...aí onde hoxe habita o corazón de Sóñora, naturalista, científico, orgullo de Ferrol, amigo dun amigo a quen no noroeste do Noroeste gústanos ter presente... aí aos páramos da Lúa onde resiste a súa lembranza acudimos as xentiñas do meu pequeno mundo cando nos sentimos abandoados das caridades dos días e queremos vivir a certeza do renacer no primor de centaureas e culcitas... aí nos páramos da Lúa onde vagamunda a ánima de Xabier as pequenas e miúdas xentes do meu pouco mundo asistimos caladas a misa maior, acomodadas, suspendidas no fío do alento dun poeta e escoitamos o rumor dos poemas de Antón, de Antón Cortizas, que a brisa do mar e o aire de leste gustan de rosmorearnos polo baixiño entre palabras de amistad natural, herba orballada ao nacer do día e raiolas quentiñas do serán que se confunden no prado, coas uveiras e as margaridas, entremedias das que, a voz de Antón, de Antón Cortizas, brota en cada verso de amor a un amigo recendendo a rosa, menta, limón, fiuncho e flor de esvedro...
ROMANCE PEDINDO SILENCIO
Areais de mar aberto
culcitas da Capelada
malloeiras de Pantín
montes rasos mestas fragas
lobos do Courel e Ancares
cimbras de neves bañadas
peneireiros caranguexos
veados das madrugadas
miñocas ras caracois
moscas de calquera raza...
calade todas as bocas
e non barulledes nada
Chascas merlos paporroibos
cunchas de sal e de nácara
ventos do mar do Prioiro
himenófilos arañas
coellos do monte ratos
denociñas londras martas
bolboretas lavandeiras
Chioglosas lusitanicas
cotovías dos camiños
curuxas de noites máxicas
calade todas as bocas
e non barulledes nada.
Marusías da Frouseira
corredoiras sen distancia
fragas do Eume e Monfero
lagoas regos pucharcas
escuridade das lúas
chirlosmirlos treboadas
baleas de norte e sur
peixes de océano e algas
camariñas das marmeas
silvamares espadainas
Calade todas as bocas
e non barulledes nada
Calade todas as bocas
e non barulledes nada
que Xabier está durmindo
un soño de circunstancia
nos altos cumes do vento
nun mar de flores moi brancas
ROMANCE PEDINDO SILENCIO
culcitas da Capelada
malloeiras de Pantín
montes rasos mestas fragas
lobos do Courel e Ancares
cimbras de neves bañadas
peneireiros caranguexos
veados das madrugadas
miñocas ras caracois
moscas de calquera raza...
calade todas as bocas
e non barulledes nada
Chascas merlos paporroibos
cunchas de sal e de nácara
ventos do mar do Prioiro
himenófilos arañas
coellos do monte ratos
denociñas londras martas
bolboretas lavandeiras
Chioglosas lusitanicas
cotovías dos camiños
curuxas de noites máxicas
calade todas as bocas
e non barulledes nada
Marusías da Frouseira
corredoiras sen distancia
fragas do Eume e Monfero
lagoas regos pucharcas
escuridade das lúas
chirlosmirlos treboadas
baleas de norte e sur
peixes de océano e algas
camariñas das marmeas
silvamares espadainas
Calade todas as bocas
e non barulledes nada
Calade todas as bocas
e non barulledes nada
que Xabier está durmindo
un soño de circunstancia
nos altos cumes do vento
nun mar de flores moi brancas
PAZ E PALABRAS
(Ben poidéstedes ver que algunha ca outra imaxe non cadra moi ao xustiño coas verbas que a seguen. A bubela nen pouco nen moito coas curuxas; un polpo coas baleas menos se coubera; as mexonas coas xebras menos ca menos; as alentías non son da Frouseira, pero casi; as pozas da beiramar, cos chirlosmirlos pouco e coas treboadas nada; a laberca non é cotovía, pero amitar si que se amita; e tampouco o raposo é lobo; é o que hai, ben sabedes que eu por saber pouco sei e se sei algo será nada. Escusas, prego. A mandare).