XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 1 de decembro de 2025

1974. ALTRI NON.1452 sinaturas.








Haberá que imaxinar o ano 1974. Franco todavía está vivo e parecía inmortal. Eu aínda non cumplira os 20 anos. Nas aulas de Compostela integrárame dous anos antes nos Comités de Curso. Uns grupos clandestinos que dicían ser independentes e autónomos pero en realidade éran apéndices do grupúsculo marxista-lenilista Larga Marcha. Con eles aprendín marxismo, a preparar asambleas, orgaizar manifestacións,  folgas estudiantís, repartir panfletos, facer pintadas, pancartas, orgaizar grupos clandestinos... o abecé básico do resistente xuvenil antifranquista.  Claro está no Comité había un líder. Sempre lle estarei agradecido  polo exemplo que me deu. Ben sabe el o pouco que o seguín. Diferencias á parte, fumos amigos e seguimos a ser amigos. Quérolle ben. Abofé que si. 

Para pasar o vrao en Cedeira, meu líder comidírame a comenencia de constituir na vila unha réplica local da organización estudiantil: o Comité de Cedeira. Un revolucionario verdadeiro traballa todas as horas da vida. Nas vacacións se hai caso, máis aínda. Asimesmo ese Comité sería clandestino, autónomo e independente e posuído de disciplina revolucionaria necesaria para liortar contra a dictadura e  ir avanzando decididamente cara unha sociedade socialista.  

Poiden convencer para se integraren nel a un pequeno grupo de amigos o nome dos que non vou descubrir eiquí. Respetarei a clandestinidade. Antes do que canta un galo xa estábamos facendo reunións discretas no soto da casa da calle da Costa ou nalgún outro alpendre, caseta ou baixo das familias daqueles rapaces que se constituiran no Comité de Cedeira. 

Non éramos mais de cinco. Pode parecer ridículo, pero tomábamos moi en serio a nosa misión  revolucionaria, analisando a situación política, ou estudando  textos e autores marxistas e socialistas. No meu caso, con gusto.

 (Aínda hoxe as leccións do materialismo histórico marxista acompáñanme nas frecuentes visitas que fago  ao materialismo filosófico buenista). 

O Comité, de forma clandestina, debería procurar incidir na vida local transmitindo as nosas ideas revolteiras á sociedade cedeiresa. Cantar con íntimo susurro ou a berro pelado as prohibidas cantigas de Miro Casabella, Paco Ibáñez, Xosé Afonso, Victor Jara e tantos outros, era de todas as vías expresivas públicas para esixir liberdade e aborrecer do sistema político-relixioso integrista, á que máis tempo, cariño, paixón e alcohol lle adicábamos. Niso non tíñamos nada de revolucionarios: éramos pura xuventude cedeiresa ao natural que non entendía vivir sin cantar, cantar sin beber, nin beber sin bufa laida. Gustábanos crer que estábamos concienciando, iso si. Xente nova,  divina inxenuidade.

Ao tempo, nun segundo círculo descendente, íamos captando a outros rapaces para irse integrando na axitación social en tarefas menos políticas. Non debían saber de ningún modo que estaban sendo abducidos polo Comité. A clandestinidade así o esixía. Claro que o Comité tampouco sabía que eu viña comidido para abducilos a eles. A clandestinidade así o esixía. 

E  o enlace de Ferrol que me suministraba material impreso subersivo tamén el tiña a misión de captarme a min para incorporarme  as filas de Larga Marcha. Malpocado. Nunca puido integrarme na militancia.   Xamáis me afiliei a Larga Marcha. Nin a nada. Coñecín por iso as purgas e as críticas, que me reafirmaron nas miñas conviccións librepensadoras,  libertarias e marxistas. Até hoxe.  

O labor do revolucionario era integrarse na vida social e local da vila para constituirse na vangarda do pobo, do proletariado precisábase. Un amigo de infancias e adolescencias con zaranda cedeiresa chamábame o do pobo, xa que daquela todos en Cedeira castrapábamos pueblo e só os progres iniciados en Compostela dicíamos pobo. 

O Comité tiña a vontade e a misión  de entrar ou crear  asociacións culturais ou  de veciños, de estar atento aos problemas do rueiro e da vila para darlles unha dimensión política e, a poder ser, loitadora, orgaizando, participando e  liderarando as protestas populares. En toda España, dun xeito semellante,  unha xeneración de xóvenes estaba organizándose en grupos de esquerda radical e aliándose aos movementos obreiros e populares. Nos estertores do franquismo de Franco, esa era a razón de que houbera bastantes máis protestas e folgas  das que hai hoxe na democracia do Borbón. Sendo que hoxe,  existen graves e modernos problemas sociais cohabitando coas antiguas cacicadas e as alcaldadas de toda a vida as que se lle arriman desfeitas ecolóxicas cínicas, descaradas e desaforadas como raramente se miraron. Pero hoxe non existen ciudadanías organizadas para transformar unha realidade insatisfactoria, só existe unha sociedade subsidiada, silenciada, ineducada, desmovilizada, desmembrada e adoctrinada nun único pensamento  politicamente correcto  


Aquela xuventude antifranquista, destemida da historia, soñaba ilusionada cun pobo unido que xamáis sería vencido. Miñaxoia. Hoxe pode que  aquel desempeño xuvenil en tarefas políticas que delirábamos revolucionarias a alguén lle dea até risa. Coa ditadura aínda viva e alporizada, dando as últimas boqueadas, dábanos de todo menos risa. Medo e prudencia extrema eran as compañeiras diarias das actividades clandestinas. O alcohol un bálsamo dos terrores. A paranoia un dano colateral real, lacerante e invisible.

    Nese vrao do 1974, unha noticia extraordinaria e transtornante empeza a circular pola bisbarra e por Cedeira adiante.  Disque hai unha empresa que ten o proxecto de construir unha fábrica de pasta de papel, unha celulosa, no val de Santiago de Pantín. Disque lle chaman CEPAGASA e seica é unha empresa vasca con fábricas en Hernani e está presidida por un tal Jaime Echevarría. Disque está financiada polo Banco de Vizcaya e o Banco Pastor. Todo era un disque disque. Sospirábamos pola industrialización. Parecíanos o  remedio de futuro para todos os males de Galicia. Industrializar. Ser Bilbao, Barcelona, Munich, Suiza... Non ter que emigrar. O Progreso. Unha celulosa en Pantín!! 

  Naquel vrao do 74  quen máis quen menos coñecía ou escoitara falar dos vafos cheirentos en Pontevedra. A Empresa Nacional de Celulosa levaba instalada en Lourizán once anos, dende que en setembro do 1963 a inaugurara o ditador sempiterno Francisco Franco. Os efectos desastrosos na ría do Lérez eran  evidentes. Celulosa NON! empezaba a lerse polas paredes.  La Voz de Galicia e Ferrol Diario, intermediarios das noticias, informaban case a diario dos indovindos do controvertido proxecto para Pantín. Por Ferrol e Valdoviño non eran poucas  as voces a favor.

    Por Cedeira había moito desasosego e moita incertidume e aínda temores supersticiosos. Industrias si, pero a ver como. A sociedade, daquela máis antiga, menos burocrática e tecnificada, máis apegada á natureza e á terra -que aínda se traballaba- era  proteccionista e conservacionista por instinto natural. Cedeira daquela era un país  agrícola e non eucalipteiro, mariñeiro e non turístico.  A xente de Cedeira estaba preocupada polo que oía dicir dos perigos contaminantes das pasteiras e dos seus tufos podres. Fábrica do Cheirume, versión 1974. Por  Cedeira adiante era difícil escoitar argumentos favorables á súa instalación. 

Aí había unha oportunidade para que o Comité clandestino de Cedeira poidese incidir na vida local: iniciaríamos unha recollida de firmas entre a cidadanía rexeitando a instalación da planta de celulosa nas prosimidades da nosa ría e mandaríamola á prensa. O Comité exercería de vangarda do pobo. Organizar recollida de firmas de protesta e reivindicación para enviar ao periódico era recurso instintivo, elemental, habitual na oposición antifranquista. Buscábamos firmas por casi todo e contra casi todo. Pero antes de que os membros do Comité e  amistades  nos lanzásemos á percura das firmas polos bares, rúas  e  casas de Cedeira, había que redactar un texto que lle propoñeríamos á cidadanía solicitando a súa sinatura para expresar  a nosa oposición a instalación da planta de celulosa, como así fixeran xa douscentos veciños de Pantín.

O alcalde dedocrático dende 1973 Leopoldo Rubido, de 31 anos,  era contrario á súa instalación. O fiel turístico foi teima permanente da súa visión de futuro para Cedeira.  Os veraneantes clásicos cedeireses algúns deles influíntes ou con capacidade enredante nas decisións do Madrid franquista tampouco a miraban con  agrado. 

Os alcaldes igualmente dedocráticos de Valdoviño e Ferrol, González Llanos e Morales Crespo, avalados pola Mancomunidade de municipios de la Ría de Ferrol, en cambio, eran fervorosos militantes a favor da súa implantación e laboriosos activistas procurando o apoio dos ministros de Madrid  para a súa causa. 


Un día destes de aí atrás andei remexendo entre papeis e carpetas arrumbados no soto da calle da Costa, si, alí onde por veces se reunía o clandestino Comité de Cedeira. Polo medio apareceume unha carpetica de plástico verde, regañada, roída polas beiras, poirenta, que non imaxinaba qué poidera conter. Folios e papeis vellos.

 

Abrina con fastidio e apareceu un documento que pensaba estaba perdido para sempre. Emocioneime. Moito. Vou indo á vello. Dentro daquel carpeto verde, en dous folios mecanografados estaba escrito por duplicado e con casi idéntica redacción  o texto aquel que ofreceramos á cidadanía cedeiresa para que validase coa súa firma o rexeitamento da pasteira. 

    E acompañando aos dous escritos un bó número de pregos revellidos.  Neles, grafadas con tinta de bolígrafo, estaban a totalidade das firmas que colectaramos. Case mil cincocentas. 1452. Simples sinaturas espidas, sen aporte de DNI. A mera firma persoal, a palabra dada por escrito. Suficiente. Eran tempos menos burocráticos. Algunhas firmas  cos nomes ben recoñecibles, outras, as dos profesionais de asinar, imposibles, algunhas con boa caligrafía, outras de regular a mala:  un supoñer, a miña; e tantas delas lentas, dubidosas, temblorosas, inseguras. En España aínda había analfabetos. Sei que o entenderedes: molláronseme os ollos de amor ao propio ao recoñecer a firma de meu pai, de miña mai, da miña madriña... e as de amigos que xa non están. Como  se  han mollar os vosos ao ver resucitar o trazo real e vivo  da letra espida da vosa xente.  

Eran vellos papeis de interés  persoal e sentimental, un pouso do pasado, un galano do meu dióxenes, mais tamén o cativo documento dunha protesta social: unha rebusca de sinaturas para amosar a contrariedade  a instalación dunha fábrica de pasta de papel nunha arredada parroquia do noroeste do Noroeste de Galicia. Unha iniciativa levada adiante por mozos destemidos de entre 18 e 20 anos. Un  inesperado  certificado dunha esquecida protesta antifranquista na antehistoria do discreto discurrir do ecoloxismo galego. 

En 1974 coma en 2025, ALTRI NON.

É de sempre a mesma melodía, as moscas mudan a merda non varía, cantábamos daquela por Luís Cilía. 

Máis de cincuenta  anos van. 

A relea continúa e cada vez parecemos menos e eles parecen máis. 


    As instalacións da pasteira nunca chegaron ao poleiro. Non terei o atrevemento de dicir que se non se instalou foi por cousa das 1452 firmas que recollimos,  pero si acredito que aparecendo na prensa  a noticia,  axudaron a crear un ambiente contrario a CEPAGASA e transmitiron á opinión pública da  que Cedeira, masivamente, non aceptaba a celulosa. Obxectivos propagandísticos do Comité cumpridos. 


Mesmo o Consejo Local del Movimiento de Cedeira, por iniciativa do seu conselleiro Juan Estrada adhiríuse a touro pasado á  nosa carta de protesta popular!!. Consta en prensa.

Tamén a publicación anarquista editada en Francia Espoir, sin poder presumir de moita puntualidade nin de moita previsión de futuro, para o 16 de marzo do ano seguinte cita, nun artigo sobre a industrialización de Galicia,  á posible celulosa de Pantín. Noticia de algún alcance polo que parece.


Finalmente os motivos  alegados para a  non instalación foron, e ten todo o sentido, o tarreo lamacento -o val é unha lagoa costeira medio colmatada-  e o escaso aporte hídrico do rego de Pantín, incapaz en modo algún de suministrar o volume necesario para un correcto funcionamento da industria pasteira, tan logrona de  auga.

    A rebusca das firmas fixéramola os cinco membros do comité e os  achegados cun entusiasmo non exento dun certo temor. Nunca se sabía que podería pasar. As autoridades podían dicirnos algo ou impedirnos andar pedindo firmas, a garda civil identificarnos ou o propietario do local negarnos a entrada en asegún que bar. Calquera cousa que soase a represión eramos capaces de imaxinala e temela. Nesta ocasión non pasou nada. Ren de ren. Se lembro ben, principiando setembro encetáramos a recorrer os bares de Cedeira de arriba abaixo -esa eterna socioloxía tan nosa- repartidos en grupos de a dous e a tres, pedindo firmas, lendo o texto, falando, discutindo críticamente, visitando a familiares... e así pouco a pouco fumos recaudando un bo lote de sinaturas. 1452, contei este día. Debimos representar unha paisaxe humana inusual. Chamábamos a atención seguro. Bieito Rubido, que se iniciaba en prensa gacetillando nas páxinas de Ferrol Diario deu noticia do noso acontecer. 

 Asegún medraba o  número de folios recheos de firmas, exaltábase o noso entusiasmo xuvenil revolucionario. O pobo estaba aceptando de moi bo grado a iniciativa do Comité. Si, parecíame que éramos a vangarda que conduciría ao pobo á victoria final. Malpocadiño. Para mediados de setembro demos por finalizada a campaña. Só quedaba enviar á prensa texto e firmas. O Ferrol Diario o 9 de outubro, deunos cuartel: publicou íntegro o texto a tres columnas  e sacounos en portada. (A carta ao director da Voz, sen que eu lembre o porqué ficou durmida dentro dunha carpeta de plástico verde á que o tempo lle iría escraquenando as beiras).


    Cincuenta e un anos van. Medio século. Outro mundo. Parece mentira, pero a realidade, sendo un fluir de sucesos continuos, de cuantos, pode concretar nun intre dado á mais improbable das posibilidades. Só hai que esperar que algunha das infinitas consecuencias que o máis sinxelo dos nosos actos provoca coincida nun intre preciso con outra calquera das infinitas resultas dos outros sucesos coexistentes e da intersección de entrambos dea en aparecer diante dos nosos ollos un acto asombroso, unha realidade inesperada. Unha casualidade sorprendente. Improbable empero posible. Teoría cuántica da realidade diaria.

    Mobilizaron as Mulleres da Area a dignidade colectiva das cedeiresas e cedeireses solicitando apoio a súa noble, razoable, non partidista e ecolóxica petición de paralizar as obras da innecesaria, mal explicada e peor argumentada,  destrución irreparable do parque urbano da Madalena, barrabasando a paisaxe histórica, creando un urbanismo benidoriano e entupindo a boavista coa canalización, nin siquera ben horizontal, do río Condomiñas. Orgaizaron para tal fin  unha recollida de sinaturas de rexeitamento de tan inicuos actos e precisamente daquela cristalizou no meu presente  o meu pasado nunha carpetiña de plástico verde coas beiras roídas que acabou por conformar a sustancia deste discorrer ao noroeste do Noroeste que debes estar lendo. Teoría cuántica da realidade diaria.

    As Mulleres da Area, cincuenta anos máis tarde e en plena democracia borbónica  recolleron  -penso que teño a obrigación de sabelo- as súas firmas con máis dificultades, malas olladas, tufos machorros, lurdos silenzos, e oposición oficial, descarada, e vergoñosa das que nós tivéramos nos tempos aqueles dos estertores do franquismo. 

    Lor a elas, mulleres galegas, areas ceibes que na brisa  van. 

    Hoxe a cincuentona democracia franco-borbónica,  aleita a fervorosos crentes ben adoctrinados para poder berrar en público Altri non!!! e ao momento seguinte  sen mover un músculo replicar parque da Madalena tampouco!!! Secomasí algúns seres sensibles hai que empezan a descrer observando a irreparable desfeita biolóxica, e calan estupefactos, sen saber que dicir, sobrepasados polo incomprensible biocidio do parque de uso público da Madalena e a súa transmutación nun desolado ermo prohibido  onde só manda o vento. 

    Catecúmenos do progreso que si un día defenderon, máis que fora coa boca pequena, á natureza e blasoaron de conservacionistas, máis que fora de falsete, afrontan sen roibor nin vergoña a destrución de paisaxes e hábitats -o chapapote na Herbeira para La Vuelta, os paseos marítimos e fluviais, os accesos a cala Sonreiras- para estimularse e adornarse cos éxitos turísticos que a  política fraguista de Leopoldo Rubido, xa hai cincuenta anos, encetara a deseñar, coa paixón propia dun creador e a visión de futuro dun feiticeiro verdadeiro. 

    Non me extrañaría que estivese doído... ou mexando de risa. 

    Convido a quen queira a repasar os vellos Olláparos. Eu teño a colección completa.  Haberá gratas sorpresas para quen guste. Sorrisos de placer risoño asegurados. O tempo, un guionista de humor cuántico. 

         Acusádeme de inmovilista, pero servidor nin antes nin agora e xa me temo que nunca, estivo a favor das celulosas, nin das políticas turísticas, nin da destrución de hábitats, nin do mascotismo, nin da Otan, nin da estúpida necedade da relixiosidade política partidista. 

    Hombre blanco tener lengua de serpiente, cantara Javier Krahe, e o "tolerante" felipismo, como Franco nos enseñara, prohibíuno e condenouno  para sempre ao ostracismo.  Aí xa o tiven clariño. Do rexime franco-borbónico, que durante cinco anos, do 1978 ao 1983 pareceu que podía chegar a ser unha democracia con educación, cultura, dereitos, vivenda e liberdades, hai décadas que fun sabendo o que podía dar de si. Pouco máis que ser unha mega estructura burocrática ao servizo das agresivas oligarquías financieras das élites  centroeuropeas... que nos impoñen os eucalitos e Altri. Dos seus empregados, os nosos corruptibles políticos e xuíces partidistas, viciosos da moqueta, do tanto por cen, dos cochazos de luxo e das estrelas michelín, puro déficit público todos, outrotanto espero. Qué frío desasosego se sinte ao velos felices convivindo tan a gusto coa Ley Mordaza, ese feixismo legal de a diario que un día nos dictaron e nunca corrixiron.  

Diolo faga por mellor e se non... que o demo os leve!!.


Apertiñas miña querida e  pouca xente.

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.

PAZ  E  PALABRAS

Despós de Data: quero e debo agradecer publicamente ao  Ateneo de Ferrol e personalizalo na figura do seu bibliotecario Fernando García González, a xenerosa disposición, cooperación e axuda para rebuscar na extensa colección da súa hemeroteca  as probas documentais  que neste discorrer van presentadas. Sen o seu valerme non había ser eu quen de localizar as informacións. Graciñas mil, Fernando. Recolléronse claro está  moitas outras que por obvias razóns de espazo do formato blogue non poden ensinarse. Hai para un traballo de tese. Grande recurso científico, cultural e histórico a heméroteca do Ateneo. Tesouro de Ferroltera. Sáibase.

Debo agradecer ao amigo Juan Oubiña,  botánico sabio e sensible, o facerme chegar os videos informativos sobre Altri que lucen e magnifican este discorrer que estás a ler. Son videos de outa categoría científica que aportan as voces dalgúns dos mellores investigadores da universidade galega. Dirixidos e realizados por Enrique Banet e producidos e documentados por Mabel Ribera. Dende logo un punto de vista profundo e coñecedor que honra a este blogue, que se sinte favorecido por tanta xenerosidade. En débeda, Juan. Transmite a todos os meus agradecementos. A mandare.


Velaí vai agora o texto completo aquel que avalaran as 1452 sinaturas. O Ferrol Diario en data de  9 de outubro do 1974 publicou este mesmo texto ao completo. Servidor tiña 19 anos rebordantes de inxenuidade. Ben se lle nota. Sei que saberedes escusarme.

Cedeira a 29 de sept. de 1974.   

Señor Director de La Voz de Galicia:

Nosotros los abajo firmantes, vecinos del Ayuntamiento de Cedeira tenemos a bien dirigirnos a usted, para manifestar publicamente nuestro desacuerdo con la posible instalación de una fábrica de pasta de papel en el término de Pantín, Ayuntamiento de Valdoviño, limítrofe con el nuestro, por cuanto consideramos que dicha fábrica puede lesionar y perjudicar seriamente los intereses del pueblo cedeirés.

Consideramos que de momento no se ha hecho ningún estudio serio, riguroso y científico, sobre los daños que dicha fábrica ocasionaría tanto contaminando las aguas como el aire, destruyendo el equilibrio ecológico, causando la muerte de peces, mariscos, plancton...etc. Nuestra oposición a la instalación de la celulosa viene motivada por los efectos (que no dudamos en calificar de desastrosos) ocasionados por fábricas de este tipo en otras zonas.

Así: 

1) Entendemos que dicha fábrica es contraria a los intereses de marineros y mariscadores por:

 a) El mejillón de la ría de Pontevedra tiene ya una proporción de mercurio de 0,22 partes por millón, índice que se considera muy peligroso si tenemos en cuenta que en Suecia se prohibe su consumo con un índice de 0,2. 

b) Y debido a lo cual se rumoreaba por Pontevedra que el mejillón no sería comprado en el extranjero.  

c) Además los residuos de las fábricas de este tipo al llevar fibras molidas que se depositan en el fondo impiden a los moluscos tener oxígeno causando la muerte de los mismos. Asimimso se envenena la sangre de los peces, pudiendo suceder al no ser comestible que se prohiba su pesca y futura comercialización como así sucedió ya en 80 distritos suecos.

2) Sería asimismo contraria a los intereses de todo el pueblo cedeirés en su conjunto por: a) la contaminación por mercurio influye perjudicialmente en grado sumo sobre la vida humana ya que causa la enfermedad de MINNAMATA; recordemos: en Japón unas 100 personas por contaminación de mercurio, debido a una fábrica de celulosa. b) Que al emplear dicha fábrica como materia prima el eucaliptus conduce a aumentar la producción de dicho árbol lo cual nos lleva a que  el suelo de nuestro ayuntamiento se encuentre cada día más degradado, pues no olvidemos que en las hojas del eucaliptus s encuentra la suustancia conocida como eucaliptol que destruye los microorganismos del suelo destruyendo así el equilibrio ecológico y haciendo que aquel sea inservible para el cultivo. c) Que aunque se creen unos cuantos puestos de trabajo cabe la posibilidad por todo lo que se ha expuesto que muchas más personas se queden sin trabajo.

3) La vida turística del pueblo de la cual depende un buen número de familias quedaría seriamente dañada.

Aprovechamos esta oportunidad para solidarizarnos con los vecinos de Pantín y demás pueblos de España- Arosa, Durango, Huelva...etc- que se oponen a la industrialización que beneficiando a una pequeña minoría perjudica los intereses del pueblo en general.


Naturalmene quedan moitos outros folios no fondo do meu arquivo. Ate chegar as 1452 firmas botade contas. De entre tantas firmas, só  don Luis Peñamaría, cuna e figura, ao pé da súa firma deixou o berro persoal de ¡FORA CELULOSA! que no cimal e no fondal do discorrer vai particularizado e seguro xa o teredes lido, pero por se acaso, repítese agora a canda os compañeiros de folio. 


¡FORA CELULOSA! escribiu o entrañable Lucho!

 ALTRI TAMPOUCO, don Luis! escribo eu hoxe. 

E rematamos cun combativo video do amigo

 Xelís de Vilacacín, tamén  de Toro,