XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 5 de agosto de 2021

Menos mascotas

 (Todos os bichiños que andarán entre letras son da miña pequena xente do meu pequeno mundo, ese non xardín, ese pequeneiro anaquiño  de monte entre xardíns, onde poido ver e aprender como é que xurde e bule a vida entre  herbas e flores montesías) 



 Unha teima que a servidor, curioso do que pasa, o ten  entretido nos últimos tempos é a observación da relación que a sociedade megaurbana actual está a manter co mundo animal. O megaurbanismo manda e ordea. Os megaurbaniños dictan modas e crenzas. A megaurbe crea e expande, imbricadas, ideoloxías e economías novas. A natureza da megaurbe é piche, cemento, sílice, petróleo... A impostada e falsaria natureza das cidades son os parques, os xardíns,  as lagoíñas, as fontes de adobío, os zoos... e os millóns de mascotas que, en menos de tres décadas, a fantástica capacidade publicitaria dos grandes negocios multinacionais, Mars Petcare (Whiskas, Royal Canin) Nestlé-Purina, Procter and Gamble, Affinity...etc, etc, etc,  conseguiu coar de contrabando nos pisicos megaurbanos de cada quen. Meros monicreques. A megaurbe das redes electrónicas refinou en eficacia o tradicional modelo de alineación, embaucamento e captación capitalista, modelando a moitedumes de megaurbaniños, (progues, perroflautas, cayetanos, hispsters e normalines, concordando), en parvifelices unidades irreflexivas de consumo e gasto: duplicadas, triplicadas e multiplicadas por cabeza de mascota comprada, regalada ou adoptada. A cobiza gañancial capitalista é a vontade que move os fíos dos monicreques. Só o dubidan os monicreques.


   A megaurbe dominante, avasaladora,  destrozadora de xeografías, viciosa do crecemento sen mesura, condenada a desmedrar pra poder sobrevivir, volveuse un termiteiro incesante de polucións antiecolóxicas. A megaurbe (creadora  de bálsamos anímicos pra as moitedumes que se abrazan a modas, crenzas e conceptos só porque nunca antes se pronunciaron) fabricou idealismos falagadores que embriagaron as megaurbaniñas coa cega alegría militante do ser deslumbrado pola luz dunha revelación: o Animalismo como ideal colectivo e o Mascotismo coma concreción real do compromiso  persoal. Sen dúbida unha das expresións sociolóxicas e ideolóxicas (con hábitos de consumista competitivo e modos de secta relixiosa) máis significativas, trascendentes e dignas de análese da sociedade capitalista das últimas  décadas. 

    
Os cidadáns megaurbanos non tiveron nen crianza nen educación natural. Coñecen o mundo exterior á megaurbe cos ollos do seu mundo interior megaurbano. Nunha megaurbe, pode ser que haiba quen crea que Bambi é un documental, tal vez basado en feitos reais. Nas megaurbes a especie humana, que por  rexistro xenético  necesita o contacto con outros animais, aceptou sen pensar, nen saber o que facía, a proposición dos logreiros negociantes de comprar, manter e coidar mascotas; enténdase: animais desnaturalizados e obxetualizados, pura materia comercial. Fidelizando así, de por vida da  mascota, a masas millonarias de clientes inxenuos, apresados pra anos no consumo da moi ampla e cara mercadoría e no uso dos luxosos servizos do mundo mascótico. España nun ano gasta máis en perruquería canina ca o presuposto anual de Cáritas.

E aproveitándose da triste verdade da soidade universal na que vivimos, convencéronnos de elevar ás mascotas, insensatamente, temerariamente -beneficiosamente pra pusvalía- á categoría de membros de pleno dereito da sagrada familia de cada quen. Obra mestra da suxestión publicitaria, sen dúbida.

 E aquilo ao que se adora, no que se cree e que é moda na megaurbe, anunciado diariamente con estrondo nos oportunos programas de TV megaurbanos, infecta, tal un hálito mental, á realidade social toda: dende Teixido a Xangai.

 O capitalismo megaurbano quere comerse o mundo. Seu plan está trazado: da Natureza fará xardín, e da Fauna fará mascota.


   Estimulada polos logreiros negociantes esta posibilidade infinita de negocio, encima da falsísima zooloxía sentimental aprendida en cen anos de debuxos animados humanizados, estercouse unha lixeira pátina gúglica de crenzas orientalistas, estimulouse o veganismo, publicitouse ad infinitum o animalismo, embaucouse ao tradicional papatonas infantil izquierdista e, ao tempo  que a frecha dos beneficios capitalistas se disparaba aos ceos, na terra quedaba impresa, arestora imposible xa de disimular, a desastrosa pisada  ecolóxica que tan desaforado, desatinado e aloucado desmedre comercial do mascotismo está ocasionando dun modo solapado, devastador e irremediable.

 A interesada Utopía animalista revelouse finalmente como a grande Distopía mascotista.

 A destemida nación de 163 millóns de cans e gatos, só de Estados Unidos -Meca do negocio- traducidos en consumo de carne, colocaríana en quinto lugar  dos estados nacionais a nivel mundial, só superada por China, o mesmo EEUU, Rusia e Brasil. Aproximadamente o mesmo impacto climático que 13,6 millóns de automóveis durante un ano. (Europa Press 2017) 

 Desastre só posible pola irreflexiva connivencia vergoñenta entre unha cidadanía cada día máis alelada e desinformada e o intelixente, e calculador, negocio mascotista carente de escrúpulos medioambientais.



  E só falamos do consumo dun úneco produto nun só país. Aporte a vosa imaxinación, ou busque en rede, que consecuencias traerá a nivel mundial, ou local, o desafalazado consumismo mascotuno: garántese flipar de balde e alucinar con arcos da vella. 

Por fin parece existir xa un movemento científico internacional disposto a deixar coas vergoñas ao aire ao mellor negocio contraambiental dos tempos modernos: o poderoso cluster animalista-mascoteiro.


    
 A unha modernísima mente megaurbanita, electrónica e esnifapiche, poderalle parecer raro, exótico, primitivo, e poidera ser ata noxento e gomitable, pero na casa da Costa onde nacín, a canda a min criábanse gatos, galiñas e as súas roladas de pitiños, coellos, porcos e durante uns días do vrao, antes das festas da Patroa, recriábamos un perico que convenientemente matado, despedazado, adubado, empotado e asado na fervencia do forno da Señora Dolores, habería de facer do mantel branco que descansaba na mesa do comedor, un campo da festa da abundancia e da ledicia, exaltada polo padal gostoso dunha carne delicada, saborosa, que por baixo da costra churruscante e docísima, recendía aínda ás herbas do campo onde eu o alindara. 


    O Tío Andrés,  meu parente, tiña un sorriso amplo e franco que se escondía entre as enrugas dun rostro nunca xamais ben afeitado. Por entre os pelos brancos, e por baixo do seu bigode,  saía aquela voz, por veces incomprensible, que ordenaba coller o chino que berraba aloucado e termar del polas orellas e o rabo. O Tío Andrés, dacabalo do porco, levantáballe o pescozo e agarrandoio por baixo do fuciño afundíalle na gorxa, con presteza e sabencia, un longo coitelo de ferro que acababa nun intre co sufrimento do animal; daquela víase saír o sangue a chorros, a chorros de sangue escura, case negra, vafarenta, que ía enchendo o caldeiro ou a tina, onde a mao de miña bisavoa, a Señora Olegaria cunha escumadeira, dáballe voltas e máis voltas  sen parar, pra que o sangue non callase.


    O Tío Andrés  -pra daquela o porco morto, calado, patas arriba na bacía, escaldado con auga fervendo- collía unha ferrada -ou dábanlla, que xa todos sabíamos- e con ela apañaba un papado do sangue do caldeiro e bebía un grolo amodo que remataba  nun suspiro de satisfacción mentres limpaba, coa manga dunhas roupas revellidas, os pelos do bigode lixugados de sangue, antes de sentenciar: "O sangue fresco é o que mellor sabe do porco". 


    E nunca escoitei a ninguén levarlle a contraria. Tampouco, verdade é, nunca souben de ninguén que a probara fresca e morniña. Era un dereito atávico do executor da vítima. Un acto ritual antigo, unha eucaristía,  unha comunión totémica, que redimía a ollos da Vida a aquel que executaba o necesario oficio sacrificial, sacerdotal, de matador. Matachín... nalgún tempo de non hai tanto, un traballo necesario, imprescindible, normal, corrente e natural. Vital. 


    Aos cativos e ás cativas non se nos privaba de asisitir, ver e aprender, nen se nos libraba dos labores propios. Alén dunha compasiva misericordia agradecida pra coa vida animal que  naceu en min coa convivencia, crianza, morte e gustación dos animais da casa, non son capaz de recoñecer a herdanza de nengunha outra pegada, nen sequera esas fáciles de profetizar pola psicoloxía de manual  de poderen sementar na miña alma  unha violencia futura que algún día podería convertirme, quen sabe, nun gorilón de discoteca ou nun descuartizador en serie. 

    
Na casa matábamos animais. Toda a miña infancia e adolescencia, na cociña da casa ou nas vigas das cortes, convivín con cadáveres de animais, colgados pra mellor se desangrar e refacérense. A mesa, onde tería que estar estudiando os textos de Bachillerato e sobre a que habitaban exclusivamente as miñas fantasías, non distaba metro e medio do  quintal de porco colgado que me ensinaba os touciños e as entrañas abertas, encarnadas, estiradas cun par de paos. Velaí O boi en canal de Rembrandt, unha imaxe doméstica e familiar. Da tradicional cultura rural europea. Os recendos do sebo do perico seguen andando na miña memoria enfrebados cos afluintes do Río Douro, os aburridos quebrados,  ou os complementos circunstanciais da análise sintáctica.


    Convivín con cadáveres e fun, co entusiasmo dun cativo, partícipe da súa morte, despedazamento e transmutación en zorza, chourizos, roxóns, pingo, lacóns, xamóns, raxo, longaniza ou costela salpresa. Fun, e son, un entusiasta comedor e degustador de cadáveres.  Sen presunción, nen vergoña. Eu falo por min, ti pensa en ti.


    Son un animal. Os animais, xa se sabe, non somos animalistas. As arañas papan mosquiñas, e o que. Algunhas moscas a outras moscas. Os cadelos, antes de seren maltratados diariamente con pienso do negocio multinacional, papaban de todo; aínda ósos. Os voutres comen as entrañas dos mortos. Os gatos non discriminan: peixes, páxaros, ratos e insectos...  se sabe ben, todo lles vale, que exquisitos si que son. Os leóns, panteras, xaguares, guepardos, tigres, linces... son viciados polo miú variado de herbívoros. Aos osos, ás gaivotas e ao xabarín válelles todo... e así, tantos outros. Sábeo calquera:  os animais non somos animalistas. 

 
    Os megaurbanitos e megaurbanitas, indo cada quen con cadela ou can encadeado, máis influenciados por vudús mediáticos ca por budismos meditados, envaecidos pola mentalidade de moda,   síntense soerguidos aos sobrados celestiais da máis moderna modernidade dende onde miran por riba dos ombros a todas as antigas existencias agrarias,  rurais e salvaxes que aínda habemos, ás habidas e ás por haber. Senten seren os Iluminados Iluminadores dos  tempos presentes, as sensibilidades elexidas pra conducir firmemente á humanidade, ladrando con alegría, pola segura senda da aniquilación do humanismo e a súa suplantación polo animalismo. A primeira victoria xa está conseguida: descanse en paz o ecoloxismo, morto de morte ladrada, aquel lindo ideal de harmonía natural afillado nas vellas cidades do século pasado. Hoxe, unha antigalla. Quo vadis mundi?

    
    Os mascotistas, inxirados polo millonario negocio multinacional acreditan que os seus animais entenden o inglés, o francés, o ruso, o chino, o castelán e aínda, rara sabiduría, o galego. Afirman que sinten, pensan, sufren e se estimulan da mesma maneira ca os humanos, e, consecuentemente terán dereito... aos Dereitos Humanos. E ao parecer a algún máis: a cagar e mexar nas rúas, verbigracia e con perdón, sen recato, vergoña ou sanción. 

    Están a esixir plaias particulares pra os seus mascotos, parques urbanos propios, zonas acotadas de diversión e ocio, e a non tardar, seguridade social pública canina, gatuna, serpentuna ou, por abreviarmos, mascotuna, que así xa entraría toda a bichería na saqueta dos seres con dereito aos Dereitos Humanos. 

    (Ás tarántulas, vermes, arañas, moscóns, mosquitos, mosquitas, avésporas, escarabellos, víboras, sapos, cobras, sacabeiras, chinchas, percebellas, carrachas, carrachóns... pacíficos habitantes  do meu pequeno mundo e que andan de visita nas fotos desta escrita... a eses tamén, digo eu, non si?). 


(Saiume un sorriso nos beizos cando, esvarándome os pensamentos, pensei que non sería de extrañar que nun futuro, menos lonxano ca estúpido, os mascoteiros pidan e esixan o dereito ao Voto Democrático Mascótico. E pois... non xeneran gasto e consumo?... non moven a economía?... non axudan a diminuir as cifras de paro?... non se ven afectados polas políticas dos políticos?... porqué non votar daquela? Os políticos  furnocráticos amasavotos estarían facendo contas. Se estas lles cadraran ben, as mascotas, non só poderían votar, senón que tamén, eu voto por iso, poderían ser elexidas ao Parlamento. Ladrarían coma calquera. O sorriso, esvarando  cos pensamentos, rebentoume nunha gargallada muda).


    Sei dun propietario de mascotos que asegura, con toda a súa intelixencia alerta, que o seu canciño entende mellor as cousas da política ca os votantes de Vox. O meu coñecido ten un  palleiro dos  de verdade, dos de toda a vida, un descastado sen clase. Outro amigo de dereitas recén incorporado ao ecoloxismo de mascota, (militancia neófita que publicita paseando por Megamadrid un carísimo galgo afgano), afirma que as mascotas, polo menos a súa, non melloran a Vox, pero sí están capacitadas, polo menos a súa, pra votar con mellor e máis fino criterio ca os votantes de Esquerra ou  de Pudimos xuntos. 


    Non digo nada. Quen son eu? Cada un sabe de si. Certo estou que non é improbable que existan animais máis listos ca os humanos. Poidera ser que esta sospeita se confirmase cada vez que un humano se esclaviza por moitos anos  aos caprichos e urxencias biolóxicas dunha besta. 

Sei de homes que nunca cambiaron un cueiro dos fillos pero que cada día recollen, con amor e primor, os excrementos dos seus canciños. Son do meu tempo e coñezoios polo nome, alcume e apelidos. 

Xa que moitos sabemos quen son, non fará falla dicir seus nomes, pero parella sen fillos houbo que chegando a mai dela a unha difícil senectude, metérona nunha boa residencia e o grande sofá da sá onde a anciá adurmiñaba sonecas foi habitado por un inmenso can peludo que a filla e o xenro adoraban.

A infección mascoteira animaloidea preanunciou hai tempo a decadencia do humanismo.

Mundo moderno de Progreso. Será así, si o queres así. A min búscame no Regreso.

 
 Confeseime un animal e non me desdigo: tanto por ser verdade, canto por poder daquela acceder aos privilexios que acadan pra os seus beneficiados as ben subsidiadas asociacións polo benestar animal. Escuso dicir que non pretendo entrar nas listas das  campañas de castración de millóns de mascotas -exótica idea do non maltrato-  que o benestarismo ramplante promove con entusiasmo e a veces cartos públicos; pero, cada vez que vexo e ulo as rúas de Cedeira, adornadas con regueiros de mexos caninos e arumadas de persistentes vafos, agora que as urxencias da próstata levan tempo de visita, vénseme á cabeza imaxinar qué azosas comenencias me esperarían se se dispensare a este animal que escribe a mesma tolerancia, e caridade, ca túa mascota. 

    Que  Disney,  me colla confesado. 

    Apertiñas totus meus.

    A mandare.


PAZ  E  PALABRAS


(Co voso permiso quixera adicarlle esta pequena escrita o meu  admirado grupo de coidadores das Píllaras da Area, as lindas pildoriñas cedeiresas. Zoólogos, biólogos, axentes medio ambientais, naturalistas, voluntarios... xente callada, curtida, que dan o seu tempo, xa que logo vida, na protección deses indefensos e delicados paxariños do areal, que están a ser torturados de medo pánico e expulsados da súa patria, por ese ruín e desmedrado exército  de cánidos domésticos, que  está a invadir, sen dereito nen lei de ningún tipo, os poucos currunchos naturais que lles ían quedando aos animais libres: eses que ao parecer non teñen dereitos. E nen que dicir ten: vai apuntando de preferencia aos propietarios incívicos de mascotas malcriadas. Aos propietarios cívicos, os meus saúdos cordiais.)




Esta lindísima arañiña e todos os outros bichiños que adornan esta escrita, e se diolo quer as que han de vir, son  criaturas que me acompañan no meu vivir diario; viven comigo no meu pequeno mundo, entre as herbas que non sego, son xente adorable e moi agradable de trato: non berran, non ladran non oubean. Hai veces que se suben por min de tan cariñosos que resultan ou pasean polos meus libros de estudo ou os cadernos de traballo; outras póusanseme na cabeza e sinto deligas e, de cotío, quédanse quietiños, e ollámonos e entendéndonos na vella lingua universal do respeto silandeiro. Poidera que houbera quen dixera que son as miñas mascotas, pero non acertaría coa palabra; propiamente son máis ben o que antes se dicía: animais de compañía; libres por máis señas.




12 comentarios:

  1. Qué máis se pode engadir Rafa! Profunda e acertada análise filosófica-sociolóxica desa terríbel pandemia que os humanos civilizados estamos a soportar desde hai uns anos. Coma sempre palabras valentes e directas, chamando ás cousas polo seu nome.
    Con respeito aos dereitos que acabarán por ter as mascotas, xa colguei algunha nova (quizá no facebook) referente a que case a metade dos propietarios xa consideraban procedente solicitar "Permiso de paternidade" cando se fai unha adopción dun can. Pagado con cartos da Seguridade Social, obviamente. Tela. Ao loro como gobernen os de Podemos algún día...
    E sobre iso que dis de mexar na rúa, moitas veces o teño pensado. E se eu me poño a mexar agora porque non me aguanto? Virá un poli ou un viciño a chamarme a atención por mexar onde mexan cada día 50 cans que si teñen recoñecido ese dereito? Que conste que técnicamente iso que lles deixan facer aos cans o 100% dos propietarios é ilegal (as ordeanzas municipais de Ferrol alomenos proíben "ensuciar o mobiliario urbano", pero xa sabemos que estes delincuentes teñen impunidade para todo)
    Un abrazo, Rafa. Resistiremos!!

    ResponderEliminar
  2. Graciñas polas túas palabras, por estar aí Xabi, polo teu exemplo de resiistencia nestes últimos dez anos dende a referencia de Bichos. Parabéns e noraboas. Vémonos no monte. Unha forte aperta.

    ResponderEliminar
  3. Grande Rafael! Moi fina e cirúrxica análise da peste mascotista-peluchista que nos asola. Chapeau!!! Unha aperta, Damián

    ResponderEliminar
  4. Gratia plena Damián, polas loubas, por seguir o blogue logo de anos de ausencia, por tantas ensinanazas que che debo e pola túa amistade. Qeu non nos falten palabras paxareiras, máis que sexan pasaxeiras. Unha forte aperta.

    ResponderEliminar
  5. Recoñezo que pampei un rato mirando as extraordinarias fotos que ilustran a entrada (só o tempo que me levou velas de riba a abaixo e de baixo a arriba, parando devagar nalgunhas), antes de entrar distraidamente na lectura do texto, que versaría, pensei, sobre a vida de arañas e outros pequenos seres que moitos chaman bichos sen miga de cariño no ton. A distracción duroume dúas ou tres liñas e algo máis abaixo, xa atrapado, pensaba "canta razón ten", cousa que repetín tantas veces que ao final a suma deume TODA. Por riba, cóntalo como che da a gaña, é dicir, fantásticamente ben (ía poñer "realmente", pero non te vexo eu monarqueando moito, ha, ha,...). Non sei se estas son as circunstancias nas que un se pregunta onde hai que firmar para subscribir o que se di. Por se acaso, eu firmo aquí.
    Unha aperta.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Cantos azos dan as túas palabras!! As imaxes realmente poderían ser mellores se utilizase técnicas básicas de fotografía macro (uso do trespés sen ir máis aló), pero como ti sabes o que me gusta e andar coa cámara nunha mao e a galla na outra. O que si sinto é que no proceso de adecuación das imaxes as condicións de publicación de bloguer perda bastante calidade. A ver se son quen de ir arranchando este problemiña. Unha forte aperta e moi agradecido por estares aínda por aí e por me falares.

      Eliminar
  6. Non poido senón aplaudirche ata coas orellas.
    A morte do Humanismo coincido contigho, é a morte do ecoloxismo.
    É curioso que ese animalismo destructor, teña parte dos seus millores colaboradores no movemento ecoloxista.
    Todo parte do mesmo: o proceso de invisibilización da morte na sociedade actual.
    O dito. Quedouche mallado!!!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Boas horas Eloi: Moi agradecido. Tés moita razón que neste pequeno texto faltan algunhas reflexións pra comentar ese "proceso de invisibilización da morte" que eu tamén coincido, partilla das bases ideolóxicas da cultura megaurbana. Rafael Sánchez Ferlosio, non hai tanto, deixou expresada a súa desolación por vivirmos nunha sociedade que, despreciando a cultura e a reflexión, ciméntase sobre as bases alienantes de todo ser "diversión e ocio". O "dolce fare niente" e o "carpe diem" no mesmo lote. Industria da diversión e o ocio que anaga as mentes as 24 horas do día. O importante é divertirse. Este mantra escoitase a diario e non me parece moi compatible con saber e recoñecer que vida e morte son as dúas esixencias, imposibles de eludir, da existencia. Esconder a morte, non falar dela, non aprender o estoicismo de encarala con naturalidade, vivir afundidos, drogados, obnubilados na diversión e o ocio, a parte das consecuencias sanitarias que estamos a padecer, comporta, no meu parecer, vivir ignorantes, avestruzados, da máis inescusable verdade: a morte, non só é natural senon aínda necesaria. Vivamos felices, ociosos, divertidos, irreflexivos, encantados de nos mesmos, non me traias preocupacións, devastemos o mundo con alegría: xa Elon Musk, Jeff Bezzos e Richard Branson, megacapitales megaurbanos, nos transportarán a módicos prezos a un outro planeta que poderemos devastar bailando, me paso el día bailando, la coctelera agitando, llena de soda y vermut... aí está o manifesto ideolóxico dos tempos modernos. Os meus saúdos cordiais.

      Eliminar
  7. Preciosa reflexión, con isto que escribiches penso está todo dito. Apertas!

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Graciñas. Alédame que che gustara. Sempre da azos saber que as xentes que andan no monte, nas areas, nos esteiros... estudando e defendendo ás xentes ceibes partillemos na denuncia da Distopía Mascoteira, denuncia cada día máis necesaria e urxente. Apertas.

      Eliminar
  8. Parabéns Rafa , lindas fotos e acertados comentários
    Saúde e Terra, Miguel Vento

    ResponderEliminar
  9. Graciñas Miguel. Alédame que concordes. Sempre presta non sentirse só. Saúde, Terra e Paz tamén pra ti. Saudiñas.

    ResponderEliminar