mércores, 15 de decembro de 2010

Petiscos de papuxa

Primeiros días de decembro. A un dos dous acibros do meu pequeno xardín achégase unha femia de papuxa das silveiras (... a lebre aniña no monte, a papuxa na silveira...) coa intención de petiscar un algo nos froitos xardos da árbore...

...dende a porta da cociña da casa, onde teño instalada, casualmente e por se acaso, a cámara no trípode, enceto a facerlle fotos coa vaga esperanza de facerlle algunha que aínda non dea noxo vela...
... nun minutiño, ou cousa así, fíxenlle unha xeira continuada de cliques, a ver se era quen de pillala nun rexistro guapo que me levantara o arruallo e me fixese parecer un fotógrafo, mercede que non quixo darme o ceo.
Tampouco nesta ocasión dei co rexistro que me enchera o ollo, pro xa no computador, revisando con calma a sucesión de fotos, na percura dalgunha que servise pra mirar pra ela, decateime de que, se de certo non había nengunha foto que fixera honra da ocasión...


...a continuada evolución do nervoso e aqueloutrado petiscar da papuxiña tiña máis interese naturalista que unha fotaza de chufa, xa que revelaba aos meus ollos iñorantes o traballo delicado e a técnica de peteirare da Sylvia atricapilla.

E amais ilustraba a importancia dos acibros para a alimentación dos paxariños e aves durante o tempo de inverno, onde os seus son os únicos froitos visibles, (mentras durou a semán das neves e saraibas, merlos, tordos, papuxas e demais deixaron completamente baleiro o outro acibro, un aquel máis alonxado das casas, que ate daquela gabábase de pólas calladas de xardós).


E non direi máis. Déixovos na compaña da papuxiña e do seu petiscar, na seguranza de quedardes mellor entretidos con esta secuencia que coas miñas verbas, que ate a min me fatigan.
Por outra banda as imaxes falan soas e explícanse por si mesmas, folgando da miña prosa ortopédica, máis imaxinativa ca descritiva.
Ogallá, este petiscar da papuxa, sexa do voso gosto.


E eiquí, en canto lle caeu a semente ao chan, deu por rematado o posado e estando xa ao tanto de min e da miña cámara, colleu aire e mandouse fóra.
Se non me fixeches unha boa foto é que non tes nen idea, pareceume entenderlle dicir no seu rechouchío ao pasar por riba do cinamomo. (Pero non podo asegurar unha tradución exacta: ía voando coma un raio, que mirara ao gato da casa, e falaba cun sutaque estresado).
E máis nada, miñas e meus, quedade coa miña obrigación para con vós. Moitas mercedes.
A mandare.

Nota marxinal: Efectivamente, xardón, aplicado ao froito do acibro, é unha licencia literaria persoal fundamentada nos apelativos xardo, xardón, sardón...que por moitos lugares da Galizia se lle dá ao acibro, Ilex aquifolium, e mesmo, por similitude de froito, chaman xarda ao Ruscus aculeatus, a xilbarda, xilbardeira ou mesquita da que xa se falou neste bló. Dei en buscar o nome do froito pero non dei con el en ningures, así é que, pensei, se os loureiros dan as lorbagas, por que non podería o acibro, sen menoscabo de intelixencia nen galeguidade, dar xardós ?. Sáibase.

9 comentarios:

  1. Olá, polo sur ourensán, terras de Monterrei, a Galiza mediterránica, chámaselle Xardón á Aciñeira (Quercus ilex)
    Saúdos

    ResponderEliminar
  2. Non son fáciles de retrarar as papuxas estas, eu tenteino hai un par de días na miña horta ferrolana, na que non hai acibros, hai pesegueiros, roseiras, e tomates de arbol e ahuacates con froito case todo o ano e dos que dan boa conta. O dito, unha foto a 7 m imposible, grabei algo de video que aínda non comprobei como quedou.
    Moito apuro tiñan os paxariños estes días coa neve buscando algo que papar.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  3. Boas meus..desculpas por non publicar antes os comentarios...andei toda a tarde polos ribeiras de Ortigueira mirando á paxarada...MOi agradecido Xosé Ramón pola precisión do nome da aciñeira...non o coñecía...sabía polo Frampas de Eligio Rivas, dato obtido no impagable Dicionario de dicionarios, que por OUrense, concretamente por Medeiros,chamaban xardón a "especie de encina chaparra, clase de arbusto" sen maior precisión botánica..amplío co teu dato o mundo do xardón, que dende logo ten unha amplísima variedade de citas, dende SArmiento ao Eladio, referenciandoio coma un dos nomes tradicionais do acebo...para Maria do Carmo Ríos Panisse, xarda, que no Carré Alvarellos faise sinónimo de peca ou mancha, sería unha vella palabra de orixe seguramente prerromano que daría o aumentativo xardón, que ela dí homónimo de acebo.
    Velaí as miñas razós para atreverme a dar un nome de seu ao froito do acebo.Non me parecen mal encamiñadas. Non sei que pensaredes vos. Os que seguides este bló xa sabedes da miña teima de axudar a construir unha linguaxe naturalista galega, naturalmente co maior fundamento posible.

    Apertiñas e moi agradecido, desculpade prego.

    ResponderEliminar
  4. Olá Rafael, parabéns polo blogue, vese que as designacións galegas da flora e da fauna dan moito xogo, reflicten a interperetación que lle deron os nosos devanceiros ao medio que os rodeaba, a Natureza o Agro o Mar.
    Nos pobos da serra ourensán si que chaman Xardón ao Acivro, Ilex aquifolium, é na parte máis mediterránica na que designa Xardón á Aciñeira, o Quercus con follas que semellan Ilex.
    Saúdos

    ResponderEliminar
  5. Olá Xosé Ramón, preguntábame eu pola causa de chamarlle xardón a aciñeira, esa posibilidade entre a similitude de aspecto da folla parece razonable.
    Efectivamente dan moito xogo. O galego é unha lingua riquísima nas formulaciós de linguaxe naturalista, pero desaparecido o mundo rural que o sustentaba foise a canda a el toda a riqueza semántica. Agora temos a obriga, ao meu parecer, de recuperar todo canto poidamos. As recollidas de terminoloxía, nas que o voso bló é exemplar, son unha contribuición valiosísima cara ao debate,o rexurdimento e a recreación da linguaxe naturalista galega.

    Ese degoiro move este caderno dixital. E dende logo, afortunadamente, tantos outros, o de Verin Natural por exemplo.

    Saúdos e apertas.

    ResponderEliminar
  6. Olá gente,
    Nos comentários deste fio http://toponimialusitana.blogspot.com/2008/01/carrascal-carrasqueira-carrascoso_25.html
    há anos que saiu o tema do xardão (xardón), no meio doutras enteléquias. :-)
    Parece que é um tema recorrente.
    apertas

    ResponderEliminar
  7. Este comentario foi eliminado polo autor.

    ResponderEliminar
  8. MOito obrigado, MIguel, polo fío que nos mandas. NOn coñecía o bló e dende hoxe está nos meus preferentes. Sei que ei tirar del, coma xa tirei, coñecementos moito proveitosos. Ó debate que se mantén entre os comentaristas ao respecto do carrasco e a a unión linguística galego portuguesa é interesante e enriquecedor. Para máis sempre agrada coñecer xente que sabe que a Galizia e o Norte de Portugal son a mesma nación: cultural e antropoloxicamente falando. En canto os seus cidadáns, de ámbolos lados da raia, sexan tamén conscientes e coñecedores desa realidade (que non o son)a hirmandade política caerá coma froita madurecida e daquela a unidade ortográfica e lingüística chegara con toda a naturalidade. Paréceme a min.

    No tocante ao tema do xardón fico co topónimo de Xardoal en CAsrtro de Rei e na etnografía reteño o saber que pola banda de Ogrove, o Thymus caespititius, é unha outra das herbas de San Xoan.

    Nada se comenta, ven que o sinto, sobor do nome tradicional que poidera ter o froito do acibro. Alguén o coñece?

    Entanto penso que hai que atreverse a nomear o innomeado e ir creando e rexenerando, co maior rigor posible, a linguaxe naturalista galega. Atreverse a crear palabras (e ver de acadar o éxito reproductivo na fala e na escrita entre os galegos e galegas, os únicos donos verdadeiros da lingua), paréceme unha obriga de ecoloxismo cultural.

    Apertiñas para todos.
    (O comentario removido, era máis ou menos este, pero lido en ocre sobre negro, aparecían tal cantidade de erros tipográficos, que decidín reintentalo)

    ResponderEliminar
  9. Olá Rafael,
    Pode ser uma opção perfeitamente válida a que ti apontas. Eu tendo a ser bastante mais conservador e ficaria com "baga do acivro" para esse froitinho. :-)

    Com efeito, no lugar de Estonlho, em Ogrove (ou Ogrobe), empregam o tormentelo (ou tromentelo) polo São João. O que sempre me chocou muito foi que lhe chamaram carrasquilha. "Carrasquilla" é nome popular castelão, não mui difundido, para o tomelo (Thymus spp.). Como chegaria alô? A familia da que falo é monolíngue em galego e mecos (naturais de Ogrove) de toda a vida.
    Uma aperta

    ResponderEliminar