XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 12 de xuño de 2012

A memoria da luz


Galicia, lar da luz. Da primeira luz que vimos. Da luz que día a día crea as formas e recrea as sombras. Da luz que se fai ledicia nas cores e anguria nas escuridades. Da luz que nos guía polos craroescuros da nosa Historia e nos promete albas de gloria. Da luz que nos regala as caloriñas no inverno e que mornece da alborada á noitiña os trafegos dos días, os sufrimentos das horas, o pruído dos intres do agora.

As luces de Galicia, un manancial de sensibilidade, unha fonte de delicadeza,  un gromar de diversidades, un chafaríz de sutileza onde os nosos ollos beben, os corazós se manteñen e as almas repousan.

Eses acougos do espíritu  fomos buscar, demediando maio, ás estremas das calías orientais das Serras Galegas. Advertíranos un rumor do aire  que nalgunha delas a brisa e o orballo xogan coas raiolas do sol e deixan  na faciana do mundo, impresa en doces cores de primaveira,  a memoria da luz para sempre en Galicia.

Poderedes dicir que andamos a Serra da Enciña da Lastra.

Alá, os galanos dos días, ulindo que arrecendían, deixáronnos anagados os sentidos coa frescura do olor do cantroxo, Lavandula stoechas, que, se quería, enchía os prados e revertía no aire, deixándonos de regalo  a memoria evocadora do perfume dunha flor nazarena que nos acompará sempre...
...mesturado co callado eisalar aceitoso das estebas, na hora trunfantes, dominando a terra, enchendo a paisaxe  co seu salferido brancor de saraibada de flores, espaleada entre o discreto verdegris das súas follas...Serra da Enciña, serra de estebas, que por alá andaban todas lucindo: a das cinco pingas carmesíns, Cistus ladanifer...
...no pole da que se enfouzaban os coleópteros, felices, se non bébedos, de sairen encerellados en ouro dun baño entre estames e anteras..
...ou utilizaban seus pétalos coma cama redonda de electrizantes orxías copulatorias...

 ...e desfrutamos tamén da esteba branca, Cistus populifolius,  moito menos común, pro igoal de fermosa se non máis.
Quedaba a luz apousada nas faldras dos montes e anunciábanse por ela enciñas e castiñeiros, cerdeiras e cerquiños, montes e xesteiras, campas labradas e deixadas nas que rebentaban por miles as escarlatas mapoulas que fan das leiras alfombras de coral e da ollada un relouco de gozos...
 ...entre os que non foi o menor a observación demorada e amodada desta particular mapoula, unha Papaver hibridum, apoñería eu.

A luz, abarrocándose  na treboada, xogaba coa ollada un artificio de crarescuros dramáticos nos que  soerguían protagonismo os Penoucos de Oulego -aterrecentes adramáns en pedra, espiña dun xigante adurmiñado- recortando o seu perfil arruallado contra as clareeiras que  regresaban do Courel berciano, ao fondo regado en prata; ao frente a Lastra, fervendo  en ouros de xesta florida. A luz na memoria.

A luz que se gardou  baixo a maneira de  fermosas imaxes  naturais que  a cada revolta do andar agardaban polas nosas lembranzas, pra aniñar nelas e poder volver a visitarnos cada noite ao entrepechar os ollos e soñar que o vento nos regresa aos recendos de cor da Enciña da Lastra...
...á pluma e ao froixel dunha meixengra, Merops apiaster...
...ao lisor das pétalas da grande agulleira, Erodium sanguineum...
...ao exotismo cotián do galo rei, Iphiclides podalirius...
...á doce brancura en flor dun allo bravo, Allium massaessylum...
A luz, que se esparexía gris e bretemosa polos esgrevios penedos calizos do Estreito, onde o negocio eléctrico escravizou ao  Sil, arrolaba lonxe deixándose ir coa imaxinación  e traendo ate nós, dende o nordés, as estremeiras  do Cordal Cantábrico e a xeografía universal toda  que rolda á Serra da Enciña...


...o Courel a Noroeste...



...as Médulas polo Suleste...


...os Montes Aquilianos polo Leste...


...os Ancares ao Norde...

...o Macizo de Trevinca polo Sul...

...todos eles, luces e montes, brincando a xogos de claros e sombras, a facerse e  a desfacerse, a ocultarse e  a deixarse ver, a fixarse na memoria con finos  fíos de raios lenes, enfiañando, coa delicada primeza dunha costureira sabia, as lembranzas dunha terra recendente, morna, fermosa, clara, feita con alicerces de calcio e ferro...
... terras que se diloien coas augas e abren covas, furados, que acó din palas, e nas que, nos seus adentros, aínda se poden ollar, din os que entraron, as rabuñadas  deixadas polo inmenso oso das covas, que nelas se gardaba, alá no primeiro albor humano...
...e nas que cada primaveira os anovos das enciñas, coa albura cremosa da súa cor,  aclaran a estraña luz griseira que sae das súas follas.
Montañas calías nas que alumbra unha flora propia e única; tal a rosada herba de namorar da Lastra, Armeria rothmalerii, de longos talos floríferos que no santo anda enseñoreada por un escudiño da familia Coreidae...
...nos descantís, a endémica, escasa e por tal en perigo de extinción Petrocoptis grandiflora, santo e seña do cabdal de orixinalidade botánica desta serra, luce a súa modesta presenza ao lado dos...
... Erinus alpinus, de delicadas e pequerrechiñas flores azuis que ocupan coreños antepeitos, se non furadiños, que se forman pola auga e o vento nas paredes de pedra caliza...

...nas que tivemos a fortuna de poder deixar impresa na memoria as luces das cores escaqueadas da fermosísima maricela, Zerinthia rumina, unha teima, un degoiro, unha ansia cumprida...
...e gravar no adentro de nos o recendo mediterrán do tomelo da LastraThymus zygis,  e aínda ser quen, máis ou menos,  de atrapar as luces ferintes da  súa milimétrica e delicada floración alba, esa  poética do pouco...
...e folgamos na observación desta Issoria lathonia, digo eu, que parecía andar á percura de minerais chuchando entre as pedras e as areas, brancas do cal, vermellas do ferro, hematíes, que, se compactar en pudingas grandes e apretadas, dun fermoso cor cinabrio, toman o nome de barrollo ou Pedra de Pardollán, e usáronse moito como pedra decorativa de zócalos, dinteis e escudos nobiliarios; un paseo polo Barco Vello amosarávola.

Trouxemos tamén na memoria a luz familiar desta papilionácea, Anthyllis vulneraria sp. alpestris, exclusiva das montañas calcáreas da zona berciana, que nos sorprendía coa súa farda poderosa, atractiva, chamando pola ollada cada vez que esta tropezaba coa súa floración intensa.

As luces da Lastra. As cores de Penarrubia. A fermosura da Terra. Andando amodo os seus camiños, botando contas das treboadas que nos acompañaron, ollando, ulindo, sentindo o paso do vento e o canto poderoso do reiseñor, buscábamos nada, aparecía de todo: 


...nun souto de Vilar de Silva, entre follas e herbas, unha Ophris scolopax, por nós antes nunca vista, enchía de satisfacción un andar ventureiro que encetaremos....
 ...ao pe da fermosa arquitectura tradicional da casa de Chao de Prao, onde ben coméramos e conversáramos co seu propietario, Paco, o cómico, o paiaso, que preparaba máscaras pra o seu prósimo espectáculo.
Ao andar, acó e aló,  aparecían orquídeas  coma esta Dactylorhiza  marcussii, á beira dun aciñeiral, ao pé dun camiño da pé...
...estaoutra pequerrechica, costounos traballo recoñecela, Neotinea maculata, carapucha pinta, nalgún prado recén regado pola treboada que limpara a luz do aire da poeira do día...
...refrescándonos a memoria pra apreciar  de novo as Aceras anthropophorum, pequenicas, delicadas, que non andaban moi lonxe...
...desta outra Orchis provincialois que se nos presentaba en prados, soutos, aciñeirais ou en clareeiras da estebeira...
...nos rebordes das pistas, apareceron as Orchis purpurea, ofrecéndonos a oportunidade do berro seco de ledicia que nace da inesperada ocasión desprevenida. E outras máis deixaron as luces das súas cores na nosa memoria: Ophrys sphegodes e Serapias lingua, que na ocasión non se amosan, por ser xente que aparece a miúdo polo noroeste do Noroeste. Outras máis, cephalanteras, limodorums, anacamptis, non se nos deixaron ver e gardáronse de nós pra unha outra mellorada...
 ...na que confiamos poder volver a circundar os Penoucos de Oulego e seguir o pequeno Río Entoma ate as beiras do Sil, que o recibe, abraiándonos coa claridade prodixiosa da luz na paisaxe, que refai vilares e aldeias, montes e paisaxes, gracias a  ferramenta ilusionada da lembranza dunha anterga harmonía natural da que eflúen...

...a beleza concordante dunha Tolpis barbata marabillosa en forma e cor...

...o exotismo dun Muscari commossum rebentando de luz e cor na mañá...


... a regalía da bigarrada beleza, lenta e maina, desta eiruga de Papilio machaon, despreguizándose amodo...


...a sinxeleza clásica desta Salvia verbenaca, raiña e señora...

...a anada de froitos miúdos do escornacabras, Pistacia terebinthus...
...a suave delicadeza dunha meniña, acariñando pimpinelas, Sanguisorba minor...


...ou a estrañeza dun ninfálido imposible de discernir, unha Boloria nonseique, no meu parecer iñorante...

...e aínda a lanzal finura marela dunha Reseda luteola chamándonos á beira do camiño...



...que nos levaba dos vilares aos cumes por andeiros enxoitos, abertos na terra coma fendechas na pel...
...aos que se achegaban as perdices, curioseándonos, querendo saber de nós...

...que andábamos entretidos coa lizgaira  lixeireza da Linaria amethysteia, esa fraxilidade malveira..


...ou preocupados por gardar na memoria a luz crú, cenital, que se reflectía nas fermosas alas, laranxa limón, dunha rara Antocharis euphenoides, gloria das outas cimeiras da serra... 
...nas que se criaba este infrecuente Ornithogalum umbellatum, non tan raro coma o leite de galiña, diga o que diga seu nome latino...
...ou discerníamos as diferenzas entre esta Lonicera  etrusca e as madresilvas nosas de cada día Lonicera periclymenum...


...discutíamos de estética e xeometría por cousa da observación calmada deste Lotus sp., octopétalo, fardado coa linda cor dos coques e decorado cun fino raiado laranxado que non souben enfocar como sería debido...

Marchaba a luz dos días. Remataban os días na serra. Quedaba a memoria das horas e un arrecendo suave a roseira brava, á fermosa agavanza, que anda a medrar ceibe e exultante nos campos deixados, que son tantos...


... e ía a canda eles, gardada na artesa das lembranzas, un campo  de ouro refrescado  cos arumes dos cantroxos, aos que antigamente "entre Celanova y Orense", Sarmiento dixit, con fermosa voz   recuperable chamaban azaias.


Na última luz da última hora do último día que alá andamos, nun campo de trebos, deixamos vir chegando ate a nós á treboada  mentres contemplábamos como as estripeiras, Aporia crataegi, se botaran a durmir tranquila e mansamente  nas herbas. Facíannos  así máis levadeira a melancolía de ter que deixar a Serra. Acabábanse os  días da Lastra, e deberíamos volver a áspera cotidianeidade da monotonía sabida.

A luz, que non  deixara nunca de nos agasallar cos seus xogos cambiantes, traíamola gardada nun cartafol de  memorias que dicía: Lembranzas da luz da Lastra.

A elas recurrimos, sempre que os negros barrufos das horas pechan as espranzas, pra pedirlles que nos leven de volta, lixeiros coma un aire,  ate á Serra da Enciña e das estebas, onde  fixemos casal coa raiola, a brisa e os doces bálsamos que alí aduvían o vento. 

En ausencia de outras fortunas, agora, temos alá unha patria. Unha patria a  que podemos regresar sempre, con só entrepechar os ollos, prender a lámpara marabillosa da imaxinación e soñar coa luz que atesouramos na memoria.

Mil gracias mil, miñas e meus.
A mandare.


Despós de Data: Fé de erros. Debo  un amable e experto lector do bló que me fixo chegar por conduto privado un comentario reparador desta entrada coas seguintes rectificacións que van xa convenientemente engadidas: onde dicía Allium neapolitanum, di agora A. massaesylum; onde Muscari neglectum, M. comossum; Dactylhorryza sambucina, non se da na Lastra precísase, vai rectificada por Orchis provincialis; e onde se escribiu Ornithogalun sp. precísase agora Ornithogalum umbellatum. Con lectores así da gusto. En obriga.


Achego único: un traballo en PDF de 93 páxinas "Guía da Flora do Parque Natural da Serra Enciña da Lastra"a cargo dos científicos, Javier Amigo, Iñigo Pulgar e Joaquín Giménez de Azcárate. Do mellor, se non o mellor, sobor do tema. Para gardalo. Premer.

16 comentarios:

  1. Parabéns! Sei ben o traballo que da colgar unha entrada con tanta fotografía, información e identificación. Tes un blogue estupendo.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Has facer que me suba o roibor!
      Certo é que unha entrada longa e armada da traballo, pro sempre hai que facela o mellor e máis rigorosamente que se poda: é un compromiso ético e estético comigo e con vós. Un compromiso irrenunciable.

      A identificación nesta entrada non foi moi difícil, son especies moi coñecidas a maioría delas, a dificultade, coma sempre, está en non se trabucar cos latines.

      A búsqueda de información, inescusable, é sempre a parte que me da máis ledicias, pois é a que aprendo. Por exemplo nesta o nome de barrollo ou Pedra de Pardollán, así coma a súa xénese e conformación: unha teima dende que a descubrín andando polas rúas do Barco e me deixou amilagrado, de certo é a orixe da particular decoración en tonos granas, agora pintadas, de multitude de casas no Barco, ate o punto de ser case unha cor emblemática.

      Non me enrrollo máis. Moito agradecido polas túas loubas: non sei si se merecen.

      Unha aperta Rubén.

      Eliminar
  2. Quedo coa boca aberta... dan ganas de deixar todo e marchar aló neste mismo intre!

    Apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi boas Elisa...
      Mal empezamos a xornada laboral!
      Certamente é unha serra que hai que ir a ver, máis non quedándose nos estrictos lindes do Parque Natural...os vales lindeiros do Río Selmo, e do Río Cabrera, os dous son certamente unha continuidade natural, de altísimo valor ecolóxico, do espazo que en Galicia se declarou oficialmente Parque Natural e que os leoneses teñen no esquezo...neste senso compre unha superación inmediata dos conceptos fronteiro-administrativos e empurrar por un Parque Natural supra-comunitario. Se sempre as fronteiras son un artificio, neste caso ademáis son estúpidas. E ao mellor en todos.

      Apertiñas.

      Eliminar
  3. Este artigo teu lémbrame aquelo de

    Hoy llegó a ti, riberas del Arlanza,
    peregrina al azar mi alma sin dueño.


    A ver se teño tanta sorte como o poeta e podo viaxar esta noite, aínda que só sexa en sonos, á Serra da Lastra. :)

    Saúdos desde Lugo e noraboa polo blogue.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Benvida ao bló, Sandra...

      ...se deguro chegarás soñando, se non fose así, de Lugo a Monforte, de Monforte a Quiroga, de Quiroga ao Barco...non moito máis dunha hora...se vas dalles recordos meus...

      ...moitas mercedes teña vostede por comparar este texto cos versos de Gerardo Diego, que aínda sabendo sere unha esaxeración non lle oculto que é pracenteira...

      ...non perda as mañas, siga a visitarnos polo noroeste do Noroeste...é un pracer recibila.

      Saudiñas.

      Eliminar
  4. Que ben sabes aproveitar as viaxes e ademais conseguir retratar a beleza desta serra.
    Saudos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. MOitas gracias, José Ramón.
      Verdadeiramente da azos, e aleda, saber que o traballo que se está a facer vai gustando.
      É unha honra estimulante contar con lectores tan comprensivos, pois certamente no sei se fun quen de extraer coa miña compacta as calidades estéticas e paisaxísticas da Enciña

      Unha aperta.

      Eliminar
  5. Boas Rafa. quedo tonto lendo as túas entradas, como di Ruben, dun traballo excepcional.
    Traballadas no monte, traballadas na casa e engalanadas coa túa fermosa forma de contárnolo. unha ledicia pra quen lé o teu blog, parabéns e gracias.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Toñito...como vai todo?
      Moi agradecido polas túas xenerosas verbas.
      Traballadas si que están, non o podo negar, pro en ocasiós coma a presente o verdadeiro traballo está máis ben en ser quen de escolmar, entre as cerca de 700 fotografías que trouxen, aquelas que poidesen dar unha idea do que é a Serra da Enciña. Sinceiramente teño as miñas dúbidas de telo conquerido. Fixen o que poiden. Acobíllanse no disco duro unha morea de imaxes que, por diversos motivos, non tiveron opción de saír. Non queda outra: labor de poda.
      UNha aperta, meu.
      Vémonos no monte.

      Eliminar
  6. COMO SEMPRE FERMOSAS AS FOTOS E MAIS OS COMENTARIOS XA NON AI QUE DECIR MAIS NADA UN SALUDO DESDE REGOA

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Saúdos que se reciben en Fernando Lago e se reenvían a familia Bereijo agradecéndovos o voso seguimento deste bló tanto coma os vosos xentís e amables comentarios.
      Non perder as mañas.
      A mandare.

      Eliminar
  7. Hai vida máis aló do útero cedeirés!!!. Onte Villafáfila, hoxe a Lastra.. para cando a Devesa da Rogueira pasando polas médulas de Montefurado?
    Unha enorme e agarimosa aperta dun lugués da "intramuralla"

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Para cando queiras...chama e armamos un percorrido...pola Devesa andei en semanasanta e tamén por algunhas selvas do Río Lor...pero esa subida as Fontes e chegarse a Lucerna, segue estando na miña idea.
      Apertiñas sentidas, que farás o favor de repartir.

      Eliminar
  8. Ola, moi chulas as fotos, a boloria que tes case ao final é unha Boloria dia, e xunto antes dela, o licénido case seguro (99,%) que é un Polyommatus icarus.
    Apertas.
    Déixoche unha ligazón ao blog que redacto: http://mariposasyorugas.blogspot.com.es/

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Obrigado polas precisiós. Falta lle facían. Gracias polo achego da direción do blogue (que xa teño visitado con admiración). Eu son máis de bolboreta...hehehe...por respetar a raíz latina...papilio, papilionis...a p sempre da b, e por respetar a correcta ortografía da nosa lingua, en sabendo.
      Gracias de novo.

      Eliminar