sábado, 16 de outubro de 2010

Dos nomes das bolboretas

Unha das palabras que para este disléxico máis problemas plantexa na hora da súa exacta escritura ortográfica é o termo bolboreta, que de sempre, seguramente por telo aprendido da Volvoreta de Fernández Flórez, dou en escribilo, para horror de amigos e gargallada de inimigos, con dúas uves: e aínda me vou quedando tan pancho cal ancho.
Certamente bolboreta é expresión que acadou un monopolístico éxito de uso tanto popular coma literario marxinando outras moitas posibles, que a grande riqueza léxica da lingua galega afortunadamente conserva, atesourada, na artesa das palabras de aldea. Unha das chaves coas que este esforzado escribidor abre de cotío dita arca é o Dicionario de dicionarios da Lingua Galega, unha obra magna coordinada por Antón Santamaría e que para máis, é de libre e doado acceso na Internete, e ao que, unha outra volta, retorno para pescudar no fondo fondal da súa extraordinaria capacidade lingüística o mundo semántico dos lepidópteros no idioma galego, que de seu leva, tan pegado á espalda coma o vello latín, o recendo da Natureza.
Dúas serían as fontes latinas principais do caudal dos numerosos termos que, nun ou noutro curruncho da Galizia, se viñeron usando para denominar aos moi diversos insectos lepidópteros que a rica biodiversidade do país galego deu en criar. Serían esas fontes as palabras latinas papilio por un lado e bullinare polo outro. Miremos os afillados que cadaquén deu en cristianar.

Do latín papilio pódense supoñer orixinarias as seguintes expresiós: barboleta, borboleta, valvoreta, polvoriña, bolboreta e tamén polvoreta.
Do latín bullinare, a ao traverso de bulla, na opinión de S. Buschnann, citado por Aníbal Otero Álvarez (1968), poderían derivarse estoutras: avuíña, avelaíña, avelaia, aveleia, aveleiña, velaia, veleia, ablaíña, velaíña, avelía, lavelaiña, volalla, voalla, voiña e ao mellor tamén voleiriña e volainiña e aínda velonia: Tes menos paraxe ca unha velonia, din por Beluso. De ser tal a orixe sería razoable escribilas sempre co b.
Conforman asimesmo un campo semántico notable aquelas verbas que amosan a similitude entre as bolboretas e as aves: pomba, e derivado de esta pampurriña e pambereta, palomiña, paxarela, galiña de Dios, poliña de Dios; e páxara, paxarúa e paxaría no galego do occidente asturián e aínda tamén pajariña (sic). Nome este último que se fai coincidente coa denominación popular da cedeiresa Fonte da Paghariña, o que tal vez nos poidese explicar un nome nunca entendido. Queda por último a denominación de galo, aplicada nalgures, Ogrove por exemplo, á Iphiclides podalirius

Hai asimesmo numerosos nomes especifícos para denominaciós máis particularizadas. Abelona, por exemplo, é o nome co que se denomina a certas volainiñas de gran tamaño. Poidera ser o caso desta Arginnis phaphia.

Meco é o nome co que pola aldea compostelá de Lavacolla se coñece, sen determinar a especie, ás bolboretas nouturnas. Poideran ser esta Pyraustra purpurata ou esoutra Thyatira batis.
Cuco chámanlle por Tabagón a toda lepi de fermosos e rechamantes cores, daí tamén o siñificado de cuco por fermoso e de cucar por presumir e cucada coma algo moi bonito. Podería aplicarse a moitas especies, a esta Aglais urticae ou a Papilio machaon e a Euplagia quadripunctaria que lle seguen.

Anxeliño chámanlle pola banda de Marín a calisquer clase de bolboretas. Na miña opinión por metonimia da crenza popular de que cando morre un anxeliño, un neno recén ou de poucos meses, virxe de pecado, a súa alma sube aos ceos baixo a forma dunha bolalliña. Ollai para estas tres anxeliñas: unha Callophris rubi, unha Lycaena phaleas e unha Pyronia titonus.

Boanova chámaselle a toda bolboreta branca, sen dúbida tamén pola crenza extendida de que as avelaiñas que se achegan na noitiña á lús se son negras anuncian morte e se brancas tran boas novas habitualmente escritas nunha carta. Aplícaselle con propiedade pola súa rechamante brancura á maioría das especies da familia dos piéridos. A seguir unha Antocharis cardamines, unha Pieris brassicae e unha Gonepterix rhamni.
Por xilve coñéceáse as volainiñas pequenas e amarelas que adoitan vivir polas ribeiras dos ríos e entre os matos do terreo. Poidera ser esta Rivula sericealis ou a Pseudopantera maculata ou a Ematurga otomaria, ou unha de tantas outras.Chinguro e irisoido, son nomes aplicados a certas especies azuis e negras que voan polas beiras dos ríos. Non teño dúbidas de que se han de referir o xénero Apatura e con seguridade a especie iris, fermosísima e irisada en brilantes tonos añís. Lamentablemente non teño arquivo de tal marabilla, así é que vos deixo unha imaxe dunha parente prósima, unha Limenitis camilla, a quen eu chamo a viuviña.

E aínda hai o nome xenérico de maricelda para poder ser usado no canto do moi traballado e xa un pouco desgastado de bolboreta. Poderedes chamarlle así a esta diminuta Thymelicus acteon.
E como sexa o caso de que o galego pertence aos galegos e as galegas, servidor dá, sen querer nen pretender, só porque lle nace e necesita chamar ás xentes dalgún xeito, en ir poñendo nomes propios a canto bichiño se move. Así ás Hiparchia alcione chámolles damasmouras, ás Euphrydia aurinia, xa se dixo noutra entrada, señoriñas, ás Melanargia, xa galathea xa lachesis, as de alivio e ás coleas dei en chamarlles xofrosas. E deste xeito, máis ou menos, voume eu apañando co mundo e comigo. Mirade esta Coleas crocea e decídeme se non é da mesmiña cor do xofre.
Falar en galego, non só me parece un dereito, se non, nos esmagantes tempos uniformemente globalizadores, unha obriga est-ética.

E nada máis miñas e meus, ate acó chegou este revoar de pampurriñas, que agardo non fose nen lixeiro nen pesado de máis. Quedades na miña máis agradecida consideración e na compaña desta Inachis ío, que agora ben o sabedes é toda unha cucada.
A mandare.








Despós de data: Resultaba verdadeiramente pesado ir dando as referencias puntuais de cada un dos dicionarios e dos autores que recolleron esta abondosa anada de palabras. Para un exacto coñecemento de cada, e asimesmo das zonas onde se recolleron, quería deixar o achego correspondente do Dicionario de dicionarios, que nunca saberei loubar e agradecer como se merece, para que quen quixer, se entretivese en ir recheando os ocos que a súa curiosidade intelectual lle esixise. Por algunha descoñecida razón, o endemoniado e enmeigado Blogger non me deixa pegar o que antes copia, e tereime que conformar con suxerirvos o acceso á páxina e buscar, nos termos en castelán, a palabra mariposa. Aí aparecerán. Escusádame, prego. Obrigado.
Despós de data: ao parecer desenmeigouse o blogger. Este é o achego_Que aproveite.
http//sli.uvigo.es/ddd/ddd_pescuda.php?pescuda=mariposa&tipo_busca=castelan
Despós de data: As volainiñas son todas, (menos a Callophris rubi que é do Xurés e que por acó nunca a mirei), especies presentes ao noroeste do Noroeste. A Papilio machaon está rexistrada nos arredores do Castelo de Monterrei e a Aglais urticae na fronteira coas Asturias pola banda dos Oscos e Taramundi. Para que se saiba.

9 comentarios:

  1. Preciosísima e interesantísima entrada para continuar a coñecer a lingua e as fontes naturais que a nutriron.

    ResponderEliminar
  2. Tremenda colección de fotos, envexable. O resto, toda unha lección, gracias.
    Saúdos.

    ResponderEliminar
  3. Moi interesante entrada sobre un termo que nunca o tiven claro, e con esta información despéxame moitas dúbidas, é que che vou decir das fermosas fotos de estos insectos que acompañas ó artigo, saúdos

    ResponderEliminar
  4. En débeda con vós por tan amables palabras que deberían ser reenviadas aos autores do Dicionario de dicionarios. Os lepis é un dos espazos naturais que máis rexistro e dos que mellor colección teño, así é que non é de extrañar que dos miles de fotos non teña media ducia que sirvan para enseñar.
    Saudiñas, meus.

    ResponderEliminar
  5. Excelente recolla e excelente exposición.
    Moitas grazas.
    Xisbe

    ResponderEliminar
  6. Agradecido a tí polas verbas e o atento seguemento do bló. Dades azos.
    Saúdos.
    Rafael

    ResponderEliminar
  7. Esta páxina é un tesouro.

    Unha pequena corrección. Segundo me comenta Antón Santamarina o enlace correcto ao "Diccionario de diccionarios" leva un par de letras "D" maiúsculas:

    http://sli.uvigo.es/DdD/ddd_pescuda.php?pescuda=mariposa&tipo_busca=castelan

    Saúdos!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi agradecido polas verbas e as precisiós...sempre son agradables...o enlace copieino directamente da páxina correspondente, así é que non entendo moi ben como poideron desaparecer esas D maiúsculas.
      Un saúdo.

      Eliminar