XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 26 de xuño de 2023

Miña ben querida xente...


 ...moi agradecido por andares preocupados coas miñas ausencias. Razóns pra os vosos temores non vos faltarían, pero a verdade, a grata verdade, e que servidor de vez en cando tómase cumprida ausencia deste espazo e dá en andar trafegando noutras latitudes e lonxitudes que ocasionalmente me despistan das estreitas e estimadas lindes do meu pequeno mundo e obríganme a deixar pra mellor ocasión abrir esta fiestra de palabras e imaxes, ao andar paseándome xa dixen, por outras xeografías e tempos. Pode que percurando un boullón de augas en Sanandrés de Teixido no ano 1939, os maios da miña benquerida Vilafranca, as orquídeas da Enciña da Lastra ou os insultos do inglés as costás galegas no século XVIII, sen deixar de repasar as causas do devastador esquilmo histórico das ostreiras galegas e claro está a permanente visita de conversa coa obra do meu admirado Martín Sarmiento.

   

    Así é miña ben querida xente que de momento sigo por acó feliz na vosa compaña -que sinto detrás deste vidro de silicio- e coa da xentiña salvaxe da diario, que me acompaña, me dá conversa e me entretén as horas neste pedaciño de monte que é o meu pequeno e perdido tarreíño, esta agreliña cativa, informe e desaxirada do rueiro de Fernando Lago. Síntome por iso un ser afortunado: no meu aislamento non estou só: teño amistades espesas ao lonxe e seino ben xente ao meu pé que me quere e me soporta, que me aprecia e me dá azos con pacencia e cariño. Que máis se pode pedir? Só saúde, que sen ela todo é nada.




    Vanse arrimando ás miñas palabras medio cento de imaxes, case exclusivamente de xente do meu pequeno mundo. Algunhas  que se colaron case sen querer, pertencen aos morouzós de Ortigueira, esa outra patria, pero o resto son xente da miña compaña diaria. Se apreciades un exceso de protagonismo das arañicas pinchadoiras ou saltícidas, teredes razón e pedireivos caridade comprensiva pra con este aracnómano vicioso e irrefrenable. Escusas, prego.

    Permitídeme agora que rompendo unha tradición de impersonalidade me dirixa directamente a algunha xente coa que me sinto moi honrado pola lectura e observación atenta deste blogue. 






    Jaio: ben sabes canto agradecen os meus macros as loubas que lles chegan da túa mao dende Euzkadi, pero ao mellor nunca souben expresarche os meus agradecementos pola túa xenerosidade, e ao do amigo Jokin, ao me facerdes partícipes das vosas noticias do paisano en  mao común Antón de Garay e aínda por acrecentar a miña bibilioteca co galano dos dous raros e preciosos libros que a vosa editorial A Fortiori editou e que a  vosa liberalidade  fixo chegar á miña casa. Non quixera outra cousa máis que saúde pra beber txacolí e cantar por Gorlitz, pasear Plentzia e ir deixando xear  pola ría adiante, Deusto a un lado, Bilbo ao outro, Quique Pantín ao leme e aló no fondo, o húmido, inmenso e inquedo Cantábrico, casal de brisas e galernas, patria e camiño común das nosas xentes e os nosos peixes. Gora Euzkadi, la mar me coma!!.





    Sonia: mentres teña alentos seguirei deixando que as miñas verbas saian da punta dos dedos, biquen as teclas e por aí se fagan palabras escritas conformadas de pícsels electrónicos. Créeme que saber que nese outro lado do mundo (que non vexo, pero sinto) hai xente capaz de ler o que escribo -e algunha emocionarse- é o degoiro que lle dá inxirada ao meu ánimo pra compactar á miña voz en texto electrografado. Sen a xente, pouca e por iso selecta, que seguedes a ler este blogue e a disfrutar da conversa a ollos cheos cos bichiños do meu pequeno mundo, hai moito tempo que xa non seguiría a escribir: a insensible xordeira dos imbéciles e escuros, que ano a ano esténde a súa peste biocida sen freo, control nen vergoña, hai tempo que tería afogado o rosmor vital do noroeste do Noroeste. Vosoutras dádeslle azos, corazón e vida. Mil mercedes. 




Berta: sei que sabes que  son quen de escoitar  o silenzo calado das lectoras da primeira hora deste blogue: vosoutras as fieis e asombrosas ceareiras deste pouco espazo de paz, palabras e natureza. Dende hai anos, sen dicir nada, ou algo de cando en vez, chega ate onde eu estou no curruncho abrigado do meu pequeno mundo, un roce de follas, un zunido seco de insecto, un arrolar de brisas, un aéreo falar de choias... sonidos todos que me traducen o teu pensar, o teu sentir e eu, atendo aos seus siñificados, aprendo o que ti sabes e así eu sei o que hei dicir e como o hei dicir. Só podo estar agradecido. Por estar aí logo de tantos anos e chegares silandeira ata o meu pequeno mundo sen outro ruído co lizgairo son do aleteo dunha pampurriña de mil colores.




Lucía: que saibas que aínda hoxe sorrío cada vez que rememoro que un día escribiches que eras unha fan de póster da miña escrita. Creme que nunca escoitara  comparación á maneira nen nunca dera en imaxinar a posibilidade das miña oracións ter por algures unha fan de póster. Sería entendible delirio de adolescencia de heroínos poperos se eu fose carne de portada do Pronto e ti adolescente en inxenua floración, pero eu son un vello carcamal malhumorado e ti unha sensata cum laudem doctora en historia cuia única extravagancia detectable é proclamarse fan de póster dos meus textos. Sempre agradecerei que remataras con agrado a lectura de aquel duro, enxoito e erudito texto que chamei Martín Sarmiento, o primeiro naturalista, un xardín aberto a todos e pechado a moitos: de que eu saiba só tres persoas o recorrístedes íntegro. Obrigado




María Xosé: nunca deixarei de lamentar que foses sufridora estoica da miña maleducada vehemencia inelegante. E non por ser creador de tan malos modos, senon por ser ti receptora inxusta, e debo dicir tolerante e tranquila, da miña verborrea á cachón, que tampouco se xustifica por esa tan espaleada crenza supersticiosa que afirma que a xente que se adica ao servizo público ten que soportar as imbecilidades de todo tipo de sandio, necio, parvo ou escuro a quen nun momento dado se lle crucen os cables dos poucos circuitos neuronais cos que imaxina acadar pensamentos intelixentes. E aínda máis, moito máis, por terme ofrecido tantas veces probas concluíntes da túa amistade, sensibilidade, intelixencia, educación e cultura; e tamén por ser lectora feliz dos meus escritos. Gratia plena.





Carmen: quedaches pro último sendo como eres á primeira. A primeira en ler,  en estimular, en soportar, en aceptar, en acompañar, en animar, en dar azos, en resolver, en confortar, en estar sempre positiva, laboriosa, atenta, creativa, disposta. A primeira en facer feliz aos teus por riba do mundo, en saber vivir con pouco, en desprezar os malos modos, a mala educación, a intolerancia, a necedade, a envexa, a soberbia. Por riba de tanto valor e valer este blogue débeche estar sempre pendente da súa ortografía e puntuación. Sen o teu ollo atento, crítico e revisador este blogue habería ser unha chafullada gramatical onde as comas bailarían o can can, os puntos serían carne de reguetón, as tildes rockeras drogadas e os puntos suspensivos un festimal de vagos e maleantes. Este blogue débeche moito pero eu déboche moito, moito máis. Ben sei que o sabes, pero quería escribircho a berros. Non perdas as mañas. Ti xa sabes que os meus bicos son teus.



    Moi agradecido miña xente por entender sen ciumes que este discorrer que xa vai rematando vaia adicado en persoa a cinco mulleres individuais realmente existentes. 



    Poderían ser outras tantas e algunhas máis e dende logo poderíades ser outros tantos e algúns máis. Escusas prego.




    Vai quedar a cousa acó. Por se poidera servir de desagravio por  tanto tempo de ausencia vouvos librar da miña prosa rebuscada e deixarvos na compaña dalgunha xentiña do meu pequeno mundo, que este ano máis ca outros enche de vitalidade biodiversa as diminutas selvas herbáceas do meu tarreo. 





    Ogallá coa contemplación destas luces, desfruten teus ollos, descanse o teu espíritu e goce de saúde o teu corpo. Nada mellor desexamos as xentiñas do meu pequeno mundo: de ti sabemos que podemos esperar que deixes medrar a herba que nos dá vida. Dos outros, dos biocidas segadores, que non nos ven, nen nos sinten, nen nos aprezan, pouco podemos esperar non sendo destrución, desbroce desfeita e morte. Ben o sentimos cada día. Cal que neixin flors a cada instant. A ver se nos entenden. 




A mandare.








PAZ  E  PALABRAS

14 comentarios:

  1. A pel de galiña lenda a dedicatoria a Carmen. Límolo os tres. Emocionante. Bkñs

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Miña ben querida xente...bicos e apertas a feixes por duplicado. A mandare.

      Eliminar
  2. Que ben escrebes, da gosto saborear as tuas berbas.
    Que nunca a tinta remate nin os teus pensamentos se murchen. Un abrazo amigo é mil berbas ao ar para festexar as instantáneas das especies nese plácidas o mundo que te rodea.
    Unha aperta

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Moi agradecido e honrado. Unha forte aperta.

      Eliminar
  3. Sempre é unha airexa fresca máis aínda en tempo de temperatura estival, a leitura do teu blogue. Benvido de novo

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola Fernando, alédame que che presten as miñas verbas...non perdas as mañas. Unha aperta.

      Eliminar
  4. Fas ben en rarearnos os "posts", porque cousas tan boas moi frecuentes poden crear adicción, ha, ha,...
    Alucino unha vez máis coas fotos.
    Unha aperta e ata vernos.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Opa Álvaro!! Se estes discorreres rarean é máis cousa das miñas circunstancias vitais.... e de que o día só ten vintecatro horas. Vémonos. Unha aperta.

      Eliminar
  5. Fermoso texto e abraiantes imaxes, Rafael. Graciñas

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas a ti Xaco por vir visitar o meu pequeno mundo e as túas palabras. Non perdas o costume. Unha aperta

      Eliminar
  6. Impresionantes fotografías

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Se che digo a verdade o mérito é da fermosura dos bichiños e das herbas. Eu só intento reproducilas o mellor que poido. Graciñas.

      Eliminar