XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 22 de febreiro de 2025

Quod vulgus vocat

    

  A linguaxe ornitolóxica en lingua galega está de noraboa. Recentemente veñen de darse a coñecer labores de longo alcance que sitúan ao noso idioma á vangarda europea. Por un lado a Comisión de Ornitonimia da Real Academia, nun acto sinxelo desenvolvido no auditorio Neira Vilas da biblioteca do Gaias, fixo público o espazo dixital Nomes galegos das aves de Galicia e España, asilado dentro da páxina oficial da mesma Academia, que conclúe os labores desenvolvidos pola devandita comisión dende o ano 2019 baixo a coordinación do cadeirádego emérito de filoloxía Manuel González González..

    O equipo de traballo estivo formado Fernando Álvarez-Balbuena García (Universidade de Oviedo), Silverio Cerradelo, (Filólogo, veterinario, A Chave dos nomes Galegos), Serafín J. González Prieto (Sociedade Galega de Historia Natural e Misión Biolóxica de Galicia), Rafael López Loureiro (Ao noroeste do Noroeste), Xosé M. Penas Patiño (Profesor, ornitólogo, escritor) e Cosme Damián Romay, (Biólogo, Ornitólogo, GNHabitat) Jesús Taboada Martínez (Sociedade Galega de Ornitoloxía) e mais, por parte da RAG, Marilar Aleixandre (Académica, escritora bióloga), María Dolores Sánchez Palomino (Catedratica de Filoloxía Románica) Francisco Fernández Rei (Catedrático de Filoloxía Románica)  Antón Santamarina (Académico, Catedrático de Filoloxía Románica) e Manuel González González (Académico, Catedrático de Filoloxía, Premio da Cultura Galega), que nos coordinou a todos con paciencia e bonhomía. Un equipazo, mellorando a quen suscribe. 

    O acto de presentación, que foi honrado coa presenza de Víctor Freixanes presidente da Academia, contou co relatorio do cooordinador Manuel Gónzalez para resumir as dificultades, que un traballo deste estilo esixe: “A comisión veu traballando ininterrompidamente, pandemia por medio, ata lograr este acordo que estou seguro de que vai ter unha ampla aceptación social, porque está avalado non só pola RAG, a institución que ten por lei o deber de modernizar e actualizar a lingua, senón polos especialistas máis prestixiosos da ornitoloxía de Galicia”. 

    Tomaron a palabra para exemplarizar con casos concretos as dificultades de elección dunha voz padrón, Silverio Cerradelo, alma pater do magnífico e imprescindible proxecto A Chave, o galego unha lingua de calidade; Damián Romay, ornitólogo e biólogo sabio,  cun amplo curriculum e experiencia na nomenclatura popular de aves en galego e Xosé Manuel Penas Patiño, eximio naturalista autor dunha ampla obra naturalista editada da que a primeira Guía das aves de Galicia en galego do ano 1980, representou un fito trascendente na nomenclatura galega de aves.

    Por outra banda o mesmo Patiño vén de publicar o primeiro tomo dunha futura triloxía na que, co nome que dá título a esta entrada Quod vulgus vocat, gárdase a obra léxica de etimos ornitolóxicos, mais cumprida, detallada e precisa da historia da Galicia. Nesta magna obra, xunto a todas as outras propostas históricas inclúese tamén, nun alarde de axilidade, a da Comision de Ornitonimia da Academia.   

      

    Neste libro, librazo propiamente por tamaño e contido, non só se recollen exhaustivamente todos os étimos e voces galegas para aves e paxaros, senón que se acompañan con pertinentes reflexións escritas de Xosé Manuel Patiño e unha asombrosa cantidade de mapas de distribución de étimos das catro provincias galegas que ao meu ver é unha verdadeira xoia científica, tanto naturalista coma léxica. Para máis acompáñase dunha moi abondosa e divertida selección de ilustracións fotográficas nas que o motivo que as incardina é a aparición de étimos de aves e páxaros na vida cotiá: sexan marcas comerciais, nomes de barcos...etc.

    Un monumento, non se diga máis, unha obra que xustificaría toda unha vida, pero Patiño xa ten, no tarreo da ornitonimia, ornitoloxía e naturalismo en xeral obra dabondo pra xustificar tres existencias. 

    Monumental asimesmo é a fascinante labor que Silverio Cerradelo, lingüista e veterinario, está realizando en A Chave, o galego unha lingua de calidade. Unha páxina web extraordinaria e única, tal vez a nivel mundial, na que está desenvolvendo o proceso de construción dunha obra de ambicións ciclópeas: nada máis e nada menos que dar un nome en galego a CADA UNHA DAS ESPECIES VIVAS EXISTENTES. E vai o proxecto ben adiantado. Tal cal. Asombroso. Un orgullo para a nación: sen dúbida algunha.

    Non se me debe de creer a min. Acceda cada un a comprobar por si mesmo o que acó afirma este servidor. Por certo páxina aberta ás colaboracións: calquera que queira aportar un nome tradicional do seu rueiro, parroquia, bisbarra ou concello non só ten as portas abertas senon que pode garantirselle o agradecemento do equipo que comandado por Silverio Cerradelo está a levar a porto feliz esta singladura excepcional e extraordinaria do léxico naturalista galego.


Con traballos así, coñecedores, científicos, laboriosos e desinteresados do euro, o noso idioma propio, o que asentaron e no que escribiron os nosos devanceiros, Sarmiento, Rosalía, Castelao, o que falaba a miña xente, o que aprendín na casa, alicerza cimentos sólidos, modernos e de rigorosa calidade filolóxica, e leva ao léxico naturalista galego e en galego ás mais outas cimeiras da filoloxía. 

Canta razón ten Silverio Cerradelo, o galego, lingua de calidade. 

E futuro, engado eu pola miña conta e risco.

Miña ben querida e pouca xente, escusádeme por non ter tempo para anovar este blogue coa axilidade e calidade que merecedes. Graciñas.

Agradecido de todo coraón aos compañeiros da comisión de Ornitonimia, pola confianza, paciencia e cariño que amosaron a este destemido aprendiz de todo, máis se coubera polo moito que aprendín ao seu lado. Boas horas á compaña. Sempre en galego.

E acó remata este discurrir. Escusas pois polo que vexo bloguer decidiu pola súa conta entaboar de branco as miñas liñas. Ha ser  por cousa seguramente da miña recoñecida e vella analfabetez dixital que cada ano que pasa e máis vella e máis analfabeta. Tereime que conformar.

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

PAZ  E  PALABRAS

(Se dou curado a miña iñorancia, procurarei reformar este discurrir)

Ningún comentario:

Publicar un comentario