domingo, 24 de marzo de 2013

Omphalodes gallaecica, a embiguiña

Non me importará que me chamen chumbo. Insistirei en lembrar a "importancia excepcional" (en catalogación do Ministerio do Medio Ambiente) que prá conservación da biodiversidade ten a flora vascular das costás que van dende Cabo Prior ate Cabo Ortegal, Serra da Capelada incluída, ás que modernamente se deu en chamar Costa Artabra, que non abrangue totalmente, nen moito menos, o territorio histórico da treba dos ártabros.
Non me importará  me chamedes chumbo. Insistirei en lembrar algunhas das especies botánicas, que tanto por endémicas da nosa bisbarra ou raras e escasas noutrures, canto polo difícil equilibrio de sobrevivencia no que hoxendía resisten, forneceron o argumentario científico pra avaliar á Costa Artabra coa adxectivación de "excepcional": de entre toda a flora galega a primeira e de todo o ámbito peninsular español a quinta mellor puntuada.

Linaria aguillonensis, sulfatada sen piedade e sen cultura, por orde municipal nos muros do Castelo da Concepción, Crepis novoana, de presenza única a nivel mundial na Ría de Cedeira, os exemplares da que, existentes entre as pedras dos muros do Castelo, sufriron o mesmo tratamento biocida, Antirrhinum m. linkianum, fermosura sen par dos areeiros ártabros, Centaurea borjae, endemismo capelado de afortunada presencia mediática, Culcita macrocarpa, Vandenboschia speciosa, Hymenophillum wilsonnii e tunbrigense, e Woodwardia radicans, entre algún ca outra felga macaronésica máis, exemplifican, entre outros taxons, o valioso tesouro botánico do que Omphalodes littoralis sp. gallaecica, a especie que hoxe comentaremos non é a menos valiosa das súas alfaias.


Omphalodes gallaecica, permitídeme chamarlle embiguiña por derivare seu nome de ciencia do antigo grego, omphalos/embigo), é taxon  presente exclusivamente na provincia da Coruña. As súas mellores poboaciós atópanse nalgús areeiros ártabros do Concello de Ferrol, (Ponzos, Santa Comba, San Xurxo, Esmelle..) de onde desapareceron algunhas colonias; en certas zonas moi areentas da súa costá (Lobadiz);  nalgún ca outro punto da Costa da Morte  e Baldaio; en focos concretos de modarrós ben conservados da Península do Barbanza; e citáronse en Reinante (Lugo) e O Vao (Ogrove), e de que eu saiba, en ningures mais. Ben que se ten buscado por Corrubedo!


A embiguiña, é pranta da familia Boraginaceae, de discreta e humilde presenza e así, deitada entre nas areas dos marouzós, media tapada polas outras herbas, pasa desapercibida do mundo. Mesmo a lixeireza de cores da súa flor, branquiña con deslaimadas tonalidades azuis, non axuda a facer notar a súa presenza. Non reparan nela, por iso, os moitos visitantes habituais das praias: turistas, surfeiros, perrumanos, bicicleteiros...  pra todos parecera non existir. Ten un parente prósimo que en troques é  moi coñecido e abondoso, Omphalodes nítida, que aparece por todas as ribeiras dos ríos da bisbarra lucindo o seu puntual azul anil en cada primaveira. Velaí baixo a herba do sollo, esa curmá da embiguiña.

Omphalodes gallaecica, a embiguiña digo, é pranta anual, glauca, de follas espatuladas e lanceoladas, que anda a florear nesta hora entre marzo e abril,  pra rematar a finais de maio a súa vida vexetativa. As novas plántulas xerminarán  entre novembro e decembro, no seu hábitat preferencial: os marouzós grises, sendo capaz de colonizar rapidamente espazos alterados.

Irmá da embiguiña ártabra é a embiguiña francesa Omphalodes littoralis sp. littoralis, que se diferencia da nosa por ter un maior tamaño, ofrecer un porte máis poderoso e sobor de todo por ter a corola un intenso azul escuro e poder presumir dun maior tamaño. A discreción galega, ese matiz de distinción e elegancia.



Habitante dos marouzós fósiles e ben consolidados, pode atoparse tamén en zonas de cantil ribeirás aos que da en chegar unha boa cantidade de area. Polos modarrós andan en comunidade a canda a ela e entre outras Silene littorea, Viola kitabeiliana, Erodium cicutarium, Cerastium diffussum...e polos cantís areentos  poden andar perto dela Cloclearia dánica, Scilla merinoi, Thymus longicaulis ou, como se ve na foto de baixo Rumex bucephalophorus, a labaciña vermella da area.


Os seus talos adoitan andaren tumbados, estendéndose pola superficie do areeiro, sendo raro poder dar con algún que se manteña dereito. A flor aguanta moi poucos días, disque non máis de catro ou cinco, aparecendo de camiño o peculiar froito da embiguiña, unha clusa con azas dentadas.

Van ser estes dentes espiñentos das núculas os que permitan unha dispersión das sementes, e xa que logo a colonización de novas zonas de xerminación, gracias a se poder enganchar con eles aos pelos dos animais que pasasen ao seu pé: coellos ou raposos, por exemplo. Dise por iso que  teñen unha diseminación zoócora e tense comprobado de sere este o sistema de dispersión principal.
Falta lle fará dar con novos territorios de enraizamento. Considerada legalmente coa categoría de "en perigo de extinción" debido  a escasísima superficie total  na que aparece: non máis de 10 Ha pra a totalidade das poboacións galegas que é o mesmo que dicir que do mundo. Sumemos a este perigo que a embiguiña se desenvolve en traxectos turísticos frecuentadísimos e desprotexidos, en territorios nos que Tragsa-Costas adoitan facer obras de acondicionamento sen maior miramento e de vez en cando poideran sepultar algunha poboación: non é blogue-ficción, tal fixeron xa non hai tanto na Praia de Esmelle. 
Sabémolo todos e eles tamén.
Vai embora por acó rematando esta entrada. Ogallá fose do voso gosto e vos animase a dar un paseo coidadoso, respetuoso e atento, sei que non ha  ser doutra maneira, polos nosos "excepcionais" areeiros ártabros. 

Se xa sabedes por onde alumbran, pra manter un ano máis a amistade do recoñecemento, se ate o de agora non tivérades a fortuna de coñecela, pra ver de botar unha conversa de olladas,  que irá preñada con toda a emoción das primeiras veces. 

Agora empeza a florear, non  deixedes pasar a ocasión. Imaxino poucas cousas mellores pra pasar unha tarde de folgarío primaveral, que xogar o entretemento natural de ver de dar con esta pequerrecha, delicada e fermosa pinga de salseiro mariño callado en flor.

Mil gracias mil, miñas e meus.

A mandare.




Achegos:
a) Documento en PDF do Ministerio "Áreas importantes para la flora amenazada española". Imprescindible.
b) "Las plantas endémicas y subendémicas de Galicia". Un estudio de F.J.Silva-Pando do ano 2008, publicado no BIGA Nº3. Entrar.


VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

video
Pildoriñas por Vilarrube.






¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!

martes, 12 de marzo de 2013

Saudades de sol


Teño saudades de ti, meu sol, teño saudades de ti. Nesta hora do inverno incesante na que parece que a escura sombra do nubeiro e o agaceiro non  quere deixar de toldarnos e de alagarnos, teño saudades de ti. Será, madialeva, pra curalas e amansalas polo que dou en mandar ao espazo bital, tal cal un esconxuro de medos, estas imaxes de luz e calor  entralladas co arume dos días luminosos, cpas dozuras  das folganzas á sombra das mazás encarnadas, aínda a nostalxia dos folgaríos da escuma cervexeira no agarimo das risas dos amigos e  tamén a lixeireza da brisa na nudez dunha pel deitada na area. Teño saudades de ti meu sol, teño saudades de ti. 


Lembra, ti, sol que te fuches, á nación da brétema, a que por verte menos máis che quere, a que máis te desexa e te louba, a que criou o aturuxo da ledicia brincadora pra proclamar no ar dos espazos ceives que arribou a nós  o teu reino de claridade, de luz, de quentura, de xiras no monte, de festas nas eiras, de prados vizosos, de verduras belas, de amoras maduras, da cor da paixón, das  tardes mainiñas, de noites  de estrelas, do mar verdescente refeito de xebras.

Dende o iñorado niño celestial no que te gardas, meu sol, lémbrate de nós, a nación da brétema, que respira neboeiros callados e cría laios de acensalí mollado.

Non nos deixes deitados no esquezo. Fuxa de nós o  agaceiro que afoga.

Veña a nós a calor da túa  gloria, o teu reino de luces douradas.

Co corazón enchoupado cho piden todos os que baixo figurando van.

Amén.


















 
Obrigado miñas e meus por chegardes ate acó seguindo os desvaríos desesperados desta xaculatoria oferente dun ser que anda axado por quentarse ao solisombra dunha maciñeira farturenta.

Mil gracias mil, miña xente.

A mandare.



Nota marxinal:  figuran asinando esta petición de sol e calor, e por orde rigoroso de aparición en escea, unha formica sobre Sedum acre; unha rula do país; unha bolboreta ortigueira; as flores dunha roseira brava, mellor chamala  agavanza; unha Maniola jurtina; a fermosura anilina dunha flor de Jasione montana; un paporroibo de San Claudio; a pequerrechica Coenonimpha pamphilus; un garrido grupo de Serapias cordigera naturais da Terra Chá pola banda da Espiñeira; unha Libellula quadrimaculata; tres crisomélidos da Capelada facendo os deberes sobre Arnica montana; un himenópetro agnóstico que non se deixa  cristianar; unha pica dos prados de Loiba; as luces que deseñan as formas dunha Calistege mi; as cores exóticas da floración e o froito  dunha Solanum ducamara, curmán  dos tomates, e un servidor de todos vostedes, que se non figura con rostro, si figura con moita cara.

Fe de verbas: por fundadas expresiós particulares de pasmo ante a beleza iñorada da palabra acensalí, e parecéndome coñecer en min a folganza xeral que nos impide unha consulta ao dicionario, se no Dicionario de dicionarios mellor, direi que é unha fermosa expresión de indubitable orixe arábiga pra definir, asegún como e donde, ou ben aos brións ou ben aos liquens.

Certo tamén que hai dúas referencias contextuais a poetas coñecidos, a máis notable a Xabier Alcalá, autor do sinxelo e fermoso texto  co que Andrés do Barro armou unha das máis sentidas baladas da música galega: Teño saudade. A outra, menor en texto, é un eco de José Afonso, amoras maduras, e ecoando con el  Luis de Camoês, verdes sâo os campos de verduras belas. Chamarlle contextualización, homenaxe ou plaxio.

VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Elanus caeruleus nas sequeiras zamoranas.





¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!





xoves, 7 de marzo de 2013

Esvaríos de días varios

Esvarío, o que se di ou se fai saíndose do concertado. Esvaríos de días varios. Ceifa de imaxes atuntunadas, sen outra orde ou concertamento que aquel que vai xurdindo do anárquico amorear dun montouto de imaxes gardadas nalgún fondo fondal do disco duro. A como veñan. A como saian. A como sexa. De diante pra atrás e dun lado pra outro. De esquerda a dereita, de riba pra baixo. Unha brincadeira ceive e salvaxe. Sen orde, sen concerto, sen deus, sen patria e sen rei. Ao que tal. Esvaríos de días varios.

Velaí veñen, velaí van.

Un voutre voando pola Serra da Faladoira olla estrañado pra min. Que non andaba moi lonxe, medio agachado entre os toxos. No fondal, o calvario abrumador das andarabillas conforma a malfadada ruina da paisaxe destragada. Os logreiros negociantes. O maquiavelismo. As corruptas concesiós aos amiguiños. A podremia capitalista esbandallando a nosa Terra. O falsario  travestido de limpa enerxía verde. Moito morro. Moito. O deles. Moita prangana, moita; a nosa.


O tordo olla o mundo dende a outa alcándora dunha póla dun acibro callado de xardós. Está na casa, no noso pequeno tarreo. Por abaixo andará algún dos gatos do rueiro. Polos ceos poidera pasar a sombra de cinza dun falcón. O ollo atento. Sempre. A vida pendente do  fío dunha ollada. Sempre.



O estripeiro en flor primeira reloce co sol dos últimos días de inverno. Faladurías de primaveira na invernía. Luces albas. Espranzas. Un asomo de cor e calor. Unha ledicia de brancura adiantada. Un sorriso de flor agradecida alumbra as facianas de quen a mira: servidor na praia de Vilarrube, mentres deixa ir indo, vindo, pasar a vida.



Os biluricos de Ortigueira. Un deles. Na súas pedras do cais, agardando que baixe a marea. Pasando o inverno, refolgando e repousando. Abeirado do vento por baixo do petril do malecó. Agardando que baixe a marea, pra poder rebuscar miñoca nos amplos fondos limeiros da Ría de Ortigueira. Poidera ser por Cuiña, polo Cabalar, por Feás... por onde quixer. Ao subir a marea mandaranse as pedras do cais;  alí andaremos todos, a falar entre nós das cousas do mar e dos ceos; do ar que vai, do vento que vén.



Quen mirara nunca de fronte a unha chíscala? Todos, de vez en cando, sentimos seus ollos de aguia vella chantarse nos nosos como se chantan as gadoupas do loberno na pel do cerviño. Abríndonos en canal  a ialma pra remecer as dúbidas coas firmezas, as dores coas ledicias, as verdades cos enganos. Quen poidera nunca pillar esa ollada dereita, fixa, cravada e deixala pra sempre gardada nas enrugas da memoria?. Eu esa mañá de luces, nubes e brétemas brancas, tenteino. Non sei se souben ollar.


Baixa por Meira o Miño, maino e pouco. Acomódase ás reviravoltas lenes do Parque Municipal Río Barja. No limpo lisor da flor das súas augas os zapateiros xúntanse en asemblea de guérridos pra dirimir súas xeometrías incomprensibles. Por baixo da flor andan as troitas, pro parecera que unhas non saben dos outros, ou no queren saber, ou non gostan. Eu si gostei de acodarme as varandas das pontellas e ollar as augas: agora sombras, agora  ouros.



Campas longas da Chá, terras farturentas en hourizontes abertos, patria da branca ulmaria esa  noiva das campeiras, señora das praderías,  frescor dos agostos ferventes, cantiga de   candor callado alí onde o seu alto varal publique a verdade de neve do seu delicado rebentar de luz decidida, decidida a ser fermosa herba salvaxe indómita. A noiva das campeiras. Eu teño unha así no meu pequeno xardín imaxinado.



Orballiña dos ollos mollados, míuda folla das gotas do prebe pegañento, trampa das herbas caladas, baixas, coreñas e apartadas dos ollos altivos humanos, viciados de vicio, que non queren, que non saben, que non poden baixar á toneira da terra pra mirar teu engano de orballo, o teu brilante ardide de sobrevivencia. Alá eles, que nunca se abaixan da soberbia que os criou.



Na faz de delicadas flores brancas da umbela dunha cenoura brava esta mosca verde (unha femia de Chrysomia megacephala apoñería eu que de nada sei nada e de dípteros menos ca nada) repousa un intre na outa e azosa  atalaia nevarada, dos indovindos do seu trafego diario. Deixoume o galano da beleza metálica do seu relocir de luces verdes. Era unha mañá de vrao, ela i eu non andábamos lonxe da casa. Discurría a nosa vida polos camiños que rondan Cedeira. A miña aínda discurre hoxe. Da dela xa non sei nada.



Os blós non son pra o vrao, paréceme. Eu abalaba as horas da calor a sombra dun acibro, diante da vella maciñeira, indo e vindo dos acordos dunha soneca. Ao meu pé, repousando nas herbas, un libro e unha cámara. Nas máis outas pólas da maceira, pousou unha rula de fóra. Entresoños fíxenlle unha colección de fotos, con intención de construir unha lixeira entrada no bló. Alá, non sei moi ben en que furancho dixital, andan a vivir as imaxes o soño das causas perdidas. Só esta imaxe, a dunha ollada indiferente, deu en asomar por esta  fiestra. Os blós non son pra o vrao, paréceme.



Toda corola de flor é territorio de véla e asexo pra a araña cangrexa. Acubillada abaixo dos pétalos, agarda coa pacencia dun gato a que a súa vítima se achegue a pacer ou  repousar no tentador campo de pole. A do santo acaba de pillar a un himenóptero que a triplica en tamaño. Polo poder do veleno que leva, por iso. Eu andaba polo areeiro da Frouseira, devagariño, percurando orquídeas. Elas, a vivir a traxedia cotián da sobrevivencia. Ao pasar a vida pasa.



Tamén pola Frouseira apareceu repousando entre as herbas e os brións, que solidifican aos marouzós fósiles, esta delicada beleza parda e elegante, unha Erynnis tages. Pequerrechiña, coa discreta maxencia da humildade, sempre aleda o paseíño tropezar con ela e poder falarlle. Adoita deixarse querer coas azas abertas. Eu, cando ela se deixa, túmbome a carón e deixo pasar o tempo. Mentres ela queira. 



Este  picaxuncos é da Area Grande do Vicedo, na parroquia de San Román. Por alí andaba, polas ribeiras areosas do rego central. Eu non andaba as cunchas. Dende o paso de madeira repasaba a toneira do areeiro ulindo cos ollos as flores, esculcando os aires na percura dun pasar de  bolboretas,  remiraba as beiras querendo ver a miúda bichería,  reollaba a arboreda de salgueiros e biouteiros por se cantasen na ollada os paxaros...e alí nas beiras do rego apareceu  esta  carriza dos cuncos: relumbrou o peito ao sol, ollou pra min e marchou. Entreactos deixoume facerlle unha memoria. A que arriba vai.



Poidera ser de tantos espazos humidos, pro esta inflorescencia de  Mentha aquatica, e dos arredores da Poza do Río Magno, un rego pequeneiro non se pense, e dei en facerlle unhas fotos, mentres sen eu saber, unha porca brava, parada de pura sorpresa, fitábame polas costas, amilagrada do meu estraño quefacer fotográfico que me facía anicar polas areas pra mellor pillar unha perspectiva da flor. Erguinme, deime a volta, espantei de ver alí á porca, espantou ela do meu virar, ollámonos uns intres e ao mover a cámara pra facerlle os honores, brincou de lado, rosmou algo desagradable que non entendín e fuxiu a todo meter coma se vise ao demo. E ao mellor si. Son humano.


Un saltón, un besbello portulego. Rexistrado na Serra da Peneda, nas campas, naquela altura resecas, de Lamas de Mouro. Nen por aproximación dou coa especie. Pola pouca lonxitude das azas apoñería por unha ninfa no último estadío de desenvolvimento. Moi boa luz, peneirada, e mellores lembranzas: a de nos perder sen querer polos camiños resecos, esbrancuxados, de pedra de gra desfeita. Por alá seguiríamos, desendereitados, se non fose por unha manda de feros cans de Castro, de Castro Laboreiro naturalmente, que nos obrigaron a cambiar de rumo e tamén, sen querer, atopar o endereito verdadeiro.




Nas brancazuis pedras dos petourais glaciais dos Tres Bispos e Os Penedois, folga este rebezo encartado con habelencia entre as anfractosidades das innúmeras pedras. Era a patria ancariana, esa que sempre boto a faltar, era o vrao que esmorecía co agosto i era eu camiñando sen présa e con moitos folgares polos montes da Serra dos Ancares. Os rebezos sempre andan lonxe, pro esa mañá un pouco menos lonxe. Ben me lembro: deitado entre os varais resecos e as follas rechumidas das xancianas, o corpo deitado ao sol   e abrigado do vento, delonguei amodo o meu  ollar. Ben me lembro, abofé.


No mesmo camiño que sube aos Tres Bispos deixouse ver esta Erebia sp., a escura dos Ancares, que non se me esconde nunca e paréceme un santo e seña da serra. Voadora nas calores do vrao, inexistente ao noroeste do Noroeste, fago sempre festa ao mirala polas outuras montañesas do Leste. Confirmo daquela andar por Ancares e sen pretender sae da gorxa un berro de ledicia aturuxada que rebrinca nos cimbros, rebota nas abas, baixa aos vales e chímpase aos ceos. Ancares, estou de volta!!



Se podo doume en caer pola rasa cantábrica. De Rinlo a Tapia ten a miña memoria un fogar de fala enxebre. Alá paseo sen présa  seus camiños, longos, chairos, abertos ao mar e o vento, tan diferentes das escrequenadas penedías da miña terra, rompidas, súpetas, feras e destemidas. Nesas chairas costeiras teñen os peneireiros unha xeografía benefactora, de ventos que sosteñen o repenicar das súas azas, de paisaxes horizontais onde pasear lonxe a ollada escuiñadora de toda vida en movimento. Alá están máis afeitos ao pasar próximo da humanidade. Peneireiriños, ollar, ollar, que vén o vento e vaite levar.


Nas aínda moitas restrebas de mainzo forraxeiro que dan culturas aneiras nas chairas da rasa cantábrica, aparece un mundo de xentes migradoras que se pousan  entre as herbas criadoras e os canotos vellos das campeiras achairadas. Pitos da neve, chorlitos dourados, zarcetas, estorniños, parrulos, gaivotas e infinda paxareiría miuda aproveitan alí a herba fresca, os restos do grao, a bichería dos campos enxurrados ou simplemente repousan ou folgan agardando ventos mellores. Moitas, son moitas e variadas as xentes da rasa. Este outono andaba por alí este ganso, un pouco lonxe de máis, pra o meu gusto. Haberá mellor ocasión, si diolo quer.



Chega xuño e o borrón floral, fucsia luxuria, do Centranthus ruber rebenta nunha explosión de plena primaveira que anuncia a chegada das calores inevitables do verán que se abate. Cada ano máis esta herba gaña tarreos na bisbarra: as beiras e cunetas das carreteiras con preferencia a outras: parecería que lle prestasen ben  os vafos do hidrocarburo dos motores de combustión. Ou simplememte é unha oportunista capacitada pra medrare en terreos degradados, onde outras non poden, non saben, non queren ou non teñen a habilidade. Quen sabe?



Alá vai a despedida, miñas e meus. Ficade na compaña desta fermosa gaivota, portadora no seu branco froixel claro e lixeiro,  dunha mensaxe de calma e agradecemento por me seguir ate acó con tanta xenerosa paciencia: destemida das procelosas reviravoltas da miña sintaxe ortopédica tanto canto dos perigosos precipicios da miña iñorancia.

Mil gracias mil; quedade en paz.

A mandare.


Cabo Vilán dende Reira, 31 de decembro do 2012.



VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE TV

video
Coellos pola Arnosa, Vilalonga, Sanxenxo.





¡¡¡ Quen non está indignado, está corrupto !!!
Por hixiene democrática: a corrupción á ducha da prisión. 
Por unha Constitución, federal, social, laica, republicana e dixital:
¡¡¡ CORTES  CONSTITUINTES !!!