XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

luns, 27 de decembro de 2010

Paxariños piadores, cousiñas do meu contento...

...e que Rosalía e as vosas mercedes me desculpen por andar profanando versos.
O caso é que neste último mes dei en andar á procura, cámara ao colo, das xentes de pruma e aire, e sendo que teño prometido a un alumno (aí che van, Moncho) poñer algunhas imaxes de paxariños do brando froixel, aproveito que o Condomiñas pasa por Cedeira e sen outro motivo maior tentarei armar unha entradiña lixeira, e se poidera xeitosa, que nos dea motivos de lecer a ambos os dous e ao tempo a todos vostedes, miñas e meus.


Velaí van.




Aí anda a papuxa das silveiras, que non é papuxo, montada nas pólas do acibro, cando aínda lle quedaban xardós, que agora xa nen limento queda deles, non sendo algún deitado polo chan. Linda a papuxa e lindos os xardós. Ambos os dous do meu pequeno xardín.


Por debaixo do muelle do malecó do Faragullo, rebuscando bichería polas regañas de entre pedras, andaba esta cincentiña, que tampouco é cincentiño. Gostan da beiramar e véselles en todos os peiraos da bisbarra. Case deberían ser consideradas aves mariñas. Afección á marea teñen moita.



Este chaschás, ou chasco, retrateino xa nas poucas luces e moitas sombras do luscofusco, na parroquia de Régoa, lugar das Pontigas, nas ribeiras malpocadas e esbandalladas do Río Condomiñas, que algún día andaron, e na memoria dos vellos aínda van, calladas de fermosura.




Eu, que de paxarería, como de case todo, sei case que nada, supoño que este escribidor será unha femia ou un noviño do citrinella en plumaxe coa farda do inverno, pero deixa a ver, con el, coma con tantos, teño moitas dúbidas. Teño sentido, iso si, que corren co nome de escribidores por ter os seus ovos unhas curiosas raias que mesmo semellan estar feitas pola mao dun escribán con moitas letras estudadas.



E aí quedan dous estorniños rexistrados no cuqueiro, fermoso e ben feitiño Val de Moeche, no que tanto desfruto paseando de vagariño polas súas farturentas terras de panlevar que aínda recenden a trigo e restreba, a esterco e maínzo, a humus e vida, a vizosía e a ledicia enxebre.



Dous buxatos, que miñatos non son, arriba destas letras van. O do alto é das ribeiras do encoro das Forcadas, retratado nas sombras da caída do sol, e ten un froixel de prumas ben fermoso e ben deseñado, nen feito adrede. O dabaixo, anagado nunha mañá que choveu agaceiros, tentaba enxoitarse na clareeira subido no outo dun pau do Parque das Merendas (Area Recreativa, no moderno dialecto da culti cursilería), do Concello de Moeche, non lonxe do lugar de Penasalbas e da súa lindísima e descoñecida fonteliña.


A foto non vale un peso en boa venta, ben o sei, pero que queredes a min deixoume moi bon sabor: nada menos ca unha aguia peixeira levando nas gadoupas un munxe groso e esmorrente que poucos minutos antes gravara eu en video na súa agonía final nas beiras da artificial canle de desaugue do Lago de Lanzós. Pasou en voo baixo axocando a grande bandada das gaivotas, que se mandaron mudar, e nada restou para os telescopios de Paco e Antonio, que chegaron dalí a un pouco.



Este retrato en primeiro plano da testa dunha papoia forma parte, coma todos os santos deste artigo, dunha xeira de probas que dei en facer por ver que tal andaba o tele dunha cámara dixital compacta que andaba a callar. As papoias son gaivotas lindísimas nas que ao mellor non reparamos moito por seren pan de cada día, e xa se sabe o que nos pasa: que non sabemos valorar o noso, e aínda damos en desprecialo. Ao galego, por exemplo.



Gaivoto repousando na primeira mañanciña, e moi ao lonxe, nas areas da moi fozada ría de Cedeira. Cada día hai catro ou cinco gaivotos impoñendo o seu mando macarra nos bandos de láridos. Non sei se é que mirei máis este ano para eles, pero nunca tantos e tan de seguido vira. Pro como non boto contas do gaivotal, é só unha opinión ao pasar, por dicir algo.



Outro primeiro plano, neste caso dunha gaivota clara, que me foi convencendo de que o tele da compacta podería serme moi azosiño para intentar pillar á bichería alada e ir mellorando así os meus arquivos de paxarería, moi fracos e cativeiros. Iranse vendo os resultados. Deixa a ver.


Foto, en color, da plaia da Madanela (ben sei que lle chamades da Madalena), feita en acabando unha saraibada doente que deixou, nos días das frieiras e as abreguías, a plaia de Cedeira toda tapada por un frío cobertor branco, do que saía a úneca lus dun día preto e pecho onde o mesmo mar, escuro e gris, semellaba chumbo lixugado. Raro nestes lares ver as gaivotas na neve.


Nas mesmas pólas do mesmo acibro ca papuxiña asentouse, tamén para papar xardós, este tordo de a diario, o máis común e doado de ver. A milleiros baixaron das europas nestes días da friaxe e da invernía e a canda eles os outros tordos: o malvís e o tordo rei. De todos fixen rexistros e aínda algún mini video, que con sorte algún día poderei enxertar nalgunha póla deste o voso bló.
O paparroibo debe de ser arestora un dos paxariños máis abondoso da bisbarra. Véselle por todos os currrunchos, camiños, silveiras, sebes e montes. Non hai buguío que non visite. Listo, confianzudo, e un chisco insolente, sabe medir moi ben as intenciós dos humanos. Este é da pista que bordea o Lago de Lanzós, ou de Valdoviño, ou aínda se queredes da Frouseira, pero xamais de A Frouxeira.





Esta parella de verderolos son tamén dos arredores do lago, onde andan a cotío peteirando pola beira na rebusca infatigable de algo que levar para o papo. Labourentos e afanosos andan en bandos dacó para aló remexendo pedras e herbas, non sei se coa paixón dos aditos ao traballo ou coas ansias degoadas dos defamados. Cando o bando, escorrrentado, se sube aos salgueiros espidos, compón coas súas siluetas gordechas a imaxe dunha árbore callada de bombillas ás que só lles falta alumear para apampar de fermosura. Unha raiola de sol que entre, prende o milagre de tal beleza.




As pildoriñas, aqueloutradas, rebulen pola orela do mar con pasos curtos e rapidísimos, infatigables, cravando o peteiro na area unha e outra ves, marchando e volvendo, parecendo sempre que máis que pés levan patíns, fuxindo da arrota que chega, acompañando á que baixa, indo e vindo, rebulindo, arrequecéndolles o traballo, parecendo sempre apuradas e atrafegadas. Lindas pildoriñas: a máis cumprida imaxe da ansia no labor diario.



Tamén os chorlitos son xente que gosta da beiramar e dos tarreos limeiros e lamacentos onde percura e atopa a mantenza que lle aproveita. O do alto andaba só polo areal de Vilarrube, no esteiro do Río das Mestas e os dabaixo repousaban na Frouseira. Chama da atención un deles, máis escuro e xardado, non sei se aínda, ou xa, coa farda do vrao.




Este bilurico neboeiro percorría as ribeiras dun cano de auga en San Claudio reparando pouco en min e buscando sen moito éxito algo para encher o buche. Quedou soíño pois toda a parrulada, en baixando a marea, colleu aire e mandouse lonxe, a canle principal do río.



Estas dúas pentumeiras, son femias xa que logo, eran as primeiras da especie que fotografaba na vida. Non moito máis de media ducia delas andaron pola ría de Cedeira, pescando lonxe da plaia e dos homes. Souben delas polo amigo Miguel Fernández que mas sinalou moi ao lonxe nos mares do Sarridal. A cámara fixo o que puido, que non foi pouco.



A parrulada toda anda xa invernando ao noroeste do Noroeste: asubiós, alavancos, cercetas, rabudos... enchen, a canda as gavitas, pildoriñas, biluricos e mazaricos en bandos numerosos os carrizais e as ribeiras do intermareal de Ladrido e Ortigueira. A foto darriba é un exemplo. Tamén ocuparon por un tempo as augas tranquilas e a medio encher do Lago de Lanzós, ate que o concello mandou torar todo o frente de ombús que decoraban e protexían o lago. O balbordo malcriado, e peor ordenado, das motoserras fíxoselles insoportable e largáronse. Eles saberan onde.




Non digo que non queden os mergulladores, digo que estes días non os mirei por onde andaban. Tireilles días atrás uns cliques e puiden sacar algún ca outro santo que se en verdade non son gran cousa son a cousa mellor que teño deles. Fanme moita gracia estes pequenos parruliños que pasan máis tempo baixo das augas que na súa flor. Boliñas de brando froixel.

Esta pega, non sei se pego, manéxase dende hai tempo coa súa parella polos choupos do areal da Madanela e os piñeiros inzados da procesionaria do pé do colexio. Listas coma un allo aproveitan a mínima faragulla que cae da merendiña dos rapaces en dura competencia con especialistas da rebusca como as pombas e as papoias. Especializáronse en música clásica: aos primeiros acordes da Pequena Serenata de Mozart, con que se anuncia dende hai anos o fin do recreo, aparecen puntualmente nas pólas dos piñeiros que bordean o patio do recreo.





E pouco máis. Algunhas xentes retratadas estes días quedaron engaioladas no fondal do disco duro. Unha becacina que rexistrei cando esta entrada xa ía andando terá que atopar mellor ocasión para deixarse ver.
Na presente non queda se non agradecer que sigades aí, máis alá do telón de teclas, e desexarvos que estas tradicionais datas festeiras, trasmudadas polo consumismo na máis incordiante das efeméredes, vos sexan leves e as pasedes coa suave lixeireza do voar dun tuí.

Sede felices, miñas e meus, non amargarse, que xa van pasando e de seguro pasarán.

Tal desexamos para todos vós un servidor e este merlo lambón.
A mandare.

2 comentarios:

  1. Encantada de dar con este sitio. Gústanme os paxaros todos e o labor que neste blog se desenvolve. Emocióname topar os nomes galaicos. Os meus parabéns.

    ResponderEliminar
  2. Benvida ao bló...alédame que este sitio tropeze con xente sensible e non as lastime... dou en pensar que non ando a perder o tempo. Moi obrigado por vir de visita ao noroeste do Noroeste, procuraremos non defraudarte cando volvas.
    Saúdos

    ResponderEliminar