XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 24 de abril de 2011

Poutegas en Prior

¡Temos un achádego! Berraron chamando por min dous amigos cos que andaba a pasear as pandas asuradas de Cabo Prior. Daquela eu estaba pillando imaxes do Portiño da Cova e eles andaban algo por riba. Fun calmadamente subindo e ao chegar onda eles, apuntaron co dedo a escuridade dun ribazo e repetiron: ¡Temos un achádego!

Alí, seguindo a liña imperiosa do dedo, debaixo duns toxos, a ollada rebrincou de ledicia ao contemplar un alustre de cor, unha metáfora floral do lume, que coma un gromo de lava inesperado xurdía da faciana preta e pechada do ribazo para aledarnos definitivamente a tarde.
Un gromo de Cytinus hypocistis, de poutega, alumbraba na negra rebordela dando calor, luz e ledicia ás horas grises e húmidas dunha tarde de abril co nubeiro baixo. Era a primeira vez na miña vida que podía ver cos meus ollos esta rara planta, cada día máis escasa.
A poutega é unha planta parasita das carpazas, Cystus sp., que vive oculta, sobterrada, a expensas das raiceiras da súa planta nutricia, deixándose ver á luz do día tan só nos días da floración, nos que asoma unhas cabeciñas apretadas de flores que poden ser totalmente amarelas, esbrancuxadas ou coma as dos santos da entrada, intensamente vermellas e marelas. Xa que logo é unha planta que non procesa clorofila.
Outras dúas cabeciñas, tiñan xa localizadas os meus amigos, asomando aínda timidamente, por entre as follas da carpaza. Rebuscamos un pouco máis no arredor por se houbera algunha outra e atopamos entre as herbas e as follas, sempre rodeadas de cystus, outros tres gromos florais de poutega. En total, seis chamas de quentura entre o verdor escuro. Seis ledicias de cor nunha tarde gris. Seis sorrisos de lume vexetal. Seis mercedes das horas.
As poutegas pertencen á familia das raflesiaceas, a mesma a que pertence a Rafflesia arnoldii, da Illa de Sumatra, moi coñecida do público pola súa extraordinaria flor fedorentea e enorme, de máis dun metro de diámetro  que pasa por ser a  máis grande do mundo e que ten numerosas referencias documentais nos medios de comunicación de masas.

As poutegas andaron moi buscadas, en tempos que foron, pola rapacería  para chucharlles os zumes azucrados que disque deixan un certo regusto ao mel. Deron en ser chamadas, por iso, "mel do raposo". Pro non serían a úneca expresión que a lingua galega ten para tan extraña planta.

O eminente filólogo e cadeirádego José Luis Pensado Tomé,-Negreira (1924), Salamanca (2000)- adicoulle xa unhas verbas  na súa obra: "Opúsculos lingüísticos gallegos del S.XVIII"  estudando preferentemente os traballos do Padre J.Sobreira e os do  imprescindible Padre Sarmiento, en rigor un fervoroso e apaixonado naturalista namorado da botánica.

O primeiro que cómpre explicar é que baixo o xenérico nome de carpaza e queiroga agáchanse na lingua galega,  e segundo as bisbarras, a práctica totalidade dos membros da familia das cistáceas, particularmente os xéneros cystus e helianthemun,  e tamén varias especies de ericas, uces, e aínda as plantas do xénero lithodora, a carpaza azul.

Definíronse  no correr dos anos nomes propios para chamar á carpaza na que se crían as poutegas ou hipocistos, e o Padre Sarmiento nas notas Sobre el vegetable seixebra, que cita Pensado Tomé, escribiu: "En tierras de Caldelas llaman también carpaza al urce rastrero y para distinguirla de la carpaza que da el hipocisto, llaman a esta carpaza molar"
Na obra xa citada de Pensado Tomé descúbresenos que a chamada no século XVIII queiroa melga, non outra é senon un sinónimo da carpaza molar, e que ambas as dúas definen a mesma planta criadora dos hipocistos, referindo que a palabra melga, debe ser entendida coma unha referencia a calidade melífera da poutega.

Recurre para a demostración  á definición que para a voz mielga dera o Padre Sarmiento: "Llaman así en el mismo sitio, hacia Leitariegos, a las poutegas o hipocistis. No de medica, sino de miel, como en Galicia llaman ameleiras" Velaí pois outras dúas voces  para a poutega: mielga e ameleiras.


E amosa outras acepciós para esta mesma fermosa e rara planta, onde o compoñente mel está asemesmo presente, tomadas tamén do anchuroso canle farturento do sabio bieito: "amoleyras en Portonovo", "mel de raposo en el Bierzo","mel do cuco en Lugo" e ainda chuchamelos tamén pola banda de Portonovo.


Fala Sarmiento: "...por el mes de mayo nacen o salen de las raices de la carpaza de flor amarilla o del cisto, unas como flores de granado, o como cabezuelas de la bisnaga, y las cuales se separan con facilidad de las dichas raíces; los pastores y los niños salen por el dicho mes a los montes a coger aquellas que ellos llaman poutegas; para chuparlas un género de azúcar o miel blanco que tienen en el fondo". (Origen de las voces Poutega, Puga y Pua, tirado de Pensado Tomé na edición citada).

E no punto vai rematando esta entrada, expresando a miña rendida admiración, tantas veces confesada, polo caz de sabedoría infindo, tamén naturalista, do Padre Sarmiento e pola vosa incomprensible fidelidade a este bló dun aprendiz de naturas que non deixará nunca de agradecervos a vosa presencia.

Moi boas horas, miñas e meus.

A mandare.


(Coa espranza de que esta entrada lles alive, un algo, do doloso castigo vital de ter que respirar lonxe do noroeste do Noroeste, e co  permiso de todos vostedes, adico esta entradiña aos meus queridos amigos   Oscar e Dora, que   me desvelan achádegos impensados)

    VideosMínimosdoNoroeste
 Poutegas en Cabo Prior


Achegos:
a) Todas as fotos do mundo google en premendo acó.
b) A páxina de Anthos, con todos os nomes tradicionais acolá.


Fe de erros: Non sendo os latines, nen a excesiva atención, os louros que me aduvían, dei en escribir no video hipocistis no canto de hypocistis. E para máis escribin póutegas, esdrúxula, cando a verba é chá poutegas, como se escribe ao longo do artigo. No video non ten amaño. Aí ficará para maldizer do autor. De seguro non han ser os máis cativos dos erros. Escusádeme, prego.

12 comentarios:

  1. Ola mestre: vai ser que dende xa, mirarei os pés das carpazas por se me deixan ver en directo a esa doce e chamativa parasita. Práceme máis chamarlle ameleira,
    Sefa

    ResponderEliminar
  2. Olá Sefa: mestre, este aluno? Aínda me falta. A min tamén me gusta ameleira, pro non sei eu se non será en realidade meleira e esa a un artigo asociado, do mesmo xeito que nalgures chámanselle apoutegas.

    Poutegas ten o valor na miña opinión de nos referir ao amplo campo semántico de PU: Puga (espiña, púa), a mesma púa, punto, pouta ("garra" dos animais)e facer referencia non a os seus valores gastronómicos senon a súa forma.

    Cuestión de gustos. No galego coma sempre onde escoller temos, por palabras non ha de ser.

    Tamén corren co nome de venturiños, citaos Xosé Ramón García e no Anthos veñen outro feixe deles.

    Apertiñas meleiras.

    ResponderEliminar
  3. Parabéns (e obrigado) Rafael! Lindas fotos.

    Por certo, para nome pouco eufónico, uma variante do poutega galego que usam em Portugal: Pútegas!!

    :-)

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Non só en Portugal. Pútegas tamén se chaman en Arteixo. ¡Cantos anos buscando este nome, esquecido desde nena!

      Eliminar
  4. Olá Miguel...pois non sei eu, se pouco ou eufónico de máis...

    Moi obrigado fico eu, polo aporte dese vocábulo.As poutegas deberon de ser máis abondosas do que eu supoñía, pois xeraron un grande número de denominaciós.No achego da páxina Anthos hai un bó lote deles. O que si sei é que por acolá moi frecuentes non son: xa son poucas as carpazas.

    Un saúdo e unha aperta.

    PD: andei a Enciña da Lastra e non moi lonxe de Trevinca. ¡Que mundo botánico! ¡Todo novidades! Teño entendido que Oubiña vai facer unha visita guiada e comentada en maio pola Lastra: a pouco que me cadren as cousas apúntome.

    ResponderEliminar
  5. Ainda não sei se a vai fazer ele ou não, a ver como vão as cousas. De ser assim, eu tamém andarei por alô. Assi que, se quadra, vemo-nos no sudeste do noroeste. :P

    ResponderEliminar
  6. Se non se pode facer o percorrido polo sudeste do noroeste sempre pode pensarse en conquerir financiación para facelo polo noroeste do Noroeste, (e ao mellor un roteiro no ten por que excluir ao outro).
    A mandare.

    ResponderEliminar
  7. Parabens Rafael, non me estraña que berraran polo achádego, que fermosas, eu só as mirara nas guías, pero non pensei que apareceran tan preto, o non ser moita zona carpazas. Terei que nirar ben os escasos ribazos con Halimium alyssoides da zona jeje por si acaso.
    Fermosa entrada e merecido achádego, un saúdo Rafael

    ResponderEliminar
  8. Pois mira ben Antonio a ver se hai sorte e aparecen outras máis, e se non sempre te podes dar unha volta por Prior.
    Un saúdo e moi obrigado polas túas palabras.
    A mandare.

    ResponderEliminar
  9. Sei que os vellos mariñeiros de Cedeira usaban a verba poutada para nomear unha especie de áncora de madeira e pedras atadas con cordas. Supoño que non terá nada que ver con poutega, pero cumplín a miña palabra de enviarche un comentario.
    Por certo os macarolos ¿terán algo que ver cóa Macaronesia?.
    Unha gran aperta e gracias por ese gran amor pola terra e natureza

    ResponderEliminar
  10. Benvido, Areoso...que ledicia¡
    Non sei de certo se terá que ver, poutada é tamén o golpe dado coa pouta ou gadoupa. A verba poutada certamente é tradicional, non só de Cedeira, se non de toda a Galizia mariñeira pro vaise perdendo a canda ese enxebre risón, absolutamente antigo, pois non require nengún elemento metálico.

    A relación entre os macarolos e as Illas Felices depende naturalmente da calidade do líquido elemento que conteñan. Se é de garrafón á viaxe ate as Desafortunadas Illas da resaca vai garantida.

    Apertiñas, meu. (Non perdas as mañas, segue comentando)

    ResponderEliminar
  11. Visitar esta bitácula é un pracer.

    ResponderEliminar