XARDÍN ABERTO A TODOS; PECHADO A MOITOS. O meu pequeno mundo non é público, é un espazo privado aberto en público. Ninguén che manda leelo; ninguén cho prohibe. AVISADO VAS.

sábado, 4 de xuño de 2011

De gaios, galos e gallos.

Non hai moito un amigo meu, bon naturalista, excelente ecoloxista e mellor persoa, daba en dicirme que a pega rebordá, Garrulus glandarius, corría en galego verdá, co nome de galo. Argumentaba que tal escoitara dos beizos dun vello campesiño; razón que na maioría dos casos é suficiente para convencer a calquera.


Madialeva, hai que dicir, como lle dixen, que ou ben el escoitou mal ou ben o seu informante xa tiña deturpada a fala, pois a pega rebordá, reboldá, regordá, rebuldón, marza, marta, marxa, meiga e aínda veiga, cada un asegún onde, leva de vello o nome de gaio, e non de galo e dende logo de nengún xeito gallo.


Sarmiento, ese imprescindible a quen hai que volver unha e outra vez, deixou establecido a orixe da voz: glans, glandis, a landra, ou froito do carballo, de onde nacería a antiga forma de Pica glandaria, (e derivaría a máis moderna de Garrulus glandarius), polo costume desta ave de se tragare enteiras as landras quercianas. Desta mesma orixe serían a voz francesa geay, a italiana ghiandara e a castelán gayo, que refiren todas a mesma especie que andamos a comentar.

Gaio, voz xa de menor uso, é, xa que logo, o nome enxebre e de seu da pega rebordá, voz, que por certo, deriva directamente de “pica roboretana porque se tira a las bellotas de los robles,(Quercus ruber) pues en Galicia no hay encinas sino en Valdeorras”. Sarmiento dixit.


Certo que Eligio Rivas Quintas (Frampas, contribución al diccionario gallego, CEME, Salamanca, (1978)) aporta para a rebordá, e recollido en Becerreá, o nome de galo cristo. Pro é certamente a única referencia da voz galo para Garrulus glandarius e debería de encadrarse na teimosía da xente galega en cristianar con nomes moi familiares (cuco, lobo, raposo) a un abondoso número de especies, xa vexetais, xa animais.

De galo, no impagable Dicionario de dicionarios da Lingua Galega, dei en recoller estes usos: galo crista e crista de galo (varios vexetais, pro sobranceiramente as orquídeas do xénero serapias) galo monteiro (familia scolopacidae, con preferencia as becadas e o pito da neve, Vanellus vanellus, pro tamén a freiriña, Fratercula árctica e aínda a unha especie de libeliña, por Cornea de Baleira), galo de mar (Zeus faber, o saboroso peixe que chamamos sanmartiño), galo mariño (o freiriño, e tamén a cotovía, Galerida cristata, pro pra min esta última con moitísimas dúbidas: paréceme unha errónea interpretación dunha entrada do Eladio), galo merdeiro, galo merdento e galo merdoso (a bubela), galo brabo (sic) (aparece no Constantino García “ave de color blanco y rojo con una pequeña cresta levantada y las plumas del rabo en forma de abanico”, ¿a bubela?), galo da braña (o ouriol, e tamén “pájaro de invierno que anda en bandadas, de patas grandes y cuerpo menudo” C.G.), galo cresto (a pega rebordá, e tamén “pájaro de color ceniza con tres picos en la cresta” C.G.), galo grande (o peixe que se agacha baixo o termo Lepidorhombus whiffijagonis), galo copo (pola banda da Limia a unha especie acuática que non se especifica) e galo merendeiro (en Cornea de Bandeira, chaman así a unha especie de libeliña). E deixaremos pra outra os nomes de pito e pita, que tamén.

O galo, ben se leu, da moito xogo, pro non tanto como pra alcumar, como fan algúns modernos mapas, ás agudas penas que, esgalladas da costá, sobresaen da flor da auga diante da Punta Candieira, no máis exacto noroeste do Noroeste. Cons os que de sempre lles chamamos Os Gallos da Candieira, e aos que algún castelanizador, se non encirrado si enverzallado, e para proveito de risas, deu en rectificar co nome de Los Gallos. Erro que só puido superar un posterior galeguizador, se non menos adoecido si máis averzallado, quen, querendo corrixir o erro, multiplicouno chamándolles… ¡Os Galos da Candieira!.

Xa o explicara o mestre Borges: tres cousas hai abominables na Historia, os espellos, a paternidade e a impresa, pois, dicía, multiplican ad infinitum unha realidade imperfecta. Claro que, para daquela, aínda non se inventara a Internete.

E quédense acó estas verbas, e con elas, miñas e meus, o meu agradecemento por estardes aí. Que sexa por moitos anos. Apertiñas.

A mandare.
Nota marxinal: Os santos que acompañan estas verbas non son nada doutro mundo (e pouca cousa deste parecen). Que a rebordá sexa xente de trato  máis ben difícil, sempre escorrentándose, sempre a berros, axocándose por nada e aqueloutrándose por menos, non xustifica tal pobreza de rexistros: estoutro día non lonxe de Goiriz, na Chá, deixóuseme coma nunca tal fixera e foi tal o meu desacougo que non lle dei feito unha foto guapa. As cousas  dun  zoupón.

Efectivamente freiriña, é unha ocorrencia persoal, que ao mellor xa tivo outros ocorrentes, para desinar a Fratercula arctica. E aínda non me parece que estea tan mal tirado: de frater, freire. Se gusta, úsese. Irei servido.

12 comentarios:

  1. Ola Rafael, imos a quedarnos con Gaio. Unha entrada instructiva, inspirada e divertida. saúdos

    ResponderEliminar
  2. MOi boas MIguel... Moito obrigado por seguir este bló...si, fermosa palabra...gaio...pra recuperar...Alédame que te aledara. Saudiñas
    Rafael
    PD: blogger non me deixa comentar coa conta de blogger, daí o anonimato.

    ResponderEliminar
  3. Ola
    Comparto a opinión expresada por Miguel Mosquera. E xa que prometes unha entrada sobre pito e pita, a espera dela quedo.
    Sefa

    ResponderEliminar
  4. Boas SEfa...benvida de novo polo bló...sempre é unha ledicia saberte por aí e se esta entrada che pareceu de interese ¡mel nas filloas!

    O das pitas e os pitos deixa a ver, que antes teño algunhas promesas sen cumplir. a dos albinismos botánicos, por exemplo.

    Farase o que se poida.

    Apertiñas.

    Rafael

    ResponderEliminar
  5. Meu caro amigo Rafa. A pega rebordá non se deixa ver coma as demais aves e paxaros, É moi solitaria polas miñas pequenas comprobacións. Cando daquela ía ao monte a por leña e ao estrume. Moitas veces que atravesaba polo medio dos pinos deixasba u seu canto e outras pasaba silandeira. É moi bonita. Os rapaces daquela época cando víamos unha pega rebordá ao chegar a casa dicíamos que víramos unha pega rebordá.
    Hai montes que non teñen ningunha e outros dúas ou tres. Bueno. Para os outros paxariños deixoche un poemiña para eles.


    CANTORES DEL ALMA

    De tu llanto surge el canto,
    de tu boca tu lamento,
    de tu lira, dicha y gloria,
    de la gloria el dulce verso,

    Canto de ángel divino,
    notas de tus sentimientos,
    deliciosas semifusas
    y delicados conciertos;
    en epitafios de sombra,
    legendarios minuetos,
    que a veces los veo andantes,
    y a veces los veo lentos.

    Góticos trinos celestes,
    adagios de mis conciertos,
    con tus sopranos violines
    y líricos violonchelos.

    Canto que lanza el sinsonte,
    el pardillo y reyezuelo
    con gorgoritos de luna…,
    canta el canario y el jilguero.

    ResponderEliminar
  6. Fermosa entrada Rafael. o nome de galo tiñao escoitado por Arzúa e polo sur de Gaicia, agora a miña duda, xa que por esta zona chamamoslle pega regordá,pregunteille a miña avoa por si era eu que o decía mal, pero non, o parecer sempre lle chamaron así, igual é unha distorsión do nome orixinal ¿non?.
    por certo,ando a puntiño de poñer unha pequena entrada sobre albinismos. Ogallá non te demores moito ca túa, xa que é un tema que me ten medio namorado e ca túa particular maneira de contar as cousas de seguro que me a gustar aínda máis.
    un saudiño, impaciente quedo.
    Antonio.

    ResponderEliminar
  7. Moito obrigado polo achego dos versos, pro o demo me leve se non coñezo de memoria a seu autor, por moito que non sei a cousa de que, sería un esquezo, deixouno orfo da firma: sería cousa de que a atención andaría a barlovento no canto da Sotavento.
    Saudiñas, meu.
    Rafa

    ResponderEliminar
  8. Imos ver se aos poucos cumpro a promesa de subir algunhas das formas botánicas albinas que teño, pro non tendo claro a orixe de tantos albinismos, ao mellor este é tamén un termo incorrecto nas plantas, ou escasamente preciso,ando deixando xear o tema ate que teña algo cumprido que dicir.

    O de galo, pra a rebordá, xa o tiña escoitado a alguén máis que ao meu amigo, pro penso que sempre e un caso claro de confusión, e ao ir perdendo a enxebreza da fala sen dúbida se foi escollendo a pronuncia que confería algún siñificado. Dende logo pega regordá é unha outra maneira local de dicir pega rebordá. A palabra é a mesma.Pro esa non a coñecía e non figuraba na colección de voces. Dende agora e xa, si.Obrigado.


    MOito obrigado por nos falare, Antonio.
    Saudiñas.
    Rafa

    ResponderEliminar
  9. Meu caro Rafa:A ver cando quitas o comportamento que usa o (cuco). As maneiras de poñer o ovo no niño do merlo. Mais por qué ao paporroibo se lle chama o (richinó),e ao pimpín se lle chama (xílgaro)Será cousa da nosa vila? Esquecime na outra entrada.
    Unha aperta
    Sotavento.

    ResponderEliminar
  10. Boas Sotavento...do cuco xa me gustaría ter unha boa reportaxe gráfica, pro non só non teño fotos dalgún en niño alleo (non só no dos merlos,en moitos outros, mesmo no do carriciño)se non que nen siquera teño rexistros del en sitio algún...o cuco é xente cada día máis rara de ver por acolá, por cousa dos eucalitos.

    Non sei tí..pro eu o paporroibo, sempre lle chamei paporroibo e ao pimpím, pimpín e ao xílgaro, xílgaro ou xilgueiro. O de richinó teñoio escoitado pro agora mesmo no caio en que especie será. Mirarase.
    Un saúdo.

    ResponderEliminar
  11. Amigo Rafa:Quitaches a pega (rebordá) que non sei que quer dicir, pero tampouco se o de (carrachenta) (Pega carrachenta)Parece que é una ave que arrastra carrachas, pero non creo que sexa isto. No barrio da Area foi onde aprendín aos maiores chamarlle ao pimpín (xílgaro) sendo que este nome é do (JILGUERO)Pero o nome de (richinó)xa llo chamaban os máis vellos daquela. Sabes que isto me encanta e canta máis investigación se faga,mellor que mellor.
    Deica outra mellorada.
    Sotavento

    ResponderEliminar
  12. Boas Sotavento: o de rebordá explícase na entrada. Na opinión de Sarmiento, o nome derívase de "roboretana" palabra esta que a súa vez derivaría do latín "robur" e definiría a unha das variedades do carballo, a máis extendida por Galizia. Daí o nome científico de Quercus robur aplicada a dita árbore.

    Moi obrigado pola aclaración do richinó aplicada ao paporroibo. Esta acepción da palabra non a coñecía. Richinó, así aguda, díselle polas Somozas a billa do IRIO, xogo máis coñecido por palán de billarda.

    No dicionario de Constantino García aparece richino, palabra chá, coa acepción de paxariño de ventre amarelo e costas apardadas, facendo o autor a salvedade de que é un uso de Cariño. Este páxaro, non dando máis datos o dicionario, podemos supoñelo un escribidor, Emberiza cirius, seguramente.
    Apertiñas Sotavento.
    Rafa

    ResponderEliminar