Non tardaran, senon andan xa, os míos a voar entre nosoutros: se fose do sur, da Estrada un supoñer, escribiría entre nós. Chamaríalles tamén por iso úbalos ou ao mellor pincaouros. Con estes nomes corre fora de portas o lindo e invernante Carduelis spinus. Que en Cariño chaman cabecita. Cousas.
Da familia dos frinxílidos, a igoal que o xilgueiro ( palabra antiga e de uso común en toda Galizia desprezada polos dicionarios por se asemellar a ela a castelá jilguero: xílgaro é palabra que só se usaba nos arredores de Ponte Vedra; J.L. Pensado e o padre Sarmiento explícano), o xirí, o pardillo o pimpín, o paporroibo real ou o verderolo: a quen se asemella moito, sendo o mío máis raiado e coa cabeciña aduvada con plumas negras e para o meu gusto moito máis lindo.
Os míos son xente que se cría por bandadas, as veces grandísimas, nos grandes bosques de coníferas e mixtos do centro e leste de Europa. Alá veranea, choca, nace e medra. Chegado o inverno móvense por milleiros fuxindo do frío siberiano e véñense as menos fríxidas terras europeas do Sur.
Por acolá se lles ve, pendurados de cotío dos amentos dos ameneiros, pacendo con habelenciosos e simpáticos equilibrios. Os afeccionados ao paxarismo teñen daquela ben limpos os prismáticos para gozala coa contemplación dos recién chegados míos.
Outro tipo de afeccionados andan coas xaulas dos reclamos ben preparadas para pillar algún co que fornecer a súa extraña simpatía polos paxariños que os leva a disfrutar deles pechados en gaiolas de por vida: cousas de humanos, humanidades.
Os míos hai anos que entran en grandes cantidades e outros nos que rarean. Asegún. Agora andan xa entre nós e pódense ver polas beiras dos ríos onde aínda vaian quedando ameneiros; ao redor do Lago de Lanzós non son raros.
A Serra da Capelada é un dos poucos sitios de Galizia, outro a Serra do Xistral, no que se ten documentado a cría do mío. Mirade este enlace do mestre paxareiro de Cariño José Alonso Pumar. http://galicianbirding.blogspot.com/2008/05/de-nuevo-lganos-reproductores.html Todo un privilexio, outro máis, da asombrosa Serra da Capelada.
O exemplar que ilustra estes comentarios está fotografado 0 19 de febreiro do 2006 no lugar de Vilacacín. Extraordinariamente confíado andaba pacendo a non máis de tres metros de min nas sementes dunha herba mantequeira (Senecio vulgaris, con tantos nomes en galegos coma bisbarras hai: ricos que somos, en verbas) que á carón do chan, e o pé dunha casa, floreaba no medio e medio do inverno.
Moito lle agradecín a confianza. Despós de fitarnos un aquel cos ollos, debeu de ver na miña ollada a mansura suficiente para seguir petiscando tranquilamente e alí, ao mellor tamén con máis fame que medo, deixoume facerlle uhna boa xeira de fotos das que estas trinta son só unha pequena mostra.


Que ogallá vos agraden e vos fixeran pasar uns intres calmos e amodos na contemplación amorosa e balsámica da vida natural e ceibe da xente chegada de lonxe a pasar con nosoutros o inverno, confiados en non acabar entre os barrotillos do cagarrón dunha gaiola do reclamo de "amantes dos paxariños"
E desta volta nada máis, miñas e meus, moi agradecido por seguirdes aí.
A mandare.
Despós de data: dei co enlace do artigo de Xabier Vázquez Pumariño que da a coñecer a presencia nidificante do mío na Serra do Xistral. Velaí vai: é moi lixeiro e ha de aproveitar.
http://www.chioglossa.com/fotos/1258537667_i234.pdf