XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 17 de maio de 2026

A tía Anita da Ribeira e a súa xente. A miña xente.

 

A tía Anita da Ribeira era a miña bisavoa. Dela gardo non tantas lembranzas como me gustaría e todas elas son de ledicia e cariño. Ir ver "a abuela da Ribeira" -aló nos anos 50 do século pasado cando medraba a miña infancia- era sempre promesa segura de diversión e felicidade. Cando miña mai, súa neta Emilia, a Miloca, me dicía "vamos ver á abuela da Ribeira" o corazón dábame un brinco de contento, pois sabía que ese día habería de pasalo ben, había ser un día de leda liberdade. A "abuela" consentíanos todo: xogar polo cabanón, enredar polo cortello do gado, subir -intentar subir no meu caso- a un inmenso castiñeiro farturento ou ir escoller as mellores canas dunha canaveira que desmedraba por leste e que nas nosas maos tornábanse lanzas e a nós volvíannos indios comanches ou lanceiros bengalís. 

    A tía Anita era desa especie de mater galaica cunha capacidade extraordinaria para o traballo, a fecundidade, o cariño e o amor para con todo o mundo. Filla do tío Fermín Nebril de la Ballina, casou con Miguel Loureiro, dos Loureiros de Regoa e viñéronse a vivir ao lugar de Espasante, na Ribeira da vila.  (Cos Loureiro que marcharon para Ferrol manteño  un trato intermitente, pero sempre prósimo e afectuoso, sabéndonos todos da mesma xente. Non hai tanto tiven o gusto de saudar en Ferrol a Miguel, a Miguel Loureiro, aquel xogador internacional de baloncesto, aleiro do OAR naqueles anos gloriosos onde reinaba Lavodrama). 

    Ana e Miguel, meus bisavós, tiveron oito fillos: Carmen, Claudino, Gloria, Emilia, Xenerosa, Manuel, María e Xan. María e Xan quedaron sempre a vivir con ela na Ribeira. Quedaran solteiros. Da titía María acordo, entre as brétemas grises do tempo, os seus andares labregos algo encorvados, un pano á cabeza, un sorriso permanente na cara e algunha ferramenta na mao. Juan, malpocado, era un xan. Un home de sorrinte tristura, manso, aqueladiño e a quen nunca a menor maldade ou violencia lle poido entrar na cabeza. Un xan inocente, meu home, un santo. Xan e María,  viviron toda a vida no lugar de Espasante acompañando o devalar da vida  de su madre, a tía Anita da Ribeira, a señora Ana Veiga de la Ballina,  mater marabillas de todos. 

    Seus outros seis fillos baixaron a vivir á vila. Haberá disto setenta anos, case un século de historia, labrando e construíndo Cedeira con inxenio, creatividade, emprendemento e suor,  devindo en ser co tempo nunha das sagas máis amplas e fecundas de Cedeira. Os Loureiro Veiga da Ribeira.

    Carmen casou con Benito do Tropezón e puxeron o bar da Marina, que aínda hoxe existe e é un referente do mellor café.  Da titía Carmen -que ben fritía os chipiróns, mi madriña!! e de Benito, naceu Mari Carmen, que casaría co Chacarero e veñen sendo os pais de Juan Carlos, O Chaca, garda municipal, veciño e propietario que foi dunha casa en Fernando Lago da que falaremos e na que criaron a Josua e Noelia. Tono, bogador nas regatas entre as lanchitas tarrafeiras daquel tempo foi cobrador de banco e exerceu toda a vida de eterno namorado, paseante feliz da súa Sara. Finita, finura e fermosura, sempre arregladísisma, marchou a deslumbrar na Coruña para dictar leccións de esteticismo; ao Nobis, home discreto, serio e decidido nunca lle oín falar máis que o que tivera que dicir; os xemeos Pili e Iago, o Iago da Marina, a quen tanto estimo por aquela divertida infancia que pasamos xuntos... e a quen eu tanto admiraba: que gran futbolista, que control do balón, que capacidade para colearme a min e a todos. Un dos mellores futbolistas que deu Cedeira. Un 10 dos de supertoque. Un crack que aínda hoxe aos seus 72 anos desfruta das súas capacidades físicas sendo un campeón de España en badminton de veteranos. Sen despeinarse nunca,  que conste en acta.

Emilia é, de todas as miñas titías da que menos recordos teño e coa que menos convivencia fun tendo. Non sei moi ben por que. Súa filla Josefita morreu na flor da vida e seus fillos houberon de ter que marchar a Cádiz atendidos polos servicios sociais que había dquela. Ao Andrés trateino moito e sempre con cariño mutuo e risas a feito e por certo, tén un fillo que asimesmo é un fenómeno co balón nos pés. A seu irmao Toñi, sigo a velo case a diario cando sube en coche para Crónicas, onde vive, e non falta vez que non nos digamos, ou cos ollos ou co sorriso ou coa palabra, até logo meu primo. Súas outras dúas irmás, Mª José e Maribel residen na Coruña e alá fixeron a súa vida.  A outra filla, América, muller xovial, decidida e hospitalaria casou co Postinero, alegría xoteira de todas as festas e ampliaron este mundo con catro fillos,  Pili, Natalia, José e Casimiro. Os dous últimos albaneis coma seu pai, Pilar, xurista de valor e valer, presidiu á Chirlateira, aquela que tanta cultura popular sementara na vila.

    Miña titía Generosa casou co Moure, home de peito amplo, forte, baril e portador eterno dun sorriso xenético marca de fábrica da saga dos Moures, lembrade ao Lindo, mirade a Eduardo, confirmalo en Edorta. Matrimonio fecundo en descendencia:  Milucho (pai de Neuca, Malena e Nosi);  á Curra, (mai de Adán e Eva); a Nosa (mai de Patricia e Jose), Pepita, (mai de María Xosé e  Mari Chelo), Rosa (mai de Antonio e Agustina); Pepe, o sensato Boliche, que fixo a súa vida en Suiza e alá deixou a xenética fecunda dos Loureiro Veiga e finalmente o Gelo, pai de Xosé e Miguel, meu estimado Gelo, con quen tanto teño enredado e mexado de risa, creador artístico de mil anécdotas divertidísimas. 

    Á miña titía Gloria, a vida, cruel se quixer, púxoa a proba enviuvándoa moi nova e deixándolle ao seu cargo a Carmiña e a Manolo, e a un recén que aos nove meses morrería por falta de cartos para mercar penicilina. Manolo emigrou a Bilbao e alá enraizou e se deixou quedar. De cando en vez, volven seu fillo José Manuel ou seus netos, Miriam e Jaime, vascos de Fernando Lago, ao rueiro de onde saíron.  Carmiña aos seus noventa e pico de anos, lidia hoxe co señor Alzheimer paseando pola servidume das casas apoiada no amor de seus fillos, Glori, (mai de Sara e Pablo) Chente e Pepe, Pepe de Fraguela, tamén futbolista de marabilla, coleábanos a todos no adro sendo el o máis novo, é pai de Laura  e Carlota,  quen foi directora no Nicolás del Río. Pepe Sedes, o home de miña titía Gloria faleceu na traxedia do Manchester, que encheu a alma cedeiresa para sempre co horror dunha traxedia nunca ben aclarada. A familia dos de Amando, con caridade, cederíalle a xestión da tenduca de lambadiñas do seu cine, o chorado Tres de Oros, onde seu outro irmao, meu titío Manuel, carpinteiro de ribeira, labrador de chalanas, home bondadoso, tranquilo e sen présa, exercía de porteiro na entrada do baile e do cine. Un referente da vida social durante décadas. Do matrimonio con Amparo, irmán do Reclico, nacerían meus primos, Manolo, Luis, Amparo e Tucha, a quen a vida trozouna moi  nova e no rueiro quedaron seus fillos Arturo e Manuel. 

        


    Claudino, meu avó, home de extraordinaria resistencia física, traballador infatigable, intelixente coma un enxeñeiro e un arquitecto xuntos,  listo coma ninguén, sabio do touporroutou, era un figura en toda actividade na que  se metera. Carpinteiro de ribeira, reformou ao Villa de Cedeira, o último e desgrazado trincado que veleou pola costá. Emprendedor visonario dos negocios, abreu tenda de ultramariños no baixo da casa da praza, onde amasaban e vendían pan, biscochadas e amantecados -cantas voltas aos amoados, cantas caixiñas teño dobrado- que habían cocer no forno da señora Dolores, que despois foi de Paco, seu xenro, o avó de Fran de Carmucha que por iso aínda hoxe é O Forneiro


    Claudino, a parte ser tamén mineiro de mananciais e suministrador de auga corrente a media vila, a augha de Claudino, montou o histórico Salabardo o bar da Punta do Muelle, onde seu fillo, meu tío Manolo, o grande Patrona, reinou coma un bajá inmenso durante décadas. O Patrona casaría coa Tucha, simpática, lista e sibila profética. Se eu vos contara!! E de aí nacerían miña prima Manoli, bióloga, que casou con Luis Rubido; Francisco, home de paz e calmado, e o grande Antonio, imaxen ampliada de seu pai que maridaría coa emprendedora e talentosa familia García, os da carpintería e moblería, de esixente disciplina, amabilidade e talento musical innegable. 
    
    O edificio onde hoxe están a Lotería e a panadería Armando, sáibase, levantouno meu avó Claudino, quen, tomando exemplo de súa mai a tía Anita da Ribeira,  deulles aí un piso para cada un dos seus fillos. E levantouno practicamente só, traballando sen folgar, días, meses, anos enteiros e tantas, tantas veces axudado, subíndolle os ladrillos coa roldana, polo meu querido, queridísimo primo Claudio, simpático, bondadoso, prudente, valente e fiel católico convencido até nos tempos que hoxe corren. Que xa ten mérito. 


    Amadora, a filla maior, casaría con Benito do Chevé, saxofonista profesional e coma bon músico, farradero e chiquitero invencible. Que ben o teño pasado con el!! Socorro, a miña adorada tía Socorro, (que ben sabía ela o ben que me sabía o guiso requente!!) máis boa que o mellor pan de trigo, casaría con Andrés dos Reilongos, xente de alta planta, e traerían a este mundo, para facelo mellor, ao Claudio e á Soco, economista e profe do insti, e por certo seu fillo Juan tamén foi futbolista profesional de alto nivel. Miña tía Luisa, a Lisa da tenda da plaza que tantas veces tantos de vosoutros houbo de visitar, quedou solteira e pasou a súa vida sentada detrás do mostrador calcetando incansable. Sirveu para a familia do cura don Antonio María Castro Prieto, na casa que hoxe cursi e impropiamente chaman "Pazo de Moscoso", e  criou e cuidou á  toda a cativería da familia durante décadas. A quen lle extraña que herdando a bondade e a querencia pola infancia da tía Anita da Ribeira,  sexa aínda hoxe reverenciada na memoria por todos eles coma a mellor e máis doce, tenra, bondadosa e amantísima alma educadora que nunca poideron ter? Falade con Fátima.

    Miña tía Anita, de elegante e sorrinte figura lanzal, tecedeira moderna, cociñeira do colexio Nicolás del Río entrou para non saír do corazón de xeracións de cedeireses e cedeiresas que a acordan con infinito agarimo polo seu bo cociñar e máis aínda polo talante amable para coa infancia, santo e seña familiar. Casou con Agustín Carro, home tranquilo e de concordia, cociñeiro de sabores puros -ai aquel bacallao ao pilpil das ceas de noiteboa!!- e adiantado en décadas á moderna alimentación natural. Con el andou embarcada polo mundo, en tempos onde as mulleres non andaban navegando. Hoxe seu único fillo Agustín profesor de cociña en xúbilo, pasea a diario coa súa dona Encarna, gozando da vida a grolos e sentindo a satisfacción de ter un fillo, o Xan, que a parte home calado e discreto é un excelente violinista sinfónico e compositor musical talentoso.


E de meu tío Claudiniño, pouco máis podo dicir  que a leucemia poido con el na flor da idade deixando na familia unha sombra triste e a memoria da amizade extraordinaria cunha gaivota que procurei describir nun relato veraz que arestora anda a voar con suceso por Galicia adiante, vai  rematada a segunda edición solidaria, levando as cousas de Cedeira, da miña xente, da xente da tía Anita da Ribeira polo mundo adiante. Que siga a revoar por moito tempo.


    Da linda Emilia, a miña mai Miloca quen casou con Rafael Freire, o Calel primordial, fillo de Sara dos Cocos e de Bernardo López, o irrepetible Zar da Area, nada direi, non sendo que dende o ceo onde habita me perdoe tanto e tanto como a fixen sufrir que non foi pouco, foi moito demasiado.  Esa cruz é a miña e con ela peno e acó a confeso. A corazón aberto. Aos seus outros dous fillos Miguel e Roxelio, meus irmaos na alma, débolles algúns dos mellores momentos de intimidade, risa e felicidade da miña vida e hoxe aos seus anos siguen a desbrozar os incertos camiños da vida con  tesón de aceiro. Para eles o mellor que a vida teña. Roxelio ten dous fillos talentosos, meus sobriños, Helena, que labra a súa carreira artística en Barcelona con éxito, talento e independencia e Alexandre, editor  de libros best seller para editorial Anaya. Orgullo ambos os dous, deste seu tío.



A tía Anita da Ribeira debeu ser unha muller adiantada de pensamento. Era filla do tío Fermín, petrucio sobranceiro, patriarca da longa saga dos Nebril cos que os Veiga da Ribeira, co reflexo antergo da pertenza o mesmo clan, sempre nos tratamos co favor e a deferencia de sermos da mesma xente. Dende o doctor Bieito Nebril, compañeiro na academia de don Severino, ao meu amigo Fran Nebril, compañeiro na academia Chirlateira; e polo medio, todos os demáis. A tía Anita nunha operación de cálculo  que amosa a súa intelixente visión de futuro invirtiu o capital obtido da venta de todas as súas propiedades en Regoa en mercar un pedazo de terra na parte alta da Cedeira daquel tempo, a leste da rúa de Fernando Lago e detrás da igrexa parroquial. Lindando con esa terra comprou e os seus fillos foron amellorando ou construíndo con esforzo persoal unhas modestas casas de labregos, unha para cada un deles.  Casas que arrimaban en continuo coa terra que mercara a tía Anita. 


    Era unha familia labrega e na vila habían de seguir  sendo labregos. Eran o que eran. A porta principal das casas daba á rúa de Fernando Lago e pola traseira saían por outra porta, menos aparente, de servizo, ás súas  leiras de traballo nas que foron levantando alpendres, cabanóns, cortes, galiñeiros, barrelas e todas cantas larganzas esixía unha vida campesiña de autoabestecemento a mediados do século XX.... e ao tempo  cada quen podería encetar a desenvolver unha vida diferente arrimándose ás oportunidades que a vila, que avanzaba na historia con vocación de cidadela, (Cedeira tu serás grande con relación a lo que eres) lles ofrecería a cada quen atendendo ás súas habelencias e capacidades persoais. A tía Anita da Ribeira, ben veu que o futuro sería urbanita ou non sería nada. Mater visionaria. 

    
A tía Anita, non só amosou unha especial visión económica inversionista de futuro, senón que cun particular entendemento dos recovecos da alma humana, para evitar releas entre seus fillos, dispuxo nun documento que firmaron todos os irmaos que sabían escribir, que a terra se dividiría nunha mesma cantidade: 0,33 ferrados, e que na traseira das casas que arrimaban co tarreo de labor que a cada irmao lle correspondeu, habería de deixarse unha propiedade comunal de paso para servirse por ela todos e cada un dos seus fillos. Camiño de servizo que claro está era de terra, da mesma terra das leiras. Mirade as imaxes.


    Condomiño intransferible, propiedade en man común  vencellado á propiedade das casas como así consta no documento de repartición. Servidume familiar que se pechou con dúas altas cancelas.  Aínda na miña infancia  estaba guarnida por ambas dúas entradas por uns portalóns de enreixados. Coas mudanzas que comporta o tempo a vida labrega acabouse, as leiras volvéronse xardíns e a serventía de terra convirteuse nun paso de cemento que cada casa foi adecentando cos seus cartos, suor e saber.




    A familia dos irmaos Loureiro Veiga, viviu e criou as súas descendencias disfrutando dunha propiedade  comunal privada que lles permitía ter unha intimidade familiar feliz e desinhibida, como ben entenderá quen a vida entenda. Haberá de todo isto setenta anos, máis ou menos. Existe un impagable documento orixinal de reparto de herencia, do ano 1957, cun plano-mapa extraordinario confeccionado polo agrimensor Clemente, o pai do Loira, que é unha verdadeira xoia, xa non só como documento familiar, senón como testemuña fiel dunha época e dunha maneira de proceder, digna de ser estudada e figurar nas crónicas históricas de Cedeira.
 

    A tía Anita, foi por iso, unha muller extraordinaria, intelixente, amorosa e visionaria. Cómpre ver a súa foto e alonxándonos da súa ollada firme e profunda que traspasa os tempos, descender a contemplar as súas maos: fortísimas, poderosas, semellantes a raiceiras de uz, maos de labrega incesante, cavadoras de terras, maos capaces de axudarche a erguer un saco de patacas, levantar un paxe cargado con mil cousas,  de manexar a gadaña, o raño, o sachón, a galleta ou o ouciño coa mesma soltura e facilidade ca unha señorita de miriñaque o frasco das sales, o pano de seda ou o misal romano. Unha muller, labrega e galega, das que xa só quedan na memoria. Velaí ela.


    Esta historia sábea e coñécea toda Cedeira. Toda a Cedeira dalgún tempo, entendámonos. Canta razón tiña o xenial padre Sarmiento ao proclamar que rexidores, mestres e curas, por lei, deberían ser da mesma localidade onde exercerían a súa misión. Cantos disgustos, malentendidos e meteduras de pata aforraríamos!!!

    
    A previsión  da tía Anita foi tan certeira que cando anos máis tarde a familia de miña titía Emilia vendeu as súa propiedades de Fernando Lago ao matrimonio de Luisa e Manolo o Taxista, da xente dos Nebril Veiga de la Ballina, (mira ti por onde se reaxuntou a xente do clan) e a miña titía Carmen e meu titío Manuel venderon as súas casas e tarreos,  a convivencia cos novos propietarios do condomiño que adquirirían a propiedade do mesmo ao ir ligado as terras e as casas, transitou con amizade, boa convivencia e orgullo polo disfrute privilexiado da felicísma intuición urbanística da xenial tía Anita da Ribeira. Aí están os meus amigos "madrileños" Luís e Chusa, Noé e Gorka, Marco e Luka, cedeireses do mellor, para testemuñalo ou as agora recén chegadas familias de Javier e Almudena -netos de don Faustino o médico, amigo e cómplice de meu avó Claudino- e a máis recente de todas Nacho e Paloma, da familia de Melán do Canexo, tamén copropietarios gozadores do condomiño que creara o xenio visionario da tía Anita da Ribeira.



    Condomiño  que é  historia cedeiresa viva rexistrada en fotos, vodas, xogos, enterros, leceres, pillastradas, cantaruxadas, farradas e lembranzas non só da xente da tía Anita da Ribeira senón de canta xente de Cedeira, e foi tanta, algunha vez compartiu o seu tempo de labor ou lecer na nosa serventía comunal creada por Ana Veiga de la Ballina, mater xenial.

    
    Miña ben querida e pouca xente seguir a ser bós que guapas xa sodes.

A mandare.



PAZ  E  PALABRAS
Quero expresar o meu agradecemento a toda a miña xente que me suministrou e me autorizou a publicar estas tan ilustrativas como fermosas e interesantes imaxes que acompañan este discorrer e  documentan, máis que sexa pouco, unha páxina descoñecida da historia urbanística de Cedeira e ao tempo ilustran os dereitos irrenunciables á propiedade privada do condomiño que o xenio de Ana Veiga de la Ballina creou.