domingo, 8 de abril de 2012

Cigarriñas e Ledra aurita: o cigarrón orelludo.


As cigarriñas, (hemìpteros auchenorrinchus da familia cicadellidae, por iso non son eu moi amigo de andar con latinazos) conforman un numeroso grupo de especies que debe de ter na nosa bisbarra ducias de representantes. De tamaño reducidísimo, 4 ou 5 mm e aínda menos, fanse difíciles de ver e aínda máis de fotografar. De seu inquedos e brincadeiros complican por iso o poder rexistralos. Servidor non deu pillado e clasificado nada máis que unha pequenísima parte deles.

Comedores de plantas todos eles representan para a agricultura un perigo potencial que os ten no punto de mira dos plaguicidas. Máis coñecidas pola famosa fábula, (que as fai aparecer como prototipo dos  cantores folgazáns enfrontadas a laboriosidade das formigas), que por telas visto algunha vez, é frecuente que nen o canto de vrao dos machos sexa identificado con elas.


Tampouco identificamos coas cigarriñas certas escumas pegañentas que vemos por veces nos nosos paseos polo monte e deberíamos de saber que dentro de cada escuma hai uhna larva de cigarriña refacéndosese. Son as chamadas cigarriñas escumadoras. Na miña vida se me ocurreu fozar nunha delas para ver quen andaba a se mudar. Así es que todo o que sei delas é polos libros. 
 ¿ Para qué molestalas?.


A máis abondosa de todas as cigarriñas, é Cicadella viridis, un fermoso e diminuto bichiño de cor azul que aparece, tal unha turquesa mínima, de cotío por case que todos os campeiros e prados do noroeste do Noroeste. Inqueda e brincadora, abonda con moverse un pouco para que ela xa se mova tamén.


Moi fácil de dar con ela xa que por veces é abondosísima. Nos prados de Lamas, en San Sadurniño, ao pé das ribeiras do Río Xubia, vinas a miles, tantas que cada vez que movía o pé saltaban por ducias. Debeu ser unha anada especial, pois tal cousa nunca volvín a ver. Espectáculo natural imposible noutras zonas da península onde vai rareándose según baixamos ao sur e o leste.


Tachycixius venustulus é uhna lindísima e diminutísima cigarrica que a simple vista non deixa ver a beleza dourada que orla as súas ás. Menos mal que nos queda a fotografía dixital. Relativamente abundante, é máis confiada ca outras conxéneres, cando menos pola experiencia que fun tendo con elas.



No xénero aprophora fáiseme imposible diferenciar cada uhna das súas especies. Quedan acó estas dúas individuas que  a seguir veñen para que vos fagades uhna idea das mesmas. Ben sabedes que o obxetivo deste bló e dar uhna idea aprosimada da enorme riqueza en biodiversidade da nosa terruca máis que facer un exercicio de determiñación riguroso.


Cercopis é xenero fácil de recoñecer pero non tan fácil de determiñar. Fácil por que adoitan ser negros con puntos ou manchas vermellas. Difícil por que entre os individuos dunha mesma especie as manchas varían dun ao outro. Os exemplares que van a continuación son da especie Cercopis intermedia, recoñecible por ter as articulaciós asemesmo vermellas, característica que os diferencia doutras cercopis, de vulnerata por exemplo. Comúns e abondosas. Coma todas as cigarriñas sofren depredación por parte de arañas e himenópteros.

A cigarra que imos comentar a continuación, a protagonista do título desta entrada, Ledra aurita, o cigarrón orelludo, é uhna cicadillae moi especial. Para empezar ten un tamaño descomunal entre as cigarriñas: pode acadar os dous centímetros e para máis é uhna desas especies raras, raras que a todos nos gustaría ver algunha vez na vida e dende logo poder retratar

O ano pasado dei con ela por casualidade polos arredores de Feás nuha serán triste e gris, xa logo orballenta, de primeiros de setembro. Aínda non sei moi ben como a poiden ver: tanto se adaptaba a pola de salgueiro onde repousaba. Mirádea arriba entre dous bugallos do salgueiro. (Bugallo é unha das   palabras galegas,  pra traducir o castelán  agallas: esas malformacións que numerosos insectos producen nas árbores a consecuencia de poñer os seus ovos dentro deles e ir medrando as larvas no seu interior; a árbore para se defender cría esas gorduras que envolven á larva, dándolle a ela cobillo e a el protección. Os máis coñecidos son os carrabouxos -palabra ourensá-, que se forman no carballo: boliñas case perfectas de cor amarronado e aspecto de madeira.) E ao mellor os bugallos que a acompañan na foto son cousa súa. Non sei.

O aspecto e o tamaño deste bicho chamoume da atención inmediatamente. As espectaculares protuberancias do pronoto, eran recoñecibles a simple vista, dándolle un aspecto de orellas, (de aí aurita, de aí orelluda ) imposibles claro está, nun insecto. Dende o primeiro momento souben que estaba diante dunha especie rara e misteriosa, uhna desas que aos afeccionados nos fan suspirar.


A búsqueda de datos e información foi inmediata. O aspecto era de auchenorrincha, (vaia era polo que apoñía), e así rebusquei en todas as páxinas de insectos que teño rexistradas en "favoritos" ata que dei con ela e poiden extraer informaciós suficientes para encher a miña curiosidade.

Ledra aurita aparece por case toda Europa, atopei referencias dende Alemania a Italia, pero en todas partes está considerada moi rara. Vive de preferencia en árbores caducifolios, carballo, faias, ameneiros (a nosa sobre salgueiro), padece 5 mudas ao longo da súa vida e o seu desenrolo larvario dura de ¡21 a 22! meses, vivindo de adulto poucas semáns entre xullo e agosto, (a nosa é de setembro).
Sinálase a súa coloración críptica característica para poder pasar desapercibida na casca das árbores e eu dou fe de tal capacidade de mimetización: atopeina por mirar os bugallos do salgueiro, pois ela pasábaseme por alto. En Francia recibe o nome vulgar de Grande Diaño ou Demo Grande, como vós queirades traducir Grande Diable.
Pero para min será sempre, por tamaño e características, O Cigarrón Orelludo.
Ata outra mellorada e obrigado con todos vós, miñas e meus.
A mandare.

Este achego con fotos de mudas de Ledra aurita, interesante.

Nota marxinal: andaba esta entrada, editada xa no ano 2009, oculta entre os borradores de traballos sen publicar. Non sei como nen por qué. Atopeino, refíxenlle dúas ou tres cousiñas sen moito aquel e deille a publicar. Preferin darlle publicación da hora no canto de ubicalo no seu arquivo histórico. Así dalle continuidade a un bló que leva demasiado tempo adormecido e libera aos mouriños da súa longa e obrigada presencia ao nororeste do Noroeste. Escusas, prego.


2 comentarios:

  1. Moi fermosa a entrada Rafael, alégrome de que a quitases dos borradores, estes bichiños sempre me chamaron a atención, curiosamente o cigarrón orelludo tocoume de velo por primeira vez nun lugar ben curioso, andando as avelaíñas ás tres da mañán nunha cancela de ferro, logo tan só outra vez mun abruñeiro na praia de Esteiro, como dis ten que ser pouco abundante. Non sabía do seu longuísimo desenrolo larvario, moi curioso.
    Non sei por que non me aparece a túa actualización, no meu blog segue aparecendo a dos mazaricos mouros, cousas da informática...
    Un saúdo Rafael

    ResponderEliminar
  2. Boas Toñito...será cousa de que ao mellor anda arramblada na súa primeira data de publicación...non sei no meu aparece referenciado nos arquivos de abril r sáeme actualizado na cabeceira...certamente un bicho curiosos e discreto, dende logo non é nada abondoso e alégrome de coñecer esas citas do Barqueiro, así cplle máis presencia por acó.
    Saudiñas e moitas mercedes.
    A mandare.

    ResponderEliminar