sábado, 14 de marzo de 2009

¡ AÍ VEN A PRIMAVEIRA!



Que saiban as negras almas das furias que sempre chega a primaveira. Alenta o tecletear das palabras do noroeste do Noroeste o agarimo da espranza. Se non ¿Nunca choveu que non escampara. ¿ Nè verdá ?. Vaise indo, deixaio ir, vaia embora, o inverno máis negro.


Para celebralo con todos vós, meus queridos poucos lectores, grupo selecto por iso, dei en mudar as vellas luces do solpor na Candieira polas mañanciñas claras no esteiro do Puntal. Un tempo vai, un tempo vén.


Agradecido a todos cantos lles gustou o solpor da Candieira, ogallá tamén vos guste esta mañá no Puntal, máis especiada e espesa, máis paxareira.


Preguntáronme, máis dunha ves, se todas as xentes da foto eran de por acolá. Parecíanlles exóticas de máis. Naturalmente que sí. E non só son de por acó, senon que, logo todas, son comúns dabondo, e se non ¿ cómo pensades que as podería retratar?.


Laiáronseme, tamén, de non ver ben os detalles. Nisto tiñan razón, claro. Nesta ocasión, tentarei amañar esta eiva, ensinando anacos recortados do conxunto da montaxe para que teñades uhna visión máis prósima das especies que fun arrimando. Xentes do común no noroeste do Noroeste.




Este peneireiro, Falco tinninculus, medio escondido detrás das letras, foi retratado na punta do areal de Vilarrube. O vento do fotoxóp trouxoio ate o Puntal. Cómo foto non vale un peso, pero na esquina non queda mal, e medio tapado, menos mal.






Uhna pega, Pica pica, dous paporroibos reais- que veñen sendo un- e uhna Limenitis camilla. As gaivotas, a garzota e as chíscalas, tamén postizas, claro, poideron quedar mellor.





Neste outro recorte, catro paxaros: un merliño, uhna cinzenta, un chaschás e un noviño de escribán; dúas bolboretas: unha cardamines, á esquerda e á dereita uhna chuchaflores.Hai tamén un escarabello, Tripocopris p. coruscans, a xoia da braña, As uces, toxos e flores, Litra salicaria e Gladiolus iliricus, son tamén de quita e pon.





As bubelas, raras por acolá pero certas cada ano, son a maior rareza da montaxe. Os paxariños, pardillos, escribáns e pimpíns, son o pan de cada día. As bolboretas, todas de diario, menos a antíopa. As flores marelas, son os hipéricos de toda a vida. A vexetación de palmeiras e salgueiros é a que hai alí mesmo.




A antíopa, atrapada nas riveiras do Xubia, preside estoutro corte; o páxaro de San Pedro, así teño sentido que lle chaman pola banda da Terra Chá ao paporroibo real, anda apoiado nas campánulas. O Rei Martín, ou picapeixes se máis vos gusta, é do Río Condomiñas. A garzada do fondal non me enche o ollo.





As lavercas, así chamamos por acolá as motacillas que noutros dinlles lavandeiras, non eran o obxeto do retallo. Quería que se vesen, é non é moito, os cabaliños do demo: uhna femia de Calopterix virgo, o máis común de todos por estas terras. Unha antíopa, un pardillo e o gaviotal do fondo completan o cromo.





Euphidrias aurinia, co seu aquel de desenfoque, enche a foto; con ela, un merlo, unha pavona e o paporroibo real. As campaiñas da esquina danse ben polos camiños.





O curruncho inferior esquerdo: a garza cinzenta, a bolboreta pavona, a auroriña e a de alivio ( é a grande branca e negra, en libros dinlle medioluto) e a pega rebordás acobíllanse nun mesto xardín de uces, salicarias, gladiolos ilíricos e hipéricos. O pimpín, o chaschás e o escribán dos toxos, Emberiza cía, non deixan de andar por aí. Anda tamén, esquinada de todo, uhna Diacrisia sannio, uhna bolboreta da familia dos arctidos.


De ves en cando, moi de ves en cando, alguén me pregunta qué cómo fago estas montaxes. Ben se ve: con moito traballo e pouco talento.


E polo de agora nada máis, miña xente, que vaia todo ben e que disfrutedes da primaveira, desta e das que virán, con moita saúde e sorte.

Agradecido





Nota marxinal: un bló régase cos comentarios dos lectores. Agardo sempre por eles coma a terra ás augas do maio. Sei que houbo quen mandou escritos e non sairon. Non foi cousa miña. Pesia a ter verificada a moderación de comentarios non deixei de poñer todos cantos chegaron. Non sei como é que pasa iso de non arribaren ata o meu escritorio, pero o certo é que uns pasan e outros non. Quedo especialmente obrigado con todos cantos deixaron o seu tempo en me escribir. Que me excúsen, a analfabetez dixital, prégolles.

4 comentarios:

  1. Boas.Que primavera mais bonita nos regalas.Gustame porque deste xeito vou sabendo os nomes dos paxaros e das plantas, que falta me fai.Sigue coa tua cámara ao lombo para ser os nosos ollos.Graciñas.

    ResponderEliminar
  2. VUELVE PRONTO, TE ECHAMOS DE MENOS.
    NATI

    ResponderEliminar
  3. Opa Kalel!! moi boa composizón mais
    falta un parrulinho...
    tes un blog moi interesante e didáctico
    unha aperta compañeiro

    ResponderEliminar
  4. En Málaga levamos dous meses esperando novas entradas! Veña, que temos morriña naturalista da nosa terra.

    ResponderEliminar