XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

martes, 25 de decembro de 2012

Nomes de aves e paxaros por Ortigueira

Recollidos por testemuña de Vicente Orjales de 78 anos, veciño do lugar do Miñaño, parroquia de Luama, o 14 de novembro do 2012 na casa familiar do informante.

(Van expresados na mesma orde en que se recolleron, seguindo as páxinas da guía de Rob Hume, Complete Birds of Britain and Europe. Escollimos esta guía por dúas razós de orde metodolóxico. A primeira por ser de gran tamaño e consecuentemente de ilustraciós amplas e detalladas, e a segunda por que o feito de iren os nomes en inglés aseguraba unha non perturbación semántica do informante. Por consello de Damián Romai Cousido, prestamos especial atención ás descripciós particulares de hábitos ou comportamentos das aves que facía o noso informante. Unha idea moi oportuna).



Zarcetes: nome aplicado pra os mergullós pequenos, do xénero podiceps, sen especificar  "...si, estes amargullaban e andaban polo fondo buscando herbas."

Gaivotas.

Mascato: pra designar a Morus bassanus, coma en tantas outras localidades "...estes antes cazábanse”

Corva: así dixo que se chamaba por Ortigueira aos Phalacrocorax; coñecía as dúas especies, pero o nome era o mesmo pra ambas as dúas.

Estorninos.

Espátula: coñéceas dende neno e sempre lles chamaron así.

Cisnes: Cygnus sp., Informa que houbo anos, que chegaron a aparecer 6,7 e 8 ciños; di que era un reto ilos cazar e que cando cazaban un era unha festa.

(Entre medias conta que ás “nutrias” chamábanlles londras e que antes había moitas máis, que había cazadores especializados. Con cás ben adestrados que eran quen de nadar polo río e seguir o rastro nas ribeiras. Conta que cada pelexo tasábase nunhas 700 pts,  que eran moitos cartos e que se ían vender á Feira de San Claudio, onde había compradores especializados)



Pato real: Anas plathirrynchos, conta que antes había miles deles entre Cuiña e San Adrián e que ao voar mesmo facían nubes que case tapaban os ceos, que era unha verdadeira marabilla… “había 10.000 ou máis.” 

(No medio da conversa, Vicente conta que no fondo da ría había moitísimos cornechos, -moluscos gasterópodos dos xéneros nassarius e nucellas, probablemente- que andaban entre as xebras. En Cedeira chamámoslles corniños)

Galiña negra: nome para Fulica atra"...si,si, esta da mancha branca na frente”

Pega do mar e tamén  ostreiras:  Ostralegus ostralegus "...ah, si estas son as pegas do mar, si, si, había moitas, tamén lle chamábamos ostreiras por que comían nas ostras"

Chorlito: nome xenérico co que coñece as limícolas pequenas; non era capaz de diferenciar entre especies, todas eran… chorlitos.



Avefría: Vanellus vanellus.

Bailón: Actitis hypoleucos.

Mazarico de maio: ...chamábamos así a este tipo de mazarico  que aparecía por maio, explica diante das imaxes das limosas.

Becada e becacina, para as scolopax. Conta que según os cazadores, el no pode confirmar, as becadas non teñen estómago nen intestinos, que é todo un tubo continuo do peteiro ao ano.

Calandria: nome que lle aplicaban á laberca, Alauda arvensiscoñece e describe perfectamente o ritual de canto do macho e o seu costume de zouparse en caída vertical…”antes había moitas por Morouzos

Buxato: é o único nome de rapina que coñece, e di que sempre ande vixiando dende o alto dalgún poste ou árbol…parece o Buteo buteo.



Perdiz: Alectoris rufa, describe unha trampa para atrapar perdices chamada trapela que consiste nunha caixa que se enterraba no chan, cubriase lixeiramente de terra e encima poñíase grao de trigo ou maínzo. Estaba provista cun sistema de abre-pecha por bisagras e muelles que funcionaba ao pisalo a perdiz. A súa dona que está presente, natural de Bares, é quen describe este sistema de caza, coma propio da súa localidade natal e conta este dito que se dicía por Bares: “Tres páxaros hai que cruzan o mar: o cuco, a rula e o paspallás”

Lavandeira: aplicado a todas as motacillas, xa grises,  xa marelas.

Araos: Uria aalgae…di que pola ría non se vén que aparecen petroleados polas praias.

Pombo: describe perfectamente ao Columbus e recoñéceo nada máis velo; di que os machos e as parellas formadas son moi territorias e que rifan moito polo espazo.

Pomba de parque: chámalle así a rula turca, Streptopelia decaocto, dicindo que só a mira polos parques e que antigamente non a había.

Rula: nome que lle aplica á rula do país, Streptopelia turtur.

Cuco: Cuculus canorus…din que hai catro ou cinco anos que non o escoitan, cando antes era un visitante puntual.



Mouchos e curuxas…coñece ben á curuxa, da que conta que cando neno unha fixo o niño nunha arribada (o que en Cedeira chamamos rebordela: bordo  dun camino case vertical) que estaba recuberta de hedras e colleulle un ovo e a un membro da parella. Non distingue entre tipos de mouchos.


Bubilla: así chama á bubela, Upupa epops, e di que se ven moi poucas.

Martin Pescador: Alcedo attis.

Pega das fragas: Garrulus glandarius, a dona conta esta cantiga de Bares: “Unha pega reboldá, puxo un ovo e reboldou, puxo dous e reboldou puxo tres e reboldou, puxo catro e reboldou…” e así seguía sen saber ela se tiña un final diferente. A señora chámalle pega reboldá, Vicente tamén, pro di que o nome máis usado era pega das fragas.

Pega: Pica pica. Manifestan animadversión indisimulada por ela, da que din é moi desavogosa, e arroubona, arroubando os paxariños doutros paxaros "...pro antes de teren pluma, para poder  comelos mellor”. A dona conta que en Bares era ave agoireira e que se se poñía no altesor da igrexa (pináculo co que rematan os cumes dos tellados) asegún onde apuntase o rabo anunciaba unha prósima morte: se o rabo apuntaba ao Porto, no Porto, se apuntaba á Vila, na Vila. Vicente dí que tamén en Ortigueira había esta crenza e que medio en serio medio de coña sempre se preguntaba: Para onde ten a pega o rabo? A dona tamén contou que en Bares crían que "...se a pega canta, trae boa sorte, pro que si berra parecendo chorar trae moi mala sorte".


Corvo pequeno e Corvo grande…describe perfectamente a cada unha das especies máis comúns de Corvus.

Peto:  Chama así ao peto verdeal, Picus viridis, e di que ten un ovo moi bonito, describe a perfección o seu costume de manterse de formigas. “Eralle moi fácil, antes había formigueiros enormes, de formigas roxas e moi grandes” Non coñece aos branco e negro.

Golondrina: non diferencia entre especies…conta que  "...decíase por Ortigueira que se marchaban a canda os barcos pineiros (transportaban  puntais de madeira de piñeiro) porque se guiaban por eles para atopar as rutas que os levasen de volta ás súas terras".

Vencellos, recoñece nas láminas ao Apus apus.

Picas: a todas as especies do xénero anthus. Tampouco diferencia entre elas.



Carrizo: Troglodites troglodites.

Paporrubo, por Bares e paporroibo por Ortigueira, ao Erithacus rubecola.

Páxara moura: chama así á cincenta ou raborrubio, Phoenicurus ochorus.

Merlo blanco: chama así ao tordo común, Turdus philomelos, do que describe con admiración pola súa beleza, o seu canto dende a puga máis outa das árbores.

Páxaro rato: chama así ao xénero certhia, os gabeadores, pois di que subían polas árbores como se fosen ratos. Que para pillar o niño dun houbo de caer ao chan, pois tiñaio feito na estrema dunha  póla moi delgada.



Chaschás, Saxicola torquata, tenlle certa admiración e aleda a faciana falando del. Conta que nunca lle soubo onde gardaba o niño.

Pichinchel: é o nome que lle dá ao Parus major.

Gorriós.

Chincharra: así chama ao pimpín, Fringilla coelebs, dando un aceno de entonación leda e entusiasta na voz, correspondente á admiración que lle produce o particular e fermoso colorido do macho en traxe de voda.

Pardillo. Carduelis cannabina.

Jilguero. Carduelis carduelis.

Verderolo. Carduelis chloris.

Sirí. Serinus serinus.

Escribano, Emberiza sp., non diferencia entre especies, pro coñece moi ben os ovos do xénero que sempre lle chamaron a atención pola fermosura do seu particular esgrafiado, que parece feito á mao.




Agradezo de todo corazón á familia Orjales, máis aínda cá súa valiosa testemuña, a súa liberalidade xenerosa ao me acoller na súa casa e  poñer á miña disposición o seu tempo sen tasa.

E aínda da súa conversa grata e hospitalaria, ao tempo que algunha tradición vencellada co tema que xa vai rexistrada na entrada, tirei  as seguintes expresiós das que quero deixar constancia: Non me tripes, vella fórmula galega cada día máis en desuso, pro aínda viva en Bares, pra o feito de alguén che poñer o seu pé cima do teu, equivalente, xa que logo a non me pises. Chaman tamén por Bares patumeiro, a aquel tarreo moi enlamado e ao mellor con moita mougada. E finalmente faio, sería o equivalente ortegano ao faiado doutrures. 

Vai rexistrada ao principiar o texto e falando dos zarcetes, a voz amargullar, pra se referir a acción de nadar por baixo da flor das augas. A Academia Galega propón coma voz correcta mergullar, sen ofrecer outras posibilidades, pro saibase que popularmente amargullar ten unha amplísima distribución polo territorio galego falante, dende a fala de A Somoza no Bierzo ate o Miñaño en Ortigueira.

E fica a cousa no punto. 



Ogallá, a exemplo do señor Vicente Orjales, haiba quen queira achegarnos máis nomes tradicionais empregados na bisbarra pra denominar a calquera especie natural, botánica ou faunística, de terra, de mar ou de aire. Se alguén coñece a alguén que na súa infancia lonxana fose afeccionado á paxarería e sabe da súa boa disposición pra rexistrar en negro sobre branco as pisadas das súas lembranzas, que saiba asemesmo da miña disposición agradecida pra tomar nota polo miúdo da súa memoria no lugar e hora que se me ordene.

Moita obriga me queda con vós, miñas e meus, por seguirdes aínda aí. 

Non perder as mañas.

A mandare.





VIDEOSMINIMOSDONOROESTE  TV

Avetardo cativo na Veiga de Pumar.


Nota marxinal: ao lado dos inevitables castelanismos que teñen mechada a lingua de formas alleas, hai algús termos que a min estimúlanme unha particular ledicia por non os ter escoitado ate o de agora: zarcetes, páxara moura, pichinchel, mazarico de maiochincharra, pega do mar ou ostreiras e o simpático páxaro rato aplicado ao xénero certhia, os gabeadores ou agancheadores

Servidor suliñaría que o topónimo Miñaño, precisamente onde vive Vicente e a súa familia, con moitas probabilidades proveña do nome dalgunha rapina, con máis posibilidades do xénero Milvus, dígase un miñato. Esta opinión é partillada por Alvaro Porto Dapena, lingüista, cadeirádego da Unversidade da Coruña, especialista en toponimia da bisbarra, o que me foi comunicado en amable e xentil conversación, coma todas as que afortunada e abondosamente mantemos.


16 comentarios:

  1. Grazas Rafael por este delicioso post. Oportuno. Exhaustivo. Impagable.

    Unha aperta,
    Damián

    ResponderEliminar
  2. Boas Damián...obrigado...case que foi unha prolongación das Xornadas Ornitolóxicas de Ortigueira, dalgún xeito un exercicio práctico dalgunha das ideas que partillamos nesas horas tan densas e tan poucas.

    Unha aperta.

    ResponderEliminar
  3. Respostas
    1. Benvido polo bló Antonio, acabo de facer un vencello co teu, que ten unhas fotos bárbaras.

      Mérci bien, mon ami.

      Salut, au revoir.

      Eliminar
  4. Parabéns Rafa encántanme estas entradas, como dís, por acó, pega rebolda, outra xente preguntada tamén lle dí regorda, meu avó sempre me dixo pega da fraga. Como curiosidade acó chamanlle chincharra a Parus major ó parecer "polo jaleo que arman cando lles da por tolear". Acostumo preguntar os vellos cazadores que coñecen moitas especies, ademáis de moitos e interesantes detalles da antiga distribución e abundancia de moitas delas. Paréceme interesantísimo. Teño bastantes anotaciós sobre o tema, cando quedemos heichos pasar.

    Unha aperta Rafa.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Olá Toñito...pásamos cando queiras, pro ao mellor é un tema pertinente pra facer unha entrada no teu bló, que dende logo terá moito interés.

      O que estes pequenos achegos de étimos poden ir ilustrando e a extraordinaria riqueza léxica da lingua galega; nalgún tempo ao paporroibo por Cedeira chamábanlle richinó e casualmente richinó e a verba coa que nas Somozas chaman á billa do irio, ou palán de billarda e noutrures estornela, ao mellor por ser volandeira coma un richinó.

      Polo de agora conformémonos con ir recollendo, e dando a coñecer, a maior parte posible de étimos antes de que definitivamente se perdan, e a canda eles todos perdamos algo.

      Anímate a armar esa entrada.

      Unha aperta.

      Saúde e sorte.

      Eliminar
  5. Ola meu!

    Só un comentario; dis:

    "Merlo blanco: chama así ao tordo común, Turdus philomelos, do que describe con admiración pola súa beleza, o seu canto dende a puga máis outa das árbores.".

    Eu penso que sería mais ben Turdus viscivorus, unha vez que esta especie tende a cantar máis a miúdo desde a punta das árbores que o seu conxénere o T. philomelos (que tamén o fai, pero menos frecuentemente).

    Ademais, T. viscivorus ten a parte de abaixo das ás branca, a diferencia de T. philomelos. Isto dálle, precisamente, os nomes de torda branca nas Arribas do Douro portuguesas e creo que tamén nunha localidade galega. O nome maioritario para o T. viscivorus en Galiza é torda.

    Apertas,
    Damián

    ResponderEliminar
  6. Olá meu..Pois ben poidera ser, naturalmente, o viscivorus, pro a min quedoume a impresión de ser o philomelos, ao mellor por telo visto por Morouzos bastante máis que o viscivorus, que por acolá faiseme máis raro...mesmamente gravei un video do philomelos cantando a todo pulmón dende a última punta dun piñeiro de Morouzos, na estrema do piñeiral...ao mellor por iso eu xa me definín polo philomelos...o nome de torda branca non o coñecía e o de merlo branco, pra calquera dos tordos que sex, tamén se me fixo unha absoluta novidade. O fillo que estaba presente na conversa concordaba no nome ante a miña extrañeza, pois eu nunca tal escoitara.

    Xa digo apunteino como philomelos por ser nestas terras bastante máis común, na miña experiencia, que o viscivorus, que por acolá eu mireino pouco e fundamentalmente na Serra da Capelada. E as mellores observaciós e fotos de viscivorus fíxenas polo sur da Galizia, concretamente no areeiro do Vilar, en Aguiño. Pro ben sabes que eu tampouco son un paxareiro coñecedor e ao mellor
    os que andan de cotío a mirar paxarada corríxenme e dan a viscivorus como máis abondoso.

    Vaia, aí queda a dúbida expresada. Como sexa que o fillo e compañeiro de traballo mirarei de concretar este punto.

    Uha aperta Damián.

    ResponderEliminar
  7. Ola Rafael. Interesantísima entrada, e gran labor etimolóxica á que nos tes acostumados no teu blog. Fai tempo que levo pensando facer algo similar pola miña zona, pero o estar fora, e vir só en determinadas datas, non mo pon sinxelo. Espero que non se quede só nunha idea, e que algún día poida facelo.
    Saúdos desde o Noreste do Noroeste.

    ResponderEliminar
  8. Ola Enrique... Agradecido polas túas palabras.

    Anímate a recoller os nomes tradicionais de Ribadeo e a Veiga referidos á natureza, máis que sexa sen présa e cando xa teñas unha boa colleita dalles entrada que sempre será moi benvida e de seguro será un labor que hai quedará e que se engadirá as recopilacións de vernáculos de outras bisbarras pra algún día ir conformando un corpus xeral de vocabulario tradicional referido ao mundo natural en Lingua Galega. (O mundo dos insectos e e bichería en xeral está moito menos traballado, velaí onde hai un mundo de palabras agardándonos)

    Por se che poidese servir de algo o método que eu utilicei foi o seguinte: 1)coñecer a unha persona de certa idade que na súa infancia fose afeccionado á paxarería, á caza ou a colección de niños e ovos 2)Presentarlle folla a folla unha boa guía de paxarería con ilustracións grandes e ir falando e deixando falar ao interlocutor. Dende logo se pode ser unha guía inglesa ou extraxeira, mellor, pra que o nome que vén nas guías non interfira 3) Atender as explicaciós de comportamentos e hábitos que dará o noso interlocutor pois ofrecerán unha perspectiva diferenciadora entre especies próximas; Esto último foi un consello de Damián Romai Cousido que se revelou moi aproveitable 4) Recoller notas. Se poden ser gravadas, mellor e se non escritas. 5) Pasalas inmediatamente a limpo por estar a memoria máis fresca.

    Se esto mesmo o poidesemos facer con varias persoas da mesma bisbarra, mel nas filloas. De seguro que ofrecerían interesantes variantes.

    Perdoa o rollazo e recibe unha aperta garimosa.

    A mandare.

    ResponderEliminar
  9. Hola Rafael

    O viscivorus e abondoso na Capelada na época de cría,aínda que moi desconfiado,pero de lonxe deixase ver ben.

    Saudiños

    Ricardo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Mestre...obrigado pola correción...de feito as únicas veces que poiden miralo, nunca moitas, foron sempre de lonxe e na Capelada, pro pola beiramar faiseme raro.

      Unha aperta.

      Eliminar
  10. Ola Bos días. Interesante recolla de nomes. Chamoume a atención o nome "bailón" para Actitis e ostreira para Haematopus. Do primeiro non coñecemos ningún específico e distintivo en Galicia. A pregunta é: coñecía o informante guías de aves en galego? Sobre "ostreira", é interesante pois en ningunha lingua ibérica hai nomes populares desta especie referidos á alimentación a base de ostras senón de lapas (ostrero procede do inglés, onde foi voz inventada por científicos, aparentemente. Eran tan comúns as ostras en Ortigueira?
    En "pomba de parque" a forma recollida foi "pomba" ou "paloma".

    Grazas, un saúdo

    M. Conde

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola...benvido.
      Non teño certeza de se o señor Vicente coñecía ou deixaba de coñecer guías de aves en galego. Pareceríame raro que as tivese consultado. Sairían na conversa nalgún momento. Non era un afeccionado ao paxareo. Fórao de cativo e arrexuntara unha extraordinaria colección de ovos de paxariños e aves. E cazador na mocidade. Estou certo que de posuir algunha guía en propiedade na casa de seguro haberia de amosarma. Os nomes que el me deu nacían das lembranzas.

      Ortigueira é unha ría moi rica ne ostras naturais. Ao igual que toda a costa norte do que eu sei. Na miña casa sempre contou meu pai que a primeiros de século XX barcos de pesqueiras franceses viñan as nosas costas a fornecerse de ostra, disque para acabar enriquecendo os criadeiros franceses. Non me consta. O que si sei e da presenza das ostras na costá nosa dende que teño memoria.

      A voz exacta foi pomba do parque, naturalmente. Era o nome con que el a cristianara para si mismo.

      Agradecido.

      Un saúdo.

      Eliminar
  11. Ouro nome moi raro é corvo grande e corvo pequeno, sen prismáticos non é fácil aprezar esa diferenza de tamaño e non debería aparecer na lingua popular. Toda descrición de Corvus corax debería de ir acompañada da súa voz característica, asi acontece nas demais linguas ibéricas e escala popular, onde hai diversos nomes que fan referencia a esta voz. Moi estraño. Sobre Pomba é máis estraño aínda que o informante conserve "pomba" e tivese perdido "bubela", a forma xeral en galego (pomba é rara a nivel popular, case substituída por paloma, ao contrario de pombo, moi viva). O mais que podo dicir é que o informante di unhas cousas moi raras :) Saúdos

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Benvido escéptico anónimo...

      Direille...corvo grande e pequeno e fala habitual das xentes destas lindes que anden pola serra...O Corvus corax non so se recoñece perfectamente polos paisanos se non que mesmo algún díxome que é comestible e moi saboroso. Os cazadores saben máis de paxaros que moitos naturalistas de guía e gabinete.

      Pomba e palabra de uso corrente, bne que restrinxido a persoas de certa idade, tanto que mesmo pombas é a expresión que se utiliza por acolá para desinar un determinado tipo de nube. Afortunadamente ainda non todos estamos castelanizados de todo.
      Bubela non é raro que se perdese, eu de feito na miña infancia nunca a escoitara, e xa son 60, pois non é unha especie corrente. Por acó aparece con moi moi poucos exemplares cada ano, si aparece.Así que non me extraña, por experiencia persoal o sei, que o nome bubela estivese perdido, a canda a especie naturalmente.

      En canto as rarezas do informante non acada a miña imaxinacion cal podan ser as que advirte a súa. Poidolle acreditar que o señor Vicente Orjales é home cabal e moi coñecedor da paxararía destas terras e que as palabras recollidas neste artigo son exactamente as mesmas que el me indicou.

      Unha aperta.

      Eliminar