domingo, 27 de maio de 2012

Galiñolas no Condomiñas

Andrés, O Sequiño, vén de lembrarme que hai tempo xa que lle prometera unha entradiña sobor das galiñolas da xunqueira do Río Condomiñas.
Andrés está felizmente xubilado e camiña de cotío os carreiros dos arredores, cando non dá en ir con Luis Quintana á Praia das Bólas ou a Ancares, e servidor, aspirante a un retiro xubiloso cada día máis lonxano, dá en ocupar algunhas horas en retratar ás xentes ceibes do monte.
Un e outro, á parte de ao pé duns chiquitos en calquera bar, damos en atoparnos polo campo: unhas veces polos camiños do Campo do Castro, outras por calquera pista e ás veces polas beiras do Condomiñas.
Nunha destas ocasiós, nas que sempre  nos paramos a falar unhas razós, ensineille na pantalla da cámara, as imaxes das galiñolas que andaba a tentar pillar. Díxome que nunca soubera que por alí andaban, e que pesia a facer ultimamente  a  miúdo o paseo darredor do río, non caera na conta de que por alí había esas aves tan rechamantes. Prometéralle daquela facer unha próxima entradiña neste o voso bló sobre o tema: pra que as poidese ollar máis azosamente. E non cumprín.
Andrés é un cedeirés de toda a vida, un home tranquilo, cabal e ben querido por todos cantos o coñecen. Parece ser que deu en comentar por aí a existencia das fermosas galiñolas e houbo quen lle dixo que  por acolá nunca as houbera e que seguramente servidor lle ensinara imaxes gravadas, vaia vostede  saber onde.
En Cedeira, coma en tantos outros sitios claro está, abunda a moi tabernaria especialidade do Enxeñeiro en Todo con requintados Estudos en Nada, aos que non se lle coñece outra habilidade que ter razón por berrare máis. Son un clásico da vida local e nacional. Afortunadamente non abundan, pero habelos hainos.
Andrés, prudente e discreto sempre, non me deu pista nengunha, faltaría máis, do tal enxeñeiro, nen sequera así lle chamou, só me dixo: houbo un que. Pregoume, iso sí, que editara as fotos que eu lle ensinara para ver de poder ilustrar ao pertinente Sabechotodo, (sempre hai un de garda), con algunhas imaxes exemplares. Sen dúbida un labor misericordioso: ensinar a quen non sabe.
Seguramente serán moitos outros os cedeireses que, asimesmo, descoñecen que entre as xuncas do Condomiñas, na Xunqueira, inverna dende sempre un grupo escaso, (non serían máis de nove este que pasou), de Gallinula chloropus, a galiñola cedeiresa de toda a vida.
Foron máis abondosas noutro tempo (algúns cazadores sábeno ben) no que as beiras do Condomiñas tiñan unha xunqueira moitísimo máis estensa, ampla, mesta e callada e as súas ribeiras eran un paraíso de fermosa enxebreza natural, no que aínda se escoitaba o languiñoso badalar das campás da irexa da Cidade de Valverde asulagada no fondo escuro do mítico Pozo Redondo. 
Hoxendía, no que a presenza da Phragmites australis,  xuncas ou xuncos, reduciuse a pouco menos ca unha testemuña residual, e as beiras do Condomiñas son un paseo fluvial urbano, se non "zona industrial", a presenza da galiñola, que acó de que eu saiba xa non cría, ficou nunha  pequena poboación invernante.
Os habituais do paseo, outramente xente maior, coñécennas ben. E as galiñolas coñecen ben aos paseantes: mentres  un andar, elas seguiran tranquilamente co seu petisqueo continuo entre as herbas, pero en canto te deteñas,  paran de peteirar, observan o camiño e, se perceben que andas a ollar pra elas, achéganse á beira do río, dan un pequeno vóo e escóndense entre as xuncas.
Non quedarán agachadas moito tempo. Aos poucos volven á herbosa marxe esquerda, e indiferentes da presenza da garza cinzenta, da chíscala ou dos parrulos, aproveitan o tempo pacendo tranquilamente. Unha árbore tras da que agacharse e uns prismáticos medio decentes (un aquel de pacencia  e calma tamén fan falla), abondan pra desfrutar dos indovindos diarios das galiñolas. O inverno que vén, doutravolta.
E así, o caso é que indo  mediando o mes de abril  fanse moi raras de ver. O pouco espazo de xunqueira  que vai quedando e as grandes  mareas vivas que anagan a totalidade da mesma non fan doado a crianza  nas beiras do noso río. Engádaselle a presenza de algún ca outro nouturno furtivo pesqueiro, a incrementada presenza perrumana, as inevitables razzias do cocho do monte, e completaremos o debuxo dunha  paisaxe de esterilidade pra faceren niño.
Marcharán a aniñar a calquera das zonas húmidas da nosa bisbarra: á Frouseira, ao encoro das Forcadas, a Doniños, a Pantin, a San Xurxo ou vaia a saber vostede onde, que nalgunha destas áreas xa se ten demostrado que a galiñola deixou de criar. Xabi Prieto, (acó) argumenta que a praga do cocho do monte anda detrás do declinar da galiñola coma especie criadora na bisbarra.
 Sen ser un coñecedor do tema penso que na Terra Chá debe de ter razoables poboaciós aniñadoras. No Río da Madalena, en Vilalba, paréceme que debe de habere unha pequena poboación  estable, pois todos os anos fotografo polas súas beiras algúns noviños navegando ao abeiro das espadanas da ribeira.
Certamente nas Forcadas (non hai tantos anos, finais dos noventa) eran moito máis abondosas do que o son agora. Rara era a visita ás súas ribeiras nas que non ollaba un bó número delas. Mesmamente, en certa ocasión, poiden fotografar un grupo de catorce. Pero cada ano fáiseme máis difícil botarlles un ollo.
Igualmente anos atrás fotografei unha femia cunha rolada de seis pitiños nas augas da renovada Lagoa de San Martiño, no areeiro de Morouzos en Ortigueira, pero nunca máis. Dende aquela foi moito máis fácil fotografar as desfeitas do porco todo ao redor do salgueiral. O bitor (Rallus acuaticus, Leandro Carré Alvarellos dixit), a galiñola e os alavancos, que a todos aí ollei, non conseguiron establecer poboaciós aniñadoras estables.
Parece pois que esta fermosa ave está declinando na nosa bisbarra, sendo como foi unha das máis comúns e estendidas. Mágoa. De ser certa a razoable sospeita que acusa á sobreabundancia de porcos bravos (resultado dunha xestión cinexética nefasta) da diminución drástica e xa contrastada de galiñolas, velaí outra vítima da praga do porco bravo: cando se terá a valentía de tomar medidas?
Precisamente por andar víndose a menos, deberemos  valorar máis, e coñecer antes, ás invernantes galiñolas das malpocadas ribeiras do Río Condomiñas. Deberemos  facer un esforzo por sabermos das realidades naturalistas do noroeste do Noroeste, da súa extraordinaria riqueza e das moitas posibilidades de atracción que teñen: pero, antes, hai que saber delas, saber valoralas e saber vendelas: pra tal hai que saber defendelas e gardalas. Non hai outra: protexer, e aumentar se caibe, os seus habitats, os seus fogares, súas casiñas, seus lares.
Coa ilusionante espranza de que esta entradica poidera dar a coñecer a alguén  a existencia da pequena poboación invernante de galiñolas no Río Condomiñas e coa certeza de cumprir a promesa que lle fixera ao Sequiño, irei por hoxe deixando xear, agradecéndovos, miñas e meus, a vosa continuada presenza nese outro lado do mundo.

En débeda.

A mandare.


venres, 25 de maio de 2012

Salferido de escumas de sal

Salferir: esponxar, afrouxar, chapuzar. Velaí unha fermosa palabra galega que servidor debe á prosa áxil, lizgaira e aventureira do talento  literario lugués de Xosé Miranda, de quen a aprendeu, pra non esquecela máis, na lectura de Morning Star, esa fermosa historia de aventuras pontevedresas que recende ao mellor Stevenson: o pasar  de cada folla eisala unha brisa de misteiro.


Ao que tal pra encabezar o título desta entradiña que se quixera lixeira, limpa, breve, con  pouca xente e moita luz, que agoira as palabras precisas e busca entre as rochas de graíño de Corrubedo a expresión minimalista da sinxeleza dunha ollada inmóvil  precisando amodo, queda e mainamente,  a fermosura natural  dun mundo incensante nas mudanzas. 


Pouco máis poderá ser ca un pouso de tempo acodado aos cons do Anguieiro, deixando devalar a mañá ao compás harmonioso da marea, que vai e vén, que se achega e se alonxa, que fala e cala, que dorme e acorda, que se escacha e se conforma, deixando na ollada, que non folga, un rebentar de escumas e unha certeza de luces.


Alí estamos, ti, eu e todos, agardando a próxima alentía que nos levante entre felepas de salseiro da flor da auga do mar, na que aboiamos, na que apousamos, na que soñamos na infancia cos barcos veleiros de  bandeiras brancas que nos librarían dos días aqueles do tremor do afogado e nos achegarían ás praias de plata dunha terra ceibe, deitada en areas de xuventude, aló nas lonxanas illas da liberdade, alá no beizo de mar e do ceo, no hourizonte azul.
Onde escachan as fronteiras, rachan as proximidades,  o mundo ábrese ao infindo e todos arelamos seguir buscando, além do agora, o que virá, o por vir, un mundo novo, de xentes concordadas ao repouso da pedra, espranzadas na permanencia de ser en paz, ao abeiro do sol que mornece o inverno e froita a primaveira, coa ollada firme mirando aquilo que sempre queda e sempre muda: o mar.

O mar das maretadas, o das bremanzas presentes, das angurias penosas dos días, das pantasmas oligárquicas que nos roen, das couzas cobizosas do beneficio do ogro que esfuraca a pedra que nos asenta, da crácara lenta que desfai a pena na que apousamos, na que folgamos, na que somos o que somos: alentos da vontade de vivir na costá,  ceibes, entre salferidos de escuma de sal e bicos de brisa lene.

Xentes que bailan contradanzas de ledicia ao nordés entre raiolas, limpas e claras, mentres non cheguen as horas do vendabal de muiñeiras, que moerán con ventos de pasos repenicados as escraquenadas rochas da marea, loíndoias amodo, repasándoias con azoutas de agaceiros e deixándoias espidas de plumas; soias, baleiras, asexantes do temporal de coriscadas que se anuncia xa nesta saraibada de mar feita dunha chapuceira escumante e branca.

Un codesal, un volcán  de neve fría, un rebentón de brancor, o nacer dunha  alborada, os tremores dun mar vivo, a esencia dunha arrotiña, un mol chovasco de seixo,  o ser dunha alentía, ese salseiro albarizo, ese esponxar do mar no aire, ese  fervorón de borbollós, o  resplandor  da bogada, esa fala en estouridos, ese misterio do azul inmenso, chámalle mar, trasmudado nunha festiña de  brancos caraveis voadores que se recortan contra o inmenso azul, chámalle ceo,  iso é  o que ti e eu, e todos,  ollamos cada día, cada hora, cada vez que imos  ulir na marea as fronteiras do além e os recendos de nós mesmos, mariñás. 


Inmoveis no con que permanece estamos nós, as xentes amigas da arrota que rompe:  iso é o que aprendimos ese día en Anguieiro no que ti buscabas cunchas pequerrechiñas onde coubera un océano enteiro e eu retiña olladas de escuma  que  gardasen no fardel das lembranzas un salferido de sal e salseiro.

Hai días en que se atopa o que se busca, ben o sabes.


Mil gracias mil, miñas e meus, por tanta pacencia. 
A mandare.


Nota marxinal: Desculpas prego por este artificio literario con menos vontade poética que funcionalidade recreativa persoal. Deuse o caso de ter este tres cuartos de ducia de imaxes arranxadas dende hai tempo e  esquecidas por algún escuro curruncho do disco duro. Dar con elas e recrearse en argallar un texto ad-hoc pra me entreter mentres armaba algunha ca outra entrada de máis cor naturalista, foi, en min, a cousa máis natural. Obrigado.

mércores, 16 de maio de 2012

Xentes de acó e de acolá

Veñan tempos, xentes e xeitos. Veñan na hora a cantar con ledicia o arruallo de sermos. Veñan a nós as  antigas e vizosas verbas galegas, calladas de senso e recendo natural. Veña a bruar oraciós de futuro o canto xuvenil do regato brincadeiro: a canle bravía sen doma das voces  de sempre. Veña ate nós o seu reino de selvas de gloria. Vaian a canda o  demo eses croaxos de corvos do trilingüismo harmónico. Veñan a nós, por mil veces mil as palabras galegas perdidas, os sons escusados, a lingua esquecida, deitada e deixada. 
Na hora, máis ca nunca antes na Historia, a  Galizia faille falla o galego. O galego  seu, o de seu. O de onte, o de hoxe, o de mañá o de sempre.
Arrola ate nós, coas brisas de cada maio, o rumoroso falar en luces de Cunqueiro e o doce olor a rosa silvestre das palabras de Rosalía. Xentes de acó e de acolá somos. Mil de mil primaveiras máis de voces en flor faremos. Festiña por fóra, festiña por dentro: a da ledicia da palabra galega revivida.  Por iso este blo, en permanente estado de letras en festa, será sempre en galego. Palabra.

Celebraremos vivirmos en maio  coa arrexuntada presenza comunal de xentes coas que tratamos pola contorna da xeografía galega. Gaivotos brancos de Cedeira, flores de Ancares, bolboretas de Ourense, froitos do Courel, bubelas do Bierzo, mazaricos, chorlitos, pildoriñas de Aguiño, ouros verdes de Corrubedo,  cervas lizgairas do Invernadoiro, cucos da Terra Chá, xilgueiros de algures, merlos papobrancos da Capelada...e tantos, tantos outros, e ti e eu canda a eles, atoparémonos cantaruxando xuntos  unha entoada alborada de espranzas e un alalá de menceres  onde os cantos dos liñaceiros e os recendos da agavanza, anuncien, no condomiño lingüístico noso, que hai un sol que se levanta.

Vén o día. Acorda.

Que aturuxe a ledicia! As Letras Galegas están de Festa!  A Lingua Galega vive!

Larus hiperboreus. Deixádeme doutra volta  botarlle unha ollada ao grande gaivoto branco. Que ten este gromo de albor, esta saraiba de pluma, esta felepa viva de escuma, este pedruco de seixo na praia, que engada o meu gosto e me fai remiralo un día e máis outro e aledando as ausencias non podo deixar de acordalo?

Dianthus sp., este caravel bravío, este delicado esfiañar de pétalos e tons primorosos, alá por terras de Doiras, mandounos chegarlle lembranzas e bicos de familia aos nosos caraveis mareiros, máis rosados e intensos, menos barrocos, máis recendentes. Xa tal fixemos e encomendáronnos, se volvemos a velos, levar a Ancares un bico de salseiro mariñeiro. Levarémolo. No corazón xa vai  selado.

Arginnis phaphia, a grande dama bolboreta chucha mainamente nas flores dun xardín á beira da Ruta da Plata, nas Ventas do Bolaño, no outo do encoro de Portas en terras de xentes humildes e esquecidas que ven chegar con inquietude e carraxe as expropiaciós do tren AVE. Así nolo fixeron saber ao confundirnos, sería pola cámara, cos técnicos ferroviarios que todo o andan a remexer. Desfeito o engano todo foron risas e risos, desculpas e alivos ao ver a vara da vella repousar de novo en maos en paz.

Cervus elaphus, a cerva e o cerviño, se non é cerviña, folgan nun espazo de monte segado hai tempo. As outas uceiras do Parque do Invernadoiro, esa grande reserva forestal de piñeiro, non lles deixan moitos lugares pra paceren e repousaren ao sol. Os gardas rapan por iso algún ca outro curruncho, buscando sempre as boas abrigueiras do vento. Tal nos contou, ledo e chufón, o garda que decidira segar este espazo ao ver polas nosas fotos que a súa idea tivera o mellor dos  éxitos: a aceptación dos cervos.

Hieraaetus pennatus; traspasa os aires da mañá de Campobecerros, Ourense, a silueta dunha aguia calzada. Saíamos cara  Portocamba, e alí, ao pé das casas, retivo a nosa partida facendo pasadas, peneiradas e chuzadas. Algo debeu coller nalgunha destas pois zoupouse nas herbas tras da panda dunha campa, por baixo da liña do ceo, e non volvimos saber dela. Pro xa sabíamos dabondo. Agora coñecíamos o sabor da frescura da mañá na montaña cando se aduba con luces de plumas  albas: á gloria de azul e branco.

Potentilla esterilis, a pequerrechica flor agachada deste careixón sen froito, unha pinguiña de brancura no chan reseco, forneceu de agrado o serán que xa caía, alá polas ribeiras do Río Lor, que nos achegaba a Froxán, esa fermosa aldeia do Courel Baixo, onde  os aires da noitiña van callados dos recendos da flor do cereixo, que deixa as súas esencias de olor entretecidas coas últimas raiolas dun sol que foi ouro e agora, na noite, é un  lenzo de acibeche no que escribirá a súa voz agre unha carricanta.

Prunella modularis, velaí, nunha polica dunha silveira do Pastizal da Braxe na  Serra da Capelada este fermoso exemplar de azulenta rexistrado esta primaveira. Rebuscaba  servidor amarelles, Narcissus minor, spp. asturiensis, e dera con eles e con moitas calzas do cuco, Narcissus bulbocodium, e tamén atopara a Lozano, que alindaba unhas vacas e entretiña as horas ollando o monte. E alí, acorados a un sol morno, fala vai fala vén, demos en ir debagando as horas discursando de corvos comestibles, de cabalos autóctonos, de pescadoiros do cantil, de repoboaciós de caducifolias e das outras, disto, do outro e do de máis aló, e, cando o sol  anunciou a noite, deixamos o ouzal e volvimos mainamente á vila. De non  ter a Terra movimento de rotación, aínda hoxe alá andaríamos.

Podarcis  hispanica? non sei, non sei, que de lagartas pouco sei. Esta, polo  seu pouco  aparentar, debía sere unha crianza. Demos con ela no Courel Baixo, entre Froxán e Vilamor, nunha rebordela da estrada que miraba a sur, ao Castro de Vilar. A lagartiña estaba inqueda, se coñece que xa ben soleada, e malamente me deixou facerlle, de lonxe, tirando de zum dixital, algunha ca outro foto; a que saíu mellor,  esta, que como se ve non vale nada de nada, ou, se ascaso, o pouco dun pouco.

Sanguisorba minor, relocindo ao sol da primeira primavera en calquera das moitas recurvas da estradiña estreita e anfractosa, mais tan linda!,  que vai de Folgoso a Savane, orelada de paredes zumegantes, felgosas, escuras e roxadas polo ferro, deixando ver no fondo da serra, malva de uces, a canle marmuriante, rumorosa de escumas, do Río Lor. A memoria agradece as fotografías, que tanto consolan aos ollos mentres non regresamos doutra volta á patria coureliana.

Dapne laureola  aduviando o paso en calquera beira do camiño que sube e sube, sube, sube e sigue subindo,  polo adentro da  Devesa da Rogueira, ate chegar ás Fontes. A primeira vez costoume traballo recoñecelo, xa que nunca o mirara, ate que de repente, vaia vostede a saber por que inmediata asociación de ideas, caín na conta de que tiña diante dos meus ollos ao trovisco, así lle din, ese parente da montaña da Daphne gnidium  esoutra planta dos areeiros e montes nosos, sempre verde, de flores pequenas e brancas e froitos en baga vermella moi velenosa,  que por acó  chamamos torvisco e  que se usou pra facer vasoiras coas que se limpaban os fornos da casa. Hai onde lle chaman truvisco. Todo é o mesmo.
Calloprhis rubi, linda meniña a que algunha vez  pola súa fermosa cor verdazul chamei esmeraldiña, e que no nororeste do Noroeste nunca ollei, pro que si me ten aledado os días por terras do sul: en Corrubedo, no Xurés ou no Caurel. Sempre amilagrado por ela, tan pequena, delicada,  fermosa e aos meus ollos tan exótica: unha lembranza dos desexos de Amazonia en terra galega, o berce da lingua do Brasil, a matria redentora no futuro.


Añadir leyenda

Orchis mascula, que ao mellor é unha Orchis morio, presidindo dende as campas do Alto do Foxo o discorrer rumbo ao sul do val do Río Lor. Non andan lonxe as ruínas do Castelo de Carbedo e se un quere,  pode escoitar ao aire, que leva a canda il a voz do Uxío arrolando podente por valgadas e tesos: Cousos do lobo!/ Caborcos do xabarín!/ Eidos solos/ Onde niguén foi nin ha d´ir/ O lobo! Os ollos o lombo do lobo/ Baixa o lobo polo ollo do bosco/ Movendo nas flairas dos teixos/ Ruxindo na folla dos carreiros/ En busca da vagoada máis sola e máis medosa.../ Rastrexa/ Párase e venta/ Finca a pouta ergue a testa e oula cara o ceo/ con toda a sombra da noite na boca.  É verdade: foi Novoneira quen lle prestou seu son ao rouco vento.

Numenius phaeops e Pluvialis squatarola, un mazarico e  un chorlito. A esta parella de ocasión fáltalle o outro mazarico, ou mazarica vaite saber, que  tamén andaba pola mesma pedra: un con de graiño, moi recuberto de crácara, da Praia de Anguieiro, en Aguiño, dentro xa das lindes do Parque Natural de Corrubedo. Non hai moito que os retratei. Debían de andar de paso, rumbo aos criadeiros do norte. Decamiño botaron conta de min, ben se lles nota, pro non se marcharon ate que de repente unha familia de humanos, berrando coma tolos pola felicidade de verse lonxe do espanto urbano, escorrentáronnos co terror pánico recriado  naquela orxía de  aturuxos guturais incomprensibles.



Erythronium dens-canis, esta fermosa iridácea, de pouco porte, faltaba na miña memoria. Non   poidera nunca botarlle un ollo. Das primeiras herbas do ano en florear, nunca tiven a sorte de mirala polo noroeste do Noroeste. Non sei nen siquera se se darán. Buscar  teñoias buscado moito, pro dar con elas non se deu o caso. O seu nome científico dens-canis, refire á forma de dente de can que ten o seu cebolo. Sen argumento de máis peso, hai quen tamén lle chama así en galego: un notable contrasentido estético. Este serodio exemplar de mediados de abril, o último ao mellor deste ano, que alumbraba na alfombra de follas pardais da  Devesa da Rogueira, sementou en min un sorriso de plenitude e unha louba de agradecemento que agora fago pública. Encantado da vida.

Upupa epos. Baixábamos dos Penedos de Oulego. Era a última hora da tarde. Atravesáramos no día as montañas calías da extrema oriental galega seguindo a canle do Río Selmo. Pasaramos A Vicuña, Ferromulín, Vilarrubin, Oencia, Castropetre, San Tirso... é o Bierzo que fala galego, come o caldo, pon nas patacas e toca a gaita e, por tanto, ten dereito a sentirse a quinta provincia. Levábamos un ollo posto nos aires por se sentíamos pasar ás meixengras, Merops apiaster, pero quen se deixou ver, a tres metros, foi esa cuca bubela, mansa coma un periquiño mé. Aparcamos amodo, apagamos o motor temerosos, baixamos as ventaíñas con extrema delicadeza... e nen caso nos fixo. Unha ollada de coma de quen por darse importancia e a seguir co seu labor de esfuracar a campeira na rebusca da merenda. Mágoa  das dúas pilas da cámara chegaren esgotadas e baleiras. Ducia e media  de fotos, das que a mellor é a de riba, e miles de segundos de recordos pra toda  a vida foi o que levamos. Non nos queixamos.

Orchis itálica, unha das orquídeas máis comúns nas montañas do leste. Sempre lembrarei a primeira vez que as ollei. Foi na canle do Río Selmo (ese Parque Natural nunca declarado por que o querían  Reserva da Louseira: hoxe o salvaxe e outo Río Selmo xa está esbandallado a trabadas das canteiras; tristura de tristuras), nunha peada rebordela de lousa húmida, esbarante e embouzada de silveiras baixas e malazosas. Por facer media ducia de fotos medio regulares houben de levar un par de zoupalladas na cueira. Deinas por ben empregadas, ate que o día seguinte, dei con campas recheas de itálicas en flor. De telo sabido teríalle aforrado ao meu queridiño cu o amargo temor dun chan de louseiras espiñado en silveiras.
Viola arvensis, paréceme, a máis pequerrechiña de todas as violas. Disque se pode dar en todos os ambientes sempre que andan un aquel nitrificados, mesmo, di Xosé Ramón García, nas areas das plaias. O que eu sei e que por acolá non a ollei. Dei con ela, deron os ollos de quen comigo vai, entre as herbas da outa montaña courelá cima da aldeia de Moreda. E rexistreina sen saber  quen era aquela diminuta e  bela flor de 2 ou 3 mm. Agora sei, ou parécemo, que  é unha Viola arvensis, pra quen en galego non dei con outro nome ca o de pensamento, Anthos dixit. Pensamento mínimo, daquela: velaí outra irmandade que nos xuga.

Turdus torquatus, o merlo do papobranco, no meu parecer unha femia, fica acó moi  mal fotografada no paso de abril pola Serra da Capelada, rumbo as súas zonas de crianza no perdido norte: as Illas Británicas ou a Escandinavia ou ao mellor aos Alpes, ou aínda o lonxano e suxerente Cáucaso. Este merlo, tan descoñecido de nós, pasa dúas veces ao ano polo noroeste do Noroeste en cantidades apreciables seguindo as súas rutas de migración. No outono baixará pra dirixirse as inverneiras africanas. Penso non equivocarme se afirmo que os mestres paxareiros de Cariño, José Miguel Alonso Pumar e Ricardo Hevia foron os primeiros ornitólogos en dar noticia da ruta migradora galega do merlo do papobranco. Tanto obrigado meus señores mestres, non perdan as mañas. (Fe de erros: gracias a Xabi Prieto e o seu impagable seguimento deste bló sei que o merlo que preside esta entrada, non é un Turdus torquatus, se non un Turdus merula leucístico: vaia unha merla  das de toda a vida un aquel branqueada. Todo o que se escribíu pra o turdus de riba aplíqueselle a este de baixo que a seguir vén, que agardo, agora si, sexa un macho de Turdus torquatus, fotografado no mesmo día na mesma zona. Gracias Xabi).


Pinguicula vulgaris, torna de novo a este blo a lengua do loberno, esa rara planta insectívora de outa montaña que ten na nosa Serra da Capelada presenza real e escasa. Vén de novo acó por termos dado con unha nova poboación de exemplares, no  descantil do Cadro. Poden ser cerca de setenta pequerrechiños exemplares que dan en medrar nas zonas máis húmidas e zumegantes do mesmo, pro representan setenta novas espranzas pra dar continuidade a especie na nosa serra. Que sexa por moitos anos. E vostedes que os conten.

Arbutus unedo, velaí os froitos do esvedro, nunha imaxe do Val de Quiroga que rexunta morogos en todas as fases de maduración. Morogos, dixen, e así fálase tamén por Monterrei e A Merca de morogueira, pro pola Barcia de Melón, Ponteveda, Entrimo, O Bolo, As Frieiras, e en Pumares de Valdeorras, na provincia de Ourense e en Requeixo de Chantada, Lugo, chaman aos froitos érbedos e á árbore erbedeiro; por Boimente, en Viveiro,  amorillós e á árbore amorilleiro; por Sobral chaman ao froito mirogo e a árbore en consecuencia mirogueiro, e tamén, por Barcia,  se deu en chamar aos froitos alolicos e a árbore lolica,  "así llamado porque aloulea o atonta a la gente" (Aníbal Otero Álvarez (1967)); e aínda tamén por noutrures morote, morodo, marogo, e por Viveiro, recolleuno o P. Sarmiento, amorolos. Probástedes a vos aloulicar algunha vez con eles? Eu si, e non fun quen. Se coñece que xa ando aloulicado de vez.

Angelica pachicarpa. Velaí, contra das ouricelas que recobren os graíños da Punta de Corrubedo, un vizoso pé da anxélica galega. Anxelica pachicarpa é endemismo da costá noroeste ibérica, dende Cantabria ata as Illas Berlengas, alá fronte á lusa Lisboa, que ten as súas mellores, e máis cumpridas, poboaciós mundiais ao longo das ribeiras galegas. Planta cunha apariencia forte e altiva, de brilantes follas verdísimas, de aspecto lustrado á cera e flores poderosas de umbela verdella a xogo con toda a  planta. Chameille anxélica galega por ver de non parecermos moi parvos, pois este endemismo noso, dun xeito que a min se me escapa, deu en aparecer ventureira na lonxana antípoda marsupial da Illa de  Nova Zelanda. Non extraña, xa falamos acó dos traballos que alá pasan pra desfacerse do toxo, que chegado per loca marítima cos colonos britanos, deu en establecerse coma unha inzadora e asoballante planta invasora. Será por cousa de faceren astuta venganza que á Anxelica pachicarpa que alí se recriou, cristianarona co expropiador nome de Anxelica de Nova Zelanda e ...¡deron en vendela, con grande suceso económico, pra os xardíns do mundo enteiro! Podedes mercala por Internet.

Charadrius alexandrinus, esta cuquiña e delicada pildoriña do moderrón (pesia a publicitar dende este bló o uso do termo cedeirés  morouzón no troque de  "dunas" dou en chamarlle, nesta ocasión, do moderrón, por ser este o termo propio de Aguiño, de onde é natural esta fermosa pildoriña que nas guías chaman píllara das dunas), andaba moi aqueloutrada entre o pirixel do mar, Critmhun maritimun, das primeiras liñas de vexetación da Praia de Anguieiro, onde se encriptaba a perfección entre as areas: non sendo que dera en moverse, o que facía sempre ao paso dos perrumanos e os seus esclavos. Non sei se tería niñada por algures, andaba soa, ao mellor o compañeiro estaba chocando non lonxe  e ela dáballe lidia circular aos indesexables paseantes, entre os que tivo a xentileza de contarme, e así foi cómo poiden vela, e rexistrala, e irme logo largar aparello á praia.


Cuculus canorus. Disque  o cuco aínda cantou este ano entre marzo e abril, cando sae do cubil, polos arredores de Cedeira. Sería algún cuco despistado que deu en chegarse por acó  buscando parella. Certo é que cada día, desconfiade  do eucolito e acertaredes, óese moito menos. Nalgún tempo, digamos a miña infancia, recibíase o canto do cuco como o galano inesperado dun amigo que regresa en primaveira: Xa cantou o cuco! Sentino esta mañá! Oíchelo?  E brincaba a ilusión no corazón dun cativiño. Podedes dicir que era eu. O cucú do cuco é un xogo. Unha promesa de caloriñas e folganzas prósimas, da rebusca de careixós polos camiños, de andar as xurzas pola plaia, as anguías polo río. Viñera o cuco: o vrao non andaba lonxe. Hoxendía  é  raro. Todo é raro hoxendía. Así que ollar o pasar volandeiro dun cuco polas filadas de pradios que coutan as campeiras da Espiñeira, na Chá,  e seguilo con calma e tento, os ollos atrapados nos prismas, foi un viaxar ledicioso  atravesando o tempo ate os primeiros sorrisos do neno que fun. Benvido, cuco.




Fritillaria lusitanica, a tulipa brava do monte, regresa con todos os merecimentos a súa casa, o noroeste do Noroeste, nesta serie de  imaxes da mesma planta. Pra facer un canto de vontade de sobrevivencia e futuro pesia as desfeitas que o porco bravo anda a facer no seu solar: o ouzal capelado. Pra mirar de remover conciencias, que lle boten unha mao na súa inmóbil indefensión frente do terrible poder fozador do consentido, malcriado e desfacedor cocho bravo,  non  aporta máis argumentación ca súa rara e escasa beleza, que estas imaxes quixeran poder aproximarvos, e asimesmo transmitir a súa disposición de ser  un acobillo xeneroso e solidario da Elona quimperiana?, esa valiosa  caricoliña endémica da nosa terra,  que coa ilusión dos regalos inesperados apareceu na foto sen eu saber nen pretender. Doce sorpresa capelada.  



E vai sendo hora, de que vaia acabando o conto. Se advertían os estilistas clásicos que a beleza nace do exacto equilibrio de fondo e forma, esta entrada, penando  dun indubidable exceso de fondo, dubido que adquirise a levedade  de forma necesaria; pra máis sábese que o exceso de virtude é vicio, e no improbable caso de que este entrada tivese algunha virtude, conviríamos, en que os vicios que a empreñarían serían proporcionais aos seus esaxerados excesos formais: fáltame a prudente mesura de tantos blogueiros, que desta entrada farían trinta. Aburriríavos daquela, miñas e meus, trinta veces menos. Escusas prego.

Mil gracias mil, pacientes lectoras e lectores: aos que agora mesmo imaxino remexéndose impacientes por non ver a hora de dar remate ao conto.

A mandare.