xoves, 14 de xaneiro de 2010

Noticia de sete gaivotos.


Protexéndose das furiosas coriscadas, que os tempos de norde mandaran calladas de felepas, as gaivotas chegáronse á costá para gardarse ao seu abeiro da friaxe do aire polar. A centos se pousan arestora no areal da Madalena. Maiormente gaivotas claras e escuras. Pero este día cando menos sete gaivotos (Larus marinus) andaban polo medio das outras.

Estes tres andaban rexuntadiños enfrente dos fenecidos Xardís de Pénjamo, rechamando no gaivotal pola escuridade do seu tamaño.

Esta parella andaba un pouco á esquerda das anteriores, coutando espazos.

Estoutro impoñía o seu territorio, non moi alonxado do malecó do vello secadeiro das redes. Miraba moito para min, fitándome: coma todos os gaivotos desconfía, xa de lonxe, dos humanos. Sabio.


Este andaba pola Plaia da Arealonga, repousando en mellor abrigueira na compaña dunhas claras, dalgunha papoia (L. ridibundus) e dunha chíscala.
Seguramente habería tantos máis aboiando polas arrotiñas, un pouco lonxe para os meus ollos. Seguramente habería algún noviño que a miña iñorancia non me permite diferenciar doutros noviños. Seguramente... en terra había moitas gaivotas, no mar mariñeiro ningún. Mágoa.
Agardando pola chegada das brancas de Groenlandia, que este ano aínda non se deixaron ver pro non han de faltar, imos por hoxe deixando xear. Que é o tempo.
A mandare, xente.

Ningún comentario:

Publicar un comentario