanizar os territorios naturais de ocupación da lagoa, seguramente descoñecendo cales eran as lindes reais do dominio público das augas.


As vítimas colaterais deste proceder, máis alá da maltratada ecoloxía da  lagoa, resultaron ser os veciños que tiñan a súas vivendas construidas, como se demostrou na primeira oportunidade que se lle concedeu a auga de marcar o territorio da barxa, dentro dos límites de alagación natural, e xa que logo público, do  espazo húmido do lago.

 

¿Quen concedeu permiso de construción e ocupación  do territorio das augas da lagoa? ¿Quen promoveu a apertura dunha carretera, logo revertida en paseo, dentro do espazo inundable natural? ¿Quen estimulou o avance do cemento construído ate as beiras da auga? ¿Onde andan agora os responsables? ¿Ou son irresponsables?




Velaí diante dos nosos ollos as consecuencias calamitosas dunha inadecuada, ao mellor ausente, política de encauzamento dos asuntos de Protección Medio Ambiental e Urbanística. Dende logo se os veciños foron autorizados a construir e a valar  o territorio das augas, e eu non dubido que teñan os papeis en regla, non poderán ser consideradas senón vítimas desta situación e quen avalou coa súa autorización tal proceder, debería dar unha explicación ou erixirse en responsable diante dos danos que se poidan estar orixinando. Cousa ben diferente sería de resultaren ilegais as construciós, pro non parece ser este o caso.


Pro seríamos inxustos se só mirásemos ás autoridades locais coma responsables da actual situación. Sen dúbida a deixadez e o esquezo da responsabilidade  por parte das autoridades medioambientais galegas, que mudan ao compás das diversas administraciós, e permitiron (¡¡ate o ano pasado!!) que cíclica e puntualmente se baleirase a lagoa ofrecendo así a crenza comprensible, pro errónea, de que ese era o proceder máis axustado para a xestión e a conservación dun Espazo Natural Protexido, debe de seren incluidos entre os erros graves que se acumularon no tratamento histórico do Lago de Valdoviño e conduciron a situación actual de conflito e entrecruce  de intereses.


Conflito que parece ter, no que respecta aos intereses dos veciños, moi difícil solución.(O dos sacos de area pra conter o nivel das augas é unha tomadura de pelo de enxeñeiro de galiñeiros) Se realmente a Consellería do Medio Rural, da que dependen agora as competencias medioambientais, vai levar a diante a medida de deixar á Natureza do lago autorregularse, deberemos  pensar que as augas pasarán, cada ano, meses cun nivel parecido ao actual.(A broma de que a culpa é das asociaciós ecoloxistas que denunciaran o baleirado é dunha cobardía infantil tan só propia da irresponsable e desvergoñada caste política que nos desgoberna).



Aínda chegados ao punto en que o Lago sobreborde por riba das areas da plaia, deberemos de pensar que ese feito só conquerirá, no mellor dos casos, a finalización do proceso de subida do nivel, pro nunca a baixada do mesmo: pra ver baixar apreciablemente a este, teremos que agardar pola chegada dos tempos da estiaxe, alá para o verán. E logo no outono coa arribada das augas de vendabal volverá a empezar o ciclo anual dos indovindos do nivel.





Dende logo se a decisión da Consellería se mantén e, como prometeu e presumeu, nunca máis se lle abrirá unha canle artificial de desecación á lagoa, o escenario inevitable é o que máis arriba vai indicado. A pista, que quixeron carretera, pasará meses alagada e inservible; o observatorio ornitolóxico, por certo recién construído pola Consellería, será accesible só con botas altas de goma (a paxarada e as londras vanse ver de perto); as augas anagaran gran parte do sistema dunar pola banda da parroquia de Lago creando unha fértil zona de vida ecolóxica e os chalets terán cada ano  o xardín alagado durante meses.





Supoñámonos seres intelixentes e civilizados. Confiemos en que deste estado actual de cousas, certamente experimental, dea en saír unha nova política ambiental definitiva de tratamento do Lago de Valdoviño que posibilite unha rexeneración da súa ecoloxía e a súa conservación en condiciós naturais o máis enxebres posibles. E que ao tempo se saiba atopar unha solución xusta á problemática  dos veciños. Entre o estado xeral de desecación en que se mantiña anualmente a lagoa e o actual de alagamento de propiedades, públicas e privadas, ao mellor hai espazo suficiente pra un equilibrado nivel intermedio. Supoñámonos seres intelixentes e civilizados. Ás autoridades tamén.

Moi feliz aninovo, miñas e meus, que os días vos sexan venturosos e  que pra o ano vindeiro os Xefes de Negociado vos traian a todos venturosas noticias e inesperados e ilusionantes  galanos.

Mil gracias mil.

A mandare.



Achegos:
a) A referencia imprescindible de D. Jenaro Dalda. Acó.
b) A Lei de Augas de Galicia no Diario Oficial de Galicia. Por se interesa.
c) A páxina oficial do Convenio Ramsar. Toda a información nun só clic.
d) A lista, en inglés, das zonas húmidas de España adheridas ao Convenio Ramsar. Premer.
f) Unha noticia en El Correo Gallego de Santiago.  Premer

De hoxe 30-12-11
1) Da Voz.
2)Do Mundo.
3)Do ABC
4)Do País

domingo, 18 de decembro de 2011

Sospiros da Chaira

Dun tempo a esta parte dou en ir con frecuencia a recoñecer as benqueridas terras luguesas da Chá. Certas rebuscas etnográficas que me teñen entretido; unha querencia gastronómica, léase lambona, polos sabores enxebres;  o trato amistoso das xentes  e un gosto vello pola revelación xeográfica de currunchos naturais, dos que a Terra Chá ten fartura, fan que me atope feliz, se aínda tal caibe nesta hora neste mundo, cantas veces dou en me deixar perder polo seu labirinto aberto de pistas sen fin.

Quen comigo vai sabeio ben.

Entenderase, xa que logo, que nada máis propoñerme meu moi estimado amigo Miguelanxo Fernández ocupar esta mañá de domingo en deixarnos arrolar  polos longos camiños dereitos da Chaira me faltara tempo para aceptar.

Queremos ver as augas de Riocaldo e dar unha volta pola Veiga do Pumar, e entremedias sempre poderemos deixarnos caer pola antiga Lama de Goá ou Lagoa de Valverde, que alcumaron modernamente coma Lagoa de Cospeito.

A Chaira toda vai afogada nun neboeiro mesto, callado, que por veces molla: mera pura. Toda vida animal anda acobillada na tépeda quentura do adentro dos niños. Non se deixa ver nada. Riocaldo é unha lámina líquida na que nacen sombras sen laimo de árbores.

Un espello agrisallado e monótono no que nada altera a quietude de cristal da flor das augas: unha fermosa e fríxida beleza na encalmada mañá de decembro.
Imos subindo a norte, buscando a Veiga de Pumar. Pararemos en Cospeito, pra mirar a Lama de Goá. Sempre un mundo onde a vida salvaxe da xente de pruma e froixel se ofrece xenerosa diante dos ollos de quen a visita. Se fose sen xuizos previos, mellor.

Levanta un pouco a néboa, faise brétema frouxa e sae unha cativa raiola de sol. A parrulada, ao lonxe, deixa verse, aos poucos, saíndo de entre o carrizal no que se garda.

 Alá, dende o outo do  penedico creado para servir de observatorio, desfrutamos do revoar das bandadas das corvexas e parrulos e da conversa conocedora e experta de María do Mar, a guía do Centro de Interpretación que nos revela o nome de A Lama de Goá, e de Carlos González, naturalista, quen ten toda  a Chá na memoria e no corazón. A ambos os dous, mil gracias mil, por tan xenerosas ensinanzas.

Mágoa as augas non andaran soleadas, de seguro haberíamos de velas rebentando coa vida asamblearia da xente de augaire, coma as mirei eu haberá cousa dun mes. Exactamente o 13 de novembro que pasou. Veleiquí a proba gráfica.


Deixamos Cospeito afundido de novo na mesta mera, que non se quería ir e por intres se espesaba, refriando e escurecendo o día, e fúmonos  cara a Veiga de Pumar coidando de entrever os sinais dos endereitos entre tanta pista e contrapista, tanta néboa e babuzallo. Menos mal que o sol, pouco a pouco, sen interés, foi clareando o día, e poidemos ver algo: moito: as extensas campías verdes das terras de colonización da Veiga de Pumar, na hora, anagadas e enlamadas. Coma toda a Chá por certo.


Levábamos a ilusión de poder ollar algunha bandada de pitos da neve, Vanellus vanellus, que sempre son un regalo pra os ollos, e ao mellor algúnha milagre en forma de grou, ou calquera cousa que se quixera deixar ver. Eu mirara en novembro aos pitos da neve polas campas da Espiñeira e pensamos que ao mellor algún, ou moitos, poderían deixarse ver. Pro nen o primeiro. Quedan acó en rexistro tomado hai un mes. Velaí eles:



Andaban, eses si, moitos bandos de estorniños de acó pra aló, sempre moi escorrentados ao nos mirar e ao mellor por calquera outra cousa, e non paramos en ollar moito pra eles.
Os santos están tirados tamén o mes pasado,  na Espiñeira.

Deixáronse ver moitos buxatos, ate cinco diferentes poiden recontar en non moito espazo de tempo, pro imaxes decentes non lles dei feito. A luz non era boa, o pulso peor e a pranghana de servidor a habitual.
Déixovos estas imaxes, tamén de aí atrás, dunha rapina que se me deu mellor. Aí queda ela.

E por todas partes grupos de corvexas andaban subíndose as árbores pra asexar a paisaxe, adornando as pólas espidas nunha exacta imaxe da fin do ano en decembro. As árbores do Natal na Chaira.

Miguelanxo olla a un paxaro levantarse  do campo e subirse a unha arborica espida. Un picanzo rei, dime. Eu non miro nada. Uns pimpís, se acaso. Pro el insiste: aí hai un picanzo. Algo se move. Agora si que o vexo. Por pouco tempo. Dá en voar por riba da pista e póusase nun poste que sostén unha aramiada. Alí está. A tiro de zoom. Por primeira vez pra min. Tremando, pola malazosa postura en que me atopo, mellor non dar datos, fago o que podo. Tamén un pouco de video. O que a baixo vén é o que fixen. Só un documento.


Pro con aquela visión acomodada e aquelas coreñas fotos quedei ledo coma un rapaz ao saír da escola e xa poiden ir dando o día por moi ben empregado,  que xa a mañá rematara e as tres da tarde veñen arribando. De repente entroume a fame. Afortunadamente en Vilalba sei dun sitio onde o bacalao e o capón saben ao que teñen que saber. E alá nos endereitamos, a desfrutar ao calor da mesa das lembranzas e os comentarios que a mañá criaran.
Con vimbios así fanse os cestos da felicidade.

No punto remata esta andaina. Mil gracias mil, miñas e meus e moi venturosos e felices días e horas aleden os vosos anos; e que sexan moitos, e que eu os conte.

A mandare. 







 VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV


Picanzo rei nas Veigas de Pumar