XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 17 de maio de 2026

A tía Anita da Ribeira e a súa xente. A miña xente.

 

A tía Anita da Ribeira era a miña bisavoa. Dela gardo non tantas lembranzas como me gustaría e todas elas son de ledicia e cariño. Ir ver "a abuela da Ribeira" -aló nos anos 50 do século pasado cando medraba a miña infancia- era sempre promesa segura de diversión e felicidade. Cando miña mai, súa neta Emilia, a Miloca, me dicía "vamos ver á abuela da Ribeira" o corazón dábame un brinco de contento, pois sabía que ese día habería de pasalo ben, había ser un día de leda liberdade. A "abuela" consentíanos todo: xogar polo cabanón, enredar polo cortello do gado, subir -intentar subir no meu caso- a un inmenso castiñeiro farturento ou ir escoller as mellores canas dunha canaveira que desmedraba por leste e que nas nosas maos tornábanse lanzas e a nós volvíannos indios comanches ou lanceiros bengalís. 

    A tía Anita era desa especie de mater galaica cunha capacidade extraordinaria para o traballo, a fecundidade, o cariño e o amor para con todo o mundo. Filla do tío Fermín Nebril de la Ballina, casou con Miguel Loureiro, dos Loureiros de Regoa e viñéronse a vivir ao lugar de Espasante, na Ribeira da vila.  (Cos Loureiro que marcharon para Ferrol manteño  un trato intermitente, pero sempre prósimo e afectuoso, sabéndonos todos da mesma xente. Non hai tanto tiven o gusto de saudar en Ferrol a Miguel, a Miguel Loureiro, aquel xogador internacional de baloncesto, aleiro do OAR naqueles anos gloriosos onde reinaba Lavodrama). 

    Ana e Miguel, meus bisavós, tiveron oito fillos: Carmen, Claudino, Gloria, Emilia, Xenerosa, Manuel, María e Xan. María e Xan quedaron sempre a vivir con ela na Ribeira. Quedaran solteiros. Da titía María acordo, entre as brétemas grises do tempo, os seus andares labregos algo encorvados, un pano á cabeza, un sorriso permanente na cara e algunha ferramenta na mao. Juan, malpocado, era un xan. Un home de sorrinte tristura, manso, aqueladiño e a quen nunca a menor maldade ou violencia lle poido entrar na cabeza. Un xan inocente, meu home, un santo. Xan e María,  viviron toda a vida no lugar de Espasante acompañando o devalar da vida  de su madre, a tía Anita da Ribeira, a señora Ana Veiga de la Ballina,  mater marabillas de todos. 

    Seus outros seis fillos baixaron a vivir á vila. Haberá disto setenta anos, case un século de historia, labrando e construíndo Cedeira con inxenio, creatividade, emprendemento e suor,  devindo en ser co tempo nunha das sagas máis amplas e fecundas de Cedeira. Os Loureiro Veiga da Ribeira.

    Carmen casou con Benito do Tropezón e puxeron o bar da Marina, que aínda hoxe existe e é un referente do mellor café.  Da titía Carmen -que ben fritía os chipiróns, mi madriña!! e de Benito, naceu Mari Carmen, que casaría co Chacarero e veñen sendo os pais de Juan Carlos, O Chaca, garda municipal, veciño e propietario que foi dunha casa en Fernando Lago da que falaremos e na que criaron a Josua e Noelia. Tono, bogador nas regatas entre as lanchitas tarrafeiras daquel tempo foi cobrador de banco e exerceu toda a vida de eterno namorado, paseante feliz da súa Sara. Finita, finura e fermosura, sempre arregladísisma, marchou a deslumbrar na Coruña para dictar leccións de esteticismo; ao Nobis, home discreto, serio e decidido nunca lle oín falar máis que o que tivera que dicir; os xemeos Pili e Iago, o Iago da Marina, a quen tanto estimo por aquela divertida infancia que pasamos xuntos... e a quen eu tanto admiraba: que gran futbolista, que control do balón, que capacidade para colearme a min e a todos. Un dos mellores futbolistas que deu Cedeira. Un 10 dos de supertoque. Un crack que aínda hoxe aos seus 72 anos desfruta das súas capacidades físicas sendo un campeón de España en badminton de veteranos. Sen despeinarse nunca,  que conste en acta.

Emilia é, de todas as miñas titías da que menos recordos teño e coa que menos convivencia fun tendo. Non sei moi ben por que. Súa filla Josefita morreu na flor da vida e seus fillos houberon de ter que marchar a Cádiz atendidos polos servicios sociais que había dquela. Ao Andrés trateino moito e sempre con cariño mutuo e risas a feito e por certo, tén un fillo que asimesmo é un fenómeno co balón nos pés. A seu irmao Toñi, sigo a velo case a diario cando sube en coche para Crónicas, onde vive, e non falta vez que non nos digamos, ou cos ollos ou co sorriso ou coa palabra, até logo meu primo. Súas outras dúas irmás, Mª José e Maribel residen na Coruña e alá fixeron a súa vida.  A outra filla, América, muller xovial, decidida e hospitalaria casou co Postinero, alegría xoteira de todas as festas e ampliaron este mundo con catro fillos,  Pili, Natalia, José e Casimiro. Os dous últimos albaneis coma seu pai, Pilar, xurista de valor e valer, presidiu á Chirlateira, aquela que tanta cultura popular sementara na vila.

    Miña titía Generosa casou co Moure, home de peito amplo, forte, baril e portador eterno dun sorriso xenético marca de fábrica da saga dos Moures, lembrade ao Lindo, mirade a Eduardo, confirmalo en Edorta. Matrimonio fecundo en descendencia:  Milucho (pai de Neuca, Malena e Nosi);  á Curra, (mai de Adán e Eva); a Nosa (mai de Patricia e Jose), Pepita, (mai de María Xosé e  Mari Chelo), Rosa (mai de Antonio e Agustina); Pepe, o sensato Boliche, que fixo a súa vida en Suiza e alá deixou a xenética fecunda dos Loureiro Veiga e finalmente o Gelo, pai de Xosé e Miguel, meu estimado Gelo, con quen tanto teño enredado e mexado de risa, creador artístico de mil anécdotas divertidísimas. 

    Á miña titía Gloria, a vida, cruel se quixer, púxoa a proba enviuvándoa moi nova e deixándolle ao seu cargo a Carmiña e a Manolo, e a un recén que aos nove meses morrería por falta de cartos para mercar penicilina. Manolo emigrou a Bilbao e alá enraizou e se deixou quedar. De cando en vez, volven seu fillo José Manuel ou seus netos, Miriam e Jaime, vascos de Fernando Lago, ao rueiro de onde saíron.  Carmiña aos seus noventa e pico de anos, lidia hoxe co señor Alzheimer paseando pola servidume das casas apoiada no amor de seus fillos, Glori, (mai de Sara e Pablo) Chente e Pepe, Pepe de Fraguela, tamén futbolista de marabilla, coleábanos a todos no adro sendo el o máis novo, é pai de Laura  e Carlota,  quen foi directora no Nicolás del Río. Pepe Sedes, o home de miña titía Gloria faleceu na traxedia do Manchester, que encheu a alma cedeiresa para sempre co horror dunha traxedia nunca ben aclarada. A familia dos de Amando, con caridade, cederíalle a xestión da tenduca de lambadiñas do seu cine, o chorado Tres de Oros, onde seu outro irmao, meu titío Manuel, carpinteiro de ribeira, labrador de chalanas, home bondadoso, tranquilo e sen présa, exercía de porteiro na entrada do baile e do cine. Un referente da vida social durante décadas. Do matrimonio con Amparo, irmán do Reclico, nacerían meus primos, Manolo, Luis, Amparo e Tucha, a quen a vida tronzouna moi  nova e no rueiro quedaron seus fillos Arturo e Manuel. 

        


    Claudino, meu avó, home de extraordinaria resistencia física, traballador infatigable, intelixente coma un enxeñeiro e un arquitecto xuntos,  listo coma ninguén, sabio do touporroutou, era un figura en toda actividade na que  se metera. Carpinteiro de ribeira, reformou ao Villa de Cedeira, o último e desgrazado trincado que veleou pola costá. Emprendedor visonario dos negocios, abreu tenda de ultramariños no baixo da casa da praza, onde amasaban e vendían pan, biscochadas e amantecados -cantas voltas aos amoados, cantas caixiñas teño dobrado- que habían cocer no forno da señora Dolores, que despois foi de Paco, seu xenro, o avó de Fran de Carmucha que por iso aínda hoxe é O Forneiro


    Claudino, a parte ser tamén mineiro de mananciais e suministrador de auga corrente a media vila, a augha de Claudino, montou o histórico Salabardo o bar da Punta do Muelle, onde seu fillo, meu tío Manolo, o grande Patrona, reinou coma un bajá inmenso durante décadas. O Patrona casaría coa Tucha, simpática, lista e sibila profética. Se eu vos contara!! E de aí nacerían miña prima Manoli, bióloga, que casou con Luis Rubido; Francisco, home de paz e calmado, e o grande Antonio, imaxen ampliada de seu pai que maridaría coa emprendedora e talentosa familia García, os da carpintería e moblería, de esixente disciplina, amabilidade e talento musical innegable. 
    
    O edificio onde hoxe están a Lotería e a panadería Armando, sáibase, levantouno meu avó Claudino, quen, tomando exemplo de súa mai a tía Anita da Ribeira,  deulles aí un piso para cada un dos seus fillos. E levantouno practicamente só, traballando sen folgar, días, meses, anos enteiros e tantas, tantas veces axudado, subíndolle os ladrillos coa roldana, polo meu querido, queridísimo primo Claudio, simpático, bondadoso, prudente, valente e fiel católico convencido até nos tempos que hoxe corren. Que xa ten mérito. 


    Amadora, a filla maior, casaría con Benito do Chevé, saxofonista profesional e coma bon músico, farradero e chiquitero invencible. Que ben o teño pasado con el!! Meus curmáns, seus fillos, Benitiño, a quen a vida o levou de costas e Toña, miña prima primeira, eran os irmaos mais guapos de Ferrol enteiro... e aí había competencia; Guillermo, Antón, asombro da intelixencia e Simón, curmáns entre si, cada un co seu mundanal estilo son moi boa xente e lamento  cada ano velos menos. Guillermo, un día de aí atrás, aproveitando que xa é de Cacabelos, veume a escoitar falar de Sarmiento á Vilafranca do Bierzo,  e fíxome moita ilusión atoparnos na quinta provincia. Socorro, a miña adorada tía Socorro, (que ben sabía ela o ben que me sabía o guiso requente!!) máis boa que o mellor pan de trigo, casaría con Andrés dos Reilongos, xente de alta planta, e traerían a este mundo, para facelo mellor, ao Claudio e á Soco, economista e profe do insti, e por certo seu fillo Juan tamén foi futbolista profesional de alto nivel. Miña tía Luisa, a Lisa da tenda da plaza que tantas veces tantos de vosoutros houbo de visitar, quedou solteira e pasou a súa vida sentada detrás do mostrador calcetando incansable. Sirveu para a familia do cura don Antonio María Castro Prieto, na casa que hoxe cursi e impropiamente chaman "Pazo de Moscoso", e  criou e cuidou á  toda a cativería da familia durante décadas. A quen lle extraña que herdando a bondade e a querencia pola infancia da tía Anita da Ribeira,  sexa aínda hoxe reverenciada na memoria por todos eles coma a mellor e máis doce, tenra, bondadosa e amantísima alma educadora que nunca poideron ter? Falade con Fátima.

    Miña tía Anita, de elegante e sorrinte figura lanzal, tecedeira moderna, cociñeira do colexio Nicolás del Río entrou para non saír do corazón de xeracións de cedeireses e cedeiresas que a acordan con infinito agarimo polo seu bo cociñar e máis aínda polo talante amable para coa infancia, santo e seña familiar. Casou con Agustín Carro, home tranquilo e de concordia, cociñeiro de sabores puros -ai aquel bacallao ao pilpil das ceas de noiteboa!!- e adiantado en décadas á moderna alimentación natural. Con el andou embarcada polo mundo, en tempos onde as mulleres non andaban navegando. A vangarda. Hoxe seu único fillo Agustín profesor de cociña en xúbilo, pasea a diario coa súa dona Encarna, gozando da vida a grolos e sentindo a satisfacción de ter un fillo, o Xan, que a parte home calado e discreto é un excelente violinista sinfónico e compositor musical talentoso.


E de meu tío Claudiniño, pouco máis podo dicir  que a leucemia poido con el na flor da idade deixando na familia unha sombra triste e a memoria da amizade extraordinaria cunha gaivota que procurei describir nun relato veraz que arestora anda a voar con suceso por Galicia adiante, vai  rematada a segunda edición solidaria, levando as cousas de Cedeira, da miña xente, da xente da tía Anita da Ribeira polo mundo adiante. Que siga a revoar por moito tempo.


    Da linda Emilia, a miña mai Miloca quen casou con Rafael Freire, o Calel primordial, fillo de Sara dos Cocos e de Bernardo López, o irrepetible Zar da Area, nada direi, non sendo que dende o ceo onde habita me perdoe tanto e tanto como a fixen sufrir que non foi pouco, foi moito demasiado.  Esa cruz é a miña e con ela peno e acó a confeso. A corazón aberto. Aos seus outros dous fillos Miguel e Roxelio, meus irmaos na alma, débolles algúns dos mellores momentos de intimidade, risa e felicidade da miña vida e hoxe aos seus anos siguen a desbrozar os incertos camiños da vida con  tesón de aceiro. Para eles o mellor que a vida teña. Roxelio ten dous fillos talentosos, meus sobriños, Helena, que labra a súa carreira artística en Barcelona con éxito, talento e independencia e Alexandre, editor  de libros best seller para editorial Anaya. Orgullo ambos os dous, deste seu tío.



A tía Anita da Ribeira debeu ser unha muller adiantada de pensamento. Era filla do tío Fermín, petrucio sobranceiro, patriarca da longa saga dos Nebril cos que os Veiga da Ribeira, co reflexo antergo da pertenza o mesmo clan, sempre nos tratamos co favor e a deferencia de sermos da mesma xente. Dende o doctor Bieito Nebril, compañeiro na academia de don Severino, ao meu amigo Fran Nebril, compañeiro na academia Chirlateira; e polo medio, todos os demáis. A tía Anita nunha operación de cálculo  que amosa a súa intelixente visión de futuro invirtiu o capital obtido da venta de todas as súas propiedades en Regoa en mercar un pedazo de terra na parte alta da Cedeira daquel tempo, a leste da rúa de Fernando Lago e detrás da igrexa parroquial. Lindando con esa terra comprou e os seus fillos foron amellorando ou construíndo con esforzo persoal unhas modestas casas de labregos, unha para cada un deles.  Casas que arrimaban en continuo coa terra que mercara a tía Anita. 


    Era unha familia labrega e na vila habían de seguir  sendo labregos. Eran o que eran. A porta principal das casas daba á rúa de Fernando Lago e pola traseira saían por outra porta, menos aparente, de servizo, ás súas  leiras de traballo nas que foron levantando alpendres, cabanóns, cortes, galiñeiros, barrelas e todas cantas larganzas esixía unha vida campesiña de autoabestecemento a mediados do século XX.... e ao tempo  cada quen podería encetar a desenvolver unha vida diferente arrimándose ás oportunidades que a vila, que avanzaba na historia con vocación de cidadela, (Cedeira tu serás grande con relación a lo que eres) lles ofrecería a cada quen atendendo ás súas habelencias e capacidades persoais. A tía Anita da Ribeira, ben veu que o futuro sería urbanita ou non sería nada. Mater visionaria. 

    
A tía Anita, non só amosou unha especial visión económica inversionista de futuro, senón que cun particular entendemento dos recovecos da alma humana, para evitar releas entre seus fillos, dispuxo nun documento que firmaron todos os irmaos que sabían escribir, que a terra se dividiría nunha mesma cantidade: 0,33 ferrados, e que na traseira das casas que tocaban co tarreo de labor que a cada irmao lle correspondeu, habería de deixarse unha propiedade comunal de paso para servirse por ela todos e cada un dos seus fillos. Camiño de servizo que claro está era de terra, da mesma terra das leiras. Mirade as imaxes.


    Condomiño intransferible, propiedade en man común  vencellado á propiedade das casas como así consta no documento de repartición. Servidume familiar que se pechou con dúas altas cancelas.  Aínda na miña infancia  estaba guarnida por ambas dúas entradas por uns portalóns de enreixados. Coas mudanzas que comporta o tempo, a vida labrega acabouse, as leiras volvéronse xardíns e a serventía de terra convirteuse nun paso de cemento que cada casa foi adecentando cos seus cartos, suor e saber.




    A familia dos irmaos Loureiro Veiga, viviu e criou as súas descendencias disfrutando dunha propiedade  comunal privada que lles permitía ter unha intimidade familiar feliz e desinhibida, como ben entenderá quen a vida entenda. Haberá de todo isto setenta anos, máis ou menos. Existe un impagable documento orixinal de reparto de herencia, do ano 1957, cun plano-mapa extraordinario confeccionado polo agrimensor Clemente, o pai do Loira, que é unha verdadeira xoia, xa non só como documento familiar, senón como testemuña fiel dunha época e dunha maneira de proceder, digna de ser estudada e figurar nas crónicas históricas de Cedeira.
 

    A tía Anita, foi por iso, unha muller extraordinaria, intelixente, amorosa e visionaria. Cómpre ver a súa foto e alonxándonos da súa ollada firme e profunda que traspasa os tempos, descender a contemplar as súas maos: fortísimas, poderosas, semellantes a raiceiras de uz, maos de labrega incesante, cavadoras de terras, maos capaces de axudarche a erguer un saco de patacas, levantar un paxe cargado con mil cousas,  de manexar a gadaña, o raño, o sachón, a galleta ou o ouciño coa mesma soltura e facilidade ca unha señorita de miriñaque o frasco das sales, o pano de seda ou o misal romano. Unha muller labrega e galega das que xa só quedan na memoria. 
Velaí ela.


    Esta historia sábea e coñécea toda Cedeira. Toda a Cedeira dalgún tempo, entendámonos. Canta razón tiña o xenial padre Sarmiento ao proclamar que rexidores, mestres e curas, por lei, deberían ser da mesma localidade onde exercerían a súa misión. Cantos disgustos, malentendidos e meteduras de pata aforraríamos!!!

    
    A previsión  da tía Anita foi tan certeira que cando anos máis tarde a familia de miña titía Emilia vendeu as súa propiedades de Fernando Lago ao matrimonio de Luisa e Manolo o Taxista, da xente dos Nebril Veiga de la Ballina, (mira ti por onde se reaxuntou a xente do clan) e a miña titía Carmen e meu titío Manuel venderon as súas casas e tarreos,  a convivencia cos novos propietarios do condomiño que adquirirían a propiedade do mesmo ao ir ligado as terras e as casas, transitou con amizade, boa convivencia e orgullo polo disfrute privilexiado da felicísma intuición urbanística da xenial tía Anita da Ribeira. Aí están os meus amigos "madrileños" Luís e Chusa, Noé e Gorka, Marco e Luka, cedeireses do mellor, para testemuñalo ou as agora recén chegadas familias de Javier e Almudena -netos de don Faustino o médico, amigo e cómplice de meu avó Claudino- e a máis recente de todas Nacho e Paloma, da familia de Melán do Canexo, tamén copropietarios gozadores do condomiño que creara o xenio visionario da tía Anita da Ribeira.



    Condomiño que é  historia cedeiresa viva rexistrada en fotos, vodas, xogos, enterros, leceres, pillastradas, cantaruxadas, farradas e lembranzas non só da xente da tía Anita da Ribeira senón de canta xente de Cedeira, e foi tanta, algunha vez compartiu o seu tempo de labor ou lecer na nosa serventía comunal creada por Ana Veiga de la Ballina, mater xenial.

    Asimesmo foi.
    
     Asimesmo é.

    
    Miña ben querida e pouca xente seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.



PAZ  E  PALABRAS
Quero expresar o meu agradecemento a toda a miña xente que me suministrou e me autorizou a publicar estas tan ilustrativas como fermosas e interesantes imaxes que acompañan este discorrer e  documentan, máis que sexa pouco, unha páxina descoñecida da historia urbanística de Cedeira e ao tempo ilustran os dereitos irrenunciables á propiedade privada do condomiño que o xenio de Ana Veiga de la Ballina creou. 

luns, 1 de decembro de 2025

Teoría cuántica da vida diaria.






Haberá que imaxinar o ano 1974. Franco todavía está vivo e parecía inmortal. Eu aínda non cumplira os 20 anos. Nas aulas de Compostela integrárame dous anos antes nos Comités de Curso. Uns grupos clandestinos que dicían ser independentes e autónomos pero en realidade éran apéndices do grupúsculo marxista-leninista Larga Marcha. Con eles aprendín marxismo, a preparar asambleas, orgaizar manifestacións,  folgas estudiantís, repartir panfletos, facer pintadas, pancartas, orgaizar grupos clandestinos... o abecé básico do resistente xuvenil antifranquista.  Claro está no Comité había un líder. Sempre lle estarei agradecido  polo exemplo que me deu. Ben sabe el o pouco que o seguín. Diferencias á parte, fumos amigos e seguimos a ser amigos. Quérolle ben. Abofé que si. 

Para pasar o vrao en Cedeira, meu líder comidírame a comenencia de constituir na vila unha réplica local da organización estudiantil: o Comité de Cedeira. Un revolucionario verdadeiro traballa todas as horas da vida. Nas vacacións se hai caso, máis aínda. Asimesmo ese Comité sería clandestino, autónomo e independente e posuído da disciplina revolucionaria necesaria para liortar contra a dictadura e  ir avanzando decididamente cara unha sociedade socialista.  

Poiden convencer para se integraren nel a un pequeno grupo de amigos o nome dos que non vou descubrir eiquí. Respetarei a clandestinidade. Antes do que canta un galo xa estábamos facendo reunións discretas no soto da casa da calle da Costa ou nalgún outro alpendre, caseta ou baixo das familias daqueles rapaces que se constituiran no Comité de Cedeira. 

Non éramos mais de cinco. Pode parecer ridículo, pero tomábamos moi en serio a nosa misión  revolucionaria, analisando a situación política, ou estudando  textos e autores marxistas e socialistas. No meu caso, con gusto.

 (Aínda hoxe as leccións do materialismo histórico marxista acompáñanme nas gratas e frecuentes visitas que fago ao materialismo filosófico buenista). 

O Comité, de forma clandestina, debería procurar incidir na vida local transmitindo as nosas ideas revolteiras á sociedade cedeiresa. Cantar con íntimo susurro ou a berro pelado as prohibidas cantigas de Miro Casabella, Paco Ibáñez, Xosé Afonso, Victor Jara e tantos outros, era, de todas as vías expresivas públicas que usábamos para esixir liberdade e aborrecer do sistema político-relixioso integrista, á que máis tempo, cariño, paixón e alcohol lle adicábamos. Niso non tíñamos nada de revolucionarios: éramos pura xuventude cedeiresa ao natural que non entendía vivir sin cantar, cantar sin beber, nin beber sin bufa laida. Gustábanos crer que estábamos concienciando, iso si. Xente nova,  divina inxenuidade.

Ao tempo, nun segundo círculo descendente, íamos captando a outros rapaces para irse integrando na axitación social en tarefas menos políticas. Non debían saber de ningún modo que estaban sendo abducidos polo Comité. A clandestinidade así o esixía. Claro que o Comité tampouco sabía que eu viña comidido para abducilos a eles. A clandestinidade así o esixía. 

E  o enlace de Ferrol que me suministraba material impreso subersivo tamén el tiña a misión de captarme a min para incorporarme  as filas de Larga Marcha. Malpocado. Nunca puido integrarme na militancia.   Xamáis me afiliei a Larga Marcha. Nin a nada. Coñecín por iso as purgas e as críticas, que me reafirmaron nas miñas conviccións librepensadoras,  libertarias e marxistas. Até hoxe.  

O labor do revolucionario era integrarse na vida social e local da vila para constituirse na vangarda do pobo, do proletariado precisábase. (Un amigo de adolescencias con zaranda cedeiresa chamábame o do pobo, xa que daquela todos en Cedeira castrapábamos pueblo e só os progres iniciados en Compostela dicíamos pobo). 

O Comité tiña a vontade e a misión  de entrar ou crear  asociacións culturais ou  de veciños, de estar atento aos problemas do rueiro e da vila para darlles unha dimensión política e, a poder ser, loitadora, orgaizando, participando e  liderarando as protestas populares. En toda España, dun xeito semellante,  toda unha xeneración de xóvenes estaba organizándose en grupos de esquerda radical e aliándose aos movementos obreiros e populares. Nos estertores do franquismo de Franco, esa era a razón de que houbera bastantes máis protestas e folgas  das que hai hoxe na democracia do Borbón. Sendo que hoxe, existen graves e modernos problemas sociais cohabitando coas antiguas cacicadas e as alcaldadas de toda a vida as que se lle arriman desfeitas ecolóxicas cínicas, descaradas e desaforadas como raramente se miraron. Pero hoxe non existen cidadanías organizadas para transformar unha realidade insatisfactoria, só existe unha sociedade subsidiada, silenciada, ineducada, desmovilizada, desmembrada e adoctrinada nun único pensamento  politicamente correcto  


Aquela xuventude antifranquista, destemida da historia, soñaba ilusionada cun pobo unido que xamáis sería vencido. Miñaxoia. Hoxe pode que  aquel desempeño xuvenil en tarefas políticas que delirábamos revolucionarias a alguén lle dea até risa. Coa ditadura aínda viva e alporizada, dando as últimas boqueadas, dábanos de todo menos risa. Medo e prudencia extrema eran as compañeiras diarias das actividades clandestinas. O alcohol un bálsamo dos terrores. A paranoia un dano colateral real, lacerante e invisible.

    Nese vrao do 1974, unha noticia extraordinaria e transtornante empeza a circular pola bisbarra e por Cedeira adiante.  Disque hai unha empresa que ten o proxecto de construir unha fábrica de pasta de papel, unha celulosa, no val de Santiago de Pantín. Disque lle chaman CEPAGASA e seica é unha empresa vasca con fábricas en Hernani e está presidida por un tal Jaime Echevarría. Disque está financiada polo Banco de Vizcaya e o Banco Pastor. Todo era un disque disque. Sospirábamos pola industrialización. Parecíanos o  remedio de futuro para todos os males de Galicia. Industrializar. Ser Bilbao, Barcelona, Munich, Suiza... Non ter que emigrar. O Progreso. Unha celulosa en Pantín!! 

  Naquel vrao do 74  quen máis quen menos coñecía ou escoitara falar dos vafos cheirentos en Pontevedra. A Empresa Nacional de Celulosa levaba instalada en Lourizán once anos, dende que en setembro do 1963 a inaugurara o ditador sempiterno Francisco Franco. Os efectos desastrosos na ría do Lérez eran  evidentes. Celulosa NON, empezaba a lerse polas paredes.  La Voz de Galicia e Ferrol Diario, intermediarios das noticias, informaban case a diario dos indovindos do controvertido proxecto para Pantín. Por Ferrol e Valdoviño non eran poucas  as voces a favor.

  En Cedeira había moito desasosego e moita incertidume e aínda temores supersticiosos. Industrias si, pero a ver como. A sociedade, daquela máis antiga, menos burocrática e tecnificada, máis apegada á natureza e á terra -que aínda se traballaba- era  proteccionista e conservacionista por instinto natural. Cedeira daquela era un país  agrícola e non eucalipteiro, mariñeiro e non turístico.  A xente de Cedeira estaba preocupada polo que oía dicir dos perigos contaminantes das pasteiras e dos seus tufos podres. Fábrica do Cheirume, versión 1974. Por  Cedeira adiante era difícil escoitar argumentos favorables á súa instalación. 

Aí había unha oportunidade para que o Comité clandestino de Cedeira poidese incidir na vida local: iniciaríamos unha recollida de firmas entre a cidadanía rexeitando a instalación da planta de celulosa nas prosimidades da nosa ría e mandaríamola á prensa. O Comité exercería de vangarda do pobo. Organizar recollida de firmas de protesta e reivindicación e envialas aos periódicos era recurso instintivo, elemental, habitual na oposición antifranquista. Buscábamos firmas por casi todo e contra casi todo. Pero antes de que os membros do Comité e  amistades  nos lanzásemos á percura das firmas polos bares, rúas  e  casas de Cedeira, habería que redactar un texto que lle propoñeríamos á cidadanía solicitando a súa sinatura para expresar a nosa oposición a instalación da planta de celulosa, como así fixeran xa douscentos veciños de Pantín.

O alcalde dedocrático de Cedeira dende só un ano antes, Leopoldo Rubido de 31 anos,  era contrario á súa instalación. O fiel turístico foi teima permanente da súa visión de futuro para Cedeira. Os veraneantes clásicos cedeireses algúns deles influíntes ou con capacidade enredante nas decisións do Madrid franquista tampouco a miraban con  agrado. 

Os alcaldes igualmente dedocráticos de Valdoviño e Ferrol, González Llanos e Morales Crespo, avalados pola Mancomunidade de municipios de la Ría de Ferrol, en cambio, eran fervorosos militantes a favor da súa implantación e laboriosos activistas procurando o apoio dos ministros de Madrid  para a súa causa. 


Un día destes de aí atrás andei remexendo entre papeis e carpetas arrumbados no soto da calle da Costa, si, alí onde por veces se reunía o clandestino Comité de Cedeira. Polo medio apareceume unha carpetica de plástico verde, regañada, roída polas beiras, poirenta, que non imaxinaba qué poidera conter. Folios e papeis vellos.

 

Abrina con fastidio e apareceu un documento que pensaba estaba perdido para sempre. Emocioneime. Moito. Vou indo á vello. Dentro daquel carpeto verde, en dous folios mecanografados estaba escrito por duplicado e con casi idéntica redacción  o texto aquel que ofreceramos á cidadanía cedeiresa para que validase coa súa firma o rexeitamento da pasteira. 

    E acompañando aos dous escritos un bó número de pregos revellidos.  Neles, grafadas con tinta de bolígrafo, estaban a totalidade das firmas que colectaramos. Case mil cincocentas. 1452. Simples sinaturas espidas, sen aporte de DNI. A mera firma persoal, a palabra dada por escrito. Suficiente. Eran tempos menos burocráticos. Algunhas firmas  cos nomes ben recoñecibles, outras, as dos profesionais de asinar, imposibles, algunhas con boa caligrafía, outras de regular a mala:  un supoñer, a miña; e tantas delas lentas, dubidosas, temblorosas, inseguras. En España aínda había analfabetos. Sei que o entenderedes: molláronseme os ollos de amor ao propio ao recoñecer a firma de meu pai, de miña mai, da miña madriña... e as de amigos que xa non están. Como  se  han mollar os vosos se vedes resucitar o trazo real e vivo  da letra espida da vosa xente.  

Eran vellos papeis de interés  persoal e sentimental, un pouso do pasado, un galano do meu dióxenes, mais tamén o cativo documento dunha protesta social: unha rebusca de sinaturas para amosar a contrariedade coa instalación dunha fábrica de pasta de papel nunha arredada parroquia do noroeste do Noroeste de Galicia. Unha iniciativa levada adiante por mozos destemidos de entre 18 e 20 anos. Un  inesperado certificado dunha esquecida protesta antifranquista na antehistoria do discreto discurrir do ecoloxismo galego. 

En 1974 coma en 2025, ALTRI NON.

É de sempre a mesma melodía, as moscas mudan, só a merda non varía, cantábamos daquela por Luís Cilía. 

Máis de cincuenta  anos van. 

A relea continúa e cada vez parecemos menos e eles parecen máis. 


    As instalacións da pasteira nunca chegaron ao poleiro. Non terei o atrevemento de dicir que se non se instalou foi por cousa das 1452 firmas que recollimos,  pero si acredito que publicándose a noticia na prensa,  axudaron a crear un ambiente contrario a CEPAGASA e transmitiron á opinión pública que Cedeira, masivamente, non aceptaba a celulosa. Obxectivos propagandísticos do Comité cumpridos. 


Mesmo o Consejo Local del Movimiento de Cedeira, por iniciativa do seu conselleiro Juan Estrada adhiríuse a touro pasado á  nosa carta de protesta popular!!. Consta en prensa.

Tamén a publicación anarquista editada en Francia Espoir -sin poder presumir de moita puntualidade nin de moito rigor na análise- o 16 de marzo do ano seguinte,  nun artigo sobre a industrialización de Galicia, cita  á posible celulosa de Pantín. Noticia de algún alcance polo que parece.


Finalmente, os motivos  alegados finalmente para a  non instalación da planta foron, e ten todo o sentido, o tarreo lamacento -o val é unha lagoa costeira medio colmatada-  e o escaso aporte hídrico do rego de Pantín, incapaz en modo algún de suministrar o volume necesario para un correcto funcionamento da industria pasteira, tan logrona de  auga.

    A rebusca das firmas fixéramola os cinco membros do comité e os  achegados cun entusiasmo non exento da rascucia dun certo temor. Nunca se sabía que podería pasar. As autoridades podían dicirnos algo ou impedirnos andar pedindo firmas, a garda civil identificarnos ou o propietario do local negarnos a entrada en asegún que bar. Calquera cousa que soase a represión eramos capaces de imaxinala e temela. Nesta ocasión non pasou nada. Ren de ren. Se lembro ben, principiando setembro encetáramos a recorrer os bares de Cedeira de arriba abaixo -esa eterna socioloxía tan nosa- repartidos en grupos de a dous e a tres, pedindo firmas, lendo o texto, falando, discutindo críticamente, visitando a familiares... e así pouco a pouco fumos recaudando un bo lote de sinaturas. 1452, contei este día. Debimos representar unha paisaxe humana inusual. Chamábamos a atención seguro. Bieito Rubido, que se iniciaba en prensa gacetillando nas páxinas de Ferrol Diario deu noticia do noso existir e acontecer. 

 Asegún medraba o  número de folios recheos de firmas, exaltábase o noso entusiasmo xuvenil revolucionario. O pobo estaba aceptando de moi bo grado a iniciativa do Comité. Si, parecíame que éramos a vangarda que conduciría ao pobo á victoria final. Malpocadiño. Para mediados de setembro demos por finalizada a campaña. Só quedaba enviar á prensa texto e firmas. O Ferrol Diario o 9 de outubro, deunos cuartel: publicou íntegro o texto a tres columnas  e sacounos en portada!!. (A carta ao director da Voz, sen que eu lembre o porqué ficou durmida dentro dunha carpeta de plástico verde á que o tempo lle iría escraquenando as beiras).


    Cincuenta e un anos van. Medio século. Outro mundo. Parece mentira, pero a realidade sendo un fluir de sucesos continuos, de cuantos, pode concretar nun instante dado á mais improbable das posibilidades. Só hai que esperar que algunha das infinitas consecuencias que o máis sinxelo dos nosos actos provoca coincida nun intre preciso con outra calquera das infinitas resultas dos outros sucesos coexistentes e da intersección de entrambos dea en aparecer diante dos nosos ollos un acto asombroso, unha realidade inesperada. Unha casualidade sorprendente. Improbable empero posible. Teoría cuántica da realidade diaria.

    Mobilizaron as Mulleres da Area a dignidade colectiva das cedeiresas e cedeireses solicitando apoio a súa noble, razoable, non partidista e ecolóxica petición de paralizar as obras da innecesaria, mal explicada e peor argumentada,  destrución irreparable do parque urbano da Madalena, barrabasando a paisaxe histórica, creando un urbanismo benidoriano e entupindo a boavista coa canalización, nin siquera ben horizontal, do río Condomiñas. Orgaizaron para tal fin  unha recollida de sinaturas de rexeitamento de tan inicuos actos e precisamente daquela cristalizou no meu presente  o meu pasado nunha carpetiña de plástico verde coas beiras roídas que acabou sendo a sustancia deste discorrer ao noroeste do Noroeste que debes estar lendo. Teoría cuántica da realidade diaria.

    As Mulleres da Area, cincuenta anos máis tarde e en plena democracia borbónica  recolleron  -penso que teño a obrigación de sabelo- as súas firmas con máis dificultades, malas olladas, tufos machorros, lurdos silenzos e oposición oficial, descarada e vergoñosa, das que nós tivéramos nos tempos aqueles dos estertores do franquismo. 

    Lor a elas, mulleres galegas, areas ceibes que na brisa  van. 

    Hoxe a cincuentona democracia franco-borbónica, aleita a fervorosos crentes ben adoctrinados para poder berrar en público Altri non!!! e ao momento seguinte  sen mover un músculo retrucar parque da Madalena tampouco!!! Secomasí algúns seres sensibles hai que empezan a descrer observando a irreparable desfeita biolóxica, e calan estupefactos, sen saber que dicir, sobrepasados polo incomprensible biocidio do parque de uso público da Madalena e a súa transmutación nun desolado ermo prohibido  onde só manda o vento de Costas. 

    Non é o pobo quen mais ordea.

    Catecúmenos do progreso que si un día defenderon, máis que fora coa boca pequena, á natureza e blasoaron de conservacionistas, máis que fora de falsete, afrontan sen roibor nin vergoña a destrución de paisaxes e hábitats -o chapapote na Herbeira para La Vuelta, os paseos marítimos e fluviais, os accesos a cala Sonreiras- para estimularse e adornarse cos éxitos turísticos que a  política fraguista de Leopoldo Rubido, xa hai cincuenta anos, encetara a deseñar, coa paixón propia dun creador e a visión de futuro dun feiticeiro verdadeiro. 

    Non me extrañaría que estivese doído... ou mexando de risa. 

    Convido a quen queira a repasar os vellos Olláparos. Eu teño a colección completa.  Haberá gratas sorpresas para quen guste. Sorrisos de placer risoño asegurados. O tempo, un guionista de humor cuántico. 

         Acusádeme de inmovilista, pero servidor nin antes nin agora e xa me temo que nunca, estivo a favor das celulosas, nin das políticas turísticas, nin do mascotismo, nin da destrución de hábitats, nin da prohibición das drogas, nin da Otan, nin da estúpida necedade da relixiosidade política partidista. 

    Hombre blanco tener lengua de serpiente, cantara Javier Krahe, e o "tolerante" felipismo, como Franco nos enseñara, prohibíuno e condenouno  para sempre ao ostracismo.  Aí xa o tiven clariño. Do rexime franco-borbónico, que durante cinco anos, do 1978 ao 1983 pareceu que podía chegar a ser unha democracia con educación, cultura, dereitos, vivenda e liberdades, hai décadas que fun sabendo o que podía dar de si. Pouco máis que ser unha mega estructura burocrática ao servizo das agresivas oligarquías financieras das élites  centroeuropeas... que nos impoñen os eucalitos, Altri... e a guerra de Ucrania. Dos seus empregados, os portavoces mediáticos e os nosos corruptibles políticos e xuíces partidistas, viciosos da moqueta, do tanto por cen, dos cochazos de luxo e das estrelas michelín, puro déficit público todos, outrotanto espero. 

    Qué frío desasosego se sinte ao velos felices convivindo tan a gusto coa Ley Mordaza, ese feixismo legal de a diario que un día nos dictaron e nunca corrixiron.  

    Diolo faga por mellor e se non... que o demo os leve!!.

Apertiñas miña querida e  pouca xente.

Seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.

PAZ  E  PALABRAS

Despós de Data: quero e debo agradecer publicamente ao  Ateneo de Ferrol e personalizalo na figura do seu bibliotecario Fernando Rivera García, a xenerosa disposición, cooperación e axuda para rebuscar na extensa colección da súa hemeroteca  as probas documentais  que neste discorrer van presentadas. Sen o seu valerme non había ser eu quen de localizar as informacións. Graciñas mil, Fernando. Recolléronse claro está  moitas outras que por obvias razóns de espazo do formato blogue non poden ensinarse. Hai para un traballo de tese. Grande recurso científico, cultural e histórico a heméroteca do Ateneo. Tesouro de Ferroltera. Sáibase.

Debo agradecer ao amigo Juan Oubiña,  botánico sabio e sensible, o facerme chegar os videos informativos sobre Altri que lucen e magnifican este discorrer que estás a ler. Son videos de outa categoría científica que aportan, entre outros, as voces dalgúns dos mellores investigadores da universidade galega. Dirixidos e realizados por Enrique Banet e producidos e documentados por Mabel Ribera, debe saberse. Dende logo un punto de vista profundo e coñecedor que honra a este blogue, que se sinte favorecido por tanta xenerosidade. En débeda, Juan. Transmite a todos os meus agradecementos. A mandare.


Velaí vai agora o texto completo aquel que avalaran as 1452 sinaturas. O Ferrol Diario en data de  9 de outubro do 1974 publicou este mesmo texto ao completo. Servidor tiña 19 anos rebordantes de inxenuidade. Ben se lle nota. Sei que saberedes escusarme.

Cedeira a 29 de sept. de 1974.   

Señor Director de La Voz de Galicia:

Nosotros los abajo firmantes, vecinos del Ayuntamiento de Cedeira tenemos a bien dirigirnos a usted, para manifestar publicamente nuestro desacuerdo con la posible instalación de una fábrica de pasta de papel en el término de Pantín, Ayuntamiento de Valdoviño, limítrofe con el nuestro, por cuanto consideramos que dicha fábrica puede lesionar y perjudicar seriamente los intereses del pueblo cedeirés.

Consideramos que de momento no se ha hecho ningún estudio serio, riguroso y científico, sobre los daños que dicha fábrica ocasionaría tanto contaminando las aguas como el aire, destruyendo el equilibrio ecológico, causando la muerte de peces, mariscos, plancton...etc. Nuestra oposición a la instalación de la celulosa viene motivada por los efectos (que no dudamos en calificar de desastrosos) ocasionados por fábricas de este tipo en otras zonas.

Así: 

1) Entendemos que dicha fábrica es contraria a los intereses de marineros y mariscadores por:

 a) El mejillón de la ría de Pontevedra tiene ya una proporción de mercurio de 0,22 partes por millón, índice que se considera muy peligroso si tenemos en cuenta que en Suecia se prohibe su consumo con un índice de 0,2. 

b) Y debido a lo cual se rumoreaba por Pontevedra que el mejillón no sería comprado en el extranjero.  

c) Además los residuos de las fábricas de este tipo al llevar fibras molidas que se depositan en el fondo impiden a los moluscos tener oxígeno causando la muerte de los mismos. Asimimso se envenena la sangre de los peces, pudiendo suceder al no ser comestible que se prohiba su pesca y futura comercialización como así sucedió ya en 80 distritos suecos.

2) Sería asimismo contraria a los intereses de todo el pueblo cedeirés en su conjunto por: a) la contaminación por mercurio influye perjudicialmente en grado sumo sobre la vida humana ya que causa la enfermedad de MINNAMATA; recordemos: en Japón unas 100 personas por contaminación de mercurio, debido a una fábrica de celulosa. b) Que al emplear dicha fábrica como materia prima el eucaliptus conduce a aumentar la producción de dicho árbol lo cual nos lleva a que  el suelo de nuestro ayuntamiento se encuentre cada día más degradado, pues no olvidemos que en las hojas del eucaliptus s encuentra la suustancia conocida como eucaliptol que destruye los microorganismos del suelo destruyendo así el equilibrio ecológico y haciendo que aquel sea inservible para el cultivo. c) Que aunque se creen unos cuantos puestos de trabajo cabe la posibilidad por todo lo que se ha expuesto que muchas más personas se queden sin trabajo.

3) La vida turística del pueblo de la cual depende un buen número de familias quedaría seriamente dañada.

Aprovechamos esta oportunidad para solidarizarnos con los vecinos de Pantín y demás pueblos de España- Arosa, Durango, Huelva...etc- que se oponen a la industrialización que beneficiando a una pequeña minoría perjudica los intereses del pueblo en general.


Naturalmene quedan moitos outros folios no fondo do meu arquivo. Ate chegar as 1452 firmas botade contas. De entre tantas firmas, só  don Luis Peñamaría, cuna e figura, ao pé da súa firma deixou o berro persoal de ¡FORA CELULOSA! que no cimal e no fondal do discorrer vai particularizado e seguro xa o teredes lido, pero por se acaso, repítese agora a canda os compañeiros de folio. 


¡FORA CELULOSA! escribiu o entrañable Lucho!

 ALTRI TAMPOUCO, don Luis! escribo eu hoxe. 

E rematemos cun combatente video do amigo

 Xelís de Vilacacín, tamén  de Toro,

 con realización de Alicia Freire


 A Loita final, é un documental  compendio dos videos que anteceden. Arestora non sei por onde se andará emitindo ou se está colgado en redes, que supoño que si e que non será moi complicado dar con el. Algo  deberei deixar para satisfacer os vosos desexos de rebusca. A mandare.