luns, 5 de outubro de 2009

Regreso ao outono

Xa entrou o outono...veu a canda a primeira surada, maina e pousada. Entrou amodo, calmo, tépedo e abafante anagando cun orballo callado ás fontes secas do setembro e enchendo o aire da tardiña de recendos habaneros. Ulide o vento, que ven de lonxe, do sur quente do trópico. Hai nel un nonseique de tabaiba e guaiaba..., de palmeiral de Borinquen. Sexan benvidas as borrascas caribeñas se con esta dozura entran. Mansas ou bravas, lembrade ao Hortensia, anuncian ciclicamente a arrivada do outono ao noroeste do Noroeste.

Para daquela as poucas fragas que nos quedan hanse adoviar cun cobertor de filigranas laranxas. Novembro, aí á porta, será o mes no que, aquel que co debido respeto se achegue a velas, ulilas e respiralas, será agasallado coa visión marabillosa dunha fraga atlántica nos seus intres máis fermosos: aqueles dos días dos Defuntos nos que da en rebentar nun fervorón de cores luminosos e quentes, que anuncian a vontade de protexer á Terra, mai e señora, co manto molido dunha folada abondosa.
As poucas fragas que nos quedan. Coreñas e esbandalladas as da Capelada, esmorrendo diante dos nosos ollos o grandísimo tesouro botánico macaronésico das concas do Casón e do Seixo. Resiste mal que ben, perdendo ano a ano extensión, a magnífica fraga que foi dos Casares, nas ribeiras do Mera no concello de Cerdido. Espenicadas e arcolitizadas van xa case todas as das Ribeiras do Xuvia, mesmamente a dos Miquelares ou do Rego de Maríaqueira. Desapareceu de todo a fraga de Seixas nas Somozas, onde sobrevive malamente a de Camparado nas peadísimas ribeiras cara a Pena dos Ladrós. Aguántanse moi ben, mellorando, as do alto Mera, no concello das Pontes, nos cotos de enfrente á Panda de Ada. A fraga do Pereiro, nas ribeiras profundas do río Sor, nas Grañas, parece ter recuperado espazos e conserva uhna extensión estimable.
A fraga do encoro da Ribeira, nas Pontes, que ilustra esta entradiña que escribo, xurdida e consolidada dende a creación do encoro, é a proba evidente de que o mellor labor ecolóxico é deixar ao mundo en paz.
El con el ben se apaña.
Mirádea nesta imaxe ao completo.

Obrigado, totus meus.

Despós de data: A imaxe da cabeceira é da fraga dos Casás, a outra como se dixo, é do encoro da Ribeira. Hai na súa orela un sendeiriño natural, (nada deses terribles e modernos de pedregullo de seixo branco que con tanta frecuencia aparecen ultimamente polos montes máis enxebres, traicioneiramente autoalcumándose de "proxectos de ordenación medioambiental" ) moi azoso e mansiño, propio para nenos que levados das maos, da voz e do corazón de seus pais poderán coñecer a verdad da beleza emocionante da fraga atlántica, coa sua sobrecolledora escuridade verde e inevitablemente irán conformando, na súa alma enxebre e por encher, uhna patria anterga e xa que logo verdadeira, de carballos e loureiros, de freixos e queirugas, de érbedos e acivros, dos recendos de mel da puxeta e do aviso agre das rebordás nás portas do monte.
Uhna fermosa patria esmorrente.
Eu vin a eses pais e a eses nenos. Non me arrepentin, por uhna vez, de ter publicitado un sendeiro. E por uhna vez non me amolou atopar humanos nos montes.

2 comentarios:

  1. Gracias por amosarme tanta beleza

    ResponderEliminar
  2. Gracias a ti por seguir este bló... moito estimo as túas palabras...danme azos para seguir mantendoo vivo...

    ResponderEliminar