XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

mércores, 5 de xaneiro de 2022

O Movemento Vitalista das Terras do Mundo.

   

 Recibín un destes días de aí atrás, con moita ledicia e non pouca sorpresa, un correo no que se me comunicaba que por fin se ía constituir, formalmente e con todos os rexistros en forma, o Movemento Vitalista das Terras do Mundo, unha formación de carácter  político-social, pannacional, con xeitos e modos que pretenden ser novidosos e aínda, se se entendera ben, revolucionarios. A mesma idea dende logo ten algo, ten moito, de revolucionaria: pretende cambear, nada máis nen nada menos, que a maneira de pensar a realidade no seu conxunto. Esencialmente ven a dicir, e que me perdoen os compañeiros vitalistas polo reducionismo, que as plantas, brións e liques, fungos e bacterias son seres dotados de documentación vital xenética que se ensamblan entre si conformando un macrobioma universal interrelacionado, interdependente e internecesitado e daquela son portadores dos mesmos dereitos naturais á existencia ca calquera outro documento xenético existente: o adeene humano, un supoñer; dereitos que ate o de agora non foran nen expresados nen vindicados e xa que logo des coñecidos e imposiblemente re coñecidos.

    Hai cousa de dous anos, téñoio contado, pouco antes da pandemia, coincidindo cunha estancia familiar en Barcelona asistín invitado a unha xornada de debate na Universidade de Bellaterra,  onde un variopinto grupo de persoeiros e persoaxes, había dende profesores de Botánica a anacoretas existencialistas, debatiron, (eu pouco máis fixen que escoitar e atender entre pasmado e asombrado), sobre a comenencia ou non de constituir un grupo político de reflexión que se presentase a sociedade coa idea clara e firme de expresar a necesidade, moral e sobrevivencial, de que as plantas fosen tratadas co debido respeto. Queríase hai tres anos conformar un Partido Vexetalista.

    A xuntanza aquela de Bellaterra abaneara entre a estupefacción do incrédulo e a grata, coñecedora e divertida conversa que se estableceu a cinco bandas idiomáticas: falouse, viva Latinia, en italiano, francés, catalán, castelán e tamén galego. O caso é que nos fumos entendendo axeitadamente sen necesidade de traducción simultánea nen recurrir a unha lingua franca: vantaxes de falaremos todos un latín depauperado.  

    Naquela mañá soleada do inverno barcelonés o aire enchérase de ideas novidosas, en casos asombrosas, que debalaron entre prohibir a fabricación de motoserras, segadoras e claro está todo tipo de herbicidas, ata estudar o impulso ás impresoras 3D pra elaborar todo tipo de alimento a partir de catro ou cinco sustancias básicas, escoitar a un apaixonado, pero moi educado e reverente ancián de longos cabelos e barbas máis brancos ca grises, que, se lle houberamos de creer, só se alimentaba de froita caída, gramíneas abatidas polo vento auga da choiva e extractos de sales que obtiña entre penedos e rochas. Podería parecer incrible, pero a súa fraqueza extrema daba a entender que aquel amable tolo, iso me pareceu en principio, falaba completamente en serio; logo souben que era un dos máis prestixiados patriarcas da vida retirada naturista, que en Cataluña sempre tivo ferventes e filosóficos practicantes vangardistas.

    Como adoita acontecer nestes casos saíramos das aulas de debate, encantados, con promesas de intercambiármonos informacións, ideas, correos e expresando desexos de volver a xuntarnos a non tardar pra seguir adiantando na formalización das ideas. A pandemia veu a refriar demodo as nosas ilusións. Algún breve contacto nos primeiros meses, que cada vez se foi adiando máis, as noticias rumorosas dalgún triste falecemento, o abatimento social... pouco a pouco a idea da formalización daquelas ideas nun grupo político-social, pareceume que se esvaira entre as néboas do tempo como se esvae todo o existente. Ideas novas, leña verde. 

    Compréndese daquela a miña grata sorpresa ao recibir no correo, non moito tempo atrás, a noticia de que o Partido Vexetalista   non só seguía adiante, senón que parecía vivo, activo, e  agora amplaban os seus horizontes coa nova formulación de Movemento Vitalista das Terras do Mundo e agora xa  con participación de xente dos cinco continentes. Ao parecer a misma ou moi parecida idea andaba a florear ventureira polo mundo adiante. 

   O vexetalismo vitalista parece unha idea que anda a xermolar arestora polo mundo adiante conducido pola propia dinámica dos sucesos e a evolución das ideas, sempre  precedidas,   introducidas e iluminadas polo coñecementos científicos.

     Baptiste Morizót, xove pensador francés de só 38 anos, profesor na Universidade de Aix-Marseille, é unha das referencias actuais desta nova corrente de pensamento, que dentro das súas naturais e diversas formulacións, aporta indudablemente unha ollada renovadora cara á convivencia harmoniosa de todos os seres vivos. 

     E que se me convidaba a participar -agora xa por videopalestra- nas xornadas de estudo e debate dos digamos principios estatutarios, xa que logo ideolóxicos, que haberían de guiar o desenvolvemento futuro; que poñían á miña disposición todos os informes que as persoas iniciadoras levaban elaborados; dos pasos que ate o momento se deran  e se solicitaba a miña colaboración, pra facer chegar á sociedade, se o entendía oportuno, as ideas vexetalistas vitalistas.

    O labor por facer chegar as ideas vitalistas á sociedade, no meu caso, anda a se concretar nestas verbas que escribo e lees. Os debates por video-palestra, nos que a miña presenza  é discontinúa e con rol de aprendiz escoitador,  han durar o tempo necesario ate concertárese  unha palanca común. As análeses andan a desenvolverse con rigor, seriedade e formalidade, nun ambiente de intercambio ilusionado de argumentos e debates en  aberto, sosegados, coñecedores das máis actuais ideas da vangarda filosófica, que ando a aprender, e claro está da punta de lanza do coñecemento científico, da última palabra da ciencia. Os achádegos da ciencia están ofrecendo un cadoiro  de novos coñecementos, sorprendentes, inesperados, reveladores, contrastados e comprobados, excitándonos a idear un pensamento novo e, a poder ser, trascendente no tempo.

    Emanuelle Coccia, influinte filósofo italiano autor dunha obra ampla e coherente sementada de ideas orixinais boa coñecedora das novidades científicas que están a producirse, é  unha das referencias ineludibles deste novo pensamento global, no que a vida en calquera das súas formas, viral, bacterial, vexetal, animal, humana vai ser considerada coma un continuo igualitario. Ao día de hoxe boa parte da súa obra está xa vertida ao castelán e pode atoparse e lerse sen  problema. "La vie des plants" e "Metamorphose" poden ser dúas excelentes introduccións á súa filosofía. Filosofía que dende logo é referencia alicerzal do nacente e xermolante vexetalismo que encontra no vitalismo de Coccia un pensamento prósimo que lles abre innegables portas de reflexión e fiestras dende onde observar os vieiros do futuro.

    Non pretendo nen tan sequera resumir as ideas que en debate aberto, coñecedor, apaixoado, máis correctamente educado, se están a desenvolver en liña. Sei que tampouco farei dano se conto algunhas das propostas que se debaten (non que se asumen) pra poder darvos  ideas  concreta do cosmos de iniciativas que se suxiren e agroman: a defensa integral dos bosques e plantas salvaxes autóctonos, pénsese nas selvas ecuatoriais, na sabana tropical, nas taigas; paralización inmediata de todo tipo de tala de bosque natural; prohibición inmediata, só pena por biocidio do uso de herbicidas; a regulación restrictiva das plantacións alóctonas e da importación de vexetais vivos con fins de xardiñeiría, coa ollada posta na súa erradicación definitiva; impostos graves a serras e segadoras mecánicas e ao contrario liberacións impositivas ás impresoras 3D que desenvolvan á tecnoloxía  necesaria pra elaborar superalimentos a partires de elementos químicos básicos, quer dicirse: impulso a alimentación inorgánica de deseño xenético; restricción do sendeirismo por espazos con herbas e vida e a obligatoriedade de usar as pistas  de piche xa existentes; redactar unha lexislación que controle as condicións de vida das plantas nos viveiros, esixindo a súa existencia en condicións dignas, que lles permitan medrar có vigor e á afouteza á que teñen dereito... e non pretendendo agotar a pacencia de nenguén  facendo riola exhaustiva dos debates, poideran ser suficientes estas propostas pra vos informar de por onde van camiñando as ideas...e que non son poucas. O Vitalismo ten vitalidade, diso non hai dúbida.

    Stéfano Mancuso, profesor de neurobioloxía vexetal da Universidade de Florencia, é sen dúbidas unha das referencias científicas e divulgativas, de éxito mediático total, que directamente inspira aos vexetalistas. Tanto polos innegables logros de divulgación dos achagos científicos máis recentes e as ideas atrevidas que Mancuso estimula: a intelixencia das plantas sen ir máis lonxe. Mancuso ten no seu curriculum, alem dun bo fato de libros publicados, un fecundo e amplo labor de difusión dos últimos coñecementos sobre os vexetais que nas últimas décadas tense expresado nas palestras máis academicamente esixentes e sendo unha referencia mediática inescusable na divulgación da nova realidade sensitiva que recén estamos aprendendo a vislumbrar e coñecer. 

    (Pra se introducir nas ideas do profesor de neurobioloxía vexetal da Universidade de Florencia abonda con colocar en llutube seu nome e aparecerán un amplo fato de videos onde quen non o coñeza poderá saber do seu pensamento. Eu escollín este achego: Entrevista con Stéfano Mancuso unha ampla conversa editada polo CCCB; Centre de Cultura Contemporània de Barcelona)

    Ben se entende que un discorrer de bloguer non é o espazo axeitado pra estenderse no estudo de calquera que sexa o tema. Só se pretendeu dar a coñecer telegraficamente a  realidade dalgunhas das novas ideas sobre filosofía da natureza que se andan a criar no tempo presente e ao tempo publicitar, publicar, facer públicas, as ideas dos meus ben queridos e admirados amigos ex-vexetalistas, que están animados e entusiasmados, ledos  coma un neno presumido con zapatos novos, co seu aínda non nato Movemento Vitalista das Terras do Mundo, que conta xa entre as súas liñas ideolóxicas case definidas  avogar por un Goberno Único Mundial, (GUM) que sexa quen de enfrentar os novos e  perigosos retos que ameazan a humanidade no seu conxunto  e que os gobernos e poderes  macronacionalistas actuais, EEUU, Rusia, China, Europa,  non van ser capaces de atallar, e que a Covid exemplificou  clarín de clarinete.

    A humanidade a única nación. Ese é un principio vitalista irrenunciable. 

    Os vitalistas avanzan a necesidade, algún di que urxente, de posuir unha Constitución Mundial Común á todos os seres do mundo. Son abrumadoramente maioritarias, entre os vitalistas, as opinións a favor dun Salario Universal que permita á totalidade da Humanidade dispor dunha base económica mínima, empero suficiente para vivir con dignidade e non ter que recurrir ao desgaste de planeta. O desenvolvemento actual das forzas produtivas permíteo senon o esixe, arguméntase. Quen quixera máis cartos terá garantido seu dereito á propiedade, a  traballar e a negociar  con total albedrío, dentro dos límites legais dunha Lexislación Universal Vitalista no que a defensa da harmonía de interrelación xenética de todos os seres do mundo e o seu dereito a vida, primará sobre  calquer outro interés.

    Igualmente estase a debater e estudar a República Dixital como a fórmula máis barata, eficaz e lixeira de formalizar as relacións superestructurais coa administración e dos asuntos comúns,  un modelo de xestión que tomando a Estonia como exemplo elimine absolutamente os papeleos burocráticos de todo tipo, reducindo a case cero o consumo de papel, e a necesidade de talar a vida das árbores, e facendo desaparecer daquela ao infinito exército de politicos, politiquillos e politicastros, que ofician de cínicos sambesugas, e as súas innecesarias cohortes de oficinistas e xestionadores burocráticos. Exército de papel timbrado que por exemplo no caso  de España é simplemente impagable. Do Concello. Da Diputación. Da Xunta. Do Estado. De Bruxelas. 

    Vai bastante avanzada a discusión sobre o modelo de superación da actual estructura das relacións políticas da sociedade, a chamada Democracia Parlamentaria, un sistema caduco, decimonónico, carísimo e ineficaz propio de sociedades pretecnolóxicas, e a súa superación por un modelo de Democracia Directa Dixital (DDD) no que, groso modo, poidésemos votar continuamente por un numeroso número de temas e ideas, que, non necesitando unha decisión urxente e inmediata, ben poidesen ser decididos entre todos e non por unha pequena camarilla oculta de catro profesionais da política do cazo.

     Xa se entenderá que a votación sería electrónica, sen gasto de papel e bosque. Estase estudando as condicións de deseño dunha rede de estacións de votación, non moi diferentes dos actuais caixeiros automáticos, nas que calquera podería votar identificándose mediante a súa Propia Tarxeta Persoal (PTP). Tarxeta  que ao igual ca  hoxe xa en Estonia permitiríanos facer absolutamente todas as xestións, labores  compras e pagos  que teñamos que realizar: dende comprar no super, pedir un creto, solicitar o pasaporte, pedir un permiso por paternidade, matricularse...etc. Tarxeta PTP que sería a ferramenta definitiva na loita contra a economía e os pagos en negro. Definitiva.

   Esta rede de estacións ou terminais de votación permitiríanos prescindir da incómoda, cara e antiecolóxica votación en furna, esa metáfora das papeleiras de refugallos;  máis aínda permitiríanos dispoñer dun máis azoso calendario de votación, no que cada tema suxeito a elección podería estar a votación dos cidadáns o tempo que se considerase necesario e prudente: non obligatoriamente só un día.

    Un exemplo: considérase interesante a creación dun, digamos, porto deportivo, disque estimulador do turismo e da economía local, pero coa eiva de se querer instalar nun espazo de interés natural. Que será máis democrático: que decida en privado unha comisión de concelleiros,  ou unha votación pública da cidadanía que logo dun tempo de escoitar pros e contras, non só poda decidir se se construie, máis tamén a qué particular empresa se lle concedería a xestión do  porto proxectado?. Fin do cazolo de cacique?. Democracia vital, chámanlle os vitalistas.

    Calquera pode imaxinar que colectivamente temos o dereito a decidir, un supoñer, sobre a cantidade de cacao que debe levar unha sustancia pra se chamar chocolate ou, outro supoñer, se legalizamos o uso e consumo de marigüana dunha santa e intelixente vez. Suiza leva moito tempo funcionando cun sistema similar e non parece irlles tan mal.

     A República Dixital hoxe é posible. Só depende da vontade popular.

    Por una Constitución Republicana Universal.  A min non me  soa mal. 

    O Movemento Vitalista das Terras do Mundo pode non ter moito presente, pero de seguro ten por diante moito futuro. Todo.

     Pensaio.

     Outra vida é posible.

    Apertiñas totus meus, sede bos que guapas xa sodes.

    A mandare

    

PAZ  E  PALABRAS


 (Nun mundo de realidades cuánticas... quen delinea o trazo do divorcio entre o real e o irreal? ou, se o preferides á galega, do que escoites non creas nada e do que leas algo menos da metade: poidera darse o caso de que o úneco adscrito, ao Movemento Vitalista sexa este servidor e de que tal movimento exista unicamente na solitaria neurona  que ao acompaña. Haber hai sitio, por se te quixeras arrimar. Ti pensa por ti, que eu xa o fago por min).

Achegos:

   a) Estonia el primer país digital del mundo. Artigo de Virginia Collera no diario El País de 8-abril-2018. Ler






6 comentarios:

  1. E vitalmente necesaria e historicamente ineludible...esta democracia parlamentaria é un armatoste burocrárico decimonónico, do tempo das carrilanas e as dilixencias. Apertiñas.

    ResponderEliminar
  2. Creo firmemente, que valorar y Respetare la Naturaleza,es lo único,que puede salvar a la Humaninad

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Pois xa somos mais de dous...falta convercermos a varios miles de millóns, pero o caso é ir indo...máis que sexa a chiquilimpé!! Unha aperta Jor.

      Eliminar
  3. Xurde unha dúbida, Rafael: antre animalistas e vexetalistas, que demo lle botaremos ao papo!?
    Agora, o do respecto por animais e plantas, acátoo e a república dixital non me disgusto, especialmente o de república

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Aí estou eu contigo...son moito máis de ideas republicanas dixitais ca de mineralismos alimenticios, pero do que se trata me parece que é de buscar novas formas de expresión política e de irlle retirando o poder a esta carísima clase política: cara por cara, cara por inepta e cara por corrupta. Estes vitalistas ofrecen cousas nas que pensar. Hai Democracia além da furnocracia. Menos mal. Unha aperta.

      Eliminar