mércores, 4 de novembro de 2009

Plantas carnívoras do Noroeste

¿ Plantas carnívoras? Vaia, ao mellor non tanto, insectívoras tan só e ben lles vale; pro certamente algunhas plantas de por acó están conformadas para atrapar e dixerir pequenos bichiños, aumentando así as posibilidades alimenticias e nutricionais que os solos coreños e pobres nos que viven non lles ofrecen.


Cando menos tres xéneros diferentes, drosera, pinguicula e utricularia, pertencentes a dúas familias, droseráceas e lentibuliaráceas, cítanse ao noroeste do Noroeste. Servidor non ten aínda rexistros gráficos das utricularias, pero no que se refire aos outros xéneros, temos testimonio gráfico da presencia das catro especies de plantas insectívoras citadas na bibliografía botánica: Drosera rotundifolia, Drosera intermedia, Pinguicula lusitanica e Pinguicula vulgaris.
As droseras levan en galego o fermoso e gráfico nome de orballiñas. A humidade, de certo, grúmase ao redor das diminutas esferas pegañentas do estremo dos pelos glanduleiros, que posúe a ducias en cada uhna das súas pequerrechas e carnas follas. Mesmo de andar o tempo enxoito a punta glandular semella sempre uhna pinga de orballo. Corren tamén polo nome, asemesmo lindo e descriptivo, de rorellas,  o resio do sol do que xa falara Sarmiento, o castelán "rocío del sol", derivado de ros solis,  das que se facía unha famosa bebida antiga de fama menciñal: o rosolí.

Drosera rotundifolia, a máis común e doada de atopar, diferénciase claramente polo súa folla máis ampla e ancha, máis rotunda.

En Drosera intermedia, máis rara é escasa pro tamén común na nosa bisbarra, a folla é máis alongada e avovada, fácil por iso de as diferenciar.

A floración e asimesmo diferente, sendo en Drosera rotundifolia outa e alongada a pola floreal , levantándose tres ou catro veces da altura da planta mesma.

Mentres que en D. intermedia a pola floreal pouco máis se ergue que as mesmas follas da planta. Ámbalas dúas florean, de preferencia, no medio do vrao.

As orballiñas son plantas pequeneiras, non moi doadas de ver se un non anda atento, que medran nos terreos anagados e enchoupados das brañas, moi frecuentemente nas mesmas rebordeliñas das canles dos regos do monte e sobor de molidos de brións do xénero Sphagnum.


As dúas especies posúen un mesmo tono de cor, un precioso roibo encendido, que sorprendentemente pasa moi desapercibido á perspectiva humana, que dende o outo arruallo da súa ollada chufona, non mira senon uns herballicos resecos, aló embaixo, á carón do chao de turba negra.
Son plantas moi utilizadas en menciña polas súas propiedades contra a tose, seica utilizándose en xaropes preferentemente para os nenos. Andan asemesmo moi buscadas polos coleccionistas de plantas, que non dubidan en levantalas e levalas: hai moito trafego de intercambio e compraventa das especies de plantas carnívoras autóctonas entre presuntos "amantes da Natureza". Preguntádelle a Google e veredes.
Ao noroeste do Noroeste danse tamén dúas especies do xénero pinguícula: Pinguicula lusitanica e Pinguicula vulgaris, Ambalas dúas interesantísimas dende un punto de vista botánico. Descoñezo os nomes tradicionais, se é que os houbo, destas herbas. Son moi escasas, malas de ver e, por iso, de recoñecer: lusitánica por pequerrecha e non moi abondosa, e vulgaris por rarísima. Non dei co seu nome galego en ningures. Así es que dei en ilas chamando cos meus propios nomes: beizos de sapa e léngoa do loberno.
Pinguicula lusitánica, beizos de sapa na miña fala, é uhna planta con follas en mouta basal en número de cinco a dez, moi pequenas,máximo 3 cm, cheas de pelos glandulares e visgosos nos que se apegan os bichiños, e de seu case sempre sobordada por outras herbas o que a fai aínda màis dicífil de ver; e de dar con ela.
.
Ocupa os mesmos hábitats e territorios que as orballiñas, pero os beizos de sapa son moito menos abondosos. Dar con algun é sempre uhna ledicia. As flores saen dunhas polas, pedicelios dixit, de entre 4 a 10 cm que tantas veces son a mellor maneira de decatarse da súa presencia. Dase en todas as brañas do territorio galego pero sempre rareando.


A flor pola súa banda é moi pequena (0,5 cm, máximo), pero moi bonita e curiosa, coa súa corola branca, raiada en rosa, gorxa marela e esporón evidente. Paga a pena deitarse na lameira para poder enfocarlle un macro que te deixe vela a gusto na casa, porque no monte ren de ren. Velaí vai. Que aproveite.

Pinguicula vulgaris, a léngoa do loberno na miña fala, e un dos tesouros botánicos do noroeste do Noroeste, por ser acó, fora das montañas orientais galegas dos Ancares e O Courel, o único territorio galego no que aparecen. E para máis, o de menor altitude de toda a Península Ibérica.
Xosé Ramón García, na recién publicada " Guía das plantas de Galicia", dáa coma propia das montañas orientais de Galizia, precisando "...aínda que haxa uhna cita tamén na Capelada" Este ano, felizmente, dei con elas. E non só na Capelada senon tamén, para maior felicidade, nalgún punto da Serra Faladoira. Dúas colonias diferentes da mítica léngoa do loberno.
As léngoas de loberno da Faladoira apareceron en terras louseiras sobor dunha escorrentía prebenta, nunha rebordela areosa e anagada: o seu habitat máis común. Esta é ela.
As léngoas da Capelada, en troques, asomaron nunhas penas escondidas, abeiradas nun húmido acobillo de serpentiniñas que se abría ao norde. Non máis lonxe de cincoenta metros da beira do cantil. Velaí elas.

Non máis de media ducia de pés dunha valiosa e rara especie, media ducia de xoias biolóxicas extraordinarias, que nas esgrevias penas da Capelada representan á poboación ibérica de máis baixa cota de altitude e a de maior proximidade ao salseiro mariño.


Un outro tesouro botánico da Serra da Capelada que compre coñecer e protexer e que nos advirte do extraordinario coidado que hai que ter para executar na Capelada calquera obra: do tipo que sexa.

Establecida cientifica e legalmente polo Ministerio do Medio Ambiente, a "importancia excepcional" que a Serra da Capelada posúe para o mantemento da biodiversidade, e advertidos xa do delicadísimo status de moitas das súas especies, calquera obra do tipo que sexa que se pretenda executar na Capelada, debe de conlevar a avaliación biolóxica previa que autorice, ou denegue, as actuacións que se pensasen.
O sentido común, a modernidade e a prudente previsión de futuro así o recomendan.
E polo de agora nada máis, miñas e meus, moitas mercedes. (...e ogallá que tanta carnívora non vos roera a paciencia... deixa a ver).
A mandare.
Despós de data: Na prósima entrada teño pensado falar do loberno, (un animal extinguido en Galizia do que hoxe non darei outro endereito que dicir que é un felino), co que así, ao mellor, apreciase e estímase máis a locución léngoa do loberno.

13 comentarios:

  1. Ola!! Noraboa pola estupenda entrada, moi didáctica e as fotos chulísimas... e noraboa sobre todo por ter atopado a Pinguicula vulgaris... eu tamén a teño buscado por Forgoselo, Capelada, Faladoira, Xistral... pero non a dei atopado. Xa me dirás onde se agocha esta pequena maravilla jeje.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Moi boas...benvido á nómina de comentaristas do bló con soldo cero...moitas gracias polas túas palabras...un estímulo... a da
    Capelada sería dificil de volver a ver no sitio preciso, pero ao mellor... a da Faladoira téñoa localizada exactamente... esta primaveira irei a velas florear..este ano dei con elas tarde...Uhna aperta e moitas gracias

    ResponderEliminar
  3. Tamén podes atopar Pinguicula vulgaris no Monte Castelo de Viveiro (Entre Galdo e Landrove) asociada con Drosera rotundifolia.

    ResponderEliminar
  4. Boas Germán ...benvido ao bló... moitas gracias pola información..nen idea desa colonia...moi boa noticia, a léngoa do loberno parece máis extendida do que se supoñía, asegún se vai vendo...por Viveiro pouco teño repasado o monte...boa desculpa esta de botarlles un ollo, se cadrara...o falado...benvido e moitos agradecementos

    ResponderEliminar
  5. Moi boa esta entrada. Paréceme interesantísima a cita, moi traballada por certo, e moi ben documentada. Unha auténtica lección de botánica. Os meus parabéns.
    Miguel.

    ResponderEliminar
  6. Gracias a todos polos comentarios...a jorapavi excusas por non aparecer a súa opinión, non entendo o que puido pasar...deille a publicar, penso, e non apareceu o seu comentario...cousas deste analfabeto dixital...desculpas e a mandar...non perder as mañas
    Saudiñas

    ResponderEliminar
  7. Boas.Os meus paseos polo monte xa non serán o mesmo.Miro as cousas con outros ollos.Biquiños.

    ResponderEliminar
  8. Graciñas Lolly... da gusto saber que hai alguén aí fora con palabras e voces de seu, máis alá dos contadores de páxina... é un estímulo para seguir mantendo vivo e aberto o bló...faise un a ilusión de que estas páxinas dixitais ao mellor son uhna extraña forma de sementes, que han de axudar, xa me gustaría, a conservar e medrar a riqueza extraordinaria da
    nosa comarca...a única de Galizia considerada de "importancia excepcional"
    Apertiñas

    ResponderEliminar
  9. Lin esta entrada como unha dúcia de veces e teño que felicitarche por ela e polo blog que ademáis da fermosa presentación, dispón dunha información interesantísima sobre o noso patrimonio natural.
    Un saúdo e parabéns polo traballo Rafael

    ResponderEliminar
  10. Moito obrigado Rubén. Un fai o que pode e sabe e se logo, amáis, gusta, entretén ou ten algunha utilidade na instrución cara a proteción da Natureza, mellor ca mellor.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  11. esto es muy aburrido... #patetico

    ResponderEliminar
  12. Moi interesante unha vez máis!

    Para podermos citar esta entrada no proxecto fitofaladoiro.eu sería importante saber se nalgún lugar ou lugares xeográficos concretos puideches constatar o emprego dalgún dos nomes populares que citas.

    Un saúdo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas...os nomes de orballiñas e rorellas van tirados do DdeD e beizos de sapa e lingoas de loberno, son nomes persoais que eu lles dei pra me manexar eu mesmo. Son neste senso creaciós personais: teño tendencia a cristianar con nomes meus a case todo o que non ten nome de seu por min coñecido na lingua galega.

      Un saúdo, obrigado polo seguimento.

      Eliminar