sábado, 12 de marzo de 2011

Nos ulmeiros do Condomiñas

Mañanciñas da primeira primaveira nas beiras, malpocadas, encintadas en piche e xabre, recubertas de cagas de can, do pequeno Río Condomiñas que na hora van adrezadas coas doces cores das primeiras seivas e flores do ano.
Na orela da esquerda aínda van quedando, perigosamente recubertos da treidora e enganadora hedra, que acabará con eles se os servizos municipais non o impiden, algúns poucos exemplares de ulmeiro, do raro e pouco doado de ver Ulmus minor.
Corre tamén cos nomes de negrillo, ao mellor por influenza do poder do castelá, e tamén, pro moito máis local e raramente, co enxebre lamargueiro. Árbore  salientable por  fermosa e  ben chantada, non extrañará que sexa de recurso obrigado en parques e xardíns, onde é moi apreciada e onde van quedando os máis dos exemplares que se poden ver. Ao mellor tamén estes que orelan o Condomiñas veñen dos antigos  xardíns e hortas privadas que tantas veces, na lonxana infancia, temos visitado sen permiso dos donos.

O ulmeiro florea dos primeiros, xa en febreiro, a canda salgueiros e ameneiros, e máis de camiño ca eles froita e dá en adovíar súas polas, ermas aínda de follas, coa sámara graciosa e alada do seu froito, na que reloce o centro granado e encarnado da semente, da que tanto gosta a paxareiría miúda, e que tanto lles aproveita e que tanta falla lles fai nesta hora na que os eidos se inzaron do empobrecedor eucalito.
Son así o restorán, o refeitorio ou o tineiro preferido,  da xente cativa de pluma e froixel,  cada día  máis rara de ver, que gosta e necesita da abundancia da saborosa semente do ulmeiro. Nestes días, só con pararse tranquilamente ao pé de calquera destas valiosas e fermosas árbores, poderemos deliciarnos cos indovindos, áxiles e nervosos,  da paxareiría miúda na percura da súa mantenza. Non fan falla nen prismáticos, só respeto e repouso.
Con tan baratas ferramentas  disfroitase da mellor alternativa de ocio en tempos de crise; e agora, que andan a pasar cara as súas zonas de cría no norte de Europa, ao mellor mirades aos lindos míos, úbalos ou pincaouros. A min regaláronme esa  oportunidade e traio nestes santos, para que tamén vos a catedes, a proba.
E tamén se achegou por alí, e faino máis de cotío ca o mío, unha pimpina, Fringilla coelebs, moi defamada e aqueloutrada que non paraba de petiscar (cunha habelencia digna de contemplar) as sámaras do ulmeiro, ás que, con precisión de cirurxana, deixaba baleiras do froito encarnado, e intactas as azas que o contiñan.
Estes que a seguir van son algúns dos airiños que lles puiden facer. Aínda non me queixo.
Disfroitádeos.
E acó vai rematando este almorzo de sámaras de ulmeiro. Quen queira ollar o rebulir volandeiro e equilibrista da pimpina, de póla en póla, de petisco en petisco,  que se anime a botarlle un ollo ao videomínimo, do que ela tamén é protagonista.
E polo de agora máis nada. Ogallá este almorzo no Condomiñas, con diamantes alados, sexa do voso proveito.
Mil gracias mil, miñas e meus.
A mandare.

Este achego á descrición de Ulmus minor en Asturnatura, premendo acó.
Estoutro unha boa entrada do Ministerio do Medio Ambiente acolá.
O clásico artigo da Wikipedia nestoutro achego.

VideosMínimosdoNoroeste
video
Almorzo no ulmeiro

Co permiso de todos vostedes, vai esta entrada adicada a  Sefa Pazo, a quen este bló debe bastante máis cás  oportunísimas puntualizaciós lingüísticas que con toda xenerosidade de cotío lle adica. Apertiñas de estraza, miña.

Ningún comentario:

Publicar un comentario