XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

xoves, 1 de novembro de 2012

Avelaíña ou colibrí?


Alguén, digamos un coñecido, ao que estes asuntos naturalistas interésanlle só na medida en que poidan conducir a unha soneca relaxada e pracenteira, hai xa tempo que me examinou, con sorna "galeguista" querendo saber se eu sabía algo do "colibrí galego". Por que ao mellor eu non o  sabía pro en Galicia había colibrís. Que cho digo eu, que o sei.

 Este coñecido, é un figura do meu rueiro.

Díxenlle que non, que cousa tal na Galicia, só existía nos documentais da segunda; dos que el tan ben coñece os seus  primeiros cinco minutos. 

Pois hainos! Este día atrás, vin un nas buganvillas da miña casa! Foi coma unha aparición. Chegou fungando. Parouse quietiño no aire,  botou unha lingua longa pra chupare dentro da flor e marchou ao momento. Pro puideno ver ben cando se parou. Era un colibrí! Ou no saberei eu!.


Naturalmente calquer afeccionado naturalista sabe xa que, a quen se estaba a referir o meu coñecido, era a Macroglossum stellatarum, unha fermosa pampurriña da familia dos esfínxidos que ten hábitos alimenticios moi similares aos colibrís tropicais. Sendo quen de suspenderse  no ar movendo as azas a velocidades incribles e así, distanciada da flor,  coa súa longa espiritrompa estendida, da en  chuchar os zumes gorecentes gardados no adentro das coroas florais máis  profundas. 

Certamente, traballando no ar, parece un colibrí de documental.

Ti o que viches foi unha bolboreta, susurreille regueifeiro.


O meu coñecido, escéptico cultural, nen sequera confiado ao principio universal do desconfíado: "do que oigas non creas nada e do que vexas a metade", turraba incesante... 

...que se lle aparecera  non había moito un colibrí, á caída da tarde, chuchando as flores dunha buganvilla;  e que si ao voar fungaba; e que dende logo el nunca tal cousa  mirara; e que era un paxaro pequeneiro, moi pequeneiro; e que tiña que ser, por forza, un colibrí; que ao mellor viñera nun barco ou que viñera de onde quixera, pro que habelos, habíaios... 

En alentando do discurso, deulle un grolo de ogro á caña, baleirouna toda e dixo:

Van unhas cañas a que era un colibrí? 


Coa tradición cultural tabernaria de discutirmos parvadas coa altanería vehemente dun Cadeirádego en Todo, viñeron a acabar, nun alustre, Google e os espazos wifi

Acheguei ao coñecido ate ordenador do bar, escribín Macroglossum stellatarum... e premín a percurar en Google imaxes.

Ese mesmiño é o colibrí que  eu vin! saltou trunfante, case taladrando a pantalla co dedo índice que apuntaba á primeira imaxe: unha Macroglossum stellatarium que aspiraba  unha flor de lavanda.

Acababa de gañarlle unhas cañas. Ao figura do rueiro.

Hai mañás nas que te levantas e non sabes o agradable que pode chegar a ser o día.


O meu coñecido, sempre en figura, fixo unha heroica resistencia posicional diante da aparición de centos de magníficas fotos (Ollar) da  curiosa volainiña nosa que tan ben asemella os xeitos do paxaro colibri... 

...Amitar amítase moito, pro o que eu vin tiña que ser un paxariño pequenico...turrou, dubidando  ...E dis que é unha bolboreta? ...seguiú, pro víndose a menos ...Na vida mirara cousa á maneira  ...dixo, xa derrotado ...Se non o chego a ver no ordenador nó crería nunca... afrouxou finalmente, sabendo que, diante  da superioridade infinita da sabedoría  de Google, el, podería dar o brazo a torcer honorablemente sen merma da traballada fama de invencible polemista de bar que acompaña as súas apariciós, nunca discretas, pola porta da taberna.

Por poder presumir da elegancia deportiva innata do perdedor, barrufou aos catro currunchos: Ponnos outras cañas!. Que pago eu!

Sendo o caso de non podermos,  de momento, informarnos por Google  de a quen lle toca pagar a quenda das cañas, tivemos que ser nós os que lle informásemos que aquela rolda, antes do apoño... xa era a súa! 

Quedáballe  aínda por pagar outra rolda: á saúde da Avelainiña  colibrí.

Inescusable.



Escusas prego, por este desvarío tabernario excesivamente íntimo. Para contrapeso de tanta letra vaga gustaríame que poidese servir a xeira de  imaxes que a seguir irán. Todas, están rexistradas en dous días consecutivos, á tardiña dos primeiros de setembro, nunha campeira degradada dos arredores do Lago de Lanzós, onde uns ben floreados pés de Echium eran, á caída do sol, tasca agradecida na que libaban ceareiras, tres ou catro avelaíñas colibrí.

Que existen. 

Claro que sí.














Sen máis palabras, miñas e meus, mil gracias mil, por tanto.

A mandare.



Nota marxinal: as imaxes da avelaíña colibrí non son dignas da vosa atención. Logo de dúas sesiós completas adicadas a tentar conxear no aire a esta fermosa volainiña, desistín de repetir tan frustante coma divertida experiencia: non pensei posible pra min e a miña cámara -non sendo unha casualidade asombrosa-  facer rexistros con mellor enfoque. Mágoa. Secomasí, non me queixo:  cheguei a mellores resultados dos que esperaba. Escusas, prego.


Despós de data: Veño de aprender esta fin de semama que pasou que o colibrí dá en ser chamado bicaflor. Fermoso e gráfico nome que descoñecía, pro que merece ser rexistrado aquí pra que quede constancia, e se non se modificou na entrada, foi por que modificaría todo o relato e o faría case incomprensible, pois na data en que se producíu a anécdota, nen o figura nen servidor sabíamos que o colibrí na Galicia porta a fermosura dun bico a unha flor. Iñorancia que en min desapareceu gracias as ensinanzas do mestre ornitólogo, e amigo, Cosme Damián Romay Cousido.


VIDEOSMÍNIMOSDONOROESTE  TV

Chíscala anovando as plumas no Río Condomiñas.