domingo, 7 de xuño de 2009

Lagartos, lagartixas e arnás


Os lagartos, esa fermosa pervivencia diminuta dun mundo xurásico de saurios xigantescos, son xente moi coñecida e recoñecida que, mesmo, deixaron uhna profunda pisada no folklore galego. Lagartos, lagartixas e arnás, cada quen na súa especie, mantiveron de sempre uhna profunda relación de convivencia máxica coas xentes do mundo rural galego.

Non só movendo o rabo Na saia da Carolina, ou servendo de modelo negativo masculino naquela outra copla que tanto teño oído cantar a miña mai: Fía, miña nena, fía/ fía, nena, noite e día/ Fía máis non fíes cartos/¡ Non fíes nos homes / que son moi lagartos!, senon tamén servendo de compoñente de remedios menciñeiros para sandar das doenzas, mesmamente das espiñentas dores amorosas, e aínda máis provocando el mesmo o " aire do lagarto", nome popular da coñecida enfermidade cutánea chamada psoriase. (Se alguén quixera ampliar información consulte a " Etnografía e folklore de Galicia" do mestre Fermín Bouza Brey. Non se ha de arrepentir).


Na Guía dos Anfibios e Réptiles de Galicia, (do herpetólogo galego Moisés Asensi Cabirta, didáctica e rigorosamente ilustrada polo artista e naturalista ferrolán Calros Silvar), cítanse 13 especies da suborde Scleroglossa ( máis ou menos lagartos, para non enredar) das que 6 vivirían ao noroeste do Noroeste. Temos testimonio gráfico de todas elas. E temos o gusto de ofrecérvolo nesta entradiña. Velaí veñen...
Anguis fragilis


Anguis fragilis, o escáncer de toda a vida, é un lagarto ápodo, sen pés vénse a dicir, polo qué os máis adoitan confundilo cunha serpe, e, dada a cobrafobia extendida, regalarlle un pao na cabeza. Compre recoñecelo ben, e saber que é un inofensivo reptil (...para os humanos, a bichería ten outra opinión). Como non é moi rápida mantense de vermes, miñocas. larvas e caricoliñas. Na idade adulta presenta dimorfismo sexual: as femias griseiras cunha raia escura no lombo e os machos uniforme e aburridamente pardos. En idade xuvenil ten un característico cor de tona traspasado por uhna liña negra.
Chalcides striatus


Chalcides striatus, o descoñecido esgonzo, e tamén lagarto que semella cobra por ter as extremidades moito pequenas, con só tres dedos e seren no monte dificilmente visibeis. Fácil de recoñecer, en troques, por ter o corpo negroso atravesado por nove liñas claras, das que lle ven o seu nome de especie: striatus. Polo suroeste da Galizia arrástrase o Chalcides bedriagai, sen raiar e con cinco dedos nas patas. Que non son tan curtas.
Podarcis bocagei


Podarcis bocagei, a lagartixa galega, é un endemismo do noroeste peninsular ibérico. Medianiña de tamaño: os machos de lombo verdoso, as femias pardas e raiadas. Relativamente abundante é por iso moi doada de ver; arrimada aos muros, nas rebordelas dos camiños, ou rebulindo polos modernos paseos de madeira dos marouzós, a lagartixa galega é o máis visible dos nosos saurios. Non se pode confundir con nengún outro reptil dos da nosa bisbarra, nen por tamaño nen por forma ou cor.
Iberolacerta monticola


Iberolacerta montícola, a lagartixa dos penedos, é uhna das xoias faunísticas do Noroeste, por canto e un endemismo de seu que ve as súas poboacións descender anualmente. Na nosa bisbarra, afortunadamente é común e mesmo abondosa. Ao noroeste do Noroeste danse as únicas poboacións desta lagartixa á beira do mar: mesmamente teño fotografado exemplares na plaia de Espasante. Recoñécese de certo por teren, machos e femias, uns ósculos azuis, ao pé das axilas.No cruceiro de Teixidelo é moi raro non os ver. Naturalmente durante o vrao.
Lacerta schreiberi

Lacerta schreiberi, o lagarto das silveiras, é un fermoso lagarto grandiño, ata 36 cm do bico ao rabo, que presenta, como case todos os lacértidos, un claro dimorfismo sexual. Os machos quentes teñen a cabeza forte e fermosamente azuada, sendo todo o corpo dun verde amarelado cun abondoso chapuzado en negro. Dependente das correntes de auga, na Galizia, mor do clima húmido, vese e críase lonxe da auga. No auguento Noroeste posúe por iso poboaciós estables e relativamente abundantes.


Lacerta lepida



Lacerta lepida, o arnal, arnao ou sardao é o máis grande saurio europeo, ata medio metro de lonxitude, cor verde mentolado, salferido de manchas negras e, cuns rechamantes ocelos azuis polas bandas de babor e de estribor. A cabeza é forte e grande. Aliméntase de todo tipo de bichería e mesmamente careixós ou uvas. O cupa numerosos habitats sempre que haiba penas e pedras suficientes para aniñar.Posúe poboaciós estables e ben conservadas ainda que se observa certo decaimento das mesmas. Ao noroeste do Noroeste era antes máis frecuente e téñoio atopado en Chímparra e na Candieira, pero hoxendía a mellor zona para observalo son as fermosas costás granítcas do sur da bisbarra: Lobadiz, Punta Penencia..etc.
Non é o Noroeste o territorio soñado polos saurios para ser felices. Especies maiormente termófilas, amigas da caloriña, o noso húmido e nortado solar non é do seu agrado. Poucas especies como se ve habitan por estas lindes. Ao sur da Galizia, danse en número doble. Psammodromus algirus, Psammodromus hispanica, Podarcis hispánica, Podarcis muralis, Chalcides bediagrai ou Blanus cinereus, teñen os seus territorios moito ao sur. Meiriños todos. ( Por acolá arriba chamamos meiriños aos galegos do sur, se asubían as eses máis propiamente).

Confeso uhna ilusión: ensoño coa idea de atopare algunha vez polos ouzais lamacentos da Capelada, nas últimas turbeiras nosas, á mítica Lacerta vivípara que na Galizia só se da no Xistral e nos Ancares. Manténme a ilusión a proximidade bioxeográfica destas serras coa da Capelada e certa avisión coreña, brevísima, dunha pequena lagartixa parda. que ollei nun incerto día de hai anos polas uces da Chaira do Limo. Vista e non vista. Tal durou.
Seguramente sería un inmaduro de Iberolacerta montícola, pero en min criou a espranza da posibilidade de atopare na nosa serra capelada, algún día, uhna colonia perdida da escasísima, para o territorio galego, Lacerta vivípara, a lagartixa das brañas.
De soñar tamén se vive.
Agradecido


Despós de Data: Atopei, enredando, un interesante artigo de Pedro Galán Regalado, (herpetólogo de recoñecida sona e autor da Guía dos Reptis e Anfibios de Galicia, publicada por Xerais), sobre a particular coloración azul na cabeza dos machos de Iberolacerta montícola da Serra da Capelada. Engado o achego.

Ningún comentario:

Publicar un comentario