domingo, 30 de maio de 2010

Centaurea borjae....¡¡¡ na Punta Chirlateira !!!

Camiñamos estoutro día, sábado 29 de maio que pasou, as abas dondas e espiñentas da Punta Chirlateira, sen levar outro aquel que desfrutar dunha tardiña de lecer e esquezo, gozando das vistas da entrada da Ría de Cedeira, das escraquenadas costás ártabras que baixan a sur e dos gallos tesos que defenden o Paso do Boi.






Máis por humor ca por rigor, íamos levando conta do número de especies floreadas que íamos atopando no noso acomodado e pouco apurado paseniño. Ata 76 flores diferentes iluminaron e aledaron o serán, entre elas esta particular Lithodora postrata, con 8 pétalos branco rosados e lixeiramente azulinos, que de seu deberian ser cinco, fermosa e fortemente azuis.

Abondosos eran os Leucanthemun plurifolum, a margarida salvaxe, un endemismo das costás galegas dende Fisterra ás Asturias e que no paradiso ártabro amósase acochando fermosamente os cantís da beiramar.

As fermosas cabeciñas da inflorescencia do Allium sphaerocephalum, o allo da area, soerguíanse de entre as pedras das penedías da beiramar...

...alí onde tamén locían os moitos Sedum anglicum, avermellando a griseira toneira de anfibolita.
E por alí botamos conta da Euphorbia.flavicoma un outro endemismo das ribeiras cantábricas, de Ortegal ao Pirineo.
E desfrutamos, canto nen se conta, das moi abondosas, elegantes e delicadas orquídeas lixugadas, Dacthilorryza maculata, que aduviaban o monte soerguéndose firmes por entre as herbas e as encoiradas espiñas do toxo.


E aínda tivemos a sorte de dar cun par de exemplares de Serapias cordigera, outra orquídea, con moi poucos lugares de enraizamento na bisbarra (eu só coñecía unha colonia nas Somozas).





Pero se calquera destas especies aledaría o serán do afeccionado ao monte e daría por se mesma groria cumprida a calquera paseo naturalista, a presencia sorprendente de algo máis de 30 exemplares de Centaurea borjae medrando polo medio e as beiras dos camiños fixo brincar de gozo e espranza a este humano.

Sorprendente escribín, pois Centaurea borjae, endemismo mítico incluído no catálogo de especies en perigo de extinción, só contaba con poboaciós coñecidas na Serra da Capelada, en moi poucos núcleos ben localizados, e no Cabo Prior nunha colonia de poucos exemplares.

Esta nova colonia medra para máis entre as regañas das rochas de anfibolitas, como pode verse na foto, o que representa asimesmo unha novidade (as outras medran entre serpentiniñas ou graíños), e máis sorprendentemente aínda no medio das rodeiras, cando non na rodeira mesma, dos camiños da Chirlateira, frecuentemente recorrida por coches campeiros.
Sempre pensei que entre a Capelada e Cabo Prior había espazo suficiente para existiren outras colonias de Centaurea borjae, que só era cousa de facer unha rebusca amoda e coidadosa, pero ata o día de hoxe non poidera dar con elas. Así é que estes exemplares imprevistos, que máis ben deron eles comigo, viñeron a confirmar unhas vellas sospeitas. De seguro ha de haber outros máis.
Estas centaureas chirlateiras, presentan un aspecto vizoso e forte, con flores grandes e fermosas, e a súa presenza nos camiños e nas rodeiras, dá en pensar nunha colonia reciente, e ao mellor fálanos dunha tendencia á expansión da especie, mesmo velas medrar nas regañas novas das anfibolitas escachadas parecería querer confirmar esta sospeita.


Sexa como sexa estas novas centaureas veñen representar un raio de espranza para unha especie emblemática do noroeste do Noroeste, vendo así como aparecen máis espazos de habitación e como algúns dos seus perigos clásicos, o gando caprino asilvestrado, está ao parecer cada día máis controlado.


Fai falla que un dos outros perigos recoñecidos, a tendencia dos gobernos locais a levantar miradores turísticos en áreas de extraordinario valor ecolóxico, tome concencia do valor de futuro que estas especies endémicas e únicas posúen e se esixan unha revisión biolóxica coidadosa de cada unha das áreas onde queiran facer miradores, paseos ou calquera outro artello turístico que tan satisfeitos os deixa e tanto maltrato provocan cando se fan sen saber onde se poñen os pés.


E polo de hoxe nada máis, así vai quedando a cousa.


Apertiñas para todas e todos e os meus agradecementos por andar por aí fóra.


A mandare.


E acolá quedan estes achegos, o primeiro é o clásico artigo de Valdés-Bermejo e Rivas Goday do ano 1978 dando noticia nos Anales do Instituto Botánico Cabanilles da descrición da nova especie.

9 comentarios:

  1. Hola Rafael:
    Alégrome da existencia desta nova (para nós) colonia da Centaurea borjae.
    Non sabía desta localización, pero sí que me teñen comentado persoas que andan moito polo monte que é máis abondosa do que pensamos, e parece que esta en expansión por algunas das zonas máis escarpadas, sobre todo polas traballadas polo home como pistas e cortalumes.
    E, Rafael, permíteme unha pequena discrepancia desde a miña ignorancia en moitos destes temas: sei que o din nas publicacións, pero non acabo de compartir que as cabras sexan unha ameaza para esta floreciña. Ando dándolle voltas a unha entrada sobre este tema para o meu blog, e o certo é que antigamente a carga gandeira de cabras e ovellas era moitisimo maior que agora en toda a Capelada. Pode ser que as cabras coman directamente algunha destas flores (hasta penso que non lles levan moito a vida) pero que se ve compensado de sobras co control que fan doutra vexetación que se se deixara medrar acabaría "afogando" nalgunhas zonas aos pes da Centaurea. De feito penso que incluso habería que incrementar e regular (hay exceso de machos) a poboación de cabras nos cantís e cotos, pois penso que son as garantes da diversidade botánica destas áreas.
    Un saúdo

    ResponderEliminar
  2. Moi boas Juanma...xa se che botaba de menos...vaia eu non son moi partidario das cabuxas polo cantil...non teño dende logo documentada a inxesta de centaurea por elas pero moito me extrañaría que non petiscaran nela...estou dacordo que antes había máis, ovellas sobre todo, pero estarás dacordo que as cabuxas non comen só herba...na enseada das Cortes se que as teño visto, cando había máis, pacendo nos gromos das árbores autóctonos, hai abelaira e carballo, moi baixos e rapados por elas, que parecen andar medrando agora que por aí as mandas de cabuxas xa non se ven coma antes...por Teixidelo pacían os gromos da pouca vexetación arbórea que quedaba nas regañas das escorrentías, tamén as mirei xa hai anos, e pensa que non só hai centaurea...o Iris latifolia ¿ que queda de el? (andoio buscando para unha entradiña)...dende logo está documentadísimo o arrase da vexetación naquelas zonas onde se introduxo a cabuxa, que se tivese depredadores naturais que controlasen as súas poboacións aínda podería ser, pero na situación actual, sería pouco menos que condenar ao cantil a un monocultivo do toxo e as especies menos apetecibles para elas...eu ultimamente vexo moitas menos cabuxas...fai dez anos case cada cantil tiña a súa manda moi numerosa: na Agudela, nA Ribeira Chá, en Cortes, en Teixidelo ou no Renegado eran absolutamnete comúns e moi numerosas, víanse por ducias.. pero agora dende logo xa se fan raras e o que si me extraña é que haiba mais machos que femias, eu tal cousa nunca apreciei, o que sí é verdade e que segundo a época do ano os godallos, cabuxos sen castrar, andan xuntos e vense moito mellor ca as femias...en fin a miña opinión, polo menos tan iñorante coma túa, é que no estado de deixadez e abandono en que andaban e andan as cabuxas non poden andar ceibes por unha zona ecolóxica considerada, e como tal debe de ser tratada, Reserva Integral. Se se querwen ter gandeiría caprina fágase con todos os controis e nas zonas adecuadas, hai Capelada dabondo e dabondo degradada xa.
    Unha aperta e a non perder as mañas.

    ResponderEliminar
  3. Creo que imos necesitar unha larga merenda para tratar isto con calma, jejeje.
    Merecendo os cantís, e A Capelada en xeral, todas as proteccións o de Reserva Integral dame medo, a verdade, non sempre as medidas adoptadas desde despachos ou por ínclitos lumbreiras de biblioteca con pouco coñecemento real do campo son as máis adecuadas.
    O certo é que os cantís sempre foron unha zona aproveitada pola xente da Capelada, e ese aproveitamento tradicional e sustentable foi o que creou e conservou o que hoxe temos.
    A Capelada sempre foi unha zona gandeira, sobre todo de ovellas, que foron eliminadas por mandato e expropiación do caudillo hai 50 anos, cunha política que hoxe se sigue facendo para plantar pinos en zonas típicamente gandeiras, terreos totalmente inadecuados, sobre mámoas ou en humidais catalogados pola mesma administración que os destrúe, con cerres que impiden o paso de animais e os concentran noutras zonas, e pode que disto veñan algúns problemas e desequilibrios. Eliminar os herbívoros non é garantía de supervivencia para as plantas, mesmo poden precisar deles no seu ciclo. Se hoxe falta unha planta non creo q sexa culpa deles, pois nunca tan poucos houbo, mesmo esta podería ser a causa, xa sabemos o complicados que son os ecosistemas
    Como siga falando por aquí xa aforro a entrada do meu blog, jeje, pero bueno, aquí tampouco está en mal sitio.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  4. O da merenda é unha excelente idea que non ten discusión...a zona do cantil está considerada Reserva Integral dende hai moito tempo pero non conta, de que eu saiba, coas protecciós legais pertinentes, é tan só un concepto...o aproveitamento sustentable é tamén outro concepto que se debe concretar ¿ é aproveitamento sustentable ter as cabuxas ceives sen mirar delas nunca non sendo para pillar, cazar máis ben, algunhas de vez en cando cun sistema de paos e redes que se deixan estrados no monte? As cabuxas do cantil non son gandeiría son animais asilvestrados deixados da man de deus, sen que os seus propietarios fagan nada por elas...levo moitos anos andando o monte e subindo e baixando cantís por toda a Capelada, nestes anos só vin a un gandeiro de ovellas e cabras mirando delas habitualmente e con el teño falado moito, tanto para me informar coma para informalo de por donde lle podían andar...ese propietario, que tamén tiña ovellas, deixounas non por cousa de Franco que xa levaba anos no Punxeiro, senon por cousa dos cuatreros que llas roubaban ( este é outro tema)...as miñas opiniós Juanma ben sabes que non nacen nun despachito oficial, non o teño, senon da pasión incontrolable de patear o monte e subir e baixar cantís para disfrutar da súa xeografía e natureza únicas, privilexiadas e malpocadas... do que dis da degradación da Capelada absolutamente dacordo...hoxendía a Capelada é un exemplo clarísimo das desfeitas atroces que se acometen contra a Natureza, moitas veces agochadas baixo o concepto fetiche de desenvolvemento sustentable. Apertiñas, meu e pon data para a merenda, se pode ser no monte, mellor.
    Saúde e sorte.

    ResponderEliminar
  5. Ola Rafael!!

    Noraboa pola entrada e por esa nova localidade para as nosas Centaureas... téñolle moitas ganas xa que aínda non as vin (non é que me prodigue moito por esa vosa zona, e mira que me gusta...) e sempre é unha alegría atoparse con boas novas coma esta.

    Saúdos!!

    ResponderEliminar
  6. Olá aos dous, Rafa e Juanma. Apreséntome: son Miguel, compañeiro de Rafa no colexio e afeccionado tamén a isto de andar polo monte, vendo a ver que se move e que medra.
    Respecto ás cabuxas de que tanto falades, vou falar doutro lugar, o Parque Natural das Fragas do Eume. En concreto doutra zona de Reserva Integral (alomenos nos mapas de proxecto do parque xa que, como sabedes, vergonzosamente aínda non conta co Plan Reitor despois de 12 anos, creo, dende que se creou).
    A miña experiencia despois de aprox. 10 anos percorrendo a zona entre a central da Ventureira e o Encoro do Eume é que as cabras aumentaron dun xeito preocupante. Ao principio simplemente non se vían. Agora pode ser que a súa poboación nese tramo de aproximadamente 4 km chegue ás 100 ou máis. Lembro que estamoss falando dunha zona de reserva integral. Sen ter feito un estudo pormenorizado, creo que están supoñendo un menoscabo para a vexetación e para outras especies de mamíferos, xa que por esa parte non ves un corzo nin en foto. Pola contra, noutra zona do parque que visito asiduamente nos últimos tempos, a fraga de Furado Vello, a presenza de corzo é palpable por todas partes, de cabras nin rastro.
    Xa levantei a voz de alarma sobre este tema hai algúns anos, penso que vai sendo tempo de volver a tratar o tema máis en serio. Por certo, creo que os culpables desta desfeita son os gandeiros "ecolóxicos" desa zona. Non discuto eu que o queixo do leite desta cabuxas estea bon ou sexa ecolóxico, pero de aí a deixarlles o monte público (isto é moi importante) en pleno Parque Natural das Fragas do Eume (emblema da conservación en Galicia) para o seu uso e disfrute absolutamente libre de cargas non me parece nin ecolóxico nin xusto para o resto de gandeiros que teñen que pagar relixiosamente os seus dereitos, taxas, impostos, etc. O carallo é que despois estes queixos, ao levar a etiqueta de "ecolóxicos" costan un ollo da cara, cando os seus costes de produción son prácticamente nulos, ao estar o gando todo o día no monte deixado da man de deus. Teremos que chegar ao extremo de que un castrón destes despeñe a un excursionista despistado para que a administración tome cartas no asunto?
    Desculpade se o ton vos parece alarmante de máis, pero é que este tema estame chegando aos c...
    Apertas

    ResponderEliminar
  7. Pois sen falta, cando remate esta tanda de exames de xuño hai merenda. Teño un bosquete de abeleiras na beira do río que ven ao que tal para iso...
    As figuras de protección existen desde hai tempo, seino, pero tamén sei que non serviron para nada. Evidentemente o do despacho oficial non iba por ti, faltaría máis. Seguro que o farías mellor que moitos que os teñen ocupado.
    No sistema de "descontrol" das cabras non che vou discutir nada porque tes toda a razón. Hai certas persoas con intereses (que non acabo de entender) en que isto sexa así, e se llo permiten non ha tardar moito en pasar o mesmo coas vacas e as bestas. Penso que as administracións o permiten porque no fondo están desexando que se acabe a gandería para poder converter todo nunha inmensa plantación forestal, que é o que a eles lles da cartos.
    Bueno, penso que xa lle dimos un bo repaso, jejeje, haberá que deixar que participen os demáis e comenten as fotos do resto das flores, das que non dixen nada pero tomo nota das túas ensinanzas.

    Saúdos

    ResponderEliminar
  8. ¡Miña madriña!...canto dan de falar as cabuxas...eu non teño probado ese queixo...pero dubido de que sexan das que andan ceibes pola fraga...teño andado de cabreiro( non é coña)pola Illa da Gran Canaria e facendo queixo e acredito que ou se recollen e muxen todos os días ou non hai maneira de facelo, e sendo así as cabuxas están gardadas á noite e ceives, pero non moi lonxe da casa, polo día e se non non hai maneira de facerlles un queixo e moito menos comercializar un número suficiente deles...dce seguro eses queixos deberán de ser de gandeiría controladas e ben manexadas.

    ResponderEliminar
  9. Serxio se algún día andas por estas terras e non che importa levar un guía indíxena, podes contar comigo, malo será que nos perdamos.
    Saudiñas e moi agradecido por seguir o bló.

    ResponderEliminar