XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

domingo, 9 de xullo de 2023

A transmigración das ánimas.


    Que o mundo non ten fronteiras debuxadas é unha evidencia comprobada a diario. Daí que alguén necesite poñer uns letreiros señalando que deixamos Guipúzcoa e entramos en Nafarroa. Que entramos en Cariño e abandoamos Cedeira. Que deixamos Portugal e entramos... na Deputación de Ourense. Un amigo meu, corazón de ouro, inxenuo, inocente e bondadoso, xa hai ben, ben de anos, a primeira vez que voou en avión, ao facer escala en París rumbo a Suecia onde habería de embarcar nun mercante, preguntou que sitio de España era aquel onde todos falaban tan raro. Estás en Francia, Francisco, e acó todos falan francés. O carallo vintenove!! E has de pensar que son parvo!! Desde Madrid vin mirando pola ventaíña e non vin a raia da fronteira por ninghún lado!! Isto será Bilbao, coma moito.


       
    Francisco, Francisquiño, Paco, Paquiño, non podía acreditar que non existisen físicamente as fronteiras. Tiñan que existir á forza: era unha raia ben  negra que viña debuxada ao que tal en todos os mapas que había na escola, xa fosen grandes, pequenos, de colgar, do atlas, dos libros ou os que viñan nos cromos. No mundo non habería outra cousa, pero raias que coutaban as terras había ambute delas. Francisco por cousa do seu metro oitenta e cinco, o seu peito de noco, o seu tipazo de galán, os seus cabelos roxos, os seus ollos verdes mariños, o seu sorriso franco e o seu carácter sen trampa, ao día seguinte de chegar a Suecia, namorou a unha danesa tranquila e festexeira que anos atrás nunha viaxe de estudos a Compostela quedara prendada dun galego que morto de risa decíalle: carallo, chámase carallo, Erika... a ver, Erika, repite, ca... ra... llo. E Erika, estudante de filoloxía, repetía... ca... rra... llo... gusta mucho Erika carrallo ti tes



  Aquel día en Oslo, ao cruzárese casualmente con Francisquiño, Erika dérase a volta feliz ao escoitar a un extranxeiro guapo, alto, loiro, risoño cuns fermosos ollos verde mariños dicir con ansia... Carallo co frío!! Carallo, coa raspa que cae en Oslo!! O carallo que os fixo a todos!! Os ollos azul xeo de Erika e os verde mar de Paquiño olláronse por primeira vez entre carallo e carallo. Ela sorriu encantada de atoparse de vez con tres carallos. El encantado co que aquela ollada lle fixo sentir  no carallo. E falando ambos os dous algo de algo, un pouco de todo, comenzaron a vivir un amor sen tasa nen fronteiras que na hora, cincuenta anos van, froitou en catro fillos e sete netos.  Todos falan galego, danés, inglés e castelán  e saben dicir carallo con propiedade, exactitude, gracia e soltura. Nen Paco, nen Erika, nen o seu amor caralludo, acreditaron nunca que existisen as fronteiras. Dou fé.



    
    Hooda e Munia son galegas verdadeiras, unhas verdadeiras galegas das Bieiteiras. Hooda e Munia son galegas amazigues das Bieiteiras. Bieiteira, díxoio Sarmiento, representaba muller da aldea sabia, benefactorabendecidora, benedicta, bieita... feiticeira de bondades, vaia. Seu pai, meu amigo Mohamed, chegou da terra amazigue hai moitos anos. Andou feiras, festas, rúas e ruelas coa súa caixa de produtos diversos colgada do pescozo e lidiando cun sorriso amplo, amable, verdadeiro e xeneroso, coas dificultades da educación daqueles que vían naquel amazigue do Magreb un mero moro. Mohamed aprendeu a falar coma a xente coa que trataba nas feiras: aprendeu o galego: hai tantos anos disto que aínda daquela falábase afeito.



   
 Mohamed asentou, trouxo á muller, tivo duas fillas e un fillo, traballou arreo, aforrou, e poido montar un honrado negocio de feirante emprendedor. Hooda e Munia, foron alumnas miñas e comigo aprenderon a leer e escribir, a calcular, a pensar, a falar e a conversar... e eu nunca poiden aprender a distinguir unha da outra: igualicitas a dúas gotas de auga, sempre se fartaron de rir coa miña inútil torpeza pra as distinguir; e algunha vez, e sen maldade, que non teñen, embromáronme confundíndome adrede con cal delas era a que era. Hooda e Munia, orgullo de Cedeira, Galicia calidade, fermosura amazigue, foron premio extraordinario de bachiller. Hooda e Munia, coma Paco e Erika, nunca acreditaron nas fronteiras. Por iso agora falan galego, castelán e amazigue coma quen frega.



    Mattia Menchetti, zoólogo italiano;  Maya Guéguen, investigadora suiza e Gerard Talavera, científico catalán, ao parecer sen fiar tampouco moito nas fronteiras culturais, conformaron un equipo de investigación de alto nivel internacional, que nos últimos anos aportaron un coñecemento decisivo pra sabermos dos movementos migratorios dunha xentiña nosa de toda a vida, a linda papaiona Vanessa cardui, mellor coñecida como feiticeira dos cardos ou bolboreta das cardeiras, que tanto ten, ten tanto. Maya, Mattia e Gerard fixeron, están a facer, pois as súas investigacións non paran, uns descubrementos asombrosos, sorprendentes e marabillosos sobre a existencia transfronteiriza da feiticeira dos cardos.


    
    Demostraron e déronnos a coñecer que no nacemento do ano, entre decembro e xaneiro andan recriando pola Africa sub ecuatorial norte, aveciñadas a cebras, xirafas, elefantes, leóns e búfalos.  Daí nace ao remate do inverno, aló entre medias de marzo e abril, no primor da primaveira,  outra xeneración de vanesas que  vai voar ate as fértiles chairas das terras do sahel do país dos amazigue, na hora un mantelo de malvas...e cardos. Alí, nas dozuras dos oasis e nas milagres das chairas molladas as papoulas dos cardos, chegadas dende as calores subsaharianas, críarán unha nova xeneración de fermosas pampurriñas, agora nacidas amazigues.



    A nación amazigue existe, máis que España sorprendentemente non saiba dela e os gobernos españois non queiran saber dela: ao mellor por lembrar a amarga derrota que o grande líder amazigue Ab del Krim  lle causou a primeiros do século XX. Ao mellor por non molestar ao dictador árabe alauita de Rabat. Os amazigues, saibase xa, non son árabes. A nación amazigue subsiste confundida  no nome Berbería. Voz esta latina, romana, siñificante de barbaria, terra de bárbaros, de extranxeiros, de xentes habitantes fóra das portas da fronteira do imperio romano. Igual que os bárbaros  xermanos, os bereberes son os bárbaros do Sahel. Eles asimismo chámasen amazigues. Teñen fala propia, tradicións, costumes, música de seu, bandeira, sentido nacional e cohabitaron un espazo xeográfico inmenso que ía dende Exipto ás Canarias. Os máis dos actuais topónimos canarios son verbas de raíz amazigue: Tenerife, Tazacorte, Teguise...e doe comprobar a xordeira de quen non sabe como doe  escoitar falar da República Árabe Saharahui.



    Un dos últimos exercicios didácticos que realicei na miña vida profesional coma mestre da escola pública foi o debuxo e deseño dunha xeira de decorados pra realización de teatro escolar de sombras.  Eran espazos relativamente grandes de cerca de dous metros de longo e de temáticas variadas:  pazos indús, paisaxes de bosque, un interior dun circo, fondos mariños e entre elas tamén unha paisaxe subdesértica con catro herbaxóns, un nubeiro preto, a súa chovascada, seis palmeiras e un arco que habería de querer representar ser o da vella... O resto do espazo quedaba en branco pra que nel se poidesen mover e contrastar, contra a luz, as figuras que protagonizarían o noso teatro de sombras. Eran as condicións de deseño que a técnica parecía esixirme.



    Quedei este día no feirón de  Ortigueira con Erika e Paco que ao parecer, logo dunha longa ausencia dende antes da pandemia, están a pasar este vrao pola bisbarra. Unha alegría. Isto xa non é o que era, vése todo moi cambiado e non sei se pra mellor, díxome Paquiño. Non sempre se cambia  a mellor Francisco, cambiamos sempre a vellos, iso si... houben dicir por dicir algo. No feirón estaba Mohamed atendendo a súa tenda. Coma sempre saudámonos con cariño, presentéillelo aos galego-daneses e a estes o galego-amazigue das Bieiteiras, que me deu as boas novas de Munir, seu outro fillo, que seguindo o exemplo de súas irmás, acadou tamén notas de excelencia en bachiller e ten pensado adicarse á menciña. 

   
    
    Vaia, díxome Paco ao despedirnos de Mohamed, algunhas cousas cambiaron a mellor: esta xente vai ser de moito proveito pra Galicia. A xente de traballo e estudio sempre o é. Reflexionou Paco,  a quen traballar arreo nunca lle puxo medo, pero os libros espantárono de vez. Vai ser, si, dixen eu, e Erica, mirou pra Paco e falando cos ollos díxo...  Eu si que cambiei ben a mellor o día que te atopei, Paquiño... ti fuches o meu Mohamed roxiño!!. E sorrindo, todos nós fómoslle mercar uns queixos a Carmen do Coruxo Vello, quen, a porta da fermosa plaza  de Ortigueira segue a vender na rúa delicados sabores aldeáns recriados na grata parroquia de Couzadoiro, terra de produtos naturais sen etiquetas, de firmes opositores aos macro-eólicos e de divertidas olimpiadas de saco e sacho: cultura da aldea moderna. 



    Maya, Mattia e Gérard, o grupo científico transfronteirizo aquel, demostraron que aquelas pampurriñas cardeiras que apousaran en terra amazigue, criaban unha nova xeneración de bolboretas que en rematando a primaveira ou encentando o vrao, entremedias de maio e xuño, levantaban a voar a millós e destemidamente de ventos, agaceiros e mares, seguían  migrando a norte pra se apousar nas terras sur e centroeuropeas que nesa altura do ano florean demodo. deixándose estar tan a gusto, pra dar nacencia a outra nova xeración de pampurriñas, que agora chuchan flores europeas: galegas si, mais tamén italianas, francesas, alemanas...ou o que.



    As cousas son como son e non como se espera que sean. Estábamos indo cara os queixos de Carmen do Coruxo, cando Erica deu en inglés un berriño de gusto e sorpresa...one painted lady!!! O demo me leve se eu habería de saber o que quería dicir se non fose polo seu dedo branco e sonrousado que apuntaba con acerto ao punto no que os seus ollos descubriran...unha feiticeira dos cardos!!  que a xuzgar polo moi gastadas que tiña as súas escamas, sen dúbida estaba moi voada e ate apoñería eu que non habería moitos minutos que chegara do sahel e se deixara caer na Alameda de Ortigueira, necesitada de repouso e con degoiros de chuchar nalguna das raras flores que os ultrasegados céspedes municipais autorizan. Vaia, dixenlles eu, aí tedes a esta, que acaba de chegar de terra amazigue. Algunha vella coñecida de meu amigo Mohamed. E sorrín, e pensei en Hooda e Munia e neste discorrer que escribo.



    Vén de África? preguntoume Erica amilagrada no seu lindo galego de toniño danés. Non o podo crerr. As painted lady son a miña bolboreta favorita, unha doce lembranza infantil da miña terra viking. Moito as teño buscado nas campeiras. No final de setembro vénse moito e os cativos xogamos a contalas, e por cada unha  decíamos que viviríamos un ano máis. Eu dunha volta contei cento cuarenta e tres... claro que eran outros tempos. Non me quedou máis remedio que contarlle que Maya, Mattia e Gérard demostraran que no medio do vrao, aquela xeneración que houbera de nacer entre flores do sur e no centro de Europa, daba de novo en botarse a voar rumo a norte, pra buscar os prados floridos das terras bálticas e criar alí, na fin do vrao, unha outra rolda de bolboretas, agora nórdicas, que se manterían nas súas campeiras ata advertir a prósima chegada dos fríos polares.




    Cando os infames anos da pandemia nos recluiron no adentro das nosas miserias, servidor, que de seu vive entrepechado, aproveitou as horas de tranquilo enclaustre pra ver de facer algo con aqueles abortados escearios pra un teatro de sombras que si algún día soñaron ser tapiz das ilusións de infancias, de Hooda e Munia porque non, agora durmían enrolados adentro de calquera caixa de cartón máis ou menos protectora. Durante eses dous anos, só fun quen de completar tres daqueles debuxos. Un peixe que choraba, e chora, bagullas de ouro salgado; unha noite de estrelas no fondo dun mar de soños e unha transmigración de ánimas: os retais  da que van acompañando á par ás bolboretas dos cardos neste discorrer. 



    Sábese, e se non debería de saberse, que as bolboretas son seres psicopompos. Perdóneseme, debería dicir xente que ten o encargo de transportar as ánimas difuntas ate o Alén, o Máis Alá. Sábese, e se non debería de saberse, que as lindas, lixeiras, fráxiles e tenues pampurriñas son o acomodo perfecto pra que as ingrávidas almas nosas se eleven polos aires e sexan conducidas as eternidades. Particularmente as brancas, as pieris, por seren comididas pra conducir ao ceo ás ánimas dos anxos: esa infancia que morría ao pouco de nacer e estando recén bautizada  tiña o ceo asegurado. A súa morte non era, na antiga vida que vivín, nada moi diferente a unha festiña de ledicia discreta. Velaí o porqué ás brancas pieris, a bolboreta das berzas, en galego chamámoslles anxiños e así se entende que ás luciñas que flotan en aceite diante dos santos chamen mariposas.



    As bolboretas son o máis azoso soporte das ánimas mesmas.  Ánimas onde todos  transmigramos deste mundo ao outro mundo. Levámolo labrado nas escamas do peito. Xa o teño contado: eu vin sair voando pola porta dos homes da igrexa de Cedeira á alma branca sen mácula de meu amigo Moncho dos Leonardo que ascendía ao azul encarnada nunha bolboreta branca,  felepa viva dunha ánima pura. Sen dúbida o día aquel, que eu lembro de vrao e claro, no adro da igrexa, ao pé da eira de terra onde xogábamos a facer cocos nos peóns, empezouse a conformar este discorrer ao noroeste do Noroeste que agora miras e lees.



    Na triste distópica pandemia cóvica na que as campeiras esbandalladas non podían criar bolboretas dabondo pra tantas ánimas mortas, servidor, recluído no seu faiado que linda coas nubes, debuxando á carón, na soidade acompañada na que vive, deixaba ir e vir seus pensamentos,  ideas aboiantes,  cousas sentidas, sen mestura da razón reflexiva, sentimentos que pouco a pouco, logo de parecer luz de revelación, íanse apousando no papel, escaqueándose entre o branco e o negro... e, quedando alí impresos, simulaban criar un mundo de soños, de ilusións surreais, de lembranzas imaxinadas, de  certezas da alma que se entrallaban coas sombras da historia, as negras sombras daquel presente de horrores e mentiras, de enganos e desenganos, de falsarias novas normalidades e das vellas infamias de sempre.



    Claro que sí, Erika...as painted lady como lles chamas ti crían  unha última  xeneración nas túas terras viking e dende alí en canto sinten que baixan os días  remontan o aire subindo ben arriba dos mil metros... collen os ventos do norte e deixándose  arrastrar por eles saben chegar as terras de seus pais, avós e bisavós...  algunhas delas cansas e estropeadas poden pousar por acó, por Galicia a primeiros de outono, ou na fin do vrao... eu teño fotos dunha chuchando esfameada nas flores dunha edra... pero as máis delas son quen de atravesar mares, sobrepasar Pirineos e Alpes e chegar voando ata as terras medias do Magreb amazigue... onde naceran as súas avoas e han nacer as súas fillas, as que pra fin do ano voarán tamén elas a sur pra criar e refolgar na África ecuatorial e volver a empezar o ciclo da vida... que me dís?...díxome Erika... asombroso... nunca tal imaxinei... nen escoitei. Nen ti, nin eu,  nen ninguén... díxenlle... ate que se descubriu este seu comportamento. E non hai tantos anos... non sei se no 2018 ou por aí... un algo antes da infame pandemia... realmente é un saber novidoso...



    No crú inverno do noroeste do Noroeste poucas cousas agariman  mellor o espíritu que imaxinarse no sahel amazigue, dourado de area, cheo de sol, lustrado da luz,  adurmiñando o corpo, abrigando os soños nas sombras dos oasis, esperando así coa ollada entrepechada o fervorón instantáneo de flores e cores dos campos onde pacen os dromedarios dos homes azuis, os tuareg amazigues navegantes da area, ánimas hospitalarias e acolledoras, que van e véñen -ou ían e viñan, que todo cambia- polo inmenso Sahara, atravesando marouzós sen fronteiras, entre as miles de almas subsaharianas, as dos homes negros, que coa ollada chea de espranza e temor, van subindo a norte, pasando os mares, os desertos, as cordilleiras, as maldades, pra poder arribar a outra terra con outras flores, outros campos, outros mares e outras maldades, onde non desesperan poder traballar enrolados nos barcos que se baleiraron dos homes das vilas que un día se dixeron con chufa  mariñeiras; e hoxe, o pouco peixe que sae do mar pode ser despescado por maos escuras de pel negra e ánima emigrante, que acó se pousaron pra que ti, que les isto, poidas asar peixes na brasa e seguir esbardallando, alucinando, con que vives nunha vila mariñeira.



    E as miñas maos, sen querer e sen arte, debuxaban naquel papel reaproveitado, os marouzós de area do Sahara, as chairas estoupando en flor, os herbaxóns espiñentos que sobreviven nas secas; as palmas que coutan á paisaxe ao lonxe, fronteirándose cun alén ao que se dirixen en tropa de centomiles, vanessas carduis destemidas, valentes diante do xegante deserto, dos mares que ameazan, dos ventos que as destrozan, das arriscadas distancias ou dese agaceiro furioso estoupado dende unha nube na que fan casal os nubeiros refeitos do  egoismo e o espanto e van pingando á cachón sobre os campos que esperan esa auga pra anagarse demodo e poder regar os seus adentros onde se ocultan -do sol, das xeadas e das olladas- miles de millós de malvas e cardos que de momento son sementes durmidas nun leito de area, pero mañá acordarán ao floreal da vida co retremor dos tambores da banda dos chovascos doentes.



    Hai moito tempo que non falo con Hooda e Munia. Na vida cada quen ten o seu voo e dá en ir pacer a tarreos diferentes. Pero si vou sabendo delas por seu pai, meu estimado Mohamed, home cabal, a quen pregunto sempre como lles vai e por quen lles mando sempre unha aperta garimosa expresándolles o meu orgullo por ser apreciado por elas; e ben sei que seu pai, meu admirado Mohamed, transmítellelo con agarimo, e de volta trasládame os seus recordos e estimas. Na distancia, voando as palabras como bolboretas mensaxeiras, seguimos sabendo de nosoutros, ben que sexan noticias breves.  Só lles desexo o mellor vóo que a vida pode dar: moita saúde. En todo o demáis han saber acertar. Con xente así, Galicia está de noraboa, cada día máis linda e mellor. Con outra, que coñezo de toda a vida, non sei que dicirche.



    Paco ollou pra Erika embobado coma sempre. Parece mentira que ao aproximarse á setentena ande máis namorado que hai cuarenta anos. Impulsivo e pouco mirado de convencionalismos, estampoulle un bico imprevisto nas fazulas, e non sei se antes ou despois de bicala díxolle: Hui a miña painted lady vikinga!!!.... que me vai durar cento cuarenta anos!!... polo menos Paco, polo menos, dixo ela regueifante, que doutra volta contei duascentas catro... o que non sei é cantas contaches ti, Paquiño... e esmendrellándonos de risa, e levando o queixo de Carmen do Coruxo Vello fumos indo pouco á pouco a coller o coche. Coincidiu pasar polo toldo tenda de Mohamed, despedímonos del, encarecéndolle de novo os recordos pra Hooda, Munia e Munir e viñémonos vindo. Podédesme crer que camiñábamos ollando os desflorados céspedes municipais coa espranza de ver outra painted lady. Non houbo ocasión. Que va! Sen flores...que queres?





   E fumos deixando o feirón, esa permanencia da economía medieval na que a parte galegos feirantes e xitanos de mercadillo, hai comerciantes amazigues e subsaharianos honrados e laboriosos, ánimas emigrantes, que van e veñen, veñen e van; xente humilde e calada, que cando a pandemia cóvica, na que eu tirado no chan imaxinaba esta transmigración de ánimas que mal debuxei e peor escribo, non recibiron nengunha axuda nen apoio e sobreviviron sen choros de hostelería como poideron, coa espranza de poder mellorar a vida, a deles, a dos seus  e a daqueloutros que deixaron lonxe, nas aldeas da sabana, nos vilares das montañas ou nas aldeas dos fraguíos; esas xentes, cando miran por primeira vez nesta terra galega a unha bolboreta das cardenchas, ollan pra ela coa sorpresa de recoñecer unha pequena presenza e memoria da súa patria, da súa infancia: ao fin unha mensaxeira D´alá portadora de boas novas africanas e azos de ánimo familiares. O ser sen burocracia non acredita fronteira. Voando por riba do mundo, de continente en continente, as painted ladynon vén esa raia escura, esa fendecha, que nos separa. Só vén unha terra en continuo, a mesma terra, a súa terra, a túa terra, a terra de todas. Miña casiña, meu lar. 




    A Erika e a Paco, débolles moito. Non é a menor das débedas as longas horas de risa, lecer e gozo que coa tropa de seus netos roxiños demos en pasar xuntos contando contos, xogando ás deitas ou lembrando a risa desafalazada da avoa vikinga o día aquel en que me escoitou propoñerlles os seus netos esta destemida adiviña que eu aprendera de neno da voz liberal da miña bisavoa Olegaria: Ghordo lo tengo, mas lo quisiera, que en el medio de las piernas no me cogiera. A loira avoa vikinga, inspirada en cervexa de Galicia, e inasequible as cursilerías, berrou leda: O carrallo dos galegos... prresente!!!!. Pra eu contestarlle igualicito a como me respondía miña bisavoa: Non sexas mal pensada Erika, a resposta é... o cabalo.  




    Con Hooda e Munia, estou tamén a deber: das súas gorxiñas escoitei o impagable canto puro infantil das montañas amazigues que elas tamén aprenderan de súa avoa. De veras. Nunca entendín o que cantaban, pero hoxe que rebobino na lembranza as súas voces ledas, empezo a criar a sospeita de  que tal vez, lle cantasen ao voar das pampurriñas amazigues que voan lonxe.

Voa voa, papouliña... voa voa, sen parar... voa voa, vaite lonxe... voa voa, u-lo vas?...

Papouliña na roseira...  papouliña polo mar... papouliña polo aire... papouliña no ouzal... 

Voa voa, papouliña... voa voa, sen parar... voa voa, queridiña... cantos anos hei durar?


    Poidera ser que xa o lésedes ao pasar. No redebuxado esceario que quixo ser un teatro de sombras,  no lado esquerdo, por riba da raia  do horizonte, escribín ...  A transmigración das ánimas...  e e no lado da dereita... Hooda e Munia, un supoñer; encetei daquela a escribir este discorrer que no punto fina.

    A débeda que arrastro con vos, miña ben querida e pouca xente, non fai máis que aumentar cada vez que chegades ao punto de remate destes discorreres. Abofé que sodes xente de mérito. No caso presente, máis se coubera. 

    Coa vosa licencia quixera adicar este discorrer migratorio a toda a xente que algunha vez me soportou nas aulas. 

    Prometo estar agradecido.

    Sede bos que guapas xa sodes.

    A mandare.



                            PAZ  E  PALABRAS



Algúns achegos pra estar moito mellor informados.


a) Cultura Amazigue. Excelente páxina da Cátedra Internacional de Cultura Amazigh. Pra ter unha visión rápida da cultura amazigue.

b) La Puerta de África. Artículo de Celia Fernández Guerrero para unha rápida introducción á historia e situación actual da nación Amazigue. Con moitos achegos pra ampliar información con fundamento.

1) Institut de Biología Evolutiva.  Dependente do CSIC.  Información científica de calidade.

2)  Fermoso e didáctico PDF. Do MCNG de Cataluña. En castelán. Moi apto pra escolas e institutos.

3) De National Geographic. No estilo habitual desta marca. 

4)  De CORDIS. Divulgación científica de nivel.

5) The Royal Society. Artículo en inglés dos autores da investigación. Do ano 2019.

6) Video en Youtube. Excelente divulgativo pra educación de rapaces e comprensión de adultos pouco informados. Enfoque un fisco esaxeradamente  de exclusividade catalana. Perdoable. 


Despois de Data:  Estes discorreres, (con perdón, un novo  xénero discursivo e comunicativo imposible antes de blogger, no que imaxes e palabras van entralladas entre si a ser posible con coherencia, pra transmitir unha mensaxe intelixible: quer dicirse unha arte nova) adoitan ter a posibilidade de ser mellorados pola pouca xente sensible e atenta que ten o valor de traspasalos do cabo ao rabo. Non son poucas as veces que tal cousa se produciu e que as mensaxes, ora privadas ora públicas, que me enviástedes melloraron pouco ou moito a redacción primeira. Ao bon amigo Cosme Damián este discorrer de agora debe a presenza de feiticeiras. Neste caso nen pouco nen moito, simplemente substancial. Con lectores así, calquera. A mandare. En obriga, Damián.

8 comentarios:

  1. Grazas polas túas verbas, pola referencia tan liñal e ampla da feiticeira dos cardos e polas ligazóns tan proveitosas do final! Apertiñas mestre!

    ResponderEliminar
  2. Ben querido amigo graciñas debo darchas eu por facer voar ata esta entrada ás feiticeiras. Poderás acreditar que xa apousaron no texto. Como debe ser. Unha forte aperta. A mandare.

    ResponderEliminar
  3. Coma sempre, unha ledicia de ler e ver. Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas... mañá as doce e media...esas rubias de Galicia !!.

      Eliminar
  4. Fermoso relato Rafael, e instrutivo tamén. Gracias

    ResponderEliminar
  5. Moi agradecido…alédame que fóra do seu contento…siga a visitar este curruncho

    ResponderEliminar
  6. Marabilla das letras, as artes e a natureza. Qué sorte pra nos facelo todo tan ben e que o compartas.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas Alicia...si xa me parecía amin que esta entrada tan literaria che habería de gustar...que contento estou!!! A mandare.

      Eliminar