Non hai moito un amigo meu, bon naturalista, excelente ecoloxista e mellor persoa, daba en dicirme que a pega rebordá, Garrulus glandarius, corría en galego verdá, co nome de galo. Argumentaba que tal escoitara dos beizos dun vello campesiño; razón que na maioría dos casos é suficiente para convencer a calquera.
Madialeva, hai que dicir, como lle dixen, que ou ben el escoitou mal ou ben o seu informante xa tiña deturpada a fala, pois a pega rebordá, reboldá, regordá, rebuldón, marza, marta, marxa, meiga e aínda veiga, cada un asegún onde, leva de vello o nome de gaio, e non de galo e dende logo de nengún xeito gallo.
Sarmiento, ese imprescindible a quen hai que volver unha e outra vez, deixou establecido a orixe da voz: glans, glandis, a landra, ou froito do carballo, de onde nacería a antiga forma de Pica glandaria, (e derivaría a máis moderna de Garrulus glandarius), polo costume desta ave de se tragare enteiras as landras quercianas. Desta mesma orixe serían a voz francesa geay, a italiana ghiandara e a castelán gayo, que refiren todas a mesma especie que andamos a comentar.
Gaio, voz xa de menor uso, é, xa que logo, o nome enxebre e de seu da pega rebordá, voz, que por certo, deriva directamente de “pica roboretana porque se tira a las bellotas de los robles,(Quercus ruber) pues en Galicia no hay encinas sino en Valdeorras”. Sarmiento dixit.
Certo que Eligio Rivas Quintas (Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca, (1978)) aporta para a rebordá, e recollido en Becerreá, o nome de galo cristo. Pro é certamente a única referencia da voz galo para Garrulus glandarius e debería de encadrarse na teimosía da xente galega en cristianar con nomes moi familiares (cuco, lobo, raposo) a un abondoso número de especies, xa vexetais, xa animais.
De galo, no impagable Dicionario de dicionarios da Lingua Galega, dei en recoller estes usos: galo crista e crista de galo (varios vexetais, pro sobranceiramente as orquídeas do xénero serapias) galo monteiro (familia scolopacidae, con preferencia as becadas e o pito da neve, Vanellus vanellus, pro tamén a freiriña, Fratercula árctica e aínda a unha especie de libeliña, por Cornea de Baleira), galo de mar (Zeus faber, o saboroso peixe que chamamos sanmartiño), galo mariño (o freiriño, e tamén a cotovía, Galerida cristata, pro pra min esta última con moitísimas dúbidas: paréceme unha errónea interpretación dunha entrada do Eladio), galo merdeiro, galo merdento e galo merdoso (a bubela), galo brabo (sic) (aparece no Constantino García “ave de color blanco y rojo con una pequeña cresta levantada y las plumas del rabo en forma de abanico”, ¿a bubela?), galo da braña (o ouriol, e tamén “pájaro de invierno que anda en bandadas, de patas grandes y cuerpo menudo” C.G.), galo cresto (a pega rebordá, e tamén “pájaro de color ceniza con tres picos en la cresta” C.G.), galo grande (o peixe que se agacha baixo o termo Lepidorhombus whiffijagonis), galo copo (pola banda da Limia a unha especie acuática que non se especifica) e galo merendeiro (en Cornea de Bandeira, chaman así a unha especie de libeliña). E deixaremos pra outra os nomes de pito e pita, que tamén.
O galo, ben se leu, da moito xogo, pro non tanto como pra alcumar, como fan algúns modernos mapas, ás agudas penas que, esgalladas da costá, sobresaen da flor da auga diante da Punta Candieira, no máis exacto noroeste do Noroeste. Cons os que de sempre lles chamamos Os Gallos da Candieira, e aos que algún castelanizador, se non encirrado si enverzallado, e para proveito de risas, deu en rectificar co nome de Los Gallos. Erro que só puido superar un posterior galeguizador, se non menos adoecido si máis averzallado, quen, querendo corrixir o erro, multiplicouno chamándolles… ¡Os Galos da Candieira!.
Xa o explicara o mestre Borges: tres cousas hai abominables na Historia, os espellos, a paternidade e a impresa, pois, dicía, multiplican ad infinitum unha realidade imperfecta. Claro que, para daquela, aínda non se inventara a Internete.
E quédense acó estas verbas, e con elas, miñas e meus, o meu agradecemento por estardes aí. Que sexa por moitos anos. Apertiñas.
A mandare.
Nota marxinal: Os santos que acompañan estas verbas non son nada doutro mundo (e pouca cousa deste parecen). Que a rebordá sexa xente de trato máis ben difícil, sempre escorrentándose, sempre a berros, axocándose por nada e aqueloutrándose por menos, non xustifica tal pobreza de rexistros: estoutro día non lonxe de Goiriz, na Chá, deixóuseme coma nunca tal fixera e foi tal o meu desacougo que non lle dei feito unha foto guapa. As cousas dun zoupón.
Efectivamente freiriña, é unha ocorrencia persoal, que ao mellor xa tivo outros ocorrentes, para desinar a Fratercula arctica. E aínda non me parece que estea tan mal tirado: de frater, freire. Se gusta, úsese. Irei servido.