
Protexéndose das furiosas coriscadas, que os tempos de norde mandaran calladas de felepas, as gaivotas chegáronse á costá para gardarse ao seu abeiro da friaxe do aire polar. A centos se pousan arestora no areal da Madalena. Maiormente gaivotas claras e escuras. Pero este día cando menos sete gaivotos (Larus marinus) andaban polo medio das outras.




Seguramente habería tantos máis aboiando polas arrotiñas, un pouco lonxe para os meus ollos. Seguramente habería algún noviño que a miña iñorancia non me permite diferenciar doutros noviños. Seguramente... en terra había moitas gaivotas, no mar mariñeiro ningún. Mágoa.
Agardando pola chegada das brancas de Groenlandia, que este ano aínda non se deixaron ver pro non han de faltar, imos por hoxe deixando xear. Que é o tempo.
A mandare, xente.
Ningún comentario:
Publicar un comentario