(As palabras que se diolo quer han de vir son parte do pouco texto que se chamou e chama No meu pequeno mundo e que algúns dos amigos que comigo van teñen xa lido enteiro. O que é moi de agradecer. De vez en cando dou en ir poñendo anaquiños del neste o meu voso blogue e van aparecendo sen seguir a orde en que o texto está escrito; o que dende logo non ten importancia, por estar escrito sen orde, non sendo esas ordes caóticas e intuitivas coas que se goberna o corazón).
O meu pequeno mundo nalgúns días sorprendentes, despístase da escondida senda natural de tranquilidade por onde pasea a diario e trasmúdase inesperadamente nun balbordo rebuliceiro de amigos humanos exaltados, lixeiros, sorrintes, aledantes, unha refusía de ledicias que trastoca a paz acomodada da quietude do meu eido nunha xira de alegrías e marabillas, unha repichoca de muiñeiras, unha folía de amor á cedeiresa.
Nunca sei moi ben cando e como se vai dar ese abrocho efervescente da festa das amizades. Ás veces avísanmo gaitas soando ao lonxe ou foguetería desconcertada. Outras é un familiar caritativo… Ti saberás que día é hoxe… non? Tantas veces unha chamada avisándome… Mira que vamos pra aí. Agrádame ese costume tan pouco burocrático dos meus amigos de apareceren sen eu saber, arrodeándome daquela de ughos, de apertas, de palabras, de risadas sen teito, de comomevás, de comochevai, de contos, de chistes, de rexoubeos, de falares e de historias de xente de lonxe. Ás veces moito de lonxe.
Os meus amigos, a miña xente queridiña da alma, malpocados, chéganse dende o extranxeiro das arredadas terras nas que viven o seu desterro... Barcelona, Mallorca, Pontevedra, As Neves, Compostela, Madrid, aínda Ferrol, e ao mellor tamén da rúa Ezequiel López ou da Praza Roxa. Veña quen queira cando queira de onde queira que veña. Nalgún tempo chegou a vir xente dende Londres e Newcastle, en anos idos onde o meu mundiño tiña un especial atractivo cosmopolita. Tempus fugit, déixaios ir.
No meu pequeno mundo, no que se crían sombras fragosas e salvaxes e se dán herbas bravas habitadas de bechocos, resgárdasen tamén quentes abrigueiras do nordés, abertas a sur, onde o sangue se acalora, leveda o espíritu pagán, nace un tremor primitivo, un brinco sen inxirada levanta os pés da terra e argalla no ar un punto de danza que principia a facerse baila, nacendo un alento de troula e un berro de aturuxo na gorxa… xira en Fernando Lago!! Aleluia!! Sursum cordam!!! Chegou a Festa !!!
Sendo xentes de talento e bondade, amigos do foliar e o muiñar, de pandeirar e xirar, de cantar e recantar, os meus amigos aparecen con guitarras, gaitas, clarinetes, acordeóns, pandeiretas, cervecicas, empanada, caldeirada, viño branco, sardiñada, viño tinto, carne asada, cafeiño, pitilliño, chupitiño, e á postre, si señor, un llintoni, por favor!.
Cantar cantamos todos, uns ben e outros mellor, pero sempre coa alma grande, afinando de sentimento e levando o ritmo a pulsos de corazón. Eses días, o meu mundo, pequeniño, múdase nunha inmensurable patria sen fronteiras entre as areas da terra e os astros do ceo, un espazo aberto á irmandade universal de todas as xentes liberadas e cantareiras, esas patriotas da ledicia, esas voces ceives de tristura, esas as que sen medo a comulgaren coa amistade, ughan e farrean con paixón amorosa, unha hora encima da outra, espíndose da negra sombra, engaiolando ás estreliñas da noite, axugando no peito unha soa voz para seguiren firmes cantando aos ceos no abrir do día, abrazados ao sol das esperanzas, aquel que bica o orballo dos campos nas mañanciñas de San Xoán cando o aire aínda ule a borrallo, as fontes a auga de rosas, os beizos a fiuncho e a memoria a reina luisa.
Pracer lerte e aínda máis escoitarte! E xa non falemos das fotografías, que valga a redundancia, falan soas! Biquiños meu!
ResponderEliminarBen grato quedo coas súas palabras e máis a gusto se coubera coas deligas dos seus biquiños. Non perda as mañas. A mandare.
ResponderEliminarGrande Rafael
ResponderEliminarAgradecido Doctor !!
EliminarYa lo han dicho todo ,para espectacular entrar en tus lecturas tan informativas y adictas a la lectura . El libro de Martí Sarmiento me tiene absorbido en la lectura.
ResponderEliminarOpa José Ramón!! Moi agradecido !!
EliminarAlédame un mundo que o libro sexa do seu agrado. Meu amigo, siga disfrutandoo con saúde e se se tercia co pracer de descubrir. Xa nos vemos. A mandare.
Ledicia de texto e fotos fantásticas. Éche o que hai. Unha aperta.
ResponderEliminarA metade do texto xa che sonaría...de hai alguns anos!! Graciuñas por tanto Álvaro...por tanto! Apertas á familia e as que sobren para ti.
Eliminar👍👍Nos vemos
ResponderEliminarXa me está tardando…e aos libros máis!!! Bicos a feixes!!
EliminarMarabilloso e quentiño como o fogar mesmo. Moitas grazas, Calel ❤️
ResponderEliminarGraciñas….miña casiña, meu lar….o noroeste do Noroeste. Apertiñas a feixes.
EliminarPáxinas cheas de prosa poética, é unha ledicia lerte. Agradecido, meu amigo, fillo doutro grande amigo
ResponderEliminarOs amigos de meu pai, meus amigos son. Alédame sentir a familia. Quedo ben grato por as túas verbas meu amigo Pepe. Fáleme sempre que me vexa e non perda as mañas. Este tarreo non ten cancelas para a amistade.Ben se sabe. Unha aperta.
ResponderEliminarQué pracer lerte!!! Unha geande aperta e grazas por terme neste pequeno mundo
ResponderEliminarQuedo ben grato,.Graciñas. Xardín aberto a todos, pechado a moitos. Xa se sabe. A mandare.
Eliminar